Cognado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cognado (ás veces tamén chamado coétimo) é o termo que se utiliza para denominar unha palabra que ten a mesma orixe etimolóxica ca outra dada, tanto da mesma lingua coma doutra distinta. Habitualmente aplícase para cando as dúas palabras teñen a mesma categoría gramatical, pero esta restrición non é sempre necesaria.

Cognados intralingüísticos[editar | editar a fonte]

Os cognados dentro dunha mesma lingua son xeralmente máis doados de identificar (hai unha maior transparencia semántica ou polo menos formal), pois aplícanse as mesmas regras de evolución fonética ás dúas palabras. Uns exemplos no galego poderían ser:

  • transferir, conferir, referir, inferir, diferir
  • reposto, imposto, aposto, composto, disposto, suposto
  • aducir, deducir, inducir, reducir, conducir, producir
  • resolver, disolver, absolver
  • absorber, adsorber, sorber
  • maior, maiúscula, maioritario, maioría

Outras veces, a época de incorporación ou a lingua dende a que chega ó galego son diferentes, polo que se aprecia unha maior diferenza entre as distintas formas. No primeiro caso fálase de que unhas palabras son patrimonais mentres que outras son cultismos ou semicultismos léxicos:

  • dor, doloroso
  • cor, colorado
  • ter, tenente
  • pé, pedúnculo, pedestal, pedestre, babucha (a través do árabe)
  • estar, estado, estático, status, estatal, estatístico

Cognados interlingüísticos[editar | editar a fonte]

Dáse cando unha palabra dunha lingua garda certo parecido e comparte significado cun vocábulo pertencente a outra lingua diferente. Por exemplo, encyclopaedia (en inglés) é un cognado de enciclopedia (en galego).

Os cognados poden ser rastros do parentesco que gardan distintas linguas, ou da influencia dunha lingua sobre outra. Poden xurdir como consecuencia da adaptación de préstamos lingüísticos. Por exemplo, a maior parte dos miles de cognados que existen entre a lingua galega e a lingua inglesa son debidos a que foron asimilados polo inglés (procedentes dunha lingua románica como o francés) durante o século XIII cando Inglaterra perdeu Normandía e os normandos que gobernaban a illa británica, que ata entón falaban francés, comezaron a falar inglés. Neste caso, como en moitos outros, trátase da aprendizaxe imperfecta dunha segunda lingua e o recurso a termos da lingua natal o que provoca a aparición de cognados. O portugués que se fala no Brasil tamén asimilou un número considerable de palabras do inglés, diferenciándose así do portugués de Portugal en expresións como desapontado asimilado do inglés disappointed. Ambos son cognados.

Aprender vocabulario pode resultar bastante máis sinxelo aos estudantes de linguas se prestan atención aos cognados que existen entre a súa lingua materna e a lingua que están aprendendo. No entanto, os falsos amigos poden confundir ao estudante.