Cirith Ungol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cirith Ungol (pr.: /kiriθ ungol/, é un lugar ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien. Significa "a fenda da araña" en sindarin e é o paso a través de Ephel Dúath, as montañas occidentais de Mordor e o único camiño ata esta terra dende o oeste. O paso era gardado pola Torre de Cirith Ungol, construída polos homes de Gondor trala Guerra da Última Alianza.

Descrición[editar | editar a fonte]

Chegábase a el atravesando o muro de pedra que rodeaba o camiño a Minas Morgul e seguindo un sendeiro que se abría ó sueste por un desfiladeiro que contornaba unha elevación, ata chegar a unha angosta abertura desa elevación.

Este paso foi utilizado polo Rei Bruxo de Angmar, Señor dos Nazgûl, no ano 2000 da Terceira Idade do Sol, cando as súas forzas saíron de Mordor e puxeron sitio a Minas Ithil. No 2002, Minas Ithil caeu e foi rebautizada como Minas Morgul, «a torre da feiticería». Durante os seguintes mil anos, o paso permaneceu pechado, porque era aquí onde fixo o seu agocho a xigantesca araña maligna Ella-Laraña. Calquera que intentase pasar era devorado polo monstro.

Durante a misión do Anel, Frodo Bulseiro e Samsagaz Gamllí foron levados a este paso por Gollum ata a Gorida de Ella-Laraña.