Cecilio Bedia Caballería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cecilio Bedia Caballería
Nacemento22 de novembro de 1868
Lugar de nacementoViveiro
Falecemento18 de maio de 1953
Lugar de falecementoBuenos Aires
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar
editar datos en Wikidata ]

Cecilio Bedia Caballería, en ocasións escrito Cecilio Bedia de la Cavallería,[1] nado en Viveiro o 22 de novembro de 1868 e finado en Buenos Aires o 18 de maio de 1953, foi un militar galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Urbano Bedia Cora. Estudou o bacharelato en Lugo e ingresou na Academia de Artillaría de Segovia a principios de febreiro de 1886. Rematou en 1889 coa graduación de primeiro tenente, e foi adscrito provisionalmente ao 8º Batallón da Praza.

Volveu a Galicia, como militar, en 1893, coa función de encargarse da recepción de quintos na Coruña, Mondoñedo e Santiago de Compostela, até a súa reincorporación á gornición de Vicálvaro, e dende alí foi destinado ao 5º Rexemento montado de Segovia. En agosto de 1894 regresou a Lugo coa 4ª batería, permanecendo na capital lucense até o mes de marzo de 1895, alternando distintas xornadas ordinarias entre Mota del Marqués, Lugo e Córdoba. Ascendeu a Capitán de Artillaría o 16 de marzo de 1898.

Incorporouse ao 13º Rexemento montado de Burgos. Casou nesa cidade con Fernanda Alfaro Alfaro en 1902 e nela residirían durante anos. En Burgos fíxose cargo das Academias Reximentales e do oficio de Profesor da Academia de Sarxentos. Ascendeu a comandante o 23 de maio de 1911, motivo polo que cesou na comisión de vocal no tribunal de exames dos sarxentos para o ascenso a oficiais, ocupándose da Comandancia de Artillaría de Menorca, á que se incorporou en Maó, desempeñando distintos destinos como comandante maior.

Na Segunda República[editar | editar a fonte]

Coa proclamación da República en abril de 1931 Bedia estaba en situación de reserva. Axiña fixo fervorosa promesa de Adhesión e fidelidade ao novo réxime. Co pase do xeneral Sanjurjo á Dirección Xeral de Carabineiros, o ministro da guerra, Manuel Azaña, nomeou para o cargo de Director Xeral da Garda Civil ao xeneral Cecilio Bedia.

Guerra civil e exilio[editar | editar a fonte]

Ao producirse a sublevación do 18 de xullo de 1936, Bedia, que xa estaba na reserva, púxose de inmediato a disposición do réxime republicano, ocupándose da Xefatura da Sección Motorizada do Concello de Madrid e posteriormente doutras responsabilidades, entre elas a Inspección Xeral de Industrias Militares.

Ao producirse o final da guerra civil pasou a Francia en 1939, onde recibiu diversos ofrecementos e garantías para que regresase a España, ofrecementos aos que renunciou. Cara a 1942, en plena guerra europea, tratou de embarcar rumbo a México e despois a Chile, desde onde o reclamaba o propio presidente do estado chileno Juan Antonio Ríos, que solicitaba os seus servizos. Non obstante, o mariscal Petain, xefe do goberno francés de Vichy, colaborador dos nazis, opúxose sempre á súa partida. Unha vez liberada Francia logrou chegar a Buenos Aires coa súa familia. Alí seguiu fiel á República, finando o 18 de maio de 1953.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Decreto de 30 de maio de 1932 do Ministerio de la Guerra polo que se lle concede a Gran Cruz de la Orden de San Hermenegildo, Gaceta de Madrid de 1 de xuño de 1932.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]