Castro de Borneiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°11′41″N 8°57′10″O / 43.19472222, -8.95277778

Castro de Borneiro
ParroquiaBorneiro
ConcelloCabana de Bergantiños
ProvinciaA Coruña
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogoGA15014003
Cronoloxía
Datas de ocupaciónséc. -VI a.C. a século I d.C.
Data da descuberta1924
Períodos de escavaciónAnos 30
Anos 70
Anos 80
Estado actualEscavado parcialmente e consolidado. Visita libre
Extensión estimada? ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O castro de Borneiro ou da Cibdá é un castro galaico datado a finais da Idade de Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa. Sitúase na parroquia de Borneiro (Cabana de Bergantiños), a 500 metros da estrada LC-430 de Ponteceso a Baio. A poucos quilómetros está o famoso dolmen de Dombate. O poboado castrexo ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Foi catalogado como Ben de Interese Cultural en 2011.

Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir que o castro estivo ocupado entre os séculos VI a.C. e o I d.C., o que o converte nun dos castros máis antigos de Galicia. Ademais o de Borneiro foi o primeiro castro galego en ser datado cientificamente co método do carbono-14.

O castro de Borneiro foi descuberto por Ciriaco Pérez Bustamante e Isidro Parga Pondal en 1924 e foi suxeito de diversas campañas de escavación nas que se desenterraron 36 construcións, o que supón case as tres cuartas partes do poboado. Os achados arqueolóxicos froito destas campañas están expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

Nome[editar | editar a fonte]

O castro de Borneiro recibe o seu nome pola súa localización no lugar de Borneiro, na parroquia homónima do concello de Cabana de Bergantiños. O poboado recibe tamén o nome de "Cidade Celta", "Cidá de Borneiro" ou "Cibdá de Borneiro".[1][2][3]

Situación[editar | editar a fonte]

Vista aérea do castro en 2014.

O castro de Borneiro encóntrase no lugar de Borneiro, na parroquia de San Xoán de Borneiro do concello coruñés de Cabana de Bergantiños. Localizado a 212 metros de altura nunha ladeira orientada ao leste ao carón dun pequeno regato, e a uns catro quilómetros da costa. Dende o castro poderíase controlar todo o territorio circundante, especialmente a desembocadura do río Anllóns e a ría de Corme e Laxe.[4][5][1]

Nas súas anotacións sobre o castro, Jorge Juan Eiroa salientaba a localización do castro, que o convertía nun poboado case inaccesible ao estar no alto dun monte rodeado de cumes montañosos de alturas superiores aos 300 m, así como pola presenza de auga potable nas súas proximidades, o que lle outorgaba unhas moi boas condicións de habitabilidade.[1]

Preto do xacemento encóntrase o dolmen de Dombate, con máis de 5 000 anos de antigüidade e o mellor conservado de Galicia, coñecido como "a catedral do megalitismo galego".[6][5]

Escavacións arqueolóxicas[editar | editar a fonte]

Descubrimento[editar | editar a fonte]

O xeólogo laxense Isidro Parga Pondal foi un dos descubridores do castro en 1924.

O castro de Borneiro foi descuberto polo catedrático de historia Ciriaco Pérez Bustamante e o xeólogo laxense Isidro Parga Pondal en 1924, e pouco despois, na década de 1930 realizáronse as primeiras escavacións no xacemento da man de Sebastián González García-Paz. Con todo, estes primeiros traballos duraron pouco tempo e houbo que esperar ata os anos 70, para que se realizaran máis traballos de escavación.[7][8][9][10]

Primeira campaña[editar | editar a fonte]

Entre os anos 1970 e 1972 Jorge Juan Eiroa dirixiu os primeiros traballos de escavación cun equipo da Universidade de Zaragoza, durante os cales se descubriron numerosas construcións de pedra labrada de planta circular, mais tamén algunhas de planta cuadrangular e acaroadas á muralla e que se pensa que deberon corresponder a unha fase de plenitude do poboado.[11][2]

Segunda campaña[editar | editar a fonte]

O período máis longo de escavacións, que comezou en 1980 e que se prolongou durante once anos baixo a dirección de Ana Romero Masiá. Na actualidade están escavadas as tres cuartas partes da croa.

Século XXI[editar | editar a fonte]

Posteriormente realizáronse dúas intervencións máis en 1996 e 2007. A primeira delas foro traballos de consolidación realizados con cemento, metres que durante a segunda delas excavouse a zona exterior, descubríndose as edificacións extramuros, e realizáronse novos traballos de consolidación, desta volta con argamasa, ao ser o material que Patrimonio considerou máis axeitado, pero que durou pouco ao ser desfeita pola choiva en moitos treitos.[12]

Durante os traballos realizados baixo a dirección de Fidel Méndez en 2007, viu a luz un novo barrio fóra da croa nun área na que non se traballaba dende principios dos anos 70. Nesta cuarta campaña liberouse a entrada ao castro e atopáronse socalcos sen escavar con construcións e unha muralla. Neste momento dous restauradores que reconstruyeron a esquina esquerda da bóveda de aproximación que cubría a entrada ao recinto.[13]

En 2011 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC).[9][14] Con todo, en 2017 o xornal La Voz de Galicia sinalaba que membros do colectivo A Rula chamaran a atención sobre a deterioración do xacemento a causa da ausencia de accións de consolidación nun longo espazo de tempo, e fenómenos meteorolóxicos, mais tamén debido ás condutas incívicas por parte de visitantes, que adoitarían subir aos muros ou mesmo retirarían pedras das edificacións ou dos muros.[12]

Descrición[editar | editar a fonte]

O castro de Borneiro ten forma ovalada e un tamaño medio, cunhas dimensións de 56 m de ancho e 104 m de longo. O poboado está rodeado por un foxo e unha muralla de pedra tallada que tería un grosor medio duns 4 m e da que se conservan partes cunha altura superior aos 5 m. Ao lado leste da fortificación atópase unha abertura na muralla, que se identificou como o acceso principal e que estaba protexida por un posto de garda.[2]

Habitado entre os séculos VI a.C. e o I d.C., o castro de Borneiro é un dos máis antigos de Galicia e o primeiro castro en ser datado cientificamente co método do carbono-14 en Galicia.[5][8] No pobaoado, que que non se observaron sinais de romanización, terían vivido unhas 300 ou 400 persoas que se adicarían principalmente á agricultura e á gandaría.[15] Polo tipo, estado e localización dos materiais atopados semella que o castro no foi abandonado de xeito repentino senón progresivamente.[5] Na actualidade presenta escavadas un total de 36 construcións, case as tres cuartas partes da súa extensión total.[5][7]

Croa[editar | editar a fonte]

A acrópole está rodeada por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado leste onde a acentuada pendente do terreo actúa como defensa natural, cunha extensión de 90 metros de longo por 55 de largo.

As vivendas son circulares e cuadrangulares coas esquinas redondeadas, de gran tamaño en comparación coas doutros castros.

Barrio exterior[editar | editar a fonte]

Ademais do recinto principal hai unha zona coñecida como o Barrio Exterior, no lado leste, coincidindo coa entrada principal do poboado. É un conxunto formado por unha gran casa ovalada, dúas fontes con desaugadoiro e un forno circular que debeu estar cuberto cunha bóveda.[16]

Os edificios desta zona do poboado serían de carácter público.[13]

A pedra formosa da sauna, como ocorre con outras doutros castros setentrionais, aparece fixada en muescas de cachotaría aos lados do van ao xeito dunha folla de guillotina. Carente de decoración, un dos lados da pedra aparece pulido, mentres que o outro é rugoso.[17] Pénsase que estes espazos non terían simplemente unha función balnearia, senón que estarían destinados a fins rituais.[18]

Defensas[editar | editar a fonte]

Restos dun dos muros defensivos.

O castro de Borneiro contaba cun sistema defensivo que consistía en tres liñas de murallas e fosos, que axudarían a protexer á poboación contra a pillaxe e as guerrillas que puideran derivarse da competencia polas terras e as materias primas, principalmente minerais, que puidera haber con outros castros.[18]

Calcúlase que as murallas poderían ter nalgúns lugares unha altura superior aos cinco metros e contar cunha cerca de madeira. Ademais apareceron dúas portas monumentais, contando unha delas con corpo de garda.[18]

Achados arqueolóxicos[editar | editar a fonte]

Fíbulas de bronce atopadas en Borneiro e expostas no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.

Atopáronse múltiples fragmentos de cerámica indíxena, útiles de bronce e ferro, muíños de pedra, fusaiolas, fíbulas, moldes de fundición ou contas de vidro, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña.[4]

Os únicos restos orgánicos atopados no xacemento foron os denominados "concheiros", unha especie de vertedoiros de cunchas de mariscos mesturados con espiñas de peixe.[19]

Máis numerosos son os restos líticos e cerámicos, sendo estes últimos os máis abundantes. Os principais restos líticos atopáronse numerosos muíños de man e pedras de afiar, mais tamén moldes de fundición de metais, doas de pasta vítrea, fusaiolas, así como un machado de tipoloxía neolítica. En cada unha das campañas de escavación realizadas atopáronse milleiros de fragmentos cerámicos con formas e decoración moi variadas, e atopáronse tamén moldes, crisois de fundición, fusaiolas e fichas de xogo.[19]

Os restos metálicos atopados no castro amosaron unha evidente filiación da Idade do Bronce, entre os que salienta unha agulla de bronce de sección circular e de 12,5 cm de lonxitude, co ollo en forma de rombo e o extremo superior plano, características típicas do Bronce Medio en Centroeuropa e Bronce Final na Península Ibérica,[11] similares a outras atopadas en Kruszyniec (Silesia, Polonia), no castro de Peñas de Oro (Áraba, España) ou Bandol (Francia).[20] Outros achados en bronce foron aneis, doas de colar, utensilios domésticos como caldeiros, entre outros. Tamén se atoparon utensilios elaborados con ferro, mais en menor medida e case sempre relacionados con actividades domésticas, agrícolas ou metalúrxicas, como coitelos, fouces, ciceis, picos, e outros.[19]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Eiroa 1968, p. 159.
  2. 2,0 2,1 2,2 Eiroa 2013, p. 20.
  3. Mouzo Riobó, Íñigo (12 de marzo de 2018). "Así é o novo acceso ó histórico castro da Cibdá en Cabana de Bergantiños". historiadegalicia.gal. Consultado o 28 de marzo de 2024. 
  4. 4,0 4,1 Franco, Óscar (9 de agosto de 2011). "Castro de Borneiro". patrimoniogalego.net. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "BORNEIRO". Concello de Cabana de Bergantiños. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  6. "CASTRO DE BORNEIRO Y DOLMEN DE DOMBATE" (en castelán). rutadosfaros.gal. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  7. 7,0 7,1 García, Thalia (9 de setembro de 2023). "Castro de Borneiro: la mágica "Cidá" de la Edad de Hierro se esconde en la Costa da Morte" (en castelán). elespanol.com. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  8. 8,0 8,1 "CASTRO DE BORNEIRO". A COSTA DA MORTE DE EDUARDO PONDAL. Consello da Cultura Galega. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  9. 9,0 9,1 "Cabana celebra un ano máis o seu “Castro Animado”". historiadegalicia.gal. 27 de xullo de 2018. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  10. "A Cidá de Borneiro". Concello de Cabana de Bergantiños. Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  11. 11,0 11,1 Eiroa 1972, p. 112.
  12. 12,0 12,1 Viu, Cristina (6 de outubro de 2017). "A Cidá de Borneiro se desmorona". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de xaneiro de 2024. 
  13. 13,0 13,1 Viu, Cristina (19 de outubro de 2007). "Borneiro estrena barrio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 7 de xaneiro de 2024. 
  14. Xunta de Galicia (13 de decembro de 2016). "Bens de Interese Cultural (BIC". abert@s. Arquivado dende o orixinal (csv) o 26 de marzo de 2019. Consultado o 26 de marzo de 2019. 
  15. "Panel informativo do Castro de Borneiro (1)". 
  16. "Urbanismo". Concello de Cabana de Bergantiños. Consultado o 28 de marzo de 2024. 
  17. García Quintela 2016, p. 113.
  18. 18,0 18,1 18,2 "Panel informativo do castro de Borneiro (2)". 
  19. 19,0 19,1 19,2 "Materiais". Concello de Cabana de Bergantiños. Consultado o 28 de marzo de 2024. 
  20. Eiroa 1972, p. 113.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]