Cambio lingüístico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cambio lingüístico é o proceso de modificación e transformación que, na súa evolución histórica, experimentan tódalas linguas en xeral, e as unidades lingüísticas de cada un dos seus niveis en particular. O cambio lingüístico diferénciase da variación lingüística en que no primeiro as modificacións son diacrónicas e, polo tanto, estudadas pola lingüística histórica, mentres que no segundo caso, xa que as variacións son sincrónicas, son analizadas, entre outras disciplinas, pola sociolingüística.

Dous factores que interviñeron dende sempre no cambio lingüístico foron os préstamos e a analoxía.

Os cambios lingüísticos agrúpanse por conveniencia en tres niveis: o cambio fonético, o cambio morfosintáctico e o cambio léxico-semántico.

Enfoque sociolingüístico[editar | editar a fonte]

Na lingüística do século XIX, a linguaxe considerábase como un ser biolóxico co seu nacemento, desenvolvemento ou evolución, e morte. Cada fase do desenvolvemento está marcada por unha serie de cambios lingüísticos.

Nos últimos anos do século XX, así a todo, a sociolingüística introduciu novas teorías, grazas ós traballos de William Labov, os seus discípulos e seguidores, que achegaron modificacións radicais ós postulados clásicos do cambio lingüístico propugnados polos neogramáticos. Para Labov é axiomático que a fala de tódolos individuos sexa variable, isto é, manifeste máis dunha forma. Esta variabilidade é observable tamén nas comunidades das falas ás que pertencen os individuos. Con esta variabilidade estase poñendo de relevo que existe unha motivación social.

Causas externas do cambio lingüístico[editar | editar a fonte]

No cambio lingüístico chamamos causas externas ás que están motivadas por factores sociolingüísticos relacionados coa historia dos falantes da lingua, como os seus contactos con outras persoas doutras linguas, os factores demográficos e as súas influencias culturais.

Causas internas do cambio lingüístico[editar | editar a fonte]

As causas internas do cambio lingüístico son aquelas relacionadas coa estrutura da propia lingua e o equilibrio que toda lingua debe manter entre facilidade de produción e facilidade de comprensión. As causas internas maniféstanse na existencia de cambios lingüísticos que se presentan xuntos, así por exemplo a perda de certas consoantes finais en latín erosionou a flexión nominal e iso á súa vez fixo que, para seguir expresando sen ambigüidade as relacións sintácticas, a orde de palabras fose máis fixa (suxeito-verbo-obxecto).

A analoxía recoñecida como un dos motores do cambio lingüístico a nivel morfosintáctico é unha das causas internas mellor coñecidas. Para algúns lingüistas certas innovacións lingüísticas analóxicas débense ó proceso psicolóxico da abdución no cal un falante aplica a un feito lingüístico concreto unha suposta lei xeral.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]