Batalla de Bibracte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batalla de Bibracte
Parte de Guerra das Galias

Xulio César e Divicón despois da batalla. Pintura histórica do século XIX de Karl Jauslin.
Data 29 de xuño de -58
Lugar Bibracte
Resultado Vitoria decisiva romana.
Belixerantes
República romana Helvecios, boios, tulingos, rauracos e latobrigos
Líderes
Xulio César Divicón
Forzas en combate
20 000-30 000 lexionarios
8 000 auxiliares
4 000 xinetes galos
Total: 32 000-42 000 homes
Segundo César:
92 000 guerreiros
(368 000 persoas en total) O grupo de emigrantes compoñíase de: 263 000 helvecios (67 750 guerreiros), 36 000 tulingos (9 000 guerreiros), 14 000 latobrigos (3 500 guerreiros), 23 000 rauracos (4 750 guerreiros) e 32 000 boios (8 000 guerreiros).
Segundo Tácito:
16 000 guerreiros
(100 000 persoas)
Segundo Paulo Orosio:
40 000 guerreiros
(157 000 persoas)
Segundo Plutarco:
190 000 guerreiros
(300 000 persoas)
Baixas
Descoñecidas
(poucas en comparación ás inimigas)
Segundo César:
100 000 mortos e prisioneiros
Segundo Orosio:
47 000 mortos

A Batalla de Bibracte librouse o ano -58 no marco da Guerra das Galias e enfrontou ás tropas romanas comandadas por Xulio César e ós helvecios, unha confederación de tribos celtas liderada polo seu caudillo Divicón.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os helvecios pretendían emigrar dende os seus territorios situados ó norte dos Alpes ata a costa oeste da Galia escapando da presión que os pobos xermanos exercían sobre eles,[1] o que significaba transitar e establecerse en territorios baixo influencia directa de Roma. Os helvecios trataron de chegar á zona da moderna Xenebra, pero César xa cruzara os Alpes con só unha lexión (marcharon 1 160 quilómetros en oito días) e construíron unha muralla de 25 quilómetros de longo e 5 metros de alto entre o río Ródano e a Cordilleira do Xura. Os galos detivéronse e buscaron outro camiño, mentres César traía de Italia cinco lexións de reforzo.[1] O enfrontamento deveu na batalla do Arar na que a vitoria das lexións romanas e os seus aliados foi definitiva.[2] Os helvecios decidiron retroceder e intentar cruzar polo territorio dos eduos, aliados dos romanos.[1]

César, tras perseguir e derrotar a emigración dos helvecios en Arar, desprazouse ata Bibracte, a uns dezaoito quilómetros de distancia, a fin de obter as subministracións prometidas polos seus aliados eduos. Nese intre, unha parte das forzas que ata entón eran aliadas de César desertaron para informar da retirada romana.[3] Os helvecios viron isto como un sinal de debilidade e aproveitaron para lanzar un ataque contra as lexións romanas, acosándoas dende a retagarda.[1]

A batalla[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento da batalla.

O xeneral romano despregou as súas tropas cun outeiro ás súas costas. As catro lexións veteranas, as VII, VIII, IX e X, en tres filas (triplex acies) na zona baixa da ladeira, mentres que no cumio dispuxéronse as dúas lexións acabadas de recrutar, as XI e XII, xunto coas tropas auxiliares. A cabalería, na súa maioría aliados eduos, flanqueaba a formación.[1]

Os helvecios atacaron o outeiro dende abaixo, primeiro a cabalería polos flancos e despois a infantaría polo centro, pero tralo ataque dos lexionarios coas súas xavelinas pilum, os galos foron contidos e sufriron grandes baixas. Despois do primeiro ataque, os guerreiros helvecios comezaron a retroceder; ante o cal César ordenou ás súas catro lexións veteranas que avanzaran. A continuación, unha forza gala atacou o flanco romano, pero a terceira fila de lexionarios saíu axiña ó seu encontro e derrotounos.[1]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Trala batalla, os helvecios foron masacrados e os sobreviventes chegaron como puideron ó territorio dos lingóns. As lexións permaneceron na zona de Bibracte, recollendo subministracións, tras saber cara onde fuxiron os helvecios, César mandou mensaxeiros ós xefes lingóns dicíndolles que non axudaran ós seus inimigos. César decidiu entón perseguilos, pero os helvecios pediron a paz e volveron ó seu país.[1]

A batalla foi o principal xustificativo para a intervención de tropas romanas na Galia, pero César tiña pensado quedar, entón decidiu eliminar ós xermanos de Ariovisto que estaban invadindo tamén a rexión.[1]

Notas[editar | editar a fonte]