Aérospatiale SA 315B Lama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aérospatiale SA 315B Lama
Tipohelicóptero utilitario
FabricanteAérospatiale, Helibras, Hindustan Aeronautics Limited
Primeiro voo17 de marzo de 1969
Introducidoxullo de 1971

O Aérospatiale SA 315B Lama é un helicóptero francés dun motor desenvolvido para cumprir os requistos operativos en ambientes quentes e de grande altitude das Forzas Armadas da India. Combina a célula máis lixeira do Aérospatiale Alouette II cos compoñentes e o motor do Alouette III. O Lama ten un rendemento excepcional a grande altitude; o 21 de xuño de 1972 o tipo estableceu un récord de altitude absoluto para helicópteros de 12 442 metros que non sería superado ata setembro de 2017.

O helicóptero foi fabricado baixo licenza por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) na India, coñecido como o Cheetah; HAL posteriormente desenvolveu unha versión mellorada, impulsada polo motor Turbomeca TM 333-2M2, coñecida como Cheetal. HAL tamén fabricou unha versión armada, comercializada como Lancer. O modelo tamén foi producido baixo licenza por Helibras no Brasil co nome de Gavião.

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O SA 315B Lama foi deseñado orixinalmente para cumprir un requirimento do Servizo Aéreo do Exército do Nepal e a Forza Aérea da India para un helicóptero capaz de relizar operacións en condicións quentes e altas. No Himalaia incluso os helicópteros medios relativamente potentes non podían operar de xeito efectivo, polo que os dous países desexaban un vehículo aéreo capaz de traballar nese ambiente desafiante.[1] Para conseguir o rendemento desexado Aérospatiale elixiu combinar elementos de dous pupulares helicópteros da compañía, o Aérospatiale Alouette II e o Aérospatiale Alouette III, para producir un novo aparello especializado en tarefas a grande altitude. O novo helicóptero, chamado Lama, estaba impulsado polo motor Turbomeca Artouste do Alouette III e os seus sistemas dinámicos, e equipouse cunha versión reforzada da célula do Alouette II.[1][2]

SA-315B Lama

O 17 de marzo de 1969 o primeiro SA 315B, equipado cun motor Artouste IIB, realizou o seu primeiro voo.[1] O 30 de setembro de 1970 o tipo obtivo o seu certificado de aeronavegabilidade e entrou en servizo en xullo de 1971. Debido ao seu bo rendemento a grande altitude, o Lama fíxose rapidamente popular con operadores de todo o mundo, sebdo frecuentemente despregado en ambientes montañosos.[1] Ao igual que a serie Alouette, o modelo podía realizar varios roles, como transporte lixeiro de pasaxeiros, tarefas agrícolas, exploración de gas e petróleo, ou loita antiincendios. Entre as tarefas das variantes militares do Lama estaba o enlace, observación, fotografía, rescate, transporte e ambulancia. O SA315B é particularmente axeitado para áreas montañosas debido ao seu rendemento e pode transportar cargas de ata 1 000 kg. En decembro de 1976 68 operadores pediran un total de 191 unidades.[3]

Un bo número de SA 315B Lama foi fabricado baixo licenza na India por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) co nome Cheetah. Despois de tres décadas dende o inicio da produción na India, HAL aínda recibía pedidos para exportar o Cheetah orixinal. Xunto co Alouette III, o Cheetah foi un produto clave para HAL; a experiencia fabricando este modelo axudou posteriormente ao desenvolvemento de helicópteros avanzados propios como o HAL Dhruv.[4] Durante os anos 90 HAL desenvolveu un helicóptero de ataque lixeiro baseado no Cheetah, bautizado como Lancer.[5]

En 2006 HAL propuxo unha variante modernizada para o Exército da India designada como Cheetal. O principal cambio foi a adopción dun moderno e máis potente motor Turbomeca TM 333-2M2 no lugar do Artouste. Outras melloras son novos avisos de advertencia, un gravador de voces de cabina, sistema de monitorización de voo, horizonte artificial, e eectrónicas modernizadas. Ese ano a Forza Aérea da India ordeonou 10 Cheetal.[6][7] En febreiro de 2013 anunciouse que os exércitos da India e do Nepal asinaran un contrato duns 55 millóns de dólares para a adquisición urxente doutros 20 Cheetal.[7][8]

Historial operacional[editar | editar a fonte]

SA 315B Lama en Austria no ano 2003

O Lama foi desenvolvido especificamente para proporcionar un helicóptero cun rendemento excepcional a gran altitude. Na práctica, o tipo foi considerablemente usado en rexións que tiñan grandes cadeas montañosas, como América do Sur e India, sendo capaz de levantar cargas e despregar persoal en áreas nas que anteriormente era imposible acceder doutro xeito.[1]

En 1969 realizáronse no Himalaia unha serie de primeiros voos de demonstración co SA 315B; durante un destes voos un único helicóptero con dous tripulantes e 120 kg de combustible aterrou e despois engalou na que entón era a altitude máis alta rexistrada, 7 500 m. O 21 de xuño de 1972, un Lama cun único piloto (Jean Boulet) a bordo estableceu un récord absoluto de altitude de helicópteros de 12 442 m, un récord que aínda mantiña en xuño de 2022.[9] Durante o mesmo voo, o motor do Lama apagouse no punto máis alto, que fixo que sen queres establecese tamén un récord para a autorrotación máis longa da historia, despois de que o helicóptero fose levado a unha aterraxe segura sen motor.[10][11][1] Días antes, o mesmo piloto e o mesmo aparello estableceran un récord semellante cun maior peso.[12]

Tras os récords establecidos polo helicóptero, o goberno indio fixo un gran pedido en 1971 que incluía un acordo para a produción baixo licenza indefinida do SA 315B por Hindustan Aeronautics Limited (HAL) na súa planta de Bangalore. O primeiro SA 315B montado no país realizou o seu voo de estrea o 6 de outubro de 1972, comezando as súas entregas en decembro de 1973; os helicópteros de produción india recibiron o nome de Cheetah. Operado tanpo pola Forza Aérea da India como polo Corpo de Aviación do Exército da India, o Cheetah demostrou ser capaz de operar e áreas remotas e difíciles, como a montañosa rexión de Siachen, e durante tempos de conflito co veciño Paquistán.[13] Os Cheetah tamén foron operados en tarefas civís, como por exemplo como aeronave agrícola.[14]

Os Lamas fabricados por HAL tamén foron mercados por Nepal para roles militares. As vendas incluíron unha cantidade dunha variante armada, comecializada como o HAL Lancer; dos que segundo os informes entregouse un lote entre xuño de 2003 e setembro de 2004. A venda de Lancers a Nepal atopou polémica internacional debido ás acusacións de que estes helicópteros participaron en operacións de combate contra membros do Partido Comunista de Nepal durante a guerra civil nepalesa.[15]

SA 315B Lama en Suíza en 2003

Ademais da India, outros países participaron en actividades de produción baixo licenza. En 1978 acadouse un acordo de exportación co fabricante brasileiro Helibras, baixo o cal a compañ¡ia realizaría a montaxe doméstica do Lama. Os SA 315B producidos por Helibras comercializáronse coa designación Gavião,[16] e varios exemplares exportáronse a Bolivia.

Máis tarde, o atractivo comercial do Lama diminuíu en favor do novo Eurocopter AS350 Écureuil, que tiña menos requeirimentos de mantemento e era capaz de maiores velocidades, aínda que non podía igualar o rendemento do Lama en altura.[1] O tipo permaneceu en servizo comercial ata entrado o século XXI, sendo pouco a pouco retirado xa que aínda era axeitado para as tarefas para as que estaba deseñado. Segundo Vertical Magazine, as cualidades populares do Lama incluían o seu motor capaz, unha estabilidade favorable mentres flotaba, e a súa capacidade para transportar cargas útiles de forma eficaz en altitude incluso con temperaturas máximas.[1]

En 2009, debido a problemas co novo helicóptero HAL Dhruv, o exército da India aumentou o uso dos seus vellos aparellos Cheetah/Cheetal para cubrir o déficit temporal.[17] En setembro de 2012 informouse de que unha cantidade cada vez menor de pezas de recambio compatibles co Cheetah provocou que os operadores deste tipo fosen obrigados a canibalizar helicópteros para proporcionar compoñentes para outros.[18] En agosto de 2016 a No. 114 Helicopter Unit da Forza Aérea da India amosouse interesada en introducir o modernizado Cheetal como substituto dos Cheetah para o despregamento continuo no glaciar Siachen.[19]

Variantes[editar | editar a fonte]

HAL Cheetah do Exército indio.

SA 315B Lama

Derivado do SE 3150, foi deseñado para operacións a grande altitude usando un motor turboeixo de 650kW Turbomeca Astazou IIIB. Esta versión aínda mantén o récord absoluto de altitude para todos os tipos de helicópteros dende 1972: 12 442 m.
HB 315B Gaviao
Versión brasileira construída baixo licenza do SA 315B Lama.[20]
HAL Cheetah
Versión india construída baixo licenza do SA 315B Lama.[20]
HAL Lancer
Variante armada para combate. Os cambios inclúen blindaxe composto, vidro temperado, e visor de disparo. Entre o armamento inclúense dous postos de armas desechables, cada unha delas cunha metralladora de 12,7 mm e ata tres foguetes de 70 mm.[21][22]
HAL Cheetal
Variante modernizada equipada co motor Turbomeca TM333-2M2. A velocidade aumentouse a 210 km/h e o alcance a 560 km.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 "The Mountain King". Vertical. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  2. "Aérospatiale SE 313B Alouette II". FlightGlobal. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  3. "SA.315B Lama". FlightGlobal. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  4. Kjelgaard 1982, pp. 1772-1773
  5. "High hopes". FlightGlobal. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  6. "Cheetal". HAL. Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2018. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  7. 7,0 7,1 "HAL’s Cheetal Meets Indian Army’s Urgent Needs". AINonline. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  8. "Army, HAL sign Rs 300 cr deal for 20 Cheetal choppers". Business Standard. Consultado o 27 de outubro de 2018. 
  9. Phelps, Mark (2022-06-21). "FAI Celebrates Anniversary Of 50-Year-Old Altitude Record". AVweb (en inglés). Consultado o 2023-10-09. 
  10. "Fédération Aéronautique Internationale (FAI) - Rotorcraft World Records". web.archive.org. 2009-05-29. Archived from the original on 29 de maio de 2009. Consultado o 2023-10-09. 
  11. Randall Padfield, R. (1992). "Chapter 8 Autorotation". Learning to Fly Helicopters. McGraw-Hill Professional. p. 151. ISBN 0-07-157724-6
  12. "Fai Record File". web.archive.org. 2015-12-08. Archived from the original on 08 de decembro de 2015. Consultado o 2023-10-09. 
  13. "HAL bags $10 mn order for Chetak, Cheetah from Namibia - Economic Times". web.archive.org. 2013-05-26. Archived from the original on 26 de maio de 2013. Consultado o 2023-10-09. 
  14. Kjelgaard 1982, p. 1774
  15. "The EU Code of Conduct fails to prevent French Helicopters being produced under licence in India and transferred to Nepal" (PDF). Amnesty International. Archived from the original on 18 de novembro de 2016. Consultado o 9 de outubro de 2023.  Carácter salto de liña en |título= na posición 65 (Axuda)
  16. Chant 2014, p. 348
  17. "Indian report slams performance of HAL's Dhruv helicopter". Flightglobal. Archived from the original on 18 de xullo de 2009. Consultado o 11 de outubro de 2023. 
  18. "Spares Unavailability Threatens India’s Aging Helo Fleet". AINonline. Archived from the original on 27 de novembro de 2012. Consultado o 11 de outubro de 2023. 
  19. "'Siachen Pioneers' bets on Cheetal helicopters". Brahmand News. Consultado o 2023-10-11. 
  20. 20,0 20,1 Chant 2014, p. 348
  21. "Army turns to HAL for Lancer supply". The Times of India. Consultado o 28 de outubro de 2018. 
  22. "Lancer". HAL. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2018. Consultado o 28 de outubro de 2018. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Kjelgaard, Chris. "HAL spools up." Flight International, 18 de decembro de 1982.