Acacia negra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acacia negra

Póla en flor de acacia negra
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Mimosoideae
Tribo: Acacieae
Xénero: Acacia
Especie: A. melanoxylon
Nome binomial
'Acacia melanoxylon'
R.Br.
Sinonimia

Racosperma melanoxylon

A acacia negra[1] (Acacia melanoxylon), tamén chamada oliveira de Australia[2] ou simplemente acacia é unha especie nativa do leste de Australia. Coñecida coma "madeira negra de Tasmania", esta árbore medra axiña e acada alturas de 45 m. Ten ampla tolerancia a unha gran diversidade de ambientes, mais prospera mellor en climas fríos.

En Galicia está catalogada como especie exótica invasora.[3]

Problemática[editar | editar a fonte]

Como moitas outras acacias (por exemplo a mimosa), en moitos países pode transformarse nunha especie invasora. O seu control ocasiona altos custos. En Galicia aparece nas zonas máis temperadas, preto da costa, onde se estendeu con gran rapidez dando lugar a formacións escuras.

Descrición[editar | editar a fonte]

Árbore perennifolia de 8 a 15 (até 45) m de alto; fuste recto, copa densa de piramidal a cilíndrica, ás veces con poucas pólas moi pesadas. Ten un sistema radicular extenso, mesto, con raíces fortes superficiais.

Folla[editar | editar a fonte]

As follas son bipinnadas nos individuos e pólas máis novas. Os individuos adultos, en troques, substitúen as follas por filodios (coma ocorre nos eucaliptos). Os filodios teñen de 7 a 10 cm de longo, de cor cinsenta a verde escura, rectos a mainamente tortos, con 3 a 7 veas prominentes lonxitudinais e veas magras entre eles.

Flor[editar | editar a fonte]

As flores son de cor amarela esbrancuxada. Fican en testas globosas.

Froito[editar | editar a fonte]

Os froitos, como fabácea, son vaíñas de cor parda-avermellada, tortas, máis angostas cós filodios.

Semente[editar | editar a fonte]

As sementes son planas, arredondadas, negras, de 2 a 3 mm lonxitude.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Espallamento das sementes: Darredor das sementes hai uns fíos arroibados característicos que chama á atención dos paxaros, que espallan as sementes. Isto tamén ocorre onde a especie foi introducida, como en Galicia ou Suráfrica. Se non existir os fruxívoros as sementes caen no chan almacenándose, logo, no solo. Os bancos de sementes fican viábeis por moitos anos. As sementes xermolan de xeito doado se se mergullan unha noite en auga moi quente, cando o banco de sementes fica exposto ao sol, ou despois dos lumes forestais (Hill, 1982). Acacia melanoxylon reprodúcese prolificamente despois dos incendios. Pode ademais reporducirse vexetativamente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xusto Rodríguez Río (coordinación) (2004). Servizo de Normalización Lingüística da USC, ed. Termos esenciais de botánica (PDF). p. 18. 
  2. Vocabulario Forestal (Galego,español,inglés), Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, 2012
  3. Fichas identificativas de Especies exóticas invasoras

Véxase tamén[editar | editar a fonte]