Abellá, Frades

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Abellá
Igrexa de Santo Estevo de Abellá
ConcelloFrades[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°04′56″N 8°18′43″O / 43.0821, -8.3119Coordenadas: 43°04′56″N 8°18′43″O / 43.0821, -8.3119
Área10,93 km²
Poboación417 hab. (2023)
Densidade38,15 hab./km²
Entidades de poboación27[1]
editar datos en Wikidata ]

Santo Estevo de Abellá[1] é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Frades. Segundo o INE en 2023 tiña 417 habitantes (216 mulleres e 201 homes) distribuídos en 16 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 528 habitantes. É a parroquia máis poboada e a máis extensa do concello.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Localízase ao noroeste do concello, lindando co municipio de Mesía ao norte e Ordes ao oeste. Dentro do concello, linda ao sur con Mesos e ao suroeste con Papucín.

Orografía[editar | editar a fonte]

Trátase dunha parroquia cunha suave orografía alcanzando as súas maiores cotas ao nordés da parroquia, coincidindo co Couto de Fontao (432 m) e as máis baixas nas proximidades do río Samo ao oeste, en torno aos 295 m.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

É precisamente o río Samo o que fai as funcións de límite municipal ao norte e que ten como afluente principal o rego de Marís que percorre a zona sur da parroquia segundo eixe nordés-suroeste.

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

Ten clima oceánico, con máis de 1400 mm de precipitacións anuais. O clima caracterízase pola abundancia de precipitacións e a suavidade das temperaturas. A media anual é de 12 °C, a mínima prodúcese en xaneiro (7 °C), e a máxima en agosto (17 °C). As características termopluviométricas e a abundancia de pequenos regatos, que percorren o termo, favorecen o predominio das terras destinadas a cultivos herbáceos. Destacan as terras labradas e as dedicadas a pastos permanentes fronte a unha menor porcentaxe de espazos forestais nos que predomina o eucalipto, e a matogueira, unha paisaxe de praderías moi verdes, extensas e onduladas.

Demografía[editar | editar a fonte]

Gráfica de evolución demográfica de Abellá[2] entre 2000 e 2023

     Poboación de dereito segundo o padrón municipal do INE

Comunicacións[editar | editar a fonte]

A principal vía de comunicación é a AC-224 que percorre de leste a oeste a parroquia e enlaza con diversas pistas de carácter municipal que dan servizo ás vivendas. Do mesmo modo, é ao longo desta ou nas súas marxes máis próximas onde se producen a maioría dos asentamentos como son o caso de Corralvello, A Taberna, Tañoi, O Pazo e Pibideira.

Cultura[editar | editar a fonte]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Pazo do Peñasco[editar | editar a fonte]

O Pazo do Peñasco construíuse no século XVII e atópase no Pedrouzo, na vía que comunica a Ponte Carreira e Ordes. É unha propiedade privada, valada e pechada ao público.[3]

O edificio comezouse a construír no auxe do período barroco polo primeiro propietario do pazo, Pedro Vázquez Vaamonde. O pazo do Peñasco é un exemplo da evolución construtiva, xa que nel se poden apreciar distintas etapas. En particular, sufriu numerosas remodelacións no seu exterior. Entre os seus principais atractivos está un escudo timbrado coa cruz de Malta e catro cuarteis. Neles represéntanse alusións a diferentes familias de histórico avoengo: a M dos Montenegro, os escaques de Bermúdez, a cabeza de lobo de Moscoso e un castelo. Outro atractivo é o portalón de entrada, que na actualidade totalmente reformado aínda que mantendo a aparencia clásica do conxunto.

A actual planta en forma de “U” xorde dun volume principal de traza rectangular ao que se lle van apegando novos corpos, facendo que o pazo medre ata configurar a tipoloxía máis evolucionada na arquitectura palaciana. A entrada pode realizarse de dúas formas, ben a través do portón que se recorta no muro de peche e que se abre ao patio descuberto, ou ben directamente á vivenda no volume situado á dereita do devandito acceso. Neste mesmo corpo aparece apegada unha pequena capela que mantén a tipoloxía dos vans, distinguíndose tan só pola presenza dunha sinxela espadana que, coroada con pináculos, interrompe a liña da cornixa.

Na parte posterior sitúase o xardín, que logo se ensancha dando lugar a unha grande extensión dedicada a labradíos e árbores froiteiras, onde se atopa a casa dos colonos. 

Igrexa de Santo Estevo[editar | editar a fonte]

A igrexa de Santo Estevo constrúese sobre o ano 1971, e faise na honra do patrón parroquial Santo Estevo. Presenta unha planta rectangular cun anexo dunha soa nave. Está construída en formigón, recebada e con fachada de pedra. No seu interior as grandes vidreiras ofrecen unha maior claridade ao espazo interior, que é de amplitude. Pola súa recente construción, non posúe un especial interese arquitectónico.

Etnografía[editar | editar a fonte]

As festas que se celebran son:

  • Santo Estevo o 26 e o 27 de decembro,
  • Corpus Christi, o domingo máis próximo ao día do corpus,
  • Día do Carme, o domingo máis próximo ao 16 de xullo.

Instalacións[editar | editar a fonte]

Instalacións deportivas[editar | editar a fonte]

  • Polideportivo con pista de pádel (O Vedral)
  • Campo de fútbol de herba artificial (O Vedral)
  • Pista polideportiva (O Cabezo)

Instalacións infantís[editar | editar a fonte]

  • Parque infantil de O Cabezo
  • Parque infantil de O Vedral
  • Parque infantil da "Área recreativa da Pontecarballa"

Negocios e Servizos[editar | editar a fonte]

  • Centro de Saúde (O Vedral)
  • Farmacia "Maceira & Martínez" (A Taberna)
  • "Progando: horta e xardín"
  • Comercial veterinaria "Albeitería"
  • "Caixabank"
  • Perrucaría "D'tacon"
  • Panadaría "Sánchez"
  • Restaurante "Casa Vella"
  • Café Bar "Novo"
  • Bar "A Costa"
  • "Flores Abellá"
  • "Flores e plantas A Agra"

Asociacións culturais e clubs deportivos[editar | editar a fonte]

  • Asociación de veciños "Os labregos de Abellá"
  • San Estevo de Abellá Sociedade Deportiva Cultural

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Abellá[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Abellá no concello de Frades (A Coruña)

Ansemonde | O Ar | O Barreiro | O Cabezo | Canedo | O Carballal | O Castro | Chamuín | A Cheda | Corralvello | Fondevila | O Fontao | Fontemouro | A Gándara | Gasalla | Lamela | Marís | O Pazo | O Pedrouzo | Pibideira | O Pomariño | Quintán | Sobre dos Campos | A Taberna | Tañoi | O Tumbadoiro | Vedral

Parroquias de Frades[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Frades

Abellá (Santo Estevo) | Aiazo (San Pedro) | Añá (Santa María) | Céltigos (San Xulián) | Frades (San Martiño) | Gafoi (Santa Mariña) | Galegos (San Martiño) | Ledoira (San Martiño) | Mesos (San Salvador) | Moar (Santaia) | Papucín (Santa María) | Vitre (San Xoán)

Notas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]