Mamíferos: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
SieBot (conversa | contribucións)
m bot Modificado: zh-min-nan:Pō͘-leng-lūi
Rei-bot (conversa | contribucións)
Liña 265: Liña 265:
[[zea:Zoogdieren]]
[[zea:Zoogdieren]]
[[zh:哺乳动物]]
[[zh:哺乳动物]]
[[zh-min-nan:Pō͘-leng-lūi]]
[[zh-min-nan:Chhī-leng tōng-bu̍t]]
[[zh-yue:哺乳動物]]
[[zh-yue:哺乳動物]]

Revisión como estaba o 1 de novembro de 2008 ás 19:37

Mamíferos

Oso polar

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa bilateria
Superfilo: Deuterostomia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Infrafilo: Gnathostomata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia (Mamíferos)
Subclases e infraclases

Os mamíferos (nome científico, Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia, a mandíbula inferior formada por un único óso, o dentario, con dentes moi especializados, a presenza dun padal secundario, a presenza de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido e, sobre todo, porque as súas femias producen leite para alimentar ás suas crías. A ciencia que estuda os mamíferos denomínase terioloxía.

Os mamíferos apareceron a finais do Triásico, hai uns 210 millóns de anos. Abranguen aproximadamente 5400 especies, entre os que está o ser humano.

Características

A principal característica, que alude ó nome da clase, é a presenza de glándulas mamarias nas femias de tódalas especies. Estas glándulas segregan leite para alimentar as crías durante os seus primeiros meses de vida.

Outros caracteres son a simplificación esquelética do cranio e da mandíbula inferior (un só óso, chamado dentario) con dentes moi especializados, a presenza dun padal secundario, a aparición dos cóndilos occipitais para a articulación do cranio coa columna vertebral, a cadea de osiños do oído, que permiten a transmisión do son, un olfacto moi desenvolvido, a maior complexidade do cerebro, a aparición dun diafragma muscular para separar a cavidade torácica da abdominal, e para rematar, o revestimento de pelos que presenta toda a superficie do corpo.

Pel

Pel humana

A pel, xeralmente espesa, esta formada por unha capa exterior ou epiderme, unha capa profunda ou derme e un estrato subcutáneo repleto de graxa que lle serve de protección contra as perdas de calor, xa que os mamíferos son animais homeotermos.

Os pelos orixínanse na epiderme e neles pódese distinguir unha parte saínte ou tallo e outra parte oculta na pel ou raíz; esta raíz é máis grosa na súa parte inferior formando o bulbo pilífero. A raíz está protexida por unha especie de vaíña, de orixe epidérmica, que recibe o nome do folículo, e no que desembocan as glándulas sebáceas que lubrican o pelo e no que se implanta o músculo horripilador, que é o responsable do levantamento vertical do mesmo. Nos mamíferos de vida acuática e nos que viven en climas tropicais, os pelos adoitan reducirse en número e tamaño e, ás veces, desaparecen no estado adulto.

Na pel, ademais dos pelos, implántanse as glándulas mamarias tratadas anteriormente e as glándulas sudoríparas, que se agregan, a través de poros da epiderme, un líquido composto por substancias tóxicas para o organismo (suor).

Outras formacións cutáneas de natureza córnea que presentan os mamíferos son as unllas, cornos e o pico no caso do ornitorrinco.

Sistema óseo

Comparativa entre o esqueleto dun león e un humano

Comprende tres rexións moi ben diferenciadas: a cabeza, co cranio e a faciana, o tronco e as extremidades (dúas torácicas e dúas abdominais):

  • O cranio está bastante desenvolvido e nel implántase unha dentición permanente ao chegar ao estado adulto. A maioría dos mamíferos posúen dentes de catro tipos distintos:
    • Incisivos, que serven para cortar.
    • Caninos, que son máis puntiagudos e utilízanse para desgarrar.
    • Premolares, planos e destinados a esmagar os alimentos.
    • Molares, de estrutura moi semellante aos anteriores, pero máis anchos.
  • As extremidades, aínda que basicamente son de tipo quiridio e presentan sempre a mesma organización, adoitan sufrir modificacións acordes ao modo de desprazamento de cada especie. Así, nos mamíferos acuáticos transfórmanse en aletas para nadar e nos morcegos os dedos das extremidades anteriores alónganse moito e permanecen unidos por unha ancha membrana ou pataxio. Nos mamíferos terrestres tamén se producen lixeiras variacións, dependendo da parte da extremidade que se apoie ao andar: os que apoian todo o pé denomínanse plantígrados; os que apoian os dedos, dixitígrados, e os que unicamente tocan o chan coas últimas falanxes, ungulígrados.

Aparello dixestivo

Aparello dixestivo

Esta formado por unha boca, con dentes, beizos e lingua, na cal desembocan as glándulas salivais; unha farinxe curta; un esófago que atravesa o diafragma; un estómago en forma de saco e no que desembocan as glándulas gástricas; un intestino delgado moi longo, dividido en tres partes (duodeno, xexuno e íleo) e no que se produce parte da absorción da substancias alimenticias, e un intestino terminal, que comprende o cego (moi desenvolvido en herbívoros), o groso e o recto, que desemboca ao exterior polo ano.

Ademais existen unha serie de glándulas anexas, entre as que hai que destacar o fígado, moi voluminoso e provisto dunha vesícula biliar, e o páncreas, que verte a súa secreción no duodeno.

Aparello respiratorio

Aparello respiratorio

A respiración é de tipo pulmonar e lévase a cabo por dous pulmóns, libres na cavidade pleural, e que se ramifican en bronquios, bronquiolos e alvéolos pulmonares.

Aparello circulatorio

Aparello circulatorio, carótida

A circulación é dobre e completa. O corazón está dividido en dúas aurículas e dous ventrículos, levando a parte dereita sangue venoso e a esquerda arterial. Ademais, existe unha complicada rede de vasos venosos e arteriais que chegan a tódalas partes do organismo.

Ademais da circulación sanguínea, nos mamíferos existe unha abundante rede linfática.

Sistema nervioso

O encéfalo acada un gran tamaño, estando particularmente desenvolvidos os hemisferios cerebrais. O cerebelo tamén aumenta de tamaño con respecto aos outros grupos de vertebrados.

A actividade psíquica é moito maior que no resto dos animais e nas formas máis evolucionada aprécianse trazos de memoria e, ás veces, de intelixencia.

Reprodución

En tódolos mamíferos preséntanse os sexos separados e a reprodución é de tipo vivípara, agás no grupo dos monotremas, que é ovípara.

O desenvolvemento do embrión vai acompañado da formación dunha serie de anexos embrionarios, como son o corion, amnios, alantoides e o saco vitelino. As peluxes do corion, xunto co alantoides, únense á parede do útero e dan lugar á placenta. Esta permanece unida ao embrión polo amalló umbilical, e é a través del por onde pasan a substancias nutritivas da nai ao feto e as sustancias de refugo do feto á nai.

O período de xestación e o número de crías por camada varían moito segundo os grupos. Normalmente, canto maior é o tamaño do animal, máis longo é o período de xestación e menor o número de crías. A maior parte dos mamíferos proporcionan aos seus fillos coidados paternais.

Clasificación dos mamíferos

Os primeiros mamíferos apareceron na Terra a finais do período Triásico, fai uns 210 millóns de anos, e desenvolvéronse durante a era Terciaria. Nos máis primitivos aínda se atopan afinidades cos réptiles.

Taxonomía

Os mamíferos viventes na actualidade pódense agrupar en dúas subclases principais:

  • Subclase Prototheria (ou Monotremata): con reprodución ovípara e as glándulas mamarias aínda non desenvolvidas por completo; 4 especies en 3 xéneros, 2 familias e 1 orde.
  • Subclase Theria: os mamíferos non ovíparos; subdivídense en dúas infraclases:
    • Infraclase Metatheria (ou Marsupialia): reprodución vivípara, pero sen placenta ou con ela moi reducida; 270 especies, 77 xéneros, 16 familias, 1 orde
    • Infraclase Eutheria (ou Placentalia): xa con produción vivípara placentaria e coas glándulas mamarias plenamente desenvolvidas; 4000 especies, 970 xéneros, 112 familias, 18 ordes.


Árbore filoxenética

Árbore filoxenética da vida
  ,_______ Morganucodonta +
  |
__|   ,___ Prototheria _____  Monotremata
  |   |
  |___|___ Multituberculata +
      |
      |             ,__ Metatheria (marsupiales)
      |___ Theria___|
                    |__ Eutheria

Teoría evolutiva

A orixe das especies. Darwin

Malia a súa antiga orixe, os mamíferos tiveron que esperar moitos millóns de anos para atinxir o papel relevante que actualmente desempeñan. A súa ascensión evolutiva estivo moi relacionada co solpor dos dinosauros.

A clase dos mamíferos procede dun grupo de réptiles cotilosaurios que, fai uns 250 millóns de anos experimentou unha rápida evolución, dando lugar aos pelicosaurios. Destes derivaron outros réptiles con características peculiares, que se asemellan ás dos mamíferos: os terápsidos.

Estes réptiles mamiferoides non puideron resistir a competencia dos dinosauros, polo que foron extinguíndose paulatinamente, aínda que sen chegar a desaparecer por completo. Algúns grupos, resgardados en ambientes boscosos, levaron unha activa vida nocturna.

Ao parecer, fai uns 180 millóns de anos xa se adquiriron as características propias dos mamíferos: a homeotermia ("sangue quente"), o desenvolvemento do cerebro, o pelo corporal e, quizabes, o viviparismo.

Durante 100 millóns de anos, estes mamíferos primitivos, do tamaño dun rato, viviron marxinados nese ambiente nocturno. A súa alimentación constaba, fundamentalmente, de insectos e ovos.

A verdadeira explosión evolutiva dos mamíferos produciuse cando comezaron a desaparecer os dinosauros, fai uns 70 millóns de anos.

Os primeiros restos fósiles de mamíferos semellantes aos actuais datan desta época e, pola súa dentadura, sábese que eran insectívoros. Os seus descendentes multiplicáronse extraordinariamente nas novas condicións de vida e, en pouco tempo, deron lugar aos antecesores da maioría dos mamíferos que hoxe existen.

Hai motivos para pensar que o paso de réptil terápsido a mamífero tivo lugar, de forma independente, en cinco grupos diferentes que correron distinta sorte.

Tres desas liñas evolutivas extinguíronse na era Secundaria. Os actuais monotremas, que representarían a cuarta liña, nunca tiveron grande éxito e constitúen unha póla autónoma, sen relación con outros grupos máis afortunados.

Da outra póla evolutiva derivaron os marsupiais e, posteriormente, os placentarios. Estes últimos, máis evolucionados, desprazaron aos marsupiais, salvo en Australia, que ao separarse de África posibilitou que os placentarios non a invadisen.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Yosy Cartelle e Juan Ignacio Díaz d'a Silva (2007). Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7. 


Modelo:Link FA

Modelo:Link FA

Modelo:Link FA

Modelo:Link FA

Modelo:Link FA