Partido Galeguista (histórico): Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
mSen resumo de edición
Sen resumo de edición
Liña 67: Liña 67:
[[en:Partido Galeguista (1931)]]
[[en:Partido Galeguista (1931)]]
[[es:Partido Galeguista (histórico)]]
[[es:Partido Galeguista (histórico)]]
[[eu:Partido Galeguista]]
[[pt:Partido Galeguista (1931)]]
[[pt:Partido Galeguista (1931)]]

Revisión como estaba o 18 de setembro de 2008 ás 21:27

Fundación do Partido Galeguista

Este artigo trata do Partido Galeguista fundado en decembro de 1931. Para outras organizacións políticas co mesmo nome, visita a páxina Partido Galeguista.


O Partido Galeguista foi un partido fundado en decembro de 1931 de carácter nacionalista galego e con relevancia na política da Segunda República. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra e a sección xuvenil, a Federación de Mocedades Galeguistas, fundouse en xaneiro de 1934 e contaba con 1.000 afiliados

Formación

O 5 e 6 de decembro de 1931 o Partido Galeguista de Pontevedra convoca unha Asemblea Nacionalista co propósito de crear un partido nacionalista. Á convocatoria acoden 32 grupos e irmandades, entre os que destacan o Grupo Autonomista Galego de Vigo, Labor Galeguista e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Tamén participan representantes da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina e da sección arxentina da ORGA

Alfonso Daniel Castelao

Consolidación

En 1932 participa xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propoganda do Estatuto, ao tempo que se prepara para participar en solitario, ou en candidaturas conxuntas cos agrarios, nas eleccións municipais de abril de 1933, nas que só obtén un concelleiro en Ourense e a maioría, aliado cos agrarios, en Tui, estes malos resultados levan ao sector progresista do PG a favorecer pactos cos partidos republicanos, ao que se opuña o sector conservador liderado por Vicente Risco.
Na Asemblea Extraordinaria de outubro de 1933 impóñense as teses de Vicente Risco e o PG concorre ás eleccións xerais de 1933 en solitario, os 106.000 votos que obtén non lle serven para conseguir deputado ningún, e o novo goberno de dereitas paraliza a tramitación do Estatuto de Galicia.
Despois da Revolución de 1933, na que o PG non participou, o goberno, suspende A Nosa Terra e desterra a Castelao e Bóveda, descabezando o PG e provocando un descenso momentáneo da militancia, pero ao tempo favorece a formación dunha alianza cos republicanos de esquerda que fixera posible a aprobación do Estatuto.
Na III Asemblea do PG, celebrada en Ourense o 13 e 14 de xaneiro de 1934 apróbase coa oposición de Risco a alianza estratéxica cos republicanos e socialistas, ratificada na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago de Compostela o 20 e 21 de abril de 1935, coa oposición de Ramón Otero Pedrayo, o que provoca a escisión dun sector da dereita do PG, encabezada por Vicente Risco que forma a Dereita Galeguista.

Fronte Popular

En xuño de 1935 o PG comeza a negociar con Izquierda Republicana, e na Asemblea Extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936 celebrada en Santiago de Compostela apróbase o ingreso do PG na Fronte Popular para concorrer nas eleccións xerais de 1936 con cinco candidatos galeguistas, Castelao, Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte. Na provincia de Lugo o PG presentouse en solitario ao formarse unha candidatura conxunta do centro e os partidos republicanos de esquerda, o cal imposibilitou que se formase unha candidatura da Fronte Popular.
Saen elixidos Castelao con 104.436 votos en Pontevedra e Súarez Picallo e Vilar Ponte con arredor de 150.000 votos cada un, en total os candidatos galeguistas obteñen 287.000 votos.
O 28 de xuño de 1936 cúmprense os compromisos expresados pola FP e plebiscítase favorablemente o Estatuto.

Guerra civil

Tras a sublevación do 18 de xullo de 1936 que puxo fin á actividade do PG en Galicia, comeza a represión dos militantes galeguistas, algúns dirixentes como Johán Carballeira, Ánxel Casal, Manuel Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas ou Alexandre Bóveda van ser afusilados, outros marchan ao exilio, aínda así o PG desaproba a participación dos seus militantes na guerrilla antifranquista.
En 1937 o PG abre unha delegación en Barcelona, e publica o voceiro Nova Galicia entre abril de 1937 e xullo de 1938 dirixido por Castelao e Suárez Picallo. A prioridade vai ser a unidade das forzas democráticas para salvar a República e manter o facho do galeguista acceso. En 1938 elixius Trala caída de Cataluña os galeguistan pasan a Francia e dende alí diríxense a diversos países de América.

Clandestinidade

Desde a fin da Guerra Civil comezaron os contactos entre galeguistas para tratar a conveniencia de refacer as estruturas no partido no interior. A actividade do PG no interior comeza en xullo de 1943 cunha xuntanza en Coruxo, á que asisten 19 galeguistas e que deciden formar un Comité executivo provisorio integrado por Manuel Gómez Román, Otero Pedrayo e Plácido Castro, pero foron Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro os que tiveron un papel máis activo. Unha das súas grandes prioridades era establecer contacto co resto da oposición galega e cos nacionalistas vascos e cataláns, e así en 1944 o PG integrouse na Junta Gallega de Alianza Democrática con CNT, PSOE, UXT e os agrarios. Tras a detención de Ramón Piñeiro en 1946 foi Fermín Penzol o que mantivo o contacto co resto das forzas da oposición. A partir 1949 logo da saída do cárcere de Piñeiro e diante o desánimo dos militantes de base que non vían que a acción clandestina lograse resultados [1] o PG guiado por Piñeiro aposta por unha estratexia culturalista, apreveitando as escasas posibilidades que ofrecía o franquismo, en aberta contradición cos galeguistas do exilio.
A fundación de Galaxia o 25 de xullo de 1950 supuxo a autodisolución do PG en Galicia, vencellándose os seus antigos militantes ao novo proxecto editorial.

O Partido Galeguista en América

En 1932 fundouse a Organización Nazionalista Repubricana Galega, filial do PG en Bos Aires, tralo pase da sección arxentina da ORGA, contaba con 150 afiliados dirixidos por Rodolfo Prada, en 1936 co inicio da Guerra Civil muda o nome a Grupo Galeguista de Bós Aires, nese momento tiña 103 afiliados. En 1941 toma o nome de Irmandade Galega e en 1942 reaparece A Nosa Terra, coincidindo coa chegada masiva de exiliados galeguistas a Bos Aires, entre os que sobrancea Castelao
En outubro de 1944 constitúese o Consello de Galiza baixo o impulso da Irmandade Galega e Castelao.
A Irmandade Galeguista do Uruguai é o nome da sección do PG en Uruguai, dirixida por Manuel Meilán
En 1949 o PG só conta con 200 afiliados distribuídos en Bos Aires e outras cidades arxentinas, Montevideo, México e A Habana.

Militantes

Cando a constitución do Partido Galeguista tiña 700 afiliados, en 1932 o PG contaba con 38 grupos locais e 2.300 afiliados, ao longo do ano vai implantándose en todo o país e en 1933 os seus 60 grupos locais contaban 3.000 afiliados. Tralas eleccións de 1933 o PG vai experimentar un retroceso momentáneo, e en 1935 quedábanlle só 1763 afiliados, pero para o ano 1935 consegue reestruturar o partido chegando a 5.000 afiliados distribuídos en 90 grupos locais.

Estrutura orgánica

O Partido Galeguista tiña na Asemblea o seu máximo órgano de expresión e era o órgano encargado de fixar a súa liña política, tamén tiña a competencia para elixir o Consello Executivo, o órgano que tiña que levar á práctica as decisións tomadas pola Asemblea, por último a Secretaría Executiva era o órgano de goberno do partido.[2]

Programa

O programa político do Partigo Galeguista era nas súas liñas xerais continuador do formulado polas Irmandades da Fala nas súas diversas asembleas,[3] Galicia como unión cultural, proclamaba a autodeterminación política de Galicia que se traducía como aspiración mínima na constitución dun Parlamento e un Goberno galego dentro da Constitución da República. A eliminación do caciquismo, o antiimperialismo, a igualdade política da muller, a supresión das deputacións provinciais, o recoñecemento da parroquia como entidade política-administrativa básica, a oficialidade da lingua galega, a reforma agraria eran outros dos elementos do seu programa.

Notas

  1. Francisco Fernández del Riego. O río do tempo. Unha historia vivida. Ediciós do Castro, Sada, 1990, páx 190
  2. Arximiro Roxo, As Mocedades Galeguistas, Vigo, 1987, páx. 29-30
  3. Justo G. Beramendi, Xosé Manoel Núñez Seixas, O nacionalismo galego, 2ª ed., Vigo, 1996 páx. 148

Véxase tamén

Bibliografía

  • Castro, Xavier (1985). O galeguismo na encrucillada republicana. Ourense: Deputación provincial. ISBN 84-85858-13-1. 
  • Beramendi, Xusto (2007). De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-96494-96-1.