Antonio Maura: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Sen resumo de edición
Sen resumo de edición
Liña 1: Liña 1:
[[Imaxe:Antonio Maura.jpg|thumb|right|150px|Antonio Maura, estadista español]]
[[Imaxe:Antonio Maura.jpg|thumb|right|250px|Antonio Maura, estadista español]]
'''Antonio Maura y Montaner''' ([[Palma de Mallorca]], [[2 de maio]] de [[1853]] - [[Torrelodones]], [[Madrid]], [[13 de decembro]] de [[1925]]) foi un político español, varias veces ministro e [[Lista de Presidentes de España|Presidente do Goberno]] en cinco ocasións: '''1900-1902''', '''1907-1909''', '''1918''', '''1919''', '''1921-1922'''.
'''Antonio Maura y Montaner''' ([[Palma de Mallorca]], [[2 de maio]] de [[1853]] - [[Torrelodones]], [[Madrid]], [[13 de decembro]] de [[1925]]) foi un político español, varias veces ministro e [[Lista de Presidentes de España|Presidente do Goberno]] en cinco ocasións: '''1900-1902''', '''1907-1909''', '''1918''', '''1919''', '''1921-1922'''.



Revisión como estaba o 7 de maio de 2008 ás 17:46

Ficheiro:Antonio Maura.jpg
Antonio Maura, estadista español

Antonio Maura y Montaner (Palma de Mallorca, 2 de maio de 1853 - Torrelodones, Madrid, 13 de decembro de 1925) foi un político español, varias veces ministro e Presidente do Goberno en cinco ocasións: 1900-1902, 1907-1909, 1918, 1919, 1921-1922.

Vida

Orixinario dunha familia da pequena burguesía, Antonio Maura, como normalmente é coñecido na historia de España, naceu en 1853 en Palma de Mallorca. Orfo de pai cando só tiña 13 anos, cursou o bacharelato no Instituto de Palma de Mallorca, e en 1868 trasladouse a Madrid para cursar estudos de Dereito.

Rematada a carreira, exerceu como avogado no bufete de Germán Gamazo, que chegou a ser ministro de Fomento no goberno de Sagasta de 1883. Iniciouse na vida política nas filas do Partido Liberal conseguindo a súa primeira acta de deputado por Mallorca en 1881 durante o primeiro gabinete liberal da Restauración, presidido por Sagasta. Casou en 1878 con Constancia Gamazo, irmá de Germán Gamazo, da man de quen iría na súa traxectoria política inicial.

En 1886 ocupa o cargo de vicepresidente do Congreso. Por ese tempo, en consonancia cos liberais escindidos de Gamazo atacará a política librecambista de López Puigcerver, ministro de Facenda do Gabinete Sagasta que acaba por caer en 1890.

En decembro de 1893 é designado con Sagasta ministro de Ultramar. No seu afán por neutralizar pacificamente o movemento independentista, tentou desenvolver un proxecto de autonomía para Cuba e Porto Rico no que a administración se repartía entre o goberno central e os insulares respectivos, mais a oposición dos conservadores e dun amplo sector dos propios liberais fixo que naufragase o proxecto e dimitise. Apartado voluntariamente do escenario político por un certo tempo, en 1895, de novo con Sagasta, ocuparase do Ministerio de Graza e Xustiza ata que a insurrección cubana provoca a caída dos liberais.

Tras a perda das colonias, a política gravita en torno ó funcionamento político da monarquía e a necesidade de rexenerar a vida pública española. A erradicación do caciquismo e dos abusos da oligarquía figuraron como obxectivos prioritarios do seu proxecto de dignificación da política. As súas teses rexeneracionistas aproximábanse en boa medida ó programa disidente do novo conservadorismo de Francisco Silvela. Aceptando os límites presentes nas bases legais do réxime establecido, os seus postulados resultan compatibles coa alternativa de saneamento político proposta polos conservadores.

Cando, tras morrer Guzmán Gamazo en 1901, o grupo liberal disidente se escinde, Maura asumirá a súa dirección, ata que un acordo con Silvela en 1902 o incorpore ó Partido Conservador. É deste xeito como Maura se converte na figura chave da política española das primeiras décadas do século XX.

Foi ministro da Gobernación no gabinete que presidiu Francisco Silvela en 1902 e que presentaría por vez primeira ás Cortes a Lei de Bases de Reforma da Administración Local. No seu intento por acabar coas fraudes acostumadas organiza as eleccións municipais de 1903 provocando unha forte oposición contra a súa persoa entre os partidarios de manter o caciquismo local como modo de estabilidade política. Coa salvidade das principais cidades, nas que triunfaron candidaturas republicanas, non conseguiría impedir a manipulación dos resultados electorais desas eleccións.

A demisión de Silvela como xefe de Goberno non fixo máis que resaltar a figura política do seu principal socio e Maura será aclamado dende entón como líder do Partido Conservador. O 5 de decembro de 1903 formaría o seu primeiro goberno ó suceder ó tamén conservador Fernández Villaverde na presidencia. No plano internacional conseguiu que Francia e Inglaterra recoñecesen os dereitos españois en Marrocos. Na política interior concentrou o seu programa de reformas en torno á corrupción electoral e á resolución do problema catalán mediante un proxecto de administración descentralizador de tendencia rexionalista, pero as intromisións do rei en materia militar motivaron a súa dimisión.

Durante a etapa liberal, Maura exerceu a xefatura da oposición. Encargado da formación dun novo goberno o 25 de xaneiro de 1907 presidiu o goberno máis longo do réxime constitucional do reinado de Alfonso XIII ata o 21 de outubro de 1909. Durante o seu goberno levouse a cabo un amplo programa de reformas lexislativas e executáronse medidas no ámbito social coma o establecemento de institucións de asistencia para os máis desfavorecidos. Non obstante, a súa falta de tacto no mantemento da orde pública coa represión sanguenta dos sucesos revolucionarios da Semana Tráxica de Barcelona (25 de xullo - 2 de agosto de 1909) acabaron bruscamente co seu prestixio e coa súa vida política. O rexeitamento de Maura, coreado pola oposición e pola opinión pública internacional despois do fusilamento de Francesc Ferrer i Guàrdia, levaron a Alfonso XIII a forzar a súa renuncia e substituílo polo liberal Segismundo Moret.

Hostil ó goberno de Moret, ratificou a súa identificación con La Cierva, ministro de Gobernación durante a brutal represión de xullo de 1909. Continuou mantendo un certo peso na vida pública. Durante a Primeira Guerra Mundial, Maura fixo campaña activa a favor da neutralidade española, cos seus sonados discursos do Teatro Real en 1915, e da Praza de Touros en 1917. Cando foi chamado de novo para asumir a xefatura do Goberno, impuxo condicións para o seu regreso. Presidiría o Goberno de maio a novembro de 1918 e, de novo, en 1922, volvería a estar á fronte dun gabinete de concentración formado tras o desastre de Annual.

Ante os incidentes polo tema de Marrocos, Maura nomeou ó xeneral Picasso como xuíz específico para este asunto, provocando a protesta das Xuntas Militares. Durante a ditadura de Primo de Rivera manteríase á marxe dedicado a redactar as súas memorias.

Retirado da política, morreu en 1925.

Distincións

Ademais de orador extraordinario, foi director da Real Academia Española, e presidente da de Xurisprudencia e Legislación, de Ciencias Morais e Políticas e de Belas Artes de San Fernando. Presidiu a Comisión General de Codificación, materializándose a súa visión de estadista con grandes proxectos lexislativos, a Reforma da Administración e o Goberno en Ultramar, o proxecto de Lei de Reforma da Administración Local, etc.

Como recoñecemento ó seu labor foi investido "Caballero de la Real y Muy distinguida Orden del Toisón de Oro" en 1920.

Ideoloxía

Antonio Maura é unha figura crucial na España do primeiro terzo do século XX. Foi un político apaixonado e polémico. A súa controvertida carreira política enmárcarse dentro da política da restauración dinástica de finais do século XIX e do rexeneracionismo de principios de século XX.

Na primeira etapa da súa traxectoria segue os postulados do liberalismo, dentro da corrente disidente encabezada polo seu cuñado Guzmán Gamazo. Convencido da necesidade de levar a cabo unha reforma do sistema político da Restauración, as súas primeiras intervenciones públicas tiveron como branco a crítica da política conservadora e a disidencia liberal.

O desastre de 1898 significou un punto de inflexión na súa carreira política e a adopción dunha das bases do seu ideario: a necesidade de fortalecer a presenza do pobo na vida política do país. Censurando as prácticas da Restauración, coidaba que era necesario reformar o estado e a lexislación para evitar que se desencadease un proceso revolucionario: a "revolución dende arriba" será o seu lema, procurando unha moralización radical que terminase coa corrupción do sistema.

O seu ideario político unha vez engrosou as listas dos Conservadores incluía un proxecto de loita contra o caciquismo mediante o saneamento das prácticas políticas, a participación dos cidadáns no quefacer público mediante eleccións non amañadas, e a reforma da Administración provincial. O goberno conservador de Maura, inspirado no principio da "revolución dende o goberno" conseguiu regular e sacar adiante unha serie de proxectos: o dereito de folga, normas de conciliación e arbitraxe laboral, a lei de administración pública e o Instituto Nacional de Previsión.

Liberal e católico, Antonio Maura é reivindicado como un dos máis valiosos políticos da dereita española do século XX.

Bibliografía

  • González Hernández, María Jesús (1997) El universo conservador de Antonio Maura. Biografía y proyecto de Estado. Madrid : Biblioteca nueva.
  • Pérez Delgado, Rafael (1974) Antonio Maura. Madrid : Tebas.
  • Robles, Cristobal (1995) Antonio Maura, un político liberal.Consejo Superior de Investigaciones Científicas.
  • Ruiz-Castillo, J. (1917) Antonio Maura : treinta y cinco años de vida pública: ideas políticas de gobierno y campañas parlamentarias. Madrid : Biblioteca Nueva.
  • Tusell, Javier (1994) Antonio Maura, una biografía política. Madrid: Fundación Antonio Maura & Alianza Editorial.

Curiosidades

  • A actriz Carmen Maura é descendente (sobriña bisneta) de Antonio Maura. O escritor e xornalista Carlos Semprún Maura tamén é neto seu. Pode consultarse en Internet o seu ensaio Revolución y Contrarrevolución en Cataluña [1]. Unha mostra da súa faceta como articulista pode lerse en Libertad Digital [2]

Ligazóns externas