Pedro Madruga: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
BanjoBot (conversa | contribucións)
m Cambiando Image -> Imaxe
Lansbricae (conversa | contribucións)
iw pt
Liña 179: Liña 179:
[[es:Pedro Madruga]]
[[es:Pedro Madruga]]
[[nl:Pedro Madruga]]
[[nl:Pedro Madruga]]
[[pt:Pedro Madruga]]

Revisión como estaba o 19 de abril de 2008 ás 14:36

Pedro Álvarez de Soutomaior, alcumado Pedro Madruga (¿? - Alba de Tormes, 1486), foi unha das figuras máis salientables do medievo galego, prototipo de cabaleiro feudal.

Foi un home belicoso e incansable, que dunha orixe bastarda e contra todo prognóstico ergueuse ao máis alto escalafón da liñaxe dos Soutomaior. Temido e admirado, os ecos dos seus feitos promoveron centos de estudos sobre a súa figura e o seu tempo. Foi un acérrimo inimigo de Alonso II de Fonseca e defensor dos dereitos sucesorios de Xoana a Beltranexa.

A figura de Pedro Madruga

Castelo de Soutomaior, residencia da familia nobre dos Soutomaior

Don Pedro Álvarez de Soutomaior eríxese coma unha das figuras máis controvertidas da Galiza feudal. Moito se ten escrito sobre as súas accións e maneiras, e a súa figura suscita xenreira e louvanza por igual. Vasco de Aponte, cronista galego de comezos do século XVI, testemuña de primeira orde que nos legou unha valiosa obra que narra os aconteceres de tan convulsos anos, escribía:

"[Pedro] era mui mañoso, y sutil, y mui sabio, y mui sentido en cosas de guerra, era mui franco, y trataba bien a los suyos, y era muy cruel con sus enemigos, comía mucho de lo ageno, era uno de los grandes sufridores de trabajos que habia en España toda, ni por que lluviese, ni nevase, ni elase, ni porque hiçiese todas las tempestades del mundo, no dejaria de haçer sus echos, ni daría un cornado por dormir fuera en invierno ni en casa cubierta. Donde no hallase ropa, sabía dormir ençima de una tabla".

Era de orixe bastarda. Seu pai, Fernán Yáñez, tivérao de resultas dos seus amoríos cunha familiar da condesa de Ribadavia, probablemente unha irmá ou unha curmá. Como fillo ilexítimo, procuróuselle un futuro tranquilo na carreira eclesiástica, establecendo seu pai a Esteban de Sotuelo coma mestre de seu fillo. Mesmo o monarca castelán Henrique IV pronunciou o seu nome para ocupar a mitra compostelá en mans dos Fonseca, familia que non mantiña moi boas relacións coa coroa. De feito, o citado monarca consideraba os Soutomaior necesarios para ver freadas as ansias do arcebispo de Santiago.

Tralo falecemento de Fernán Yáñez, sucédeo no morgado o seu lexítimo primoxénito, Alvar Páez de Soutomaior, casado con dona María de Ulloa. O seu mandato non estivo exento de confrontacións cos Sarmiento, inimigos acérrimos dos Soutomaior. Os intereses de ámbalas dúas casas chocaban frontalmente polo control do sur da actual provincia de Pontevedra. Mais o matrimonio non deu os froitos agardados, e Alvar Páez lexitimou ao seu medio-irmán Pedro no ano 1468, herdando este e actuando en contra dos desexos de seu pai, que se negaba a que un bastardo ocupase o máis alto escalafón familiar.

Os Irmandiños

Os soldados de Pedro Álvarez usaban modernos arcabuces na segunda guerra irmandiña. O da imaxe é de 1425
Afonso V de Portugal axudoulle a Pedro Madruga
Escena de batalla medieval

Precisamente neste mesmo ano a figura de Pedro Madruga entraría coma un vendaval no panorama político e militar da Galiza, xusto cando a segunda guerra irmandiña (1467-1469) eclosionaba e varría do panorama o poder nobiliar. Farto das inxustizas e desmáns da clase dirixente, o Terceiro Estado (apoiado por fidalgos e membros do baixo clero) erguese en armas contra os seus señores naturais. E durante dous anos fanse co poder efectivo do territorio derrocando canta fortaleza aparecia ao seu paso. Non imos analizar nestas liñas as causas do alzamento irmandiño, como tampouco as diferentes fases do conflito bélico. Interésanos máis a contraofensiva nobiliar e os seus efectos, onde a figura a estudar tivo un papel decisorio.

Ao comezo da revolta, Alvar Páez atopabase na vila de Tui, onde a súa liñaxe tiña postos grandes intereses no seu control. Alí probablemente foi o escenario do seu recoñecemento como morgado dos Soutomaior. Asediado pola irmandade, Pedro foxe para Portugal, onde bos valedores o agardaban, e nesa mesma vila morrerá seu irmán. Neste período contrae nupcias con Tareixa de Távora, filla do cabaleiro Alvaro Pérez de Távora, fidalgo portugués de certa importancia.

Rematada a inestabilidade nobiliar entre os nobres partidarios do monarca e a liga desafecta a este, a nobreza galega comeza a manter contactos co obxectivo de coordinar unha ofensiva sobre Galiza e recuperar o poder perdido; nacía deste xeito, e para sorpresa de moitos, unha confederacion nobiliar onde se inscribiron aqueles que ata o momento estiveran ensarillados en guerras privadas, acérrimos inimigos. Chegados a un acordo, decidiuse atacar con tres exércitos que penetrarían no territorio galego por tres frontes:

  • Pedro Madruga, grazas á colaboracion do rei portugués Afonso V e do seu sogro, logra reunir un exército mixto de galegos e portugueses e entra polo sur de Galiza coa intencion de reunirse en Compostela co arcebispo Fonseca e Juan de Pimentel (irmán do conde de Benavente).
  • Dende Salamanca parte o arcebispo Fonseca, á cabeza dun segundo exército acompañado do citado Pimentel e outros cabaleiros da cidade castelá.
  • O terceiro continxente parte de Ponferrada, comandado polo conde de Lemos (D. Pedro Álvarez Osorio) acompañado polo marechal Pero Pardo de Cela, co obxectivo de chegar ata Monforte.

Mais o protagonismo absoluto recae no de Soutomaior, cuxa iniciativa e ferocidade en combater os irmandiños foi salientable. O primeiro obstáculo a sortear tomou o nome da Framela ou Famela, castro situado no concello de Cotobade e do que previsiblemente se valerían os irmandiños para acometer ao Soutomaior. Unha vez mais é Vasco de Aponte quen nos relata o sucedido:

Salio Pedro Alvarez de Portugal con muchos de sus vasallos (...) y con esos y sus amigos juntó çien lanças y dos mil peones poco más o menos (...) los de la comunidad y del obispado de Tuy y Orense y del arçobispo de Santiago (...) se le atravesaron delante en el camino (por lo menos serían quatro mil o çinco mil villanos) [...], como buen cavallero esforço los suyos y acometió a los otros de tal manera que los vençió (...). Esta fue la da Famela o da Framela.

O seguinte enfrontamento constituiuno Pontevedra, que presentou batalla a Pedro Madruga comandada por Lópe Pérez Mariño, da liñaxe dos Lobeira. Desta ocasión sorteouse o obstáculo de xeito menos expeditivo. Probablemente en inferioridade numérica e canso tralo encontro anterior, Pedro Madruga botou man do enxeño e cunha simple treta burlou a ferocidade do adversario que se amparou tras os muros da cidade:

... puso su gente en ordenança, delante de la qual para escudarse puso lanças largas y ballesteros, y en pos de ellos los cavalleros pegados a ellos, y yendo más adelante, y él acerca dellos.

Desta guisa pasaron xunto aos muros cando a marea deu baixado, seguindo sen oposición ata a cidade arcebispal. Fonseca e Xoán de Pimentel mantiñan a cidade baixo asedio cando don Pedro Álvarez de Soutomaior recalou na cidade arcebispal. Ante eles presentaba batalla Pedro Osorio cun exército que tenian de diez mil hombres arriba entre fidalgos e viláns. Ante a indecision do Fonseca e do Pimentel, Pedro Madruga recrimínalles a súa actitude e botando man dunha valentía desmedida, arremete contra o exército inimigo gañando o decisivo lance para a causa señorial. Os autores sitúan este triunfo nun lugar chamado Balmacige (ou a Álmaciga, como apunta algún autor), lugar preto de Santiago. A descrición que nos fai deste episodio Aponte fai fincapé na ousadía e descaro do de Soutomaior, que fai alarde da fama que o precederá ao longo da sua convulsa vida:

Aqui somos entre gallegos , portugueses y castellanos treçientas lanzas; arremetamos a Don Pedro, que si le desbaratamos, todos los otros fugiran. Y dicho esto se armó de presto con unas armas mal bruñidas, y vestido de ropas baxas porque no le conoçiesen, salió al campo dando voçes: A Don Pedro, a Don Pedro; y todos juntos los suyos arremetieron a los contrarios tan reçiamente que no los osaron esperar en el campo. Y fugiendo Don Pedro todos fugieron, de manera que quantos pudieron ser alcançados quedaron unos muertos, otros feridos o presos;...

Logo desta fazaña, o exército da irmandade tiña os días contados. A partir de aquí axudaríalles aos seus aliados a recuperar os seus dominios.

Castelo de Ribadavia, pertencente á familia Sarmiento

A morte da Condesa de Santa Marta

Teresa de Zúñiga detentaba o señorío das terras de Ribadavia tras enviuvar de don Diego Pérez Sarmiento, falecido no 1465. Cando a revolta irmandiña se alzou na Galiza, a nobre Teresa adoptou unha estratexia de achegamento ao terceiro estamento coa idea de verse ceibe da presión da que era obxecto por parte dalgúns señores que pretendían desprazala do poder e apoderarse dos seus señoríos: Sancho de Ulloa, Diego de Andrade e Pero Pardo de Cela. Mais non conseguiu o que desexaba, e traizoando aos dous primeiros, captúraos en Melide e exíliase cos prisioneiros en Mucientes (Valladolid), onde detentaba señorío.

No 1470, derrotados os irmandiños pola reacción nobiliar e acaudillados por Pedro Madruga, Teresa de Zúñiga decide liberar os cativos e voltar a Galiza coa intención de tomar posesion do señorío de Ribadavia no nome de seu fillo, Bernardino Sarmiento, en minoría de idade. Segundo nos relata Vasco de Aponte, Zúñiga non era precisamente unha excelente diplomática, e foi a súa actitude pretenciosa e con pouco tacto a que a levou á tumba; pois os seus vasalos, logo de dous anos libres das presións e inxustizas señoriais, non permitiron este comportamento que lles lembraba anos pretéritos, e matárona: [...] su tía, se avenía mal con los suyos por sinraçones que les haçia... . Parece ser que a dita señora foi alanceada e arrastrada pola praza da vila xunto co seu meiriño Pedro Oxea.

Logo deste episodio é cando entra en escena Pedro Madruga. O Soutomaior xa fora advertido pola condesa da súa chegada a Ribadavia; nun primeiro momento o seu sobriño, Sancho de Ulloa, comprometera a súa palabra de que lle axudaría a recuperar as súas terras unha vez que a condesa o liberara, mais chegados a Galiza pareceu esquecer a promesa. Deste xeito recorreu ao outro sobriño, Pedro Madruga. A represión que levou a cabo o Soutomaior foi moi dura e cruenta:

... hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço.

Igrexa do Mosteiro de San Clodio ao que pertencía o abade obxecto da acción de Madruga

Non fai falla dicir que o Madruga era célebre polos métodos expeditivos aos que adoitaba recorrer. É salientable subliñar neste punto a humillación á que é sometido o abade do Mosteiro de San Clodio do Ribeiro; algún autor indica que quizais o caudillo feudal mantiña algún tipo de contenciosos co abade, ou talvez este fora unha sorte de instigador do asasinato da condesa. Mais non remata aquí o episodio.

Logo do castigo infrinxido contra o campesiñado e o citado abade, Pedro Madruga leva a cabo unha acción máis no castelo de Ribadavia. Parece ser que xunto a el permanecía na fortaleza o señor de Sobroso, Diego Sarmiento de Soutomaior, en calidade de familiar da falecida. As relacións entre ámbolos dous señores feudais non pasaban por ser boas, mais ben todo o contrario. As disputas polo control do sur de Galiza eran continuas.

Un emisario do arcebispo compostelán Fonseca chegou ao castelo portando unha misiva de seu señor para Diego Sarmiento, atopouse con Madruga e inquirido por este emisario se el era don Diego, respostou afirmativamente. Na mensaxe en cuestión o arcebispo apremiaba a Diego Sarmiento e aos seus a que se aviñesen ao seu bando e matasen a Pedro Madruga. Sen máis dilacións, Pedro Madruga tomou a iniciativa e cortoulle a cabeza ao Sarmiento. Tamén tentou atrapar e degolar os principais seguidores do nobre, pero estes lograron fuxir ao abeiro de Compostela. Deste episodio fálanos un notario de Pontevedra interrogado durante o preito Tabera - Fonseca:

oyo dezir a muchas personas que dicho Pedralvarez tenia enemistad con el dicho señor patriarca por causa quel dicho señor patriarca fuera en consentimiento e acuerdo con el conde de Ribadabia e con Diego Sarmiento en que degollasen e matasen al dicho Pedro Alvarez y que estando en la villa de Ribadavia juntos (...) enviara el dicho señor patriarca a un onbre con çiertas cartas a Ribadavia para el dicho Diego Sarmiento e que llegando el dicho onbre (...) encontrara con el dicho Pedro Alvarez e le pescusara por Diego Sarmiento e quel dicho Pedro Alvarez le dixera: Yo soy, e quel dicho onbre le diera las dichas cartas (...) e por el aviso dellas el dicho Peralvarez matara al dicho Diego Sarmiento e quedara dende alli enmigo del patriarca...

Hai autores que defenden que esta brutal reacción do señor de Soutomaior se inxire directamente baixo o tecido político e de intereses da nobreza galega. Por unha banda eliminaba un rival directo polo control do sur de Galiza, a inimizade Soutomaior-Sarmiento é de sobra coñecida; mesmo tentou atrapar no castelo tanto os cabaleiros afectos a don Diego Sarmiento de Soutomaior como o arcebispo Fonseca. Por outra banda, establecia a ruptura oficial do pacto señorial imperante na Galiza para lles facer fronte aos irmandiños. Pedro Madruga erixírase coma o antifonseca máis pertinaz, líder indiscutible da bandeiria (onde podemos destacar os Moscoso) que se formará na contra da sé compostelá.

Unha terceira sorte de beneficio para a figura de don Pedro foi o extremo da represalia contra os labregos levantiscos. A hipótese que algún autor baralla estriba no achegado da revolta irmandiña, como querendo castigar tamén polo acontecido ou soliviantando os ánimos para unha posible resposta campesiña.

A Liga Anti-Fonseca

O rei Henrique IV de Castela

O episodio de Ribadavia foi quizais a gota que colmou o vaso que as tradicionais querelas e enfrontamentos, entre as diferentes faccions de poder na Galiza medieval, foran enchendo ao longo dos séculos. As intencións dos Moscoso e os Soutomaior polo control de territorios e vilas, prebendas e rendas do arcebispado compostelán eran xa abondo coñecidas. As diferenzas semellaban irreconciliables e a única vía aberta para solucionalas recaía no enfrontamento armado. Mais antes cabería salientar un episodio acaecido nos precedentes do alzamento da irmandade galega e que nos servirá de presentación para o tema a tratar neste apartado.

Alonso de Fonseca I, bispo de Sevilla, acudiu a pacificar a terra santiaguesa no lugar de seu sobriño Alonso II de Fonseca , namentres este último ocupaba o asento de seu tio. A intencion era que o tío, dun forte carácter, se impuxera na sé catedralicia restituindo o tradicional poder dos arcebispos. A inexperiencia do seu xove sobriño propiciaría de seguro a perda de poder efectivo que caería nas mans dos cabaleiros da terra de Santiago. Unha vez conquistado este punto, ainda tivo que discutir co sobriño, que acomodado á pracenteira vida andaluza non quería regresar a Galiza. Neste punto habería que facer un inciso de certa importancia.

A situacion política en Castela apresentabase complicada, era moita a nobreza que non gostaba do monarca Henrique IV; inclinábanse cara o seu medio-irmán Alfonso, desexosos de ver prevalecer os seus intereses. Os Fonseca abandeiraban claramente a opción alfonsina. O rei castelán ordenoulle ao xove esquivo que ocupase sen demora a mitra arcebispal, e finalmente o xove Fonseca cumpriu a demanda e volveu á Galiza.

Mais o seu comezo non foi demasiado agradable, debido ao recorte das competencias no cargo de Pertegueiro Maior de Santiago e á creacion dun alcalde maior na figura do licenciado Rodrigo Maldonado, disgustaron sobremaneira a Bernal Yañez de Moscoso, á sazón pertegueiro, abrironse novamente as hostilidades e os Moscoso lanzaronse en violentas cabalgadas polas terras de Santiago. Incluso nunha noite en Noia capturaron o mesmo Fonseca, que estivo retido polo período de dous anos (nos que estivo metido nunha gaiola na cheminea do castelo de Vimianzo durante unha tempada). Ante a imposibilidade de pagar o rescate esixido por Bernal Yañez, a familia de Fonseca tivo que acollerse á catedral ante o avance dos Moscoso, que os sitiaron. Neste sitio atoparia a morte a cabeza dos Moscoso dun certeiro dardo que foi parar ao seu pescozo.

Parece ser que esta manobra, exceptuando a morte do señor de Altamira, puidera estar ben calculada por Henrique IV. Mentres ordenaba que Fonseca II tomara as rendas de súa sé, enviaba cartas secretas mediante Fernán Sardiña ao conde de Lemos e ao señor de Moscoso. Mentres o conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, facía caso omiso desta, o señor de Moscoso tomara partido axudado por Álvaro Páez.

" Diredes a Bernaldiánez, mi vasallo, que si servicio e placer me ha de hacer, luego se conforme e confedere con Álvaro de Sotomayor, post poniendo toda qüestion e debate que entre ellos sea, e ansí confederados se apoderen de la ciudad e villas de todo el arzobispado de Santiago y lo entreguen a Pedro Álvarez de Sotomayor, e le ayuden con sus gentes a cobrar la posesion e fortalezas dél, porque mi voluntad determinada es que él sea arzobispo de Santiago, e que ansí lo fagan non embargante cualesquier mercedes que yo haya dado(...) Diredes al dicho Bernaldianez que en ninguna manera, si placer me desea facer, deje de tener a gran recaudo e non suelte al arzovispo que fue de Santiago, que ten preso, aunque sobre ello le muestre qualesquier mis cartas escritas de mi mano o en otra manera, fasta que yo le envie la señal que con vos le envio, o le enregue el dicho arzobispo a Álvaro de Sotomayor. (...), e les prometo las mercedes que vos, el dicho Fernán Sardiña, de su parte me haveis suplicado, e que de lo contrario havria gran enoxo e procedria contra ellos...."

Unha das torres da Fortaleza de Altamira propiedade dos Moscoso.

A proba proposta semella contundente: en decembro de 1466 firmarían unha paz moi vantaxosa para os Moscoso. Pola contra, Fonseca debería exiliarse de Galiza por un período de dez anos. A revolta irmandiña constituiría o exilio forzoso de todos eles.

Coa terra xa pacificada e en mans dos seus antigos donos, as clásicas disputas señoriais comezaron a resquebraxar a confederacion que os mantiña baixo un mesmo pendón na contra do inimigo común. Fonseca rompe o pacto chegando a un acordo coa Irmandade, faise con Santiago (coas suas terras e fortalezas) e comeza a demandarlles aos nobres a devolución dos territorios que enseñoreaban e pertencían á Mitra, sobre todo a Lope Sánchez de Moscoso e a Fernán Pérez de Andrade. Os cabaleiros galegos, á súa vez, formaron unha liga na contra do arcebispo. Este tomou a iniciativa e foi cercar a fortaleza de Altamira. Os cabaleiros reuniron forzas no castro de Agua Pesada e, ante a tardanza de Pedro Álvarez de Soutomaior, pretendían iniciar marcha ante a oposicion de Gómez Pérez das Mariñas, quen logrou convencelos para que o agardasen: era mas viejo y muy sabio de las guerras; todos consentían con él.

Pedro Madruga fixo aparicion ao día seguinte e prestos presentaron batalla a Fonseca e os seus. Para o arcebispo foi un descalabro, fortemente derrotado tivo que sair a galope, mentres os seus inimigos saqueaban a súa tenda e capturaban o pendón e o seu alférez que o portaba.

A continuación os nobres atacaron os castelos de Mesía e de Vimianzo. No primeiro o enxeño de Pedro Madruga decantou a vitoria para o lado dos sitiadores, xa que lles cortou todalas vías de acceso, a auga e, logo de tres meses de asedio, renderon a fortaleza. En Vimianzo Pedro Madruga acudiu no apoio de Lope de Moscoso e no 1472 caeu a fortaleza e acadaron o control dos estados do arcebispado. O 3 de novembro de 1470 firmaran o pacto de Puente cabrero o conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio, o vizconde de Monterrei Juan de Zúñiga, Pedro Ávarez de Soutomaior, Sancho de Ulloa, Lope Sánchez de Moscoso, Diego de Andrade, Suero Gomez de Soutomaior e Diego de Lemos. Nel contemplábase a axuda mutua na contra de Fonseca.

Ficheiro:Castelo-vimianzo.jpg
Castelo de Vimianzo

Apenas un par de meses despois, o conde de Lemos abandonaba a alianza, ocupando o seu lugar o Adiantado Maior de Galiza don Fernando de Pareja, nobre foráneo. En Carboeiro asinan un novo acordo, cunhas claúsulas máis amplas e debuxando xa unha ofensiva que lle dera o mazazo definitivo. Pareja aportaba á causa tropa traída de Castela e subvencionada polo rei. Isto foi no 1471. Pareja pouco duraría. Luis de Acevedo, irmán do arcebispo, derrocou a súa fortaleza de Melide e levouno á presenza do patriarca. Ambos aviñeronse e decidiron colaborar para apaciguar os ánimos levantiscos da nobreza. Mais nada se puido facer xa; o resto dos firmantes do pacto en Carboeiro cabalgaban polas terras arcebispais derrocandolle as fortalezas. No sur Pedro Madruga, fornecido pola longueza do monarca (recibira deste xuro de herdade por valor de 150.000 marabedís nas rendas de Pontevedra, Vigo e Redondela, pertencentes ao arcebispado), campaba as súas anchas e, sabedor da fereza do contrincante, decidiu achegarse ao bispo de Tui Diego de Muros como tamén aos Ulloa.

Mosteiro de Carboeiro

Diego de Muros fora vítima da rapacidade do de Soutomaior, xa que este controlaba Tui e grande parte das rendas do señorío. Decidiron confederarse para derrotalo. Ese ano traeria baixo do brazo un suceso que daría un xiro ao panorama galego, cada quen posicionaríase onde mellor lle conveu. O 11 de decembro de 1474 morría Henrique IV, abriríase unha contenda civil pola consecución do trono entre Isabel e a infanta dona Xoana "A Beltranexa". Os iniciais problemas que o monarca castelán tivera coa nobreza xa viñan de lonxe. No seu reinado personificaríanse na figura de seu irmán bastardo don Alfonso. Ao seu arredor arremuiñábanse unha serie de magnates poderosos coa intención de alzalo coma rei; aducían que a filla do rei era en realidade vástaga dos amoríos da raíña, Xoana de Portugal, e de don Beltrán de la Cueva (pois corría un rumor sobre a impotencia do rei). O manifesto de Burgos de 1464 recollía este aspecto ademais de acusacións da mala xestion do reino. Presionado polos rebeldes, Henrique IV recoñece a Afonso como o seu sucesor na coroa; pero debido ao continuo ataque aos intereses do rei, a opción bélica toma as rendas do conflito. A resposta materialízase na farsa de Ávila, onde Henrique IV é ridiculizado e Afonso alzado coma rei. O falecemento do infante Alfonso no 1468 non frea os rebeldes, agora tomarán coma estandarte a Isabel, irmá do monarca. Finalmente Henrique cederá ás presións recoñecendo a Isabel coma futura raíña en Toros de Guisando no 1468, apenas dous meses despois da morte do infante.

De aqui trasladámonos a 1474. Henrique IV atópase coa morte non sen antes deixar escrito que non recoñecía a Isabel coma lexítima sucesora e cedía á súa filla o trono, sendo a razón o matrimonio con Fernando de Aragón. Obviando este punto, dous días despois coroase Isabel raíña de Castela, polo que a guerra civil estaba servida.

As Guerras Isabelinas en Galiza

Morto Henrique IV, a maioría da nobreza castelá e aragonesa apoiou a Sabela de Castela
O bando que apoiou a Xoana a Beltranexa foi escaso, sobresaíndo Pedro Álvarez

Na Galiza o debuxo de lealdades estaba claramente esbozado antes desta data, e xurdiron dous bandos para a sucesión da coroa de Castela:

  • Partidarios de Sabela: Acaudillados por Fonseca, tomaron partido por Isabel o conde de Lemos, o vizconde de Monterrei, o conde de Benavente e o clan dos Pardo de Cela, Saavedras, Bolaños e Ribadeneiras. En realidade, a maioría da nobreza laica e eclesiástica apoiaba a Sabela.
  • Partidarios de Xoana: Fronte a eles estaba Pedro Madruga, consecuente cos seus lazos familiares, que apoiaba a causa da infanta dona Xoana a Beltranexa. Tamén estaban neste bando algúns nobres laicos galegos e a coroa portuguesa.

Como dixemos, a coroa portuguesa apoiou activamente a causa da infanta dona Xoana, polo que Pedro Álvarez de Soutomaior, casado con Tareixa de Távora, contou deseguido con axuda de alén o Miño. De feito no 1475, Afonso V de Portugal concedialle o título de conde de Caminha e oferecíalle homes cos que fornecer a súa privilexiada posicion no sur do país. Acaudillando tropas portuguesas tomará Tui, Baiona (da que se autointitulará Mariscal), Pontevedra, Vigo, Redondela, Caldas de Reis, Padrón, os portos da comarca de Arousa, asi como tamén as fortalezas de Castro de Montes e de Sobroso, esta derradeira aos Sarmiento que estaban polo arcebispo. Ambos os dous caudillos sabían que xogaban algo máis que un posicionamento político; tiñan a perfecta escusa para continuar a maior escala a guerra privada que levaban sostendo.

As hostilidades comezaron en 1476 e o escenario elexido en Galiza foi Pontevedra. Tras os seus muros achábase o Soutomaior con ''setenta o ochenta lanças y dos mil peones, haçienso cavas y palancotes adonde vía que cumplía, repartiendo la gente en cada estanza la que haçia menester; y con la que sobraba, cada día salía al campo a escaramuçar y hacer pláticas con sus enemigos. Xunto a Fonseca estaba o conde de Monterrey don Sancho Sánchez de Ulloa e don Ladrón de Guevara, almirante de Castela de orixe biscaiña e comandante dun escuadra que bloquearía Pontevedra dende o mar. Este almirante castelán traía cartas dos reis para os cabaleiros galegos que aínda non tomaran partido -para que lles obedecesen aos reis e acudisen en axuda de Fonseca-: Diego de Andrade, Lope Sánchez de Moscoso e Suero Gómez de Soutomaior. Estes cabaleiros acudiron de non moi boa gana, algo que non disimularían durante o asedio á vila, dada a pasividade das súas accións e das ordes explícitas de Pedro Álvarez aos besteiros de que non tirasen contra eles. A eficacia de Pedro Madruga fíxose evidente co devagar dos días, polo que se deseñou unha celada coa que capturar o caudillo feudal. Un criado do conde de Monterrei chamado Fernando Calvacho, co pretexto de levar un correo para o conde de Caminha, debia ferir o cabalo: ...mientras la leyese, cortase las piernas a su cavallo. Sempre alerta e desconfiado, Madruga non permitiu achegarse ao criado e o plan frustrouse. Ante este panorama, decidiuse abandonar o sitio.

Uns meses máis tarde, acompañado do conde de Monterrei, Pedro Pardo de Cela e os Ribadeneiras tentarono unha vez máis con idéntico resultado. O momento de maior drama para os sitiados aconteceu cando as tropas de Fonseca traspasaran as primeiras liñas de defensa e estaban a piques de colocar as escalas para sortear os muros da cidade. A valentía de Pedro Álvarez de Soutomaior voltou a xogar un papel fundamental. Á cabeza da súa hoste cargou contra o inimigo acometiendoles tan reçiamente que fuxiu en desbandada ...y él corriendo tras dellos, firiendo y matando.... Isto obrigou ao arcebispo a firmar unha tregua ata a primavera seguinte.

O ano seguinte un novo episodio deste convulso século XV trasladouse á cidade da Coruña. Os reis entregaran esta cidade de reguengo coma mercede aos seus servizos a don Rodrigo Alonso Pimentel, conde de Benavente. Baixo promesas de recibiren unha suculenta recompensa, atraeu a Lope de Moscoso, a Suero de Soutoamior e a Pedro Álvarez. Diego de Andrade, que devecía polo control da cidade dende había anos, entrou con homes de armas na mesma acudindo á chamada do concello. Escribiu ao rei que debía facer e este respostoulle que a defendese. Así foi e ante a imposibilidade de tomala (a flota portuguesa chamada polo de Soutomaior deu media volta en Muxía), os monarcas tomaron novamente cartas no asunto e ordenáronlle ao de Benavente que debía sair da Galiza co seu exército e regresar pasados uns meses para tomar posesion da cidade. Humillado, mastigando o orgullo mancillado, tomou preso en Padrón a Pedro Madruga. Conduciuno ata as súas terras no Bércio. Alí mantivoo retido durante un ano. No 1478, grazas a unha manobra de Alonso V, foi canxeado por cabaleiros casteláns entre os que se atopaba Luis Pimentel.

De regreso a Galiza, o panorama apresentabase desolador, moito tiña trocado a situacion na súa ausencia. Todalas vilas e portos que conquistara ao arcebispo estaban novamente no seu poder, así como as fortalezas de Trinidade e Santa María de Alba. Ademais, construira a torre do Castrizan (O Penedo do Viso, Arcade) xusto no corazón dos estados do conde de Caminha. Esta torre escrutaba o castelo de Soutomaior. Tamén en Ponte Sampaio erixiase unha nova torre co pendón dos Fonseca e en Cangas construíra o castelo de Daravelo. Ademais, Baiona fora tomada por Ladrón de Guevara. Sen o apoio agora de Portugal, a recuperación de tantas perdas semellaba imposible; Pedro Madruga non se amilanou perante as adversidades, senón que, mais pertinaz que nunca, se decidiu a restablecer o seu vello esplendor.

O derradeiro alento de Madruga

Os Reis Católicos foron inimigos acérrimos de Pedro Madruga

A súa situación viuse cuberta de escuros nubarróns cando os Reis Católicos se deciciron a rematar dunha vez por todas coa anarquía reinante no Reino de Galiza. Os Montenegro dominaban Pontevedra por orde de Fonseca; Gregorio de Valladares apoiabaos tamén no sur; e García Sarmiento oteaba os seus movementos dende o castelo de Sobroso, lugar dende o que saqueaba as terras dos Soutomaior.

O primeiro paso foi rematar coas incursións de saqueo. En certa ocasión na que García Sarmiento encabezaba unha destas partidas, desestimou a advertencia dos seus homes que viran nos altos un home que os asexaba, e caeu nunha emboscada artellada polo Madruga, de maneira que foi capturado por un escudeiro chamado Vasco Falcón. Acudiu con sustanciosa présa a Sobroso, ameazando con cortarlle a cabeza se non rendían o castelo, mais a teima do seu alcaide convenceu a Pedro Madruga para sitiar a praza. Unha vez máis, Fonseca e Sancho de Ulloa cabalgaron para romper o asedio. O conde de Caminha tomou as oportunas medidas: fiço gran barrera y un gran palancote, y avituallose de todo lo que le haçia menester para la gente, y cavallos.

O exército de apoio atopouse con que non podía atacar a posición de Madruga con éxito, e coa raia de Portugal preto temían que os portugueses os colleran en dúas frontes. Prepararon unha celada e comezaron a insultar aos portugueses que estaban co conde; saíron correndo cara a trampa enoxados e moi poucos regresaron da refrega. Esa noite o de Soutomaior prendeulles lume ás defensas e fuxiu do lugar.

Entre 1478 e 1479 a actividade do nobre foi frenética e as súas vitorias axiña lle devolveron a influencia perdida no sur de Pontevedra. Fustrigaba con rabia os homes do arcebispo, cabalgaba roubando polas súas terras, cortoulles as cabezas a Gregorio de Valladares e a Tristán Montenegro... Quizais o derrubamento da torre do Castriçan represente o cumio do seu retorno ao control dos seus antigos pagos. A torre fora edificada aproveitando a prisión do conde polo arcebispo nun monte enfronte do Castelo de Soutomaior. Dende aquí podía vixiar o corazón dos estados do inimigo. Tamén servía como punto de apoio estratéxico para as algaradas que saían de Pontevedra ou de Vigo. Vasco de Aponte relátanos que o mesmo Pedro Madruga estudaba, ás agachadas, o xeito de tomar a praza que tanto dano lle causaba:

Y tantas noches la rodeo, unas antes de çena y otras estando a çenar, y otras a la media noche, y otras antes del alba, y todo por noches muy frías, y otras muy ventosas, y otras muy lluviosas (...) una noche de agua entró con ellos.

Asaltou a torre con ímpetu e os seus moradores decidíronse a entregarlla. A torre foi derrubada. Logo disto pasouse a Portugal deixando ben fornecidas as fortalezas, xa que un exército arcebispal chegaba para rematar dunha vez por todas co seu poder. Nesta ofensiva ocorreu a defensa a ultranza do castelo de Salvaterra. Corría o ano 1479, e os Reis Católicos, fartos xa das desavinzas e rebeldías do magnate galego, tomaron a decisión de apoiar os seus inimigos para rematar dunha vez por todas co seu poder. Deste xeito decidíronse a apoiar o bispo Diego de Muros, figura castigada en exceso polo Madruga, e ao cal lle tiña tomada a vila de Tui; Diego era un home que tiña demostrada unha lealdade inquebrantable á coroa.

Castelo de Sobroso, que tamén posuíu e atacou o Madruga

A pacificacion de Galiza era unha das contas pendentes da monarquía, baluarte primordial para defender a fronteira portuguesa e solar do apóstolo Santiago. Nomearon virrei de Galiza a don Fernando de Acuña, que estaba acompañado do licenciado Chinchilla (acudía en calidade de Xustiza para crear un tribunal real). Ademais farían todo o posible para que o arcediago de Camaces que os precedera levara a bo porto o orzamento de Irmandades, e proporcionarlles carácter legal co que poder golpear a nobreza rebelde. Os primeiros decretos esixían o derrubamento de fortalezas, e o axustizamento de malfeitores. Na maioría dos casos asetaban cabaleiros e criados de nobres, sen xuízo previo e sen ningún tipo de legalidade. No caso de Pedro Álvarez de Soutomaior derribáronlle as fortalezas de Cotobade, Santa María de Alba, Trinidad, Tebra e Castro Maceira. Tamén lle entregou Tui ao bispo Diego de Muros. Aínda así, o bispo xuntou un continxente de 400 homes e foi poñer cerco a Fornelos. Ao seu carón cabalgaban García Sarmiento, o correxedor de Baiona, Lope de Montenegro, Francisco de Avalle e Lope de Avalle. Só 15 homes a defendían, ben provistos das novedosas espingardas e trabucos. No lance un escudeiro chamado Alonso Ramírez, armado precisamente cunha destas armas, acabou coas vidas de ámbolos dous Avalle:

Mais un escudero llamado Alonso Ramírez, creo que era portugués, conoçiendo estos dos capitanes delanteros por enemigos mortales de su señor el conde, armó una espingarda y tiró, y dio a uno de los capitanes por en medio de los pechos o de la garganta, y pasándole todas las armas dio con él muerto en tierra. El otro capitán su compañero alço el capaçete, y queriendo ver cómo havía caído tan presto, ya el matador tenía armada o cargada la misma espingarda o otra, y tirole o disparole, y diole por la boca o por un ojo(...) muriendo estos dos capitanes, Francisco y Lope de Avalle.

As mortes destes cabaleiros non lles gustaron moito aos reis, cumpría botar man da diplomacia e Pedro Álvarez moveu dúas fichas. Por unha banda enviou cartas a Fernando de Acuña baixo o favor do conde de Lemos, conseguindo que Acuña non intervise; e por outra banda, mandou á corte a súa muller para falar cos monarcas. Corría o 1483 e o conde de Lemos Pedro Álvarez Osorio o Vello falecía. Morría un figura emblemática a quen todos gardaban respecto. En Mondoñedo, ese mesmo ano executaban o marechal Pardo de Cela. Temerosos do que podería pasarlles, os nobres galegos confederáronse novamente co fin de se ayudar e vandejar contra todo el mundo, obedeçiendo al rey en caso de lealtad, y de no consentir a los governadores todo lo que quisiesen façer.

Caminha non perdeu o tempo e continuou o hostigamento habitual aos seus inimigos. Así, unha noite capturou en Baiona a Diego de Muros, depois de lle prender lume á casa onde durmía e agardar a que saíse. Pechouno en Fornelos, onde pasou un terrible cativerio no que perdeu os dentes debido ás insalubres condicións ás que se viu sometido. Alzáronse queixas ao gobernador Diego López e, ante as presións, Pedro Madruga ceibou o bispo, previo pago dun rescate.

O ocaso

O tempo e as circunstancias non xogaban a favor de Pedro Madruga. A presión real era abafante e o empuxe dos inimigos só lle permitían exercer unha guerra defensiva. O remate déronllo a súa muller Teresa de Távora e seu fillo Álvaro de Soutomaior. Nunha manobra cortesá conseguiron que os reis desposuíran de títulos e terras a Pedro Madruga e llos cederan ao fillo. Sen demora acudiu a Soutomaior, confabulou con algúns homes de seu pai e tomou o castelo de Soutomaior.

En Alba de Tormes foi preso e executado Pedro Álvarez

Pedro Álvarez montou en cólera e desherdou o fillo e chamou os aliados para recuperar a fortaleza. O conde de Caminha viuse só. O poder da coroa estaba detrás dos aconteceres. Desesperado e acurralado, o conde marchou de Galiza para Castela e reuniuse co Duque de Alba procurando o seu favor. Nos pagos do duque agardou o momento propicio; e este chegou cando os reis visitaron Alba de Tormes (Salamanca). O duque entrevistouse cos reis tentando o perdón rexio para o seu protexido, namentres o de Soutomaior agardaba o resultado da entrevista no mosteiro de San Leonardo. Foi neste lugar onde o cazou a morte no ano 1486. Non está moi clara a causa e Vasco de Aponte tampouco axuda á hora de aclarar o misterio:

Y unos dijeron que el conde muriera alli de dos carbúnculos (ntda. Carafunchos), otros dijeron que el alcalde Proinao entrara en el monasterio con sus porquerones, y que le echara garrote al pescueço; unos diçen que fue de una manera y otros diçen que fue de otra; quiça fue de entrambas maneras. (Porquerones: Ministro de xustiza que prende os delincuentes e os leva agarrados á cadea).

Pasaba á historia unha das máis emblemáticas figuras do medievo galego. Incansable na loita, respectado e temido por igual. A serie de hipóteses acerca da sua morte pasan polo envelenamento por orde de seu fillo ou da man dos reis fartos dos desmáns do nobre. Foi un personaxe que deu pé a moita lenda e louvanzas populares. O noso rei dise que o denominaban os seus vasalos. Sirva como exemplo esta copla:

Viva la palma, viva la flor,
viva don Pedro Madruga,
don Pedro Álvarez de Soutomayor.

Bibliografía

  • Aponte, Vasco de, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia, Int. e Edi. Crítica con notas, Santiago de Compostela, 1986.
  • Barros, Carlos, A Morte a Lanzadas da Condesa de Santa Marta(1470): Unha Análise, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela.
  • Couselo Bouzas, José, La Guerra Hermandina, presente edicion, Editorial Maxtor, Valladolid, 2003.
  • García Oro, José, Galicia na Baixa Idade Media. Igrexa, Señorío e Nobreza, Editorial Toxosoutos, Noia, 1999.
  • Massó, Gaspar, Pedro madruga de Soutomayor Caudillo Feudal, ed. Bibliofilos Gallegos, Santiago de Compostela, 1975.
  • Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo, Los señores de Galicia. Tenentes y Condes de Lemos en la Edad Media, Fundacion Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 2000.
  • Rodríguez González, Angel, La Fortalezas de la Mitra Compostelana y los Irmandiños I-II. Pleito Tabera-Fonseca, Fundacion Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1984. ISBN 84-85728-39-X
  • Taboada Moure, Pablo, El Castillo de Sotomayor y su Linaje, Revista de Estudios Provinciais, nº3, Pontevedra.
  • Varela, Paz. Castelos e Fortalezas de Galicia, Editorial Nigratrea, Vigo, 1999.

Ligazóns externas