Pensamento: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
m engado a Categoría:Pensamento mediante HotCat
Liña 101: Liña 101:
[[Categoría:Psicoloxía]]
[[Categoría:Psicoloxía]]
[[Categoría:Artigos que toda Wikipedia debería ter (Filosofía e psicoloxía)]]
[[Categoría:Artigos que toda Wikipedia debería ter (Filosofía e psicoloxía)]]
[[Categoría:Pensamento]]

Revisión como estaba o 4 de agosto de 2021 ás 13:08

Detalle d'O pensador, de Auguste Rodin.
Unha parella tomando unha decisión.

Este artigo trata sobre a actividade psíquica, para a planta de flor ver o artigo pensamento.

O pensamento[1] é a actividade e a creación da mente, o que permite ao individuo modelar o mundo en relación coas súas metas, plans, fins e desexos. É o produto das construcións mentais elaboradas froito da actividade do cerebro. Xa que é unha das actividades fundamentais do ser humano, o pensamento é estudado por diversas disciplinas, entre as que destacan a filosofía e a psicoloxía. O obxectivo básico do pensamento é dotar de significado o mundo exterior e a un mesmo, manipulando a información. A intelixencia é a habilidade persoal para pensar dun xeito máis efectivo. Segundo a concepción empregada, un pensamento pode ser sinónimo de idea ou do acto de producila. Cando se fala de pensamento, xeralmente faise referencia a calquera actividade intelectual ou mental. Neste sentido, pode facer referencia ao acto do pensamento ou ás ideas resultantes ou elaboracións das mesmas ideas. Hai conceptos similares que é preciso considerar, como a cognición, a sensibilidade, a consciencia e a imaxinación.[2]

Compoñentes do pensamento

O pensamento é unha operación complexa que consta de diversos compoñentes. Os máis recoñecidos son os seguintes:

Percepción

En contra do racionalismo, que consideraba os sentidos enganan, crese que a percepción ten un papel fundamental aportando datos ao pensamento. A percepción vai máis alá da simple sensación; é a ordenación que fai o cerebro do que lle chega do mundo exterior por medio da vista, o oído, o tacto, o olfacto ou o gusto. Para o empirismo, a percepción é a fonte fundamental do coñecemento.

Memoria

A memoria permite almacenar pensamentos baixo a forma de lembranzas e recuperalos cando sexa necesario. É básica para a supervivencia e a posibilidade de aprendizaxe. A memoria condiciona en parte a percepción, e dá un significado ou outro ás cousas novas para colocalas dentre do sistema xeral do pensamento. Adóitase distinguir entre memoria a curto prazo e a longo prazo.

Consciencia

A consciencia é a sensación de ser un suxeito e de estar esperto para poder pensar. Oponse a inconsciencia, postulada por Sigmund Freud. Intervén no pensamento como o centro ordenador de todos os outros compoñentes. Inclúe a sensación de ter un corpo e de ocupar un espazo material.

Emocións

Aínda que tradicionalmente se consideraba que a razón e as emocións son termos opostos, está claro que ambas as dúas inflúen á hora de formular un pensamento. O sentimento de almacenamento xunto coa lembranza, permite a transformación posterior deste último. Por este motivo, unha lembranza consideraba positiva ten máis posibilidades de ser evocada. Canto máis forte é unha emoción, máis afecta á concepción posterior; por iso, un trauma pode bloquear a percepción de determinadas experiencias.

Tipos de pensamento

O pensamento é un fenómeno psicolóxico racional, objectivo e externo derivado do pensar para a solución de problemas.
  • Pensamento dedutivo: vai do xeral ao particular. É unha forma de razoamento da que se desprende unha conclusión a partir dunha ou varias premisas.
  • Pensamento indutivo: é o proceso inverso do pensamento dedutivo, é o que vai do particular ao xeral. A base é a figuración de que se algo é certo nalgunhas ocasións, serao noutras similares aínda que non se poidan observar.
  • Pensamento analítico: realiza a separación do todo en partes que son identificadas ou categorizadas.
  • Pensamento de síntese: é a reunión dun todo pola conxunción das súas partes.
  • Pensamento creativo: aquel que se utiliza na creación ou modificación de algo, introducindo novidades, é dicir, a produción de novas ideas para desenvolver algo novo ou modificar algo existente.
  • Pensamento sistémico: é unha visión complexa de múltiples elementos coas súas diversas interrelacións.
  • Pensamento crítico: Examina a estrutura dos razoamentos sobre cuestións da vida diaria. Ten unha dobre vertente: analítica e avaliativa. Intenta superar o aspecto mecánico do estudo da lóxica.
  • Pensamento negativo: De modo sinxelo veñen sendo aquelas ideas propias que te fan sentir mal ou ideas alleas que crees que debeste sentir mal, e que te limitan ou pretendes limitar a outros.

Relación entre o pensamento e a linguaxe

  • O pensamento non só se reflicte na linguaxe, senón que o determina.
  • A linguaxe precisa do pensamento.
  • A linguaxe transmite os conceptos, xuízos e raciocinios do pensamento.
  • O pensamento consérvase e fíxase a través da linguaxe.
  • A linguaxe axuda ao pensamento para facerse cada vez máis concreto.
  • O pensamento é a paixón do ser racional, do que procura descubrir ata o máis mínimo e convérteo nun coñecemento.
  • O pensamento involucra unha estrutura coñecida como "a estrutura do pensamento".
  • A linguaxe é simplemente un manexo de símbolos (dígase codificación), o pensamento é un acondicionador da linguaxe.
  • O pensamento é o límite á acción inconsciente, xerada na maioría dos casos por mensaxes erradas ou mal interpretados.
  • As formas da linguaxe baséanse no pensamento, con todo estas non teñen unha relación de paralelismo, senón que son mutuamente dependentes, polo que é importante analizalas en conxunto.

O razoamento dedutivo usa a lóxica para pasar das xeneralizacións a unha conclusión máis concreta e específica. A razón dedutiva é o contrario da razón inductiva, que utiliza a lóxica para pasar de algo concreto dado a xeneralizacións. Moitos campos de estudo baséanse no razoamento dedutivo, polo que é importante que os estudantes aprendan a desenvolver este método de pensamento crítico. Os mestres usan diversas actividades divertidas para ensinar e practicar o razoamento dedutivo.Entón definimos que facemos uso do razoamento dedutivo na vida diaria xa sexa para determinar un día, unha hora, unha estrutura ou unha fisioloxía, en fin, ao que chegamos é que todo na vida derívase da lóxica, a determinación e a razón.

Operacións racionais

  • Razoamento analítico: división mental, é dicir, o pensamento divídese en dúas formas, esquerda e dereita. A parte dereita pode pensar todo o que é negativo e a esquerda todo o que é positivo.
  • Síntese: reúnese todo o que é mental para despois ser analizado ou lembrado.
  • Comparación: estabelece semellanzas e diferenzas entre os diferentes obxectos e fenómenos da realidade.
  • Xeralización: proceso no que se estabelece o común dun conxunto de obxectos, fenómenos e relacións.
  • Abstracción: operación que consite en separar por medio dunha operación intelectual un trazo ou unha cualidade de algo illadamente, ou consideralos na súa pura esencia.

Pensamento crítico

O pensamento crítico é un tipo específico de pensamento que analiza a validez do razoamento que se considera verdadeiro.[3] Este pensamento implica cuestionar as afirmacións propias e alleas, ser consciente dos prexuízos e falsidades aceptados pola costume ou pola coherencia co sistema de crenzas dominante. Pretende analizar ou avaliar a estrutura e a coherencia dos razoamentos, especialmente as opinións ou afirmacións que a xente acepta como verdadeiras no contexto da vida cotiá. Tal avaliación pode basearse na observación, experiencia, razoamento ou o método científico. O pensamento crítico baséase en valores intelectuais que intentan ir máis alá de impresións e opinións particulares, polo que require claridade, exactitude, precisión, evidencia e xustiza. Polo tanto, ten unha vertente analítica e unha valorativa. Aínda que usa a lóxica, tenta superar o aspecto formal desta para comprender e avaliar os argumentos no seu contexto e proporcionar ferramentas intelectuais para distinguir o razoable do irrazonable, o verdadeiro do falso.[4]

O pensamento crítico está intimamente ligado ao escepticismo e ao estudo e detección de falacias.

Bioloxía do pensamento

Imaxe dun cerebro por resonancia magnética funcional. Amosa as rexións da activación nunha comparación entre unha tarefa que implica un complexo movemento de estímulo visual e o estado de repouso (ollando unha pantalla en negro). As activacións (amarelo-vermello) amósanse (como é típico) nun contexto baseado na media de imaxes estruturais dos suxeitos no experimento.

Bioloxicamente, o pensamento humano recae no cerebro; é no cerebro onde se orixina o pensamento, froito da interacción entre os millóns de neuronas que contén (aproximadamente uns 100 mil millóns), as conexións entre estas (arredor de cen billóns, 1014) e os neurotransmisores.[5][6]

Porén, esta percepción é relativamente nova: no antigo Exipto, durante a momificacións, retirábase o cerebro xunto con outras vísceras como unha cousa impura, xa que se cría que o corazón era o responsable da intelixencia. Durante os seguintes 5 000 anos, esta visión foi evolucionando, xa que actualmente coñécese que é o órgano que serve para as funcións mentais, aínda que, coloquialmente, se mantiveran algunhas relacións entre o corazón e certas funcións emocionais.

Como todos os órganos, o cerebro evolucionou. A súa evolución amosa todos os estados polos que pasou o ser humano, xa que o cerebro evolucionou de dentre cara fóra.[7] A parte máis interior, e máis antiga, está composta polo tronco do encéfalo, que rexe as funcións biolóxicas básica (o latexo do corazón, a respiración...); sobre este atópase o complexo R, xa presente nos réptiles, onde radica a agresividade, a territorialidade, a xerarquía social e o ritual; arredor deste atópase o sistema límbico, fonte importante dos estados de ánimo e as emocións, da preocupación e o coidado dos novos. Finalmente, na parte exterior áchase o córtex cerebral. O córtex cerebral comprende dúas terceiras partes da masa cerebral, e é «onde a materia é transformada en consciencia».[7]

Un pensamento está composto por centenares de impulsos electroquímicos.[7] O hemisferio dereito do córtex é o responsable, principalmente, do recoñecemento de formas, a intuición, a sensibilidade e as intuicións creativas; mentres que o esquerdo sustenta o pensamento racional, analítico e crítico.[7]

Psicoloxía do pensamento

Os psicólogos concentráronse no pensamento como un exercicio intelectual para atopar unha resposta a unha pregunta ou a solución dun problema práctico.

A psicoloxía cognitiva é unha rama da psicoloxía que estuda os procesos mentais internos, tales como a resolución de problemas, a memoria e o linguaxe. A escola de pensamento derivada deste enfoque é coñecida como o cognitivismo , que está interesada en como as persoas mentalmente representan e procesan a información. Tivo as súas bases na chamada psicoloxía da Gestalt de Max Wertheimer, Wolfgang Köhler e Kurt Koffka,[8] e nos traballos de Jean Piaget, que proporcionaron unha teoría das etapas e fases que describen o desenvolvemento cognitivo dos nenos.

Os psicólogos cognitivos utilizan enfoques psicofísicos e experimentais para comprender, diagnosticar e resolver problemas, concentrándose nos procesos mentais que hai entre as accións de estímulo e resposta. A teoría cognitiva afirma que as solucións aos problemas toman unha forma algorítmica (normas que non necesariamente enténdense, pero propoñen unha solución) ou heurística (regras que se entenden, pero que non sempre garanten solucións). Noutros casos, as solucións poden atoparse coa perspicacia, unha repentina toma de conciencia mediante relacións.

Psicoloxía social

Artigo principal: Psicoloxía social.

A psicoloxía social é o estudo de como interaccionan as persoas e os grupos. Os estudosos nesta área interdisciplinaria son normalmente psicólogos ou sociólogos. A pesar da semellanza, as investigacións psicolóxicas e sociolóxicas tenden a diferir nos seus obxectivos, enfoques, métodos e terminoloxía. O período de maior colaboración entre os sociólogos e psicólogos foi durante os anos inmediatamente posteriores á segunda guerra mundial.[9]

O inconsciente colectivo, tamén coñecido como subconsciente colectivo , é un termo de psicoloxía analítica, ideado por Carl Jung. É unha parte da mente inconsciente, compartida pola sociedade, un pobo, ou todos os humanos, nun sistema interconectado que é o produto de todas as experiencias comúns e contén conceptos tanto de ciencia como de relixión e moral. Mentres que Freud non distinguía entre a psicoloxía dun "individuo" e unha "psicoloxía colectiva", Jung distingue o inconsciente colectivo do particular. O inconsciente colectivo tamén se coñece como "un depósito das experiencias da nosa especie".[10]

Na psicoloxía do desenvolvemento, Jean Piaget foi un pioneiro no estudo do desenvolvemento do pensamento desde o nacemento ata a madurez. Na súa teoría do desenvolvemento cognitivo, o pensamento baséase en accións sobre a contorna. Isto é, Piaget suxire que a contorna se entende mediante asimilacións de obxectos nos esquemas de acción dispoñibles, e estes acomódanse aos obxectos, ata o punto de que os esquemas dispoñibles quedan curtos respecto as demandas. Como resultado desta interacción entre asimilación e acomodación, o pensamento desenvólvese cunha serie de etapas que difiren cualitativamente as unhas das outras nas formas de representación e na complexidade da inferencia e a comprensión. É dicir, o pensamento evoluciona desde un estado no que se basea nas percepcións e accións na época sensor-motora durante os primeiros dous anos de vida, ata as representacións internas da infancia. Posteriormente, as representacións organízanse gradualmente, e entón operan sobre os principios abstractos que organizan propiedades concretas, na fase de operacións formais.[11] Durante os últimos anos, a concepción de Piaget sobre o pensamento integrouse con concepcións do procesamento de información. Así, considérase que o pensamento é o resultado dos mecanismos responsables da representación e o procesamento da información. Nesta concepción, o tempo de reacción, as funcións executivas e a memoria de traballo son as funcións básicas que fundamentan o pensamento.

A psicoloxía positiva defende que os aspectos positivos da psicoloxía humana son tan importantes como os trastornos do comportamento ou outros síntomas negativos. Na súa obra Character Strengths and Virtues, Peterson e Seligman listan unha serie de características positivas. Non se espera que unha persoa posúa todas as fortalezas, nin tampouco se espera que conteña a totalidade destas forzas. A lista alenta o pensamento positivo que se constrúe sobre as fortalezas dunha persoa, no canto de tentar atopar como solucionar os seus "síntomas".[12]

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pensamento.
  2. Webster (1999). Houghton Mifflin Company, ed. >Webster's II New College Dictionary (2a ed. ed.). p. 1.147. ISBN 0395962145. 
  3. Anna Argilés (1994). I Jornades de Didàctica de les Ciències Naturals i Socials al Baix Llobregat: celebrades a Sant Feliu de Llobregat els dies 28, 29 i 30 de setembre de 1992 (en catalán). L'Abadia de Montserrat. p. 136. ISBN 978-84-7826-580-0. 
  4. Luis Bravo Valdivieso (1994). Psicologia de las dificultades del aprendizaje (en castelán). Editorial Universitaria. p. 134. ISBN 978-956-11-0922-3. 
  5. Ajmal Beg (2010). Retraining Brain to Cure Mental Health Issues (en inglés). Ajmal Beg. pp. 1–. ISBN 978-0-9864740-2-6. 
  6. David Bueno; Enric Bufill; Francesc Colom; Diego Redolar, Xaro Sánchez, Eduard Vieta (28 març 2017). Profunditats de la ment, Les. Com percebem el funcionament del nostre cervell (en catalán). Edicions Universitat Barcelona. pp. 18–. ISBN 978-84-475-4029-7. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Sagan, Carl (2006). Cosmos. Barcelona: Publicacions i Edicions UB. p. 199. ISBN 8447531317. 
  8. Wertheimer, Max (1944). Gestalt Theory (en inglés). Hayes Barton Press. isbn 1-59377-695-0, 9781593776954. 
  9. Sewell, William H. (agosto 1989). "Some Reflections on the Golden Age of Interdisciplinary Social Psychology". Annual Review of Sociology (en inglés) 15 (1): 1–17. doi:10.1146/annurev.so.15.080189.000245. Consultado o 28 febrer 2014. 
  10. Jensen, Peter S.; Mrazek, David; Knapp, Penelope K.; Steinberg, Laurence; Pfeffer, Cynthia; Schowalter, John; Shapiro, Theodore (decembro 1997). "Evolution and Revolution in Child Psychiatry: ADHD as a Disorder of Adaptation". Journal of the American Academy of Child & Adolescent Psychiatry (en inglés) 36 (12): 1672–1681. doi:10.1097/00004583-199712000-00015. 
  11. Piaget, Jean (2001). The psychology of intelligence (en inglés). =traducido per Malcom Piercy (Reprinted. ed.). Londres [u.a.]: Routledge: Routledge. ISBN 0415254019. 
  12. Schacter, Daniel L.; Gilbert, Daniel T.; Wegner, Daniel M. (2011). "Positive Psychology". Psychology (2a ed. ed.). Nova York, NY: Worth Publishers. p. 584. ISBN 9781429237192. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos