Insectos: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Elisardojm (conversa | contribucións)
Elisardojm (conversa | contribucións)
→‎Galería de imaxes: cambio foto por outra mellor
Liña 91: Liña 91:
<center><gallery>
<center><gallery>
Ficheiro:La sauterelle 1868.jpg|Saltón
Ficheiro:La sauterelle 1868.jpg|Saltón
Ficheiro:Zapateiro 508eue.jpg|Zapateiro comendo
Ficheiro:Zapateiro Hygrotechuis conformis084eue.jpg|Zapateiro
Ficheiro:Insecto GDFL111.JPG|Insecto
Ficheiro:Insecto GDFL111.JPG|Insecto
Ficheiro:Bolboreta detalle Bastavales Galicia.jpg|[[Bolboreta]] en [[Bastavales, Brión]]
Ficheiro:Bolboreta detalle Bastavales Galicia.jpg|[[Bolboreta]] en [[Bastavales, Brión]]

Revisión como estaba o 27 de marzo de 2019 ás 01:08

A dos insectos (Insecta) é unha clase de animais invertebrados, do filo dos artrópodos.

A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía.

Diversidade e características

Os insectos comprenden o grupo de animais máis diverso da Terra, con máis de 800 000 especies descritas, máis que os outros grupos de animais xuntos. Os insectos pódense encontrar en case todos os ambientes do planeta, aínda que só un pequeno número de especies se adaptou á vida nos océanos. Hai aproximadamente 5 000 especies de libélulas, 20 000 de saltóns, 170 000 de bolboretas, couzas e avelaíñas, 120 000 de moscas, 82 000 de chinches, 350 000 de escaravellos, e 110 000 especies de abellas e formigas.

Algúns pequenos grupos de animais, tales coma os Collembola, Protura e Diplura, están relacionados cos insectos no subfilo dos hexápodos. Os insectos verdadeiros (os da clase dos Insecta) distínguense do resto dos hexápodos en parte por seren ectognatos (coas pezas bucais dispostas exteriormente). Moitas especies, aínda que non todas, teñen ás na súa fase adulta. Os artrópodos terrestres como os cempés, miriápodos, escorpións e arañas confúndense a miúdo cos insectos debido a que teñen estruturas corporais semellantes, pero non o son.

Anatomía dos insectos

O corpo dos insectos está formado por tres rexións principais: cabeza, tórax e abdome:

  • Cabeza: Situada na parte anterior do corpo. Nela encóntranse os órganos da alimentación e diferentes órganos sensoriais, os cales son: un par de antenas, ollos simples (ocelos), ollos compostos e as pezas bucais (un par de mandíbulas, un par de maxilas e o labio ou beizo), que varían moito segundo as ordes estudadas.
  • Tórax: está formado por tres segmentos e serven de soporte aos apéndices locomotores: tres pares de patas e, nos insectos alados (Pterygota), dous pares de ás, colocadas no segundo (mesotórax) e no terceiro (metatórax) segmento torácico.
  • Abdome: Compóñeo un número variable de segmentos (6 en colémbolos, de 8 a 12 en proturos e 11 no resto de insectos), sen apéndices ambulatorios, e contén os órganos dixestivos e reprodutores.
Anatomía dun insecto.
A.- Cabeza; B.- Tórax; C.- Abdome.
1.- Antena; 2.- Ocelo inferior; 3.- Ocelo superior; 4.- Ollo composto; 5.- Cerebro; 6.- Protórax; 7.- Arteria dorsal (aorta); 8.- Traqueas; 9.- Mesotórax; 10.- Metatórax; 11.- Ás anteriores; 12.- Ás posteriores; 13.- Estómago; 14.- Corazón; 15.- Ovarios; 16.- Intestino; 17.- Ano; 18.- Vaxina; 19.- Cadea ganglionar ventral; 20.- Tubos de Malpighi; 21.- Tarsómero; 22.- Uña; 23.- Tarso; 24.- Tibia; 25.- Fémur; 26.- Trocánter; 27.- Bocho; 28.- Ganglio torácico; 29.- Coxas; 30.- Glándula salivar; 31.- Colar periesofáxico; 32.- Pezas bucais; de esquerda a dereita: labro, mandíbulas, maxilas e labio.

Sistema nervioso

O sistema nervioso dos insectos está formado polo ganglio supraesofáxico ou cerebro, o ganglio subesofáxico e unha cadea de ganglios (un por segmento do corpo) colocados ao longo da rexión ventral do corpo, unidos por comisuras. O cerebro está composto pola fusión de tres ganglios (protocerebro, deutocerebro e tritocerebro) os cales inervan os órganos e apéndices da cabeza. O ganglio subesofáxico únese ao cerebro mediante as comisuras esofáxicas e está formado pola fusión dos ganglios mandibular, maxilar e labial. A cadea de ganglios ventrais presenta variacións, observándose unha tendencia á fusión dos mesmos tanto no tórax coma no abdome. Nos insectos existen ademais outros sistemas nerviosos, coma o estomogástrico, o cal controla os movementos dos sistemas dixestivo, circulatorio e os músculos oclusores dos espiráculos. E por último, o sistema periférico que desempeña funcións sensoriais.

Sistema respiratorio

A respiración realízase na maioría dos insectos dun modo pasivo (a través dun gradiente de concentración de oxíxeno), grazas a un sistema de traqueas, que se ramifican no interior do corpo e que se abren ao exterior a través duns orificios chamados espiráculos situados no tórax e abdome. En especies de gran tamaño coma as lagostas, a difusión pasiva resulta insuficiente, polo que realizan movementos cos músculos abdominais para forzaren a circulación dos gases.

Sistema dixestivo

Está composto por un tubo de tres seccións que reciben os nomes de intestino anterior (estomodeo), intestino medio (mesénteron) e intestino posterior (proctodeo), dos cales o mesénteron é o encargado da absorción dos nutrientes. Posúe glándulas salivares.

Sistema circulatorio

O sistema circulatorio dos insectos é un sistema aberto no cal os órganos son bañados directamente polo sangue (hemolinfa). Salvo excepcións, só existe un vaso sanguíneo dividido en cámaras. A zona posterior deste vaso denomínase corazón e está dotada de varias aberturas laterais chamadas ostíolos que permiten a entrada de sangue.[1] A parte anterior do vaso chámase aorta e consiste nun tubo recto e sen válvulas. O corazón aspira a hemolinfa da cavidade abdominal e propúlsaa cara á cabeza, a través da aorta, desde onde volve a filtrarse ós tecidos cara a cavidade abdominal. Nalgúns insectos existen bombas accesorias destinadas a irrigar as patas, as ás ou as antenas.

A hemolinfa é o líquido circulatorio. A súa composición varía moito dunha especie a outra. As súas principais funcións son:

  • Transporte de nutrientes cara ós tecidos e de refugallos aos órganos excretores.
  • Coagulación para o peche de feridas.
  • Mecánicas: transmite presión en determinadas partes do corpo. Por exemplo no proceso de muda ou na expansión das ás.
  • Inmunidade fronte á invasión bacteriana.
  • Transporte de osíxeno. Esta función é importante en moitos insectos acuáticos e nalgunhas ninfas. Na maioría dos casos o osíxeno é conducido a través do sistema traqueal directamente.
  • Transporte de hormonas. Por último cabe sinalar que os hemocitos (células sanguíneas) poden desempeñar funcións importantes no metabolismo.

Aparato bucal

O aparato bucal sufriu diversas especializacións nos diferentes grupos de insectos, pero de forma xeral segue algúns modelos básicos que dependen dos hábitos alimenticios:

  • Mastigador: Suponse que é o tipo máis primitivo. Está formado por un labio superior móbil, un par de mandíbulas sen palpos, dúas maxilas libres con palpos móbiles e un labio inferior que en realidade está formado pola soldadura de dúas maxilas e dotado de dous palpos. É propio dos ortópteros, coleópteros, neurópteros, arquípteros, moitos himenópteros e as larvas dos lepidópteros.
  • Chupador: Está constituído polo labro, epifarinxe, hipofarinxe, mandíbulas, maxilas, labio e palpos maxilares e labiais algunhas veces. Estas pezas forman en xeral un pico e cada unha alóngase como un estilete, capacitando ó insecto para picar os tecidos das plantas ou dos animais. Dentro de este apartado distínguense tres tipos:
  • O de probóscide ou trompa, que presentan algúns dípteros e está constituído por un labio superior ou labro-epifarinxe acanalado, e que forma un tubo ao soldarse coa hipofarinxe; unhas mandíbulas atrofiadas, unhas maxilas moi rudimentarias e con palpos maxilares e, por último, un labio inferior carnoso, brando e sen palpos labiais. O conxunto do labio inferior constitúe a probóscide ou trompa.
  • A espiritrompa, propia dos lepidópteros, está formada por un labio superior rudimentario, unhas mandíbulas moi pequenas ou totalmente ausentes, un labio inferior do que só quedan os palpos labiais e unhas maxilas moi alongadas e soldadas, dando lugar a un tubo enrolado en espiral, polo que recibe o nome de espiritrompa. Os palpos maxilares son curtos.
  • O de pico articulado, propio dos hemípteros, está composto por un labio superior que pecha a base da canle formada polo labio inferior, unhas mandíbulas alongadas en forma de láminas perforadas, unhas maxilas semitubulares que presentan dous acanalamentos (un alimenticio e outro salivar), e un labio inferior prolongado e articulado (pico) onde se aloxan as mandíbulas e as maxilas.
  • Lambedor: Integrado por un labio superior, dúas mandíbulas sen palpos, uns palpos maxilares alongados que forman un tubo onde se aloxa o labio inferior transformado nunha lingüeta moi longa, flexible e peluda. É propio dos himenópteros.
  • Picador: neste tamén se distinguen dúas variedades:
    • O de trompa perforante, propio dalgúns dípteros é formado por un labio superior en forma de estilete succionador, unhas mandíbulas e unhas maxilas afiadas e dentadas, e un labio inferior ou probóscide a modo de vaíña.
    • O picador propiamente dito, típico dos afanípteros está composto por un labio superior tubular ou semitubular, unhas mandíbulas en forma de láminas estreitas, puntiagudas, longas e dentadas, dúas maxilas libres con palpos e un labio inferior reducido a unha peza e con dous palpos labiais longos.

Percepción

Moitos insectos posúen órganos moi refinados de percepción; nalgúns casos os seus sentidos poden ser mellores que os dos humanos. Por exemplo, as abellas poden ver no espectro ultravioleta e captar os patróns de polarización da luz, e as avelaíñas macho teñen un sentido especializado do olfacto que axuda a detectar as feromonas das femias a moitos quilómetros de distancia.

Patas

As patas están divididas en cinco segmentos: coxa, trocánter, fémur, tibia e tarso. Os dous primeiros son de pequeno tamaño, os dous seguintes forman a parte principal da pata e o último está xeralmente dividido en tres partes distintas. Ao final sitúanse un par de unllas. As patas presentan distintas adaptacións, dependendo do tipo de vida que leve o insecto; adaptadas ó salto (saltóns), á escavación (grilo toupa), á depredación (mantis), a marcha sobre a auga (pita cega), ou á recollida e almacenaxe de alimento (abellas).

Ás

As ás son apéndices pareados que se encontran no segundo e terceiro segmento torácico, que son consideradas os responsables do éxito evolutivo dos insectos, son de consistencia membranosa. Caracterízanse por presentar unha nervación que é a responsable de brindarlle a rixidez necesaria para o voo, esta nervación é característica de cada grupo de insectos e é usada para clasificalos. Nas ás obsérvanse moitas variacións en canto á súa forma e consistencia.

Reprodución

Os insectos presentan sexos separados e frecuentemente moi diferenciados morfoloxicamente entre si, sendo nalgúns casos o macho máis grande e de coloración máis rechamante cá femia. Reprodúcense normalmente por vía sexual, nalgúns casos tamén se poden reproducir mediante partenoxénese (asexualmente), nalgunhas poucas especies non se coñecen machos.

Metamorfose

A metamorfose é un proceso de desenvolvemento postembrionario, mediante o cal os insectos alcanzan a súa fase adulta (imago), durante a cal chegan á madurez sexual, no caso dos Pterigota desenvólvense ademais as ás. Segundo o tipo de metamorfose que experimentan os insectos, estes son:

  • Ametábolos: os xuvenís non se diferencian dos adultos salvo pola madurez sexual e o tamaño (por exemplo, nos colémbolos, tisanuros e dipluros), típica de apterigotos.
  • Hemimetábolos: metamorfose gradual na cal as tecas alares e os órganos sexuais vanse desenvolvendo pouco a pouco, se ben as diferentes fases xuvenís son semellantes entre si e ao adulto, os cambios na última muda son máis marcados (aparición das ás). Este é o tipo de metamorfose que experimentan os odonatos, ortópteros, hemípteros, entre outros.
  • Holometábolos: metamorfose completa, na cal os tecidos do adulto orixínanse a partir de grupos especiais de células chamadas imaxinais, durante unha fase do ciclo de vida coñecida como ninfa. Neste grupo de insectos hai grandes diferenzas morfolóxicas entre xuvenís e adultos, entre eles áchanse lepidópteros, coleópteros, himenópteros, entre outros.

Galería de imaxes

Notas

  1. ostíolo no dicionario da RAG.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Arnett, R. H. Jr. (2000): American insects. 2ª ed. Boca Raton, Londres, New York, Washington, D.C.: CRC Press. ISBN 0-8493-0212-9.
  • Barrientos, J. A. (ed.) (2004): Curso práctico de entomología. Alicante: Asociación Española de Entomología. ISBN 84-4902-383-1.
  • Borror, D. J., DeLong, D. M. & Triplehorn, C. A. (1976): An introduction to the study of insects. 4ª ed. New York / Chicago: Holt, Rinehart and Winston. ISBN 0-0308-8406-3.
  • Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill Interamericana. ISBN 0-8789-3097-3.
  • Coronado, R. & Márquez, A. (1972): Introducción a la entomología. México D.F.: Editorial Limusa-Wiley. ISBN 96-8180-066-4.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Hickman, C. P., Ober, W. C. & Garrison, C. W. (2006): Principios integrales de zoología, 13ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 84-481-4528-3.
  • Martul, C. (1986): Ciencias Naturales. Zoología y Ecología. MaDRID: Ediciones Ingelek, S.A. ISBN 978-84-7708-022-0.
  • Nieto Nafria, J. M. & Mier Durante, M. P. (1985): Tratado de entomología. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0748-8.
  • Remane, A., Storch, V. & Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-2820-608-2.
  • Wigglesworth, V. B. (1974): Insect Physiology, 7ª ed. London: Chapman and Hall.

Outros artigos

Ligazóns externas