Emilia Pardo Bazán: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Lles (conversa | contribucións)
Lles (conversa | contribucións)
m Obra de teatro Emilia
Liña 268: Liña 268:
== No cinema ==
== No cinema ==
A vida de Emilia Pardo Bazán foi representada no filme ''[[Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde]]'', de [[2011]], dirixido por [[Zaza Ceballos]] e con [[Susana Dans]] como protagonista.
A vida de Emilia Pardo Bazán foi representada no filme ''[[Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde]]'', de [[2011]], dirixido por [[Zaza Ceballos]] e con [[Susana Dans]] como protagonista.

== No teatro ==
En 2016 a compañía [[Teatro del Barrio]] presentou ''Emilia'', de [[Noelia Adánez]], a primeira obra da triloxía ''Mujeres que se atreven''.<ref>{{Cita novas |título=Emilia Pardo Bazán se venga de la RAE con humor e impertinencia |autor=[[Mónica Zas Marcos]] |url=https://www.eldiario.es/cultura/teatro/Emilia-Pardo-Bazan-luchadora-impertinente-comica_0_580242639.html |xornal=[[Eldiario.es]] |data=15 de novembro de 2016 |dataacceso=5 de marzo de 2019|lingua=es}}</ref>


== Galería de imaxes ==
== Galería de imaxes ==

Revisión como estaba o 5 de marzo de 2019 ás 13:24

Emilia Pardo Bazán
Nome completoEmilia Antonia Socorro Josefa Amalia Vicenta Eufemia Pardo Bazán y de la Rúa-Figueroa
Nacemento16 de setembro de 1851
Lugar de nacementoA Coruña
Falecemento12 de maio de 1921
Lugar de falecementoMadrid
SoterradaIgrexa da Concepción de Madrid e Sacramental de San Lorenzo y San José
NacionalidadeEspaña
OcupaciónEscritora
PaiJosé Pardo Bazán
CónxuxeJosé Quiroga Pérez de Deza (10/7/1868)
FillosJaime Quiroga Pardo Bazán, Nieves Quiroga Pardo Bazán e Carmen Quiroga Pardo Bazán
Coñecida porOs pazos de Ulloa, La cuestión palpitante, La Quimera, Insolación, La dama joven, La madre naturaleza, Memorias de un solterón e sen etiquetar
Na rede
Galiciana: 410 Bitraga: 1052 BUSC: pardo-bazan-emilia-condesa-de-1851-1921 Musicbrainz: af879c7e-63a0-4d57-8b28-4e202a710d73 Discogs: 5353308 Find a Grave: 7611817 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública.[1] Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos.[2] En recoñecemento polos seus méritos artísticos, concederíalle o rei Afonso XIII en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.[3]

O seu estilo foi enérxico e nel afondou en problemas e situacións difíciles. Escribiu centos de contos que publicou en escolmas, como Cuentos de Marineda. Destacou sobre todo na súa produción literaria salientando novelas como Un viaje de novios ou La tribuna, a máis naturalista das súas novelas, onde describe a dura vida proletaria nunha fábrica de tabaco. Tamén son de suma importancia Os pazos de Ulloa e La madre Naturaleza, onde retratou a vida nas vilas e aldeas galegas, o folclore popular e tamén a decadencia da nobreza pacega do rural cun argumento apaixonado e, en ocasións, violento.

Destaca tamén o seu labor na creación da Real Academia Galega, creando xunto a Ramón Pérez Costales unha Comisión Xestora sobre a base da sociedade Folklore Gallego para a creación da academia. Posteriormente a súa filla doou a residencia familiar da Coruña, a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán, para establecer alí a sede da institución.[4]

Hoxe en día, Pardo Bazán, ao igual ca outras contemporáneas como a ilustrada galega Concepción Arenal, está considerada como unha das precursoras do movemento feminista en España.[5] Ao longo da súa obra criticou a degradación e marxinalidade da muller e expresou o seu desexo de crear para as mulleres unha educación e unha formación intelectual igual cá dos homes.[6]

Nun tempo no que máis do 90% das mulleres eran analfabetas,[7] Pardo Bazán chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.[5]

Traxectoria

Devanceiros

Casa de Emilia Pardo Bazán na rúa das Tabernas (A Coruña).

Emilia Pardo Bazán e Rúa-Figueroa Somoza naceu o 16 de setembro de 1851 na vila da Coruña, cidade que sempre apareceu nas súas novelas baixo o sobrenome de "Marineda". Foi a única filla de José Pardo Bazán e Mosquera Rivera, avogado de profesión,[8] e Amalia Rúa-Figueroa e Somoza (1830-1915), casados o 30 de setembro de 1850.[9]

As orixes da familia da escritora remóntase aos séculos XIV e XV, entroncando co famoso personaxe o mariscal conde Pardo de Cela, señor da casa de Moeche, cuxos descendentes ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII chegan até Juan Pardo de Lama (1748-1797), casado con Luisa Bazán de Mendoza (1759-1820), unión da que nace o avó de Pardo Bazán, Miguel Pardo Bazán (1784-1839), colexial de Fonseca, tenente coronel do célebre Batallón Literario de Santiago de Compostela, quen herda por morte do seu tío paterno Antonio Pardo Patiño, en 1813, os bens e rendas de varias casas fidalgas espalladas por diversas parroquias e concellos das provincias da Coruña e Pontevedra.[9]

Miguel Pardo Bazán, avó da escritora, casou con Joaquina Mosquera e Rivera, o 13 de setembro de 1813, na Coruña; deste matrimonio naceu o seu fillo José Pardo Bazán y Mosquera Rivera (1827-1890), pai de Emilia, avogado, político liberal moderado e conde de Pardo Bazán por título pontificio concedido polo papa Pío IX, en 1871 (autorizado en España polo rei Amadeo de Savoia mediante o decreto do 3 de febreiro de 1872[9]) debido á defensa que fixo da relixión católica como relixión do estado na asemblea constitucional formada trala Revolución de 1868.[10]

Nenez e mocidade

Ao pouco de nacer Emilia, arranxou a familia unha casa na rúa das Tabernas da Coruña que sería a súa residencia principal. Na Coruña pasaría a cativa o tempo xogando nos xardíns de San Carlos, facendo excursións ao longo das ateigadas rúas da parte nova da cidade, ou apañando cunchas na praia.[10] Amais da casa da rúa das Tabernas a familia posuía outras dúas residencias: a granxa de Meirás no concello de Sada, e a Torre de Miraflores en Sanxenxo, onde a familia pasaría os veráns.[10]

O feito de vivir no seo dunha familia acomodada permitiulle levar a cabo algúns dos seus devezos de instrución, aínda que, debido ao seu sexo, tivo que ser unha autodidacta, dada a imposibilidade das mulleres da súa época de poderen realizar estudos académicos:

Apenas poden os homes formarse unha idea do difícil que é para a muller adquirir cultura autodidacta e encher os claros da súa educación.
Emilia Pardo Bazán

Lectora infatigable dende os 8 anos de idade, aos nove compuxo os seus primeiros versos, e aos quince o seu primeiro conto, Un matrimonio del siglo XIX (1866).[11]

A súa afección á lectura víñalle de rapariga, cando pasaba horas na biblioteca do pai. Na biblioteca accedeu a un amplo abano de lecturas; segundo declarou, os seus libros favoritos eran Don Quixote da Mancha, a Biblia e A Ilíada.[12] Na casa da Coruña leu La conquista de México de Antonio de Solís e as Vidas paralelas de Plutarco. Así mesmo, sentía fascinación polos libros sobre a Revolución Francesa.[12] Durante os invernos, tempo no que a familia moraba en Madrid por mor das actividades políticas do pai, militante no partido liberal progresista,[11] Emilia asistía a un colexio francés protexido pola Real Casa. Alí coñeceu a obra literaria de La Fontaine e Jean Racine .[12]

Cando a escritora contaba con 12 anos de idade, a familia decidiu ficar na Coruña durante os invernos, recibindo Emilia clases de titores privados.[12] Xa dende moi cedo, abrollou en Pardo Bazán un forte carácter e un espírito de independencia pouco habitual nunha muller, rexeitando as leccións de piano e mais as clases de música, que era o que tiña que aprender para adornar os salóns unha señorita do seu tempo.[12] Cando moza, adicou a meirande parte do tempo á súa gran paixón, a lectura.[12]

Casamento e patrimonio

Torres do pazo de Meirás. A torre maior era chamada A Torre da Quimera pola escritora, nela atopábase a súa biblioteca.

O ano 1868 constituíu un fito na vida de Pardo Bazán.

Tres acontecementos importantes na miña vida seguíronse moi de preto: vestinme de longo, casei e estourou a Revolución de setembro de 1868.[11]

No intre da súa voda a escritora contaba con dezaseis anos, case dezasete, e o marido, José Quiroga Pérez de Deza,[13] vinte. José Quiroga era un estudante de Dereito de orixe fidalga natural do Carballiño. Este vivía canda a súa familia no pazo de Banga, na parroquia homónima.[13] A voda tivo lugar o 10 de xullo de 1868 na capela da granxa de Meirás, propiedade dos pais da noiva situada no concello coruñés de Sada.[11]

Ao ser filla única, co seu casamento Emilia Pardo Bazán aspiraba a herdar as casas fidalgas de Meirás, Miraflores, Rañal, Callou, Riopaz, Cañás, Aranga, Zanfoga e Tamou, que os seus pais herdaran dos seus devanceiros. Ao seu patrimonio persoal houbo que engadir a vivenda do matrimonio na rúa Tabernas nº 11 da Coruña (casa que foi doada pola escritora á Real Academia Galega) e mailos bens e rendas procedentes da desamortización eclesiástica que o matrimonio adquiriu no concello de Malpica de Bergantiños e a Juan Menéndez Goicoiría na parroquia de San Martiño de Ozón, Muxía.[9]

Ademais, Emilia Pardo Bazán era dona da casa da rúa San Bernardo nº 13 de Madrid. A súa nai Amalia, viúva, mercáraa como residencia familiar para os períodos de outono, inverno e primavera pasando os veráns e parte do propio outono no pazo de Meirás, que ela mandara reconstruír entre os anos 1897 a 1907 e que foi deseñado polo arquitecto José Lampárez, amigo de seu, contando coa opinión de Emilia para a fachada do pazo e da nai para os interiores.[9]

Castelo de Santa Cruz, A Coruña, unha das múltiples propiedades dos Pardo-Bazán.

Os bens e citadas casas fidalgas que posuía a escritora atopábanse nos concellos actuais de Abegondo, Aranga, Arteixo, Boimorto, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cedeira, Cerdido, Coirós, A Coruña, Curtis, Fene, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Mesía, Moeche, Muxía, Narón, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Ponteceso, San Sadurniño, Santiago de Compostela, As Somozas, Valdoviño, Vilasantar e Présaras na provincia da Coruña; no concello de Viveiro na provincia de Lugo, e nos concellos de Sanxenxo, O Grove e Poio na provincia de Pontevedra.[9]

Primeiras obras

Trala voda, Emilia e mailo seu home trasladáronse a Santiago de Compostela, onde este estudaba Dereito.[8] Un ano despois, José Pardo, pai da escritora, é nomeado deputado nas cortes, trasladándose entón toda a familia a Madrid e introducíndose Emilia nos círculos culturais e literarios da época.[10] Porén, o pai axiña ficou desilusionado coa política, polo que a familia decidiu abandonar o país para facer unha viaxe por Europa. A viaxe por Europa esperta na escritora o interese polas linguas estranxeiras. Emilia, que xa tiña coñecementos de latín e francés, decide aprender alemán e inglés co desexo de ler os grandes autores nas súas linguas orixinais.[12] Antes de volver, Pardo Bazán pasou por París, onde coñeceu a Victor Hugo, o mestre da novela decimonónica.[14] Asemade, ese mesmo ano publicou unha escolma de estudos sobre o darwinismo que reuniu baixo o título Reflexiones científicas sobre el darwinismo, en cuxo desenvolvemento xa se percibía o seu achegamento a teorías europeas (como o determinismo), estreitamente vencellado ao naturalismo francés.[8]

Interésase polas novidades literarias estranxeiras e, ao regresar a España, entra en contacto co krausismo a través de Francisco Giner de los Ríos, co cal tiña unha grande amizade. A influencia krausista empurraríaa á lectura dos místicos e de Kant, e estes, á vez, conduciríana até Descartes, Tomé de Aquino, Aristóteles e Platón.[11]

En 1876 dáse a coñecer como escritora ao participar e gañar un certame literario na vila de Ourense que tiña como fin celebrar o centenario do padre Feijoo. Nese mesmo ano nace Jaime, o seu primeiro fillo, a quen lle dedicaría anos máis tarde unha escolma de poemas co título de Jaime (1881), publicado polo seu amigo Francisco Giner de los Ríos.[15]

Tres anos máis tarde, en 1879, ano no que nace a súa filla Blanca, afoutada polas lecturas dos seus contemporáneos, publica a súa primeira novela, Pascual López, autobiografía dun estudante de medicina. Anos máis tarde, iníciase no mundo do xornalismo ao crear e dirixir a Revista de Galicia (1880), revista na que se alternan o galego e o castelán e na que colaboran rexionalistas galegos do círculo da escritora. Un ano despois, en 1881, nace a súa terceira filla, Carmen, e publica Un viaje de novios, á cal seguen La tribuna e La cuestión palpitante. Con estas obras comeza a dar a coñecer a corrente do naturalismo do francés Émile Zola, que amosa dun xeito descarnado a realidade. Isto incrementaría a súa sona de escritora escandalosa e inmoral, de muller que criticaba a moral sexual da época e a súa hipocrisía.[11][15]

En La tribuna, considerada a primeira novela social española,[16] dona Emilia relata a historia dunha cigarreira. Para documentar ben a novela, Pardo Bazán observou o ambiente nunha fábrica de tabacos na súa vila natal. Ao mesmo tempo, escribe unha serie de artigos sobre o naturalismo que foron publicados nunha escolma baixo o título de La cuestión palpitante e publicados como un libro en 1883.[14]

Separación e dedicación á escritura

Pardo Bazán aos 46 anos (1896).

A publicación de La cuestión palpitante xerou moita crítica por parte do público cara á escritora, o que faría que o seu marido José Quiroga tentase afastala da escritura, feito que dalgunha maneira envorcaría no punto e final o seu matrimonio, producíndose a súa separación.[14] Trala separación, Pardo Bazán marchou a Madrid para adicarse á súa paixón. Da capital española viaxaría a París, onde ficaría un ano. Na capital francesa escribiría El cisne de Vilamorta (1885), novela á que seguirían Los pazos de Ulloa (1886) e La madre naturaleza (1887) novelas onde se reflicten a vida rural galega do seu tempo e mais as mesquindades da fidalguía no seu declinar; nestas obras demostraría o seu bo facer literario que causaría a envexa dos novelistas e críticos máis destacados de xacando.

Son unha personalidade militante; atopo ao meu paso hostilidades e contradicións de moi variada índole e orixe, e non me laio disto, porque é a marcha inevitable das cousas; mais coñezo mellor ca ninguén a dificultade de obter «sanción oficial» ningunha, reunindo tales circunstancias. Até pode acontecer que alguén, aparentando negar o dereito feminino, en realidade só me negue a min.
La Cuestión Académica.

Un ano despois a escritora publica La madre naturaleza, onde continúa coa temática da decadencia do mundo rural galego, sobre o que xa cismara nas súas dúas novelas precedentes. Publicou tamén Insolación (1888), obra que volveu xerar certa polémica por mor da obvia sexualidade da heroína, nunha novela onde se defende a igualdade entre homes e mulleres no tocante á moral sexual.[14] Esta inquedanza pola igualdade de homes e mulleres xa lle viña dende cativa, cando escoitaba o pai dicir:

Mira, miña filla, os homes somos moi egoístas, e se che din algunha vez que hai cousas que poden facer os homes e as mulleres non, di que é mentira, porque non pode haber dúas morais para os dous sexos.[16]

En 1890, dez anos despois da súa incursión no xornalismo da man da Revista de Galicia (1880), Pardo Bazán fundou Nuevo Teatro Crítico, revista na que participou ela soa e que editou durante tres anos. Nela rende unha homenaxe ao seu admirado Benito Jerónimo Feijoo. Nese tempo a escritora xa gozaba de sona tanto en España coma no estranxeiro, debido principalmente ao seu labor como crítica e á súa figura sempre polémica.[14] Un ano máis tarde, en 1892, saíu do prelo a Biblioteca de la Mujer, obra que nace do desacougo de Pardo Bazán na instrución da muller referida ao coñecemento científico, histórico e filosófico. As escasas vendas da obra acrecentan a crenza da escritora en que o peor mal da muller da época é a súa ignorancia e a falta de interese pola aprendizaxe.[17]

Dende tempo atrás dona Emilia viña colaborando en numerosas revistas e xornais, con crónicas de viaxes, artigos, ensaios e numerosos contos que agruparía en varias coleccións: Cuentos de Marineda, Cuentos de amor, Cuentos sacroprofanos, En tranvía (Contos dramáticos), Cuentos de Navidad y Reyes, Cuentos da patria, Cuentos antigos... E tamén na prensa, en La Lectura, empeza a saír en 1903 a súa novela La Quimera, que dous anos despois vería a luz como libro. Na novela, Pardo Bazán deixa entrever certos elementos autobiográficos á par que a súa relación co pintor galego Joaquín Vaamonde, pintor que a retratou en varias ocasións.[14] Confirmando o seu criterio de que a novela debe reflectir o momento no que é escrita, poden apreciarse en La Quimera certos ecos modernistas e simbolistas.

En 1908 publica La sirena negra, cunha temática que xira ao redor da morte, escrita no Ateneo de Madrid, onde foi nomeada Presidenta da Sección de Literatura en 1906.

Viaxeira infatigable, continúa ademais consignando as súas impresións en artigos de prensa e en libros. En 1900 van aparecendo en El Imparcial os seus artigos sobre a Exposición Universal de París, que callarán no libro Cuarenta días en la Exposición; en 1902 edítase Por la Europa católica, froito dunha viaxe polos Países Baixos.

Estatua de Pardo Bazán preto da súa residencia de outono en Madrid.

Incursión no teatro

Compaxinando a escritura de contos, a escritora galega decidiuse a escribir teatro, unha das súas máximas paixóns. A partir de 1899 estreou El vestido de boda (1899), Verdad(1906) ou Cuesta abajo (1906). A primeira fracasou e sucumbiu ante a fera crítica do seu tempo.[8]

Recoñecementos

Pardo Bazán era unha figura recoñecida na vida literaria, cultural e social. En 1908 comezou a utilizar o título de condesa de Pardo Bazán, que lle outorgou Afonso XIII en recoñecemento á súa importancia no mundo literario; desde 1910 foi conselleira de Instrución Pública; socia de número da Sociedade Matritense de Amigos do País desde 1912... Dous anos despois impúxoselle a Banda da Orde de María Luisa, e recibiu do papa Bieito XV a Cruz Prol Ecclesia et Pontifice. En 1916 o ministro de Instrución Pública nomeouna catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas na Universidade Central.

Morte

O 12 de maio de 1921, aos 70 anos de idade, Pardo Bazán morre debido a unha gripe[14] que complicou a diabetes que padecía, sendo soterrada na cripta da igrexa da Concepción de Madrid.[11]

Vencello con Galicia

Pardo Bazán e o galego

Estatua de homenaxe a Pardo Bazán no Carballiño.

A diferenza de moitos intelectuais da época, Pardo Bazán consideraba o galego, ao igual có castelán, unha lingua romance descendente do latín.

O galego é un romance... Filoloxicamente ningún romance pode proceder doutro romance: todos eles son corrupcións fonéticas e renovacións dialectais do latín...
De mi tierra

Porén, nas súas obras referíase ao galego como dialecto, xa que consideraba lingua a aquel dialecto que conseguía facerse oficial nunha terra.

Lingua nacional é tan só, no senso político, a que logra prevalecer e impoñerse a unha nación; e as demais que nela se falen, dialectos
De mi tierra

A escritora referiuse tamén á orixe común do galego e do portugués.

O portugués na corte de España pasa por galego. E non cabe dúbida, a orixe de ambos os romances é a mesma; talvez foron, ao principio, unha soa lingua.
De mi tierra

Nun tempo no que moitos dos seus coñecidos galegos como Curros Enríquez e Pondal comezaban a escribir en galego, Pardo Bazán sempre se decantou polo castelán polo feito de ser esta unha lingua oficial, prestixiosa e cun público maior.

É mellor ser castelán que catalán, e francés que castelán para isto da publicidade e do nome.
(Oller 1985)

Pardo Bazán consideraba o galego como unha lingua popular, estreitamente ligada á terra e ao fogar.

Cun acento grato e fresquísimo que impensadamente se nos sobe aos beizos cando necesitamos balbucir unha frase amante, arrolar unha criatura, lanzar un festivo epigrama, exhalar un ai! de pena... Sempre sentimos a proximidade do dialecto... coa súa calor de fogar
De mi tierra

Tamén se referiu ás obras de escritores galegos contemporáneos do Rexurdimento como Rosalía de Castro, chegando a dicir que "os poetas fan falar aos labregos". A escritora comentou a poesía de Rosalía en Follas Novas dicindo o seguinte:

Cando nos engaiola é ao obxectivar a súa inspiración, ao impregnarse do sentimento do pobo, ao reproducilo cun sen igual donaire, ao aceptar o carácter verdadeiro deste renacemento rexionalista, onde forzosamente domina o elemento idílico e rústico, por virtude da lingua que, dende hai tanto tempo, soamente vive entre silvanos e ninfas agrarias.
(De mi tierra, 1888:29)

Pardo Bazán e Galicia

Está claro que no atraso de Galicia hai un problema histórico relevante que vai deixar unha fonda pegada. Despois da amputación de Portugal quédase Galicia como membro destroncado, sen vida propia. Cando Portugal se alza e domina o Océano... Galicia anúlase: Mentres a irmá do alén Miño vístese de brocado e ouro, a de aquén solta entristecida o seu vello laúde, retírase á montaña, calza zocas de pastora, e soamente ao morrer a tarde e recoller os seus gandos entoa algunha copla rústica.(De mi tierra, 1888:21)

Asemade, Pardo Bazán referiuse á situación de marxinalidade que sufriu Galicia historicamente.

As nosas provincias levan padecendo dende tempo inmemorial pesar sobre os seus ombreiros a lei común, sen un só momento de acougo, nin a protección que requiriría a súa pobreza e as calamidades que algunha vez as desolaron... Galicia non foi atendida nin respectada nas súas xustas pretensións como o foron provincias máis revoltosas e malas de contentar. (De mi tierra, 1888:40)

Pardo Bazán e o rexionalismo galego

Véxase tamén: Rexionalismo galego.

Revista de Galicia

Fotografía dedicada a Eduardo Pondal 1894.

A publicación da Revista de Galicia (1880), revista creada e dirixida por Pardo Bazán na que se achega por primeira vez ao xornalismo, constituíu unha ponte a partir da cal moitos dos seus paisanos rexionalistas puideron participar publicando os seus traballos. Entres estes atopábanse Alfredo Brañas, Curros Enríquez, Salvador Golpe, Aureliano J. Pereira, Pérez Ballesteros, Juan Antonio Saco, e Ramón Segade Campoamor, colaboradores que representaban unha gran parte do movemento intelectual que quería sacar do esquecemento os valores de Galicia a tódolos niveis e dende distintos presupostos ideolóxicos. Así mesmo, Pardo Bazán pretendía coa revista erguer a Galicia da súa prostración intelectual e cultural na que se atopaba a finais do século XIX.[18]

Na revista aparecía o galego canda o castelán como lingua de uso entre os colaboradores. A propia Pardo Bazán faría recensións de artigos escritos en galego como Saudades gallegas de Valentín Lamas Carvajal, nas cales expresaría algunhas cuestións ligadas co galego como lingua literaria.[18]

Por outra banda, Juan Antonio Saco, autor da primeira gramática galega, colaboraría tamén na Revista de Galicia, aparecendo anunciada a súa obra na contraportada durante varios números.[18] A revista actuaría tamén coma unha ponte de achegamento a Portugal, adoitando aparecer alusións á literatura portuguesa nos primeiros números, e nunha sección adicada a ela a partir do número 12, a «Revista literaria portuguesa», redactada por Lino de Macedo.[18]

El Folk-Lore Gallego

Artigo principal: El Folk-Lore Gallego.

Anos despois a escritora sería a fundadora de El Folk-Lore Gallego, sendo a súa primeira presidenta.[18] Segundo a escritora, a sociedade folclorista tiña por obxecto recoller, arquivar e interpretar, se é posible, as preocupacións, supersticións, crenzas, tradicións e contos que o adianto das sociedades e a man niveladora da civilización van extinguindo e borrando por todas partes (Pardo Bazán, 1889:197).[13] Nas súas Crónicas parisinas Pardo Bazán resaltou a importancia do estudo dos costumes, mitos e da tradición que segundo dixo: mantendo viva a tradición nos beizos do pobo permitirá trazar o seu verdadeiro perfil histórico.[13]

Cren os fundadores do Folk-Lore que neste terreo de aluvión onde foron depositándose paseniñamente o remanso dos séculos pasados e mailas idades esvaecidas, atópanse os xermes da vida histórica das nacións, a chave da súa arte, da súa literatura, o fondo mesmo do carácter. Axudadas polo movemento rexionalista e localista que hoxe se manifesta enerxicamente en Europa, as sociedades do Folk-Lore adquiriron en poucos anos un extraordinario voo, e cundido polos máis remotos países.
Pardo Bazán, 1889: 197

Segundo aparece escrito nas súas Crónicas parisinas, Pardo Bazán enorgullecíase do labor destas sociedades folcloristas, chegando a dicir que eran útiles para a cultura rexional, e que, alén da curiosidade por estereotipar contos de vellas, en realidade gardaban unha estreita conexión con varias ciencias, das que máis camiño levaban andado no século XIX como eran a etnografía, a lingüística, a mitoloxía e maila antropoloxía.[13]

A Real Academia Galega

Véxase tamén: Real Academia Galega.

O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base da sociedade mencionada, El Folk-Lore Gallego, presidida pola escritora.

Feminismo

Conxunto escultórico en memoria da escritora nos Xardíns de Méndez Núñez, A Coruña.

Pardo Bazán foi das primeiras españolas en amosar inquedanzas no campo dos dereitos da muller, consciente de que unha das principais causas da posición inferior das mulleres radicaba na ignorancia que impoñía o sistema patriarcal. Publicou varios artigos nos cales denunciou o sexismo predominante en España e onde suxeriu cambios a prol da muller, comezando coa posibilidade dunha educación semellante á que recibía o home do seu tempo.

A educación da muller non pode chamarse tal, senón doma, pois proponse por fin a obediencia, a pasividade e maila submisión.
Emilia Pardo Bazán
Para min é evidente que a educación completa e racional, totalmente humana, da muller, non danará, antes fomentará, a verdadeira virtude. Mais admitide que sucedese o contrario: aínda así, habería que dárllela, so pena de declarar preferible á cultura e á civilización o estado de barbarie primitiva, triste paradoxo dos retrógrados máis ou menos disfrazados, como Jean-Jacques Rousseau.(La educación del hombre y de la mujer)
Emilia Pardo Bazán
Este sistema educativo, onde predominan as medias tintas, e onde se evita como un sacrilexio o afondar e o consolidar, dá o resultado inevitable; limita a muller, estréitaa e mínguaa, facéndoa máis pequena aínda có tamaño natural, e manténdoa nunha perpetua nenez. Ten un carácter puramente externo; é, citando máis, unha educación de codia; e se pode infundir pretensións e conatos de coñecementos, non acada a estimular debidamente a actividade cerebral. (La mujer española)
Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán en La Esfera

Pardo Bazán tamén se referiu ás leis do seu tempo que, permitindo á muller estudar, non permitían a esta traballar de acordo coa súa formación académica.

Desgraciadamente en España, a disposición que autoriza a muller para recibir igual ensinanza có home ..é letra morta nos costumes... As que permiten á muller estudar unha carreira e non exercela son leis inicuas. (La educación del hombre y de la mujer)
Emilia Pardo Bazán

A escritora galega fundou en 1892 a publicación La Biblioteca de la mujer. Asistiu a congresos como o Congreso Pedagógico, onde denunciou a desigualdade educativa entre o home e a muller. Aínda consciente do sexismo dentro dos círculos intelectuais, propuxo a Concepción Arenal á Real Academia de la Lengua, sendo rexeitada; tampouco aceptaría esta a Gertrudis Gómez de Avellaneda nin a ela (foi rexeitada tres veces, en 1889, en 1892 e en 1912), por máis que en 1906 chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de literatura do Ateneo de Madrid e a primeira en ocupar unha cátedra de literaturas neolatinas na Universidade Central de Madrid, aínda que só asistiu un estudante á súa clase.

Obra

Pardo Bazán foi unha das escritoras españolas máis eminentes do século XIX. Malia ser coñecida principalmente como novelista, escribiu máis de 500 obras empregando unha variedade de xéneros literarios. Unha das súas maiores achegas á literatura foi o feito de espallar o movemento literario do naturalismo en España. Así mesmo, a escritora galega foi unha das primeiras feministas do seu tempo.

Influencia galega

Alén da influencia que, sen dúbida, exerceu o seu amplo coñecemento das literaturas estranxeiras nas súas obras, a presenza do folclore e a cultura popular galega faise patente no seu abondoso uso de fontes folclóricas e populares. Deste xeito aparecen nalgunhas das súas obras personaxes populares e ancestrais como as meigas, as mouras, as menciñeiras, os mendigos, os trasgos, os peregrinos, a fermosa muiñeira, o gaiteiro sedutor, a rapaza aldeá casadeira, que confía en conxuros para conseguir un bo marido, os aparecidos, as ánimas en pena etc. Así mesmo, a escritora tamén empregou diversas tradicións, crenzas como as premonicións, os ouveos dos cans ventando a morte, os meigallos, o lobishome, o mal de ollo, ou o poder dos talismáns e amuletos, crenzas vencelladas co mundo da maxia e do sobrenatural e sobre todo co culto á morte na cultura popular galega. Tamén fixo referencia a distintos remedios populares como as distintas apócemas coas que se pretendían sandar múltiples doenzas.[13]

Nas súas obras aparecen a miúdo reflectidos aspectos tradicionais da sociedade galega do seu tempo. Deste xeito aparece a organización social semi-feudal do agro galego, o caciquismo, a miseria e dureza da vida campesiña, a emigración e o conseguinte desarraigamento das súas xentes. Como feminista que era, a autora tratou o papel da muller galega na sociedade matriarcal rural.[13]

Narrativa

Placa da RAG na memoria de Pardo Bazán.

A súa primeira novela foi Pascual López (1879), autobiografía dun estudante de medicina. Nela aprécianse as influencias de Pedro Antonio de Alarcón e mais de Juan Valera na escrita da autora coruñesa. Máis adiante, con Un viaje de novios (1881), ano no que naceu a súa derradeira filla, Carmen, e La tribuna (1882), comezou unha evolución cara ao movemento naturalista. En 1882 iniciou, na revista La Época, a publicación dunha serie de artigos sobre Émile Zola e maila novela experimental, que serían posteriormente escolmados en La cuestión palpitante (1883), obra que a consagrou coma a principal impulsora do naturalismo en España. En 1884, dous anos despois do seu divorcio, publicou La ama joven, que trata o tema das crises matrimoniais. No tocante ao Naturalismo practicado por Pardo Bazán, coma o de Galdós, fronte aos principios ideolóxicos e literarios de Zola, acentuaba a conexión da escola francesa coa tradición realista española e europea, o que lle permitía achegarse a un ideario máis conservador, católico e bempensante no que atinxe á súa propia forma de vida, manténdose fiel ao Catolicismo, por máis que admitise os alicerces ideolóxicos do determinismo social e darwinista.

Por outra banda, Insolación (1889) e Morriña (1889) seguen insertos na ideoloxía e na estética naturalista. Con posterioridade, coincidindo coa morte do pai (1890), evolucionou cara a un maior simbolismo e espiritualismo, patente en Una cristiana (1890), La prueba (1890), La piedra angular (1891), La Quimera (1905) e Dulce sueño (1911). Esta mesma evolución observouse tamén nos seus contos e relatos, recollidos en Cuentos de la tierra (1888), Cuentos escogidos (1891), Cuentos de Marineda (1892), Cuentos sacroprofanos (1899), entre outros. Pardo Bazán aproveitou a súa herdanza paterna para crear unha revista escrita por ela soa, El Nuevo Teatro Crítico, nome que lembra a obra do galego Benito Jerónimo Feijoo.

En Una Cristiana e La Prueba, de 1890, semella trabar polémica a través da ficción con algúns dos seus detractores morais, como o Pai Coloma, Menéndez Pelayo e Pereda. A diferenza de idade entre namorados, o cruce de afectos ou deberes familiares e o remorso relixioso proban en ámbalas dúas novelas como a escritora tiña máis en conta a opinión do que semellaba.

Novelas

A seguinte lista non é exhaustiva, pero recolle as obras máis importantes.[19][20]

Novelas breves e historias curtas

  • La dama joven (1883)
  • De mi tierra (1888)
  • Cuentos escogidos (1891)
  • Cuentos de Marineda (1892)
  • Cuentos de Navidad y Año Nuevo (1894)
  • Cuentos nuevos (1894)
  • Arco iris (1895)
  • Novelas ejemplares (1895)
  • Cuentos de amor (1898)
  • El encaje roto (1897)
  • Cuentos sacroprofanos (1899)
  • Un destripador de antaño (1900)
  • En tranvía, cuentos dramáticos (1901)
  • Cuentos de Navidad y Reyes; cuentos de la patria; cuentos antiguos (1902)
  • El fondo del alma (1907)
  • Cada uno, Madrid (1907)
  • Sud-exprés, cuentos actuales (1909)
  • La rosa (1899)
  • La gota de sangre (1911)
  • Belcebú, cuentos breves (1912)
  • Cuentos de la tierra (1923)
  • Cuentos religiosos (1925)

Ensaio e crítica

Lectora dos clásicos españois, interesouse polas novidades literarias estranxeiras. Deuse a coñecer como escritora por vez primeira co Estudio crítico de las obras del padre Feijoo (1876), co que gañou un premio, competindo nese certame coa tamén galega Concepción Arenal. Así mesmo, da súa obra ensaística destaca La revolución y la novela en Rusia (1887), Polémicas y estudios literarios (1892) e La literatura francesa moderna (1910), nas que se amosa atenta ás novidades de finais de século na Europa de xacando.

  • Estudio crítico de las obras del padre Feijoo (1876). Ensaio que escribe co gallo do centenario da morte do padre Feijoo e no que se dá a coñecer como escritora.
  • Los poetas épicos cristianos (1895)
  • La cuestión palpitante (1883). Escolma de artigos —algúns dos cales xa publicara en revistas— nos que explica a súa posición fronte ao naturalismo.
  • La revolución y la novela en Rusia (1887). Ensaio sobre a influencia da novela rusa.
Exposición no Palacio de María Pita, en 1917. De esq. a der., de pé: Tella, Abelenda, Barreiro, Sobrino, Palacios, Seijo, Sotomayor, Lloréns, Castelao, Concheiro, Francés, Madariaga (co chapeu nas mans), González del Villar e dúas persoas sen identificar. Sentados: a muller de Francés, Pardo Bazán e Picadillo.
  • Nuevo Teatro Crítico (1891-92). Revista publicada pola escritora, de carácter cultural e divulgativo que rende homenaxe ao Feijoo.
  • Polémicas y estudios literarios (1892)
  • Lecciones de literatura (1906)
  • La literatura francesa moderna (1910)
  • La cocina española antigua (1913)
  • Porvenir de la literatura después de la guerra (1917)

Libros de viaxes

  • Mi romería (1888)
  • Al pie de la torre Eiffel (1889)
  • Por Francia y por Alemania (1889)
  • Por la España pintoresca (1895)
  • Cuarenta días en la Exposición (1900)
  • Por la Europa católica (1902)

Lírica

Obra dramática

[20]

  • El vestido de boda (1899)
  • La suert (1904)
  • Verdad (1906)
  • Cuesta abajo (1906)
  • El becerro de metal (1909)

No cinema

A vida de Emilia Pardo Bazán foi representada no filme Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, de 2011, dirixido por Zaza Ceballos e con Susana Dans como protagonista.

No teatro

En 2016 a compañía Teatro del Barrio presentou Emilia, de Noelia Adánez, a primeira obra da triloxía Mujeres que se atreven.[21]

Galería de imaxes

Notas

  1. Toro, Suso de (5/3/2010). "Dona Emilia, 'a Pardo Bazán'". El País. 
  2. Wilson, Michelle "Emilia Pardo Bazán (1851-1921)" Michigan State University (en castelán).
  3. González-Doria. Diccionario heráldico y nobiliario de los reinos de España. Bitácora. San Fernando de Henares, 1987. ISBN 84-86832-00-4.
  4. Historia da Real Academia Galega realacademiagalega.org.
  5. 5,0 5,1 Emilia Pardo Bazán, unha defensora dos dereitos das mulleres que naceu hai 159 anos Secretaría Xeral de Igualdade. Consultada o 28/12/2010
  6. Barros Guede, José. "Emilia Pardo Bazán, promotora del feminismo en España (y II)" La Opinión (A Coruña) 19/6/2009.
  7. Wilson, Michelle "Feminismo", Michigan State University. Consultada o 28/12/2010 (en castelán).
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Emilia Pardo Bazán (1851-1921) Enciclonet.com, consultada o 12/06/09 (en castelán).
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Barros Guede, José "Familia e patrimonio de Emilia Pardo Bazán e do seu marido José Quiroga (XXXIII)" La Opinión (A Coruña), 30/1/2009 (en castelán).
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Pattison, Walter T. (1971). Emilia Pardo Bazán. Twayne Publishers, Inc. (en inglés). 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 11,6 Emilia Pardo Bazán na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 Informacion del Autor: Emilia Pardo bazan Espaciolibros.com, consultada o 09/06/09 Arquivado 18 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 Sotelo Vázquez, Marisa "Emilia Pardo Bazán y el Folklore Gallego" Arquivado 23 de decembro de 2014 en Wayback Machine. Garoza: revista de la Sociedad Española de Estudios Literarios de Cultura Popular. ISSN 1577-8932, n 7, 2007 (en castelán).
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 Universidad Virtual de la Lengua y Cultura Española: Emilia Pardo Bazán Uvilce.es (en castelán).
  15. 15,0 15,1 Guitar Novo, Susana "Emilia Pardo Bazán Unha muller que viviu e loitou como muller nun mundo de homes" Álbum de Mulleres.
  16. 16,0 16,1 Emilia Pardo Bazán en Senlleiras Andainamulleres.org, consultada o 10/06/09
  17. Feminismo Msu.edu, consultada o 11/06/09 Arquivado 12 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 La Revista de Galicia de Emilia Pardo Bazán (1880)
  19. El Saffar, Ruth; Ellen (1993). "Emilia Pardo Bazán (1851-1921)". En Gould Levine, Linda; Engelson Marson; Feiman Waldman, Gloria. Spanish Women Writers: A Bio-Bibliographical Source Book (en inglés). Greenwood Press. pp. 378–388. ISBN 0-313-26823-1. 
  20. 20,0 20,1 "Bibliografía de Emilia Pardo Bazán". Biblioteca Virtual Cervantes. Consultado o 2 abril 2018. 
  21. Mónica Zas Marcos (15 de novembro de 2016). "Emilia Pardo Bazán se venga de la RAE con humor e impertinencia". Eldiario.es (en castelán). Consultado o 5 de marzo de 2019. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas