Tomé de Aquino: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
arranxo
m Bot: Substitución da categoría "Santos (Catolicismo)" pola categoría "Santos do catolicismo"
Liña 98: Liña 98:
[[Categoría:Nados en 1225]]
[[Categoría:Nados en 1225]]
[[Categoría:Finados en 1274]]
[[Categoría:Finados en 1274]]
[[Categoría:Santos (Catolicismo)]]
[[Categoría:Santos do catolicismo]]
[[Categoría:Doutores da Igrexa]]
[[Categoría:Doutores da Igrexa]]
[[Categoría:Artigos que toda Wikipedia debería ter (Biografías)]]
[[Categoría:Artigos que toda Wikipedia debería ter (Biografías)]]

Revisión como estaba o 26 de setembro de 2018 ás 15:39

Santo Tomé de Aquino
Biografía
Nacemento1224 ou 1225 en Rocaseca (Nápoles) Italia Italia
Pasamento7 de marzo de 1274 en Fossanova
Proceso de canonización
Canonización18 de xullo de 1323, en Aviñón por Xoán XXII
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica
Luteranismo
Festividade28 de xaneiro Novus Ordo
7 de marzo Vetus Ordo
Santuario principalConvento dos Xacobinos de Toulouse

Tomé de Aquino, nado en Rocaseca (Nápoles) en 1225 e finado en Fossanova o 7 de marzo de 1274, foi un filósofo e teólogo medieval, representante da escolástica, ademais de frade dominico. Foi proclamado santo e Doutor da Igrexa, así como Doctor Communis ou Doctor Angelicus pola Igrexa católica.

Traxectoria

Fillo dos condes de Aquino, inicialmente estudou no mosteiro de Monte Cassino e en 1239 na Universidade de Nápoles. En 1244 coa oposición da súa familia entra na orde de Domingos de Guzmán. Os seus irmáns chegaron a raptalo e metelo en prisión durante dous anos para disuadilo.

Super Physicam Aristotelis, 1595

Posteriormente, foi mestre na Universidade de París por dúas ocasións, primeiro entre 1256 e 1259, na cátedra de estranxeiros de Santiago, e despois entre 1269 e 1272. Nesa cidade fora discípulo de Alberte Magno a quen tamén acompañou a Colonia. Ensinou, así mesmo, en varias cidades de Italia, entre elas Roma para organizar o Studium dominico. Na universidade sufriu o rexeitamento que padeceron os membros das ordes mendicantes dun xeito paralelo ao de Boaventura de Bagnoregio. As súas ideas aristotélicas consideráronse incompatibles co cristianismo e varias das súas teses foron condenadas polo bispo de París Estevo Tempier en 1277. En Oxford tamén foron condenadas por parte dos arcebispos de Canterbury Roberto Kilwardby, malia ser tamén dominico, e John Peckhan (franciscano).

Trasladado definitivamente a Nápoles, morreu no ano 1274 durante unha viaxe cara Lión para formar parte nun Concilio convocado polo papa Gregorio X.

Entre os escritos filosóficos de Tomé de Aquino merecen destacarse numerosos comentarios ás obras de Aristóteles, así como os opúsculos O ente e a esencia e Sobre a unidade do entendemento en contra dos averroistas. Canto á súa produción teolóxica, as obras máis importantes para a filosofía son a Suma teolóxica, as Cuestións disputadas e Suma contra xentís.

Tomé de Aquino foi canonizado polo papa Xoán XXII no ano 1323. Pío V proclamouno doutor da Igrexa en 1567. León XIII declarouno en 1880 patrón das universidade, colexios e escolas.

Contexto histórico

Durante a Idade Media, a relixión cristiá ocupaba todos os ámbitos da vida cultural, incluído o da ética. Durante este período, a ética tomou unha dimensión sobrenatural, é dicir, pensábase que Deus era o sumo ben, e a realidade suprema, creador e lexislador do Universo e de toda orde moral. Mediante a revelación, Deus comunicara a todos os homes o que estaba ben e máis o que estaba mal, e estes debían someterse obedientemente aos seus mandamentos.

O ser humano, durante este período, tiña a impresión de estar "de paso" nesta vida, de que nesta vida o comportamento das persoas só tiña importancia porque en función del salvaríanse ou condenaríanse para a vida eterna. Os conceptos antigos de "mal", "felicidade" e "sabedoría", que eran propios do mundo clásico, foron substituídos polos conceptos cristiáns de "pecado", "beatitude" e "santidade".

Filosofía

Tentación de Tomé de Aquino de Diego Velázquez

A filosofía tomista caracterizábase por harmonizar os dogmas da relixión cristiá coas principais teses filosóficas de Aristóteles, nunha época na que este último era visto como o principal inimigo intelectual do cristianismo. Perdidas desde a época do Imperio Romano, as obras aristotélicas foron redescubertas no século XII, resultando especialmente significativo para a súa transmisión o labor de Domingo Gundisalvo na Escola de Tradutores de Toledo. Neste senso son especialmente relevantes os intentos de Tomé de Aquino de oporse ós comentarios sobre Aristóteles feitos polo filósofo árabe de orixe español Averroes (1126-1198), explicando teses claramente opostas á Revelación cristiá. Fronte a teoría das dúas verdades deste pensador, para Tomé de Aquino filosofía e teoloxía non poden entrar en conflito porque sería unha discordancia dentro da verdade. Son dous saberes independentes con dous obxectos formais distintos pero co mesmo campo común.

O coñecemento

Para Tomé de Aquino o entendemento ten como obxecto o ser de todo o real, pero en canto que o home é unión substancial entre corpo e alma, o entendemento humano ten por obxecto o ser das realidades sensibles. O corpo está dotado de órganos do coñecemento, que son os sentidos, de aí que o coñecemento intelectual comece co coñecemento sensible. O entendemento elabora conceptos a partir de datos subministrados pola percepción sensible.

A partir disto, o entendemento posúe unha capacidade abstractiva, unha capacidade de universalizar convertendo en conceptos as representacións sensibles universais. Por iso o entendemento coñece primaria e directamente o universal e os seres na súa individualidade dun xeito indirecto e secundario. Isto resulta do seguinte proceso:

  • Os órganos corporais sensoriais acadan unha percepción sensible
  • Isto imprime unha imaxe ou representación que denomina fantasma
  • O entendemento axente universaliza os datos da experiencia sensible e formula un concepto quedándose cos trazos esenciais
  • A partir de aí coñece o singular indirectamente como por unha certa reflexión
  • Por mor do principio individuación, a materia concreta, distinta en cada individuo, permite entender as cousas singulares.

A realidade

Super libros de generatione et corruptione

Esencia e existencia

Mediante a razón é posible chegar á realidade das cousas. Estas, agás Deus, son continxentes, poderían non existir. Por iso a composición decisiva é a composición de esencia e existencia. A esencia das cousas non comporta necesariamente a súa existencia. Só en Deus esencia e existencia coinciden. A esencia é potencia no sentido aristotélico e a existencia é acto en sentido aristotélico. A cada tipo de esencia corresponde un grao distinto de existencia. O existir é o acto da esencia, esta é potencia ou capacidade de ser. Só Deus é o ser subsistente onde se identifican esencia e ser. Os entes creados participan no ser en graos distintos segundo a capacidade de ser das súas respectivas esencias.

A metafísica tomista destaca por introducir a distinción entre esencia e existencia, base conceptual sobre a que lexitimar unha xerarquización dos entes existentes, desde a primacía de Deus, ente supremo e transcendente, ata os seres inanimados, pasando polos anxos, os humanos e o resto dos seres vivos. A separación fundamental entre Deus e o resto dos entes estriba en que o primeiro ten a existencia como propiedade constitutiva da esencia divina, mentres que o resto recibe, en diversos graos, a existencia de Deus a través dun acto creador.

As cinco vías

Desde o punto de vista da Teoloxía filosófica, tamén son destacables as cinco vías tomistas da existencia de Deus, nas que pretende demostrar racionalmente a súa existencia partindo de feitos observables por calquera ser humano. Parte da idea aristotélica do motor inmóbil, fonte de todo movemento entendido como paso da potencia ao acto e do concepto de causa eficiente, axente, material e final. Coñécense co nome de probas a posteriori para diferencialas das probas soamente racionais propostas anteriormente no século XI polo monxe Anselmo de Canterbury. Para Tomé de Aquino, nada pasa da potencia ao acto a non ser baixo a acción de algo que estea xa en acto. Deus é o acto puro, tal como sostiña Aristóteles, pero a diferenza do sostido por este non está pechado en si mesmo no seu autocoñecemento senón que crea o mundo, comunicase a el e coñéceo coñecéndose a si mesmo.

Sentado isto, as cinco vías para afirmar a existencia de Deus serían:

  • O movemento: todo é movido por algo, ten que haber un motor inmóbil
  • A causa eficiente: todo é unha concatenación de causas, a causa prima é Deus
  • Polo posible e o necesario: os entes son continxentes, chega un momento que non son, pero da nada nada sae e a nada nada produce polo que ten que haber un ser necesario por si mesmo. Por definición é Deus
  • Polos graos de perfección: a experiencia fálanos de que hai graos de perfección, isto non ten senso se non existe a perfección absoluta
  • Pola orde do mundo: os entes intelixentes tenden a un fin e a unha orde. A razón reclama un ser que ordena a natureza e a impulsa cara un fin.

Tomé de Aquino entende que a concepción aristotélica non implica necesariamente a eternidade do mundo pero non exclúe esa posibilidade porque o cosmos pode ser á vez creado e eterno. Como creador Deus é a causa eficiente, a causa exemplar e a causa final, pois crea por amor, é o Amor e por amor endereza todo cara o seu fin que é el mesmo. En Deus o ser, a intelixencia e o amor son unha soa substancia.

O Home

No home non existen dúas substancias: alma e corpo. Senón que a alma é a forma, en sentido aristotélico, do corpo. Alma e corpo, xa que logo, configuran unha unión substancial. O home é unha substancia completa e única, non dual. O home arela permanecer no seu modo de ser, ese degaro non pode ser en balde e absurdo, polo que a alma é inmortal e volverá a unirse ao corpo na resurrección da carne, aínda que isto segundo coñecémolo por revelación.

Ética

Para Tomé de Aquino o fin último do home é a felicidade, só coñecendo a súa natureza e as tendencias enraizadas nela poderemos saber o que lle fai feliz. De aí se poden deducir certas normas de conduta para acadar a felicidade. Existen pois unhas normas que son esixencia das súa propia natureza. Esta tende a conservar a existencia, a procrear, a coñecer racionalmente a verdade e a vivir en sociedade. Por iso a lei natural é evidente, universal e inmutable.

En ética e política desenvolveu a distinción entre lei natural e lei positiva, sendo a primeira a base obxectiva na que enraizar todo código moral humano concreto (elimínase así o relativismo moral) e toda lei civil positiva. A lei civil contraria á lei natural é inxusta porque é contraria ao ben do home. O dereito ha de estar subordinado á xustiza. O concepto de lei natural baséase e fundamenta a liberdade do home e expresa a esixencia dunha ordenación racional da conduta humana baseada nas demandas da súa natureza. Por iso para Tomé de Aquino a peor forma de goberno é a tiranía. No caso de conflito entre a autoridade civil e a autoridade da Igrexa, debería prevalecer o criterio desta última, pois ocúpase do ben da alma, superior, segundo Tomé, ó ben corporal (asunto do poder civil).

Para Tomé de Aquino a fin última das persoas era a beatitude. Todo o que as persoas apetecían ou desexaban o facían en función dese fin último. As persoas, segundo Santo Tomás, acadaban a beatitude coa visión de Deus, pero este era un premio que estaba reservado para os ben aventurados na outra vida polas súas accións virtuosas nesta.

O ben, polo tanto, identificábase, na ética medieval, co cumprimento da vontade de Deus durante a breve e pasaxeira vida terreal das persoas para desfrutar dunha felicidade que só alcanzarían despois da morte. Tamén, neste caso, revelación e pensamento conflúen porque para Tomé de Aquino, parafraseando a Paulo de Tarso o amor ao próximo é a plenitude da Lei e, para el, a definición do amor é querer o ben do próximo e actuar en consecuencia. Segundo Tomé de Aquino, Deus en Xesús de Nazaret refundiu toda a xustiza humana nun só precepto: o amor.

Véxase tamén

Outros artigos