Historia de Vigo: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Etiqueta: edición de código 2017
Liña 90: Liña 90:
=== Outros artigos ===
=== Outros artigos ===
* [[Alcaldes de Vigo]]
* [[Alcaldes de Vigo]]

=== Ligazóns externas ===
*[https://cgai.xunta.gal/gl/filmes/imaxes-de-vigo-e-arredores-0 Imaxes de Vigo e arredores]. Filme recuperado polo CGAI. Vistas de Vigo, Baiona e a ría filmadas por un afeccionado danés chegado a Vigo nun cruceiro en 1926.


{{Onomástica do rueiro de Vigo}}
{{Onomástica do rueiro de Vigo}}

Revisión como estaba o 15 de xuño de 2018 ás 08:28

Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores, 1840, Nicolás Taboada Leal.

A historia de Vigo abrangue as diferentes épocas en que a actual cidade estivo poboada, desde os primeiros asentamentos até a actualidade.

Prehistoria

Vigo e a súa comarca estiveron poboados desde tempos antigos. Porén, ata o momento non se localizou ningún asentamento paleolítico e os poucos achados, que se remontan á Idade de Pedra, son medio centenar de útiles tallados en cuarzo. A maior parte destas pezas prehistóricas atópanse na colección do Museo Municipal de Castrelos.

Interior de vivenda reproducida no Museo do Castro.

Polo que se refire ás manifestacións culturais do Neolítico, hai que apuntar o achado de diversos machados de man, algúns de carácter claramente votivo. Neste período revisten grande interese as construcións funerarias da cultura megalítica. Trátase de monumentos funerarios, datables entre o 3000 e o 1800 a.C. denominados túmulos. Coñécese a existencia de trinta e sete túmulos, situados na cadea montañosa do perímetro municipal e hai constancia da existencia de algúns máis xa desaparecidos.

Nos primeiros tempos da metalurxia, na transición do III ó II milenio a.C. hai un numeroso conxunto de gravados rupestres con representacións de motivos xeométricos, armas e fauna. Diversos achados cerámicos, armas de bronce e máis gravados rupestres indícannos a pervivencia da ocupación humana na chamada Idade de Bronce, datable entre o 1900 e o 800 a.C.

A cultura castrexa, que abrangue toda a Idade de Ferro, desenvolveuse en Galicia dende o século VIII a.C. ata a fin do I d.C., xa en plena época romana. Esta cultura deixou en Vigo importantes pegadas, como amosa a existencia de 26 castros catalogados. Este dato leva a pensar que nesta época Vigo tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia. O maior destes poboados era o situado no lombeiro do monte do Castro. Os seus habitantes vivían da agricultura, actividade que complementaban coa caza e a pesca. Eran unha poboación hábil na forxa do ferro e o tallado da pedra.

A época romana

En Vigo, o proceso de romanización foi moi temperán e intenso. As evidencias arqueolóxicas indican unha importante actividade portuaria e comercial no litoral vigués dende o século II a.C., desenvolvéndose un progresivo proceso de romanización, consolidado durante o século I d.C., unha vez conquistado o territorio e establecida a paz romana.

O proceso de romanización durou preto de seiscentos anos dos que quedaron relevantes vestixios investigados en numerosas escavacións arqueolóxicas: vilas (villae), espalladas por todo o litoral (Alcabre, Toralla…), restos de instalacións portuarias, rúas, instalacións industriais (salinas e factorías de salgado), necrópoles, restos afundidos, ademais dunha intensa romanización dos poboados castrexos do concello.

Recentes intervencións arqueolóxicas na zona do Areal e no Casco Vello puxeron de manifesto a posible existencia, polo menos entre os séculos III e VI d.C., dun importante asentamento, o vicus romano.

A Mendinho, Johan de Cangas e Martín Codax en San Simón.

A Idade Media

A información dispoñible sobre desta época é moi escasa, especialmente durante a Alta Idade Media. Foi un período no que as incursións xermánicas e os ataques piratas procedentes do norte de Europa fixeron que a poboación se desprazase cara ao interior buscando maior seguridade.

Coa propagación do cristianismo, durante a Idade Media a Igrexa dominou a sociedade galega. Vigo dependeu durante moito tempo do mosteiro cisterciense de Melón (Ourense).

Existe constancia documental dende o ano 1024 dunha cita da igrexa de Bembrive e, posteriormente, doutras quince igrexas románicas no actual término municipal, o que demostra un importante poboamento da zona durante os séculos XI, XII e XIII, con localizacións similares ás das parroquias viguesas actuais. Do período medieval só quedan tres igrexas: Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos, esta última con interesantes pinturas murais de época renacentista. Da Idade Media tamén perviven dúas pontes en Sárdoma e Fragoso e restos románicos na ermida do Freixo en Valadares e nas igrexas barrocas de Sárdoma e Santa Cristina de Lavadores.

A partir do século XII Vigo comeza a recuperar poboación, pero segue estando sometida a un estrito control do poder eclesiástico e dos señores feudais. A parroquia de Santiago de Vigo acada a maior importancia na vila. A Coroa outorgoulle á vila de Baiona a facultade de poder comerciar por mar con outras cidades e converteuse na principal competencia de Vigo, limitando o seu desenvolvemento económico. Foi por esta época cando Martín Codax compuxo as súas fermosas cantigas de amigo.

Á época medieval corresponde o primeiro texto coñecido no que aparece mención de Vigo. Está redactado en latín, e trátase dun preito, unha disputa entre veciños.

Do século XV ó XVIII

A pesar do periódico azoute e ataques dos corsarios, a vila de Vigo foi medrando durante a Idade Moderna. Acadou importancia a actividade artesanal e o comercio pesqueiro, sendo o gremio máis relevante o de mareantes. Algúns documentos reflicten xa nesta época a importancia que tiña a pesca da sardiña. En 1573 asinouse a primeira ordenanza que regulaba a pesca na ría de Vigo.

En 1587 a vila contaba con 868 veciños, pero as epidemias da peste e os ataques piratas limitaron o seu crecemento demográfico. Os armadores vigueses organizaron a defensa da ría, rexeitando en 1589 o ataque dunha armada inglesa dirixida por Francis Drake (que xa atacara a cidade en 1585) e conseguiron da coroa española a patente de corso para saquea-los barcos comerciais inimigos. Ante as sucesivas acometidas (como a dos piratas alxerianos en 1617), e en tempos de guerra con Portugal, acométese a construción da muralla en 1665. É así como comeza a se configurar a morfoloxía da cidade. A muralla contaba con seis portas de acceso: Porta do Pracer, Porta do Sol, Porta da Gamboa, Porta da Laxe, Porta da Ribeira e a Porta da Falperra. A muralla estaba protexida por once baluartes e baterías artilleiras[1].

Batalla de Rande.

En 1702 produciuse a batalla de Rande. As frotas aliadas de Inglaterra e Holanda entraron na ría para atacar a Frota da Prata de España e os barcos de guerra de Francia aliados que a escoltaban. Esta importante frota, cargada de riquezas procedentes de América, foi destruída despois dunha encarnizada batalla no mar e en terra. Aínda quedan restos deste episodio bélico nos fondos mariños da ría de Vigo.

En 1778 o rei Carlos III de España rompeu o monopolio dos portos españois autorizados a comerciar con América e Vigo comezou a beneficiarse do tráfico marítimo cara ao Novo Mundo. Por esta época a vila estaba completamente pechada cunha muralla, que comezara a construírse con motivo da guerra de restauración de Portugal (1640-1668), ante o temor dunha invasión portuguesa. Preto do mar estaba o bastión da Laxe. No lado oposto atopábase o castelo de San Sebastián.

Durante a segunda metade do século XVIII tamén chegaron a Vigo numerosos comerciantes e industriais de Cataluña, o que supuxo unha pequena revolución económica. Proliferaron as fábricas de salgado, xabón e produtos de coiro e liño. A prosperidade dos burgueses cataláns produciu certa suspicacia por parte da poboación local, que nalgunhas ocasións puntuais destruíu os seus negocios.

Vigo en 1856, por Francisco Coello.

O século XIX

Véxase tamén: Reconquista de Vigo.

Como outros moitos lugares de España, Vigo foi ocupado polo exército francés de Napoleón Bonaparte en 1809. A resistencia popular a esta invasión provocou un levantamento dirixido polos militares Pablo Morillo e Bernardo González del Valle “Cachamuíña” que terminou cun asalto ás murallas e coa expulsión do exército napoleónico. Este episodio motivou a concesión a Vigo do título de cidade Fiel, Leal e Valorosa.

1877. A finais do s. XIX Vigo tiña uns 15.000 h.

En 1833 acondicionouse o camiño real que leva a Madrid, coñecido como estrada de Castela ou de Villacastín. Un ano despois terminaron as obras de construción da Colexiata de Vigo por Melchor de Prado, posto que o antigo templo fora destruído nun dos numerosos saqueos que sufriu a vila. A mediados de século creouse unha sucursal do Banco de España e un novo fondeadoiro de pedra.

A segunda metade do século XIX foi un período de continuo crecemento da cidade, propiciado, entre outras cousas, polo incremento das relacións con América. Dende 1855 establecéronse servizos de comunicación marítimos periódicos coa Habana, Buenos Aires e Puerto Rico. Unha década despois comezou a construción do ferrocarril e as obras de recheo da ría para ampliar as instalacións portuarias. Para facilitarlle á cidade a súa expansión e non quedar cinguida intramuros, os seus rexedores decidiron por acordo municipal o derrubamento da histórica muralla en 1869, polo que aguantou en pé 204 anos. A liña ferroviaria Ourense-Vigo inaugurouse en 1881.

A estación de tren concluíuse en 1878.

Durante este século continuaron abríndose na cidade fábricas de salgado e de derivados de produtos mariños, o que provocou o crecemento da poboación asalariada e tamén dunha burguesía financeira. Vigo estendeuse extramuros coa apertura de novas rúas e a construción de novos edificios de pedra. En 1880 creouse a Caixa de Aforros de Vigo e un ano despois constituíuse a Xunta de Obras do Porto. A finais do século, a cidade contaba cuns 15.000 habitantes.

O século XX

Este século marcou unha etapa de asombrosa engalaxe económica. A comezos de século, a burguesía liberal viguesa tomou nas súas mans os mecanismos de poder económico e político. Instaláronse novas industrias, ó mesmo tempo que se melloraban as comunicacións e creábanse novos plans para ensancha-la cidade. En pouco máis de dez anos duplicouse a poboación (en 1910 xa acadara os 30.000 habitantes). Segundo avanzaba o século Vigo absorbeu os concellos limítrofes de Bouzas (1904) e Lavadores (1940).

No primeiro terzo do século XX o porto de Vigo quedou indisolublemente xunguido coa imaxe de milleiros de galegos que se embarcaron rumbo a América. A emigración foi motivada en gran parte pola crise económica que sofrían moitas familias, e o porto de Vigo foi un dos principais puntos de partida deste fluxo migratorio. Outro símbolo da época é o tranvía, que comezou a funcionar en 1914. A cidade ferveu durante esta época cunha intensa actividade social. Xurdiron numerosos periódicos e semanarios, asociacións e organizacións de carácter político e sindical. Todo este dinamismo social quedou neutralizado co comezo da guerra civil española (1936-1939). Entre as vítimas da guerra e da represión que seguiu atopábase o alcalde Emilio Martínez Garrido, fusilado o 27 de agosto de 1936.

Rúa do Príncipe.

Nas décadas de 1960 e 1970 Vigo sufriu un crecemento urbano acelerado e ás veces desordenado, motivado polo desenvolvemento industrial. A oferta laboral atraeu numerosa inmigración das zonas rurais de Galicia, especialmente da provincia de Ourense, que arraigaron en barrios tan populares hoxe como Teis, Coia ou O Calvario. O impacto producido polas sucesivas crises do petróleo a partir da década de 1970 golpeou con forza a cidade entre 1975 e 1985, aumentando os conflitos sociais e destruíndo unha parte do tecido industrial tradicional, vinculado co mar. Dende finais da década de 1980, obsérvase certa recuperación económica, que afianzou a comarca como unha moderna e importante zona industrializada e de servizos, tendencia que se prolonga, aínda que con certo ritmo decrecente, ata a actualidade.

Galería de imaxes

Notas

  1. Basilio Cegarra: Vigo. Centro Histórico. A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas S.A. ISBN 84-95350-72-6.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

  • Imaxes de Vigo e arredores. Filme recuperado polo CGAI. Vistas de Vigo, Baiona e a ría filmadas por un afeccionado danés chegado a Vigo nun cruceiro en 1926.