Con pólvora e magnolias: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Liña 201: Liña 201:


{{Cita|Estás, oh castiñeiro de vran,<br />cabexando tropas de saltóns e chuchameles murchos{{Sfn|Méndez Ferrín|1976|p=19}}.}}
{{Cita|Estás, oh castiñeiro de vran,<br />cabexando tropas de saltóns e chuchameles murchos{{Sfn|Méndez Ferrín|1976|p=19}}.}}
'''''SEÑORAS DO PASADO'''''
* '''''SEÑORAS DO PASADO'''''


O título remita á ''Ballade des dames du temps jadis'' (balada das señoras do tempo pasado de François de Villon (s. XV). Comeza cunha cita dun verso da canción ''Les amours d´antan'' do cantautor anarquista francés [[Georges Brassens]].
O título remita á ''Ballade des dames du temps jadis'' (balada das señoras do tempo pasado de François de Villon (s. XV). Comeza cunha cita dun verso da canción ''Les amours d´antan'' do cantautor anarquista francés [[Georges Brassens]].

Revisión como estaba o 20 de maio de 2018 ás 20:10

Con pólvora e magnolias
Autor/aXosé Luís Méndez Ferrín
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialRompente
Data de pub.15 de novembro de 1976
Páxinas89
editar datos en Wikidata ]

Con pólvora e magnolias é un libro de poesía escrito por Xosé Luís Méndez Ferrín en lingua galega, e publicado por Rompente en 1976.

Importancia

A edición de Rompente destaca polo tipo de papel utilizado, definido polo autor como papel de envolver dunha tenda de ultramarinos. O formato é case cadrado (18x20,5), cunha capa en amarelo acartonada e follas en papel de estraza[1].

Reimprimiuse en 1978 e reeditouse en 1989, 1994, 2004, 2005, con máis de oito edicións. Foi Premio da Crítica.

A publicación en 1976 desta obra, xunto con Mesteres, de Arcadio López-Casanova, vai significar un cambio dentro da poesía galega. Estes dous poemarios supuxeron un redescubrimento das posibilidades da linguaxe, dos recursos formais, da dimensión estética do poema e dos temas nun momento en que a poesía socialrealista descendera de calidade debido aos excesos que dela se fixeran[2].

Con pólvora e magnolias supuxo, a xuízo de toda a crítica, unha pauta produtiva decisiva para evitar a asfisia do repertorio galego, tanto por reclamar espazos para o subxectivismo e a introspección como por inscribirse nun camiño crítico coa hipertrofia do socialrealismo formulado desde a vontade de inclusión desde os postulados ideolóxicos da poesía cívica e combativa. A apertura ao culturalismo e á tradición cultura europea, que volven fastosa e preciosista a composición e retoman a temática clásica, dáse en paralelo a unha revisión práctica do canon poético galego que toma como modelo a obra final de Álvaro Cunqueiro e, no que toca á serie combativa, parte dos postulados dunha praxe lingüística revolucionaria que propugna o moi citado Mao Tse Tung[3].

Características xerais

A pólvora é o compromiso social e político (nacionalismo e marxismo), a poesía combativa. As magnolias son a liña intimista e existencial, o ton confesional. As dúas direccións están xa no título unidas pola conxunción copulativa e e así se manterán en todo o libro.

Na obra hai unha clara superación do socialrealismo imperante na poesía, unha reivindicación do culturalismo e dos valores formais sen renunciar á denuncia e á reivindicación. É esta combinación de fórmulas estéticas de vangarda, formalmente moi elaboradas e afastadas de calquera realismo, e de ideoloxía revolucionaria e propósitos de denuncia unha das principais características da obra narrativa e poética de Méndez Ferrín[4].

Pódense sinalar:

1.- Descubrimento da linguaxe: múltiples posibilidades estéticas e expresivas.

2.- Novos temas: intimismo, lembranza do pasado, erotismo, esteticismo contemplativo...

3.- Apertura estilística: versolibrismo, collage...

4.- Culturalismo: referencias míticas, históricas, literarias, artísticas...

5.- Influencias[5]:

Estrutura

Son 22 poemas (6 con título): Un home de 37 anos sente a necesidade de botar fora o seu medo principal: o seu medo á morte. O poeta mostranos o seu eu lírico, a súa intimidade dominada pola saudade nun fondo de proclama política chea de luxo preciosista.

1ª parte

16 poemas máis ou menos curtos, de características similares.

Nestes poemas persisten os elementos como as imaxes visionarias, o ritmo (de)cadente e os versos e o léxico marcadamente negativo que contribuén a reforzar, desde o punto de vista formal, o sentimento elexíaco co que o autor aborda os temas da obra[6].

  • A maior parte non ten título, cando o ten xa nos indica o tema do poema.
  • Os poemas non sempre aparecen organizados en estrofas.
  • Abundan os paralelismos e as estruturas repetitivas.

2ª parte

Triste Stephen é un poema longo, en 5 partes (ou 5 poemas?), intimista; diferente polo seu carácter autobiográfico.

A primeira alusión a uns versos de Camoens (Errei todo o discurso de meus anos) están nunha primeira persoa que non se volve repetir ao longo do poema: no comezo fala de Stephen en terceira persoa e remata falando con Stephen, falando cun espello, falando consigo mesmo.

A primeira parte deste poema ten unha característica principal: trata de introducir o lector nun modo diferente de sentir a realidade, exclusivamente sensacións, cunha preocupación pola técnica sen lle importar clarificarlle quen é quen, quen é ela. Trata de sensibilizar coa súa violencia, ás veces, arrepiante.

A segunda parte é un andar no tempo, nos anos saudosos dos cincuenta e tantos (século XX), nos anos gloriosos e preguiceiros de ela, activista alemá da "Fracción do Exército Vermello": Ulrike Meinhof, e de Stephen, fronte a un hoxe do poema no que ela está presa.

Na terceira parte (os tres últimos poemas) o Triste Stephen, con corenta anos e sen esperanza, atópase totalmente só, non vendo futuro en nada máis que no traballo pola propia terra.

Este poema, recolle os catro temas recorrentes da primeira parte: morte, amor, tempo saudoso, patria. E ten tamén as outras características: estranxeirismos, arcaísmos, cientifismos. Alén da polirritmia, aliteración, anáfora e simbolismo gráfico.

3ª parte

Reclamo a libertade pró meu pobo (é unha especie de epílogo).

É o poema esperanzado de alguén que non ten esperanza. Con pólvora e magnolias presenta unha visión optimista da historia que contrasta co pesimismo con que se enfoca o problema existencial. Unha historia presentada no contexto ideolóxico do marxismo e do nacionalismo radical nesta terceira parte do poemario. Predomina o ton prosaico dominado pola utilización do refrán.

Temas

Ademais da pólvora e magnolias xa explicadas temos:

1.- Tristura e nostalxia.

O libro está dominado polo ton elexíaco, a tristura e a nostalxia provocados polo paso do tempo, a perda do amor, o camiño cara á morte: Diante de Compostela doutros días. O paso do tempo trae dor, espanto, provoca a perda da paixón. A nostalxia trata de vencer o tempo e a morte coa lembranza, pero fracasa. Está en Señoras do pasado, Sentarame ben..., Atópome coa testa..., Triste Stephen... Recréase a infancia, a mocidade, a ilusión e o amor perdidos.

2.- Visión tráxica do tempo (Confucio, Heráclito, Mao, Jorge Manrique, Kerouac) [7].

O fluír do tempo na clásica metáfora do río é o núcleo de algúns poemas. O tempo (ourizo) pasa moi axiña e á vida (río) xa se lle ve o final, a morte (mar). O mundo non vai parar para o poeta e lembra, por iso, a Confucio, Heráclito, Mao: todo cambia, así pasan todas as cousas. E para intentar parar o tempo, para tapar os ollos e non ver este final, busca un amor, un amor esperanzado, que poucas veces vai chegar a ser satisfactorio. Ve a súa vida como un outono.

3.- A morte (eixo temático): visión existencialista do home como un ser para a morte.

O recapacitar sobre si mesmo prodúcelle unha sensación triste, de tristura mesta. O tempo foille pasando e entra nunha profunda soidade na que descansa, pero que o fai pensar seguido na morte. Mais tamén hai unha visión innovadora: a morte vai ser moitas veces un fuxir da realidade para atopar o sosego. E busca unha morte cun fermoso rostro, de paz, de liberación, de felicidade, de ledicia, que vai atopar lembrando a Kerouac, na Terra de Bea, onde o mundo da morte é verde e frondoso, o mundo real é dun outono cobrizo, dourado e marelo.

E chegado o momento último ten a sensación de non ter feito nada, e ten medo a ese xulgamento final. E para vencer ese medo, sobre todo á morte, ten dúas válvulas de escape: a saudade, quere escapar procurando un tempo perdido (a nenez, a mocidade) e o amor, cheo dunha fonda tristura e que non é máis que unha busca na lembranza non satisfactoria.

Trátase dun proceso liberador, dialéctico, dentro dunha concepción materialista onde a morte é un proceso ordinario e natural[8].

4.- O Amor.

Está ligado ao paso do tempo, á tristura e á morte porque só o amor parece impedir, ás veces, o paso do tempo que leva á morte. Recréase o motivo do amor contra a morte (lémbrese a Catulo: odi et amo). O amor, o erotismo e a morte están xuntos en Estas como caída, Posturas para copular en homenaxe porque amar fai máis fácil o camiñar cara á morte. Tamén está presente o desamor, o amor como dor en Señoras do pasado e Momento último. O amor tamén é de outono, e cando chega ledamente no verán é fuxinte, é un amor que está e non está.

5.- A decadencia.

Como consecuencia de todo o anterior (tempo, morte, saudade) no libro predomina un ton decadente, outonal, esmorecente. Sobresaen os campos semánticos do devalar da natureza: outono, serán, solpor. O poeta tamén se comprace na contemplación da decadencia. Este decadentismo esteticista apréciase en Esta é a folla...: a morte e a beleza do outono no Ulla.

6.- A revolución: marxismo e nacionalismo (vencellados á temática intimista e existencial).

O tema socio-político enmarca o libro, está presente no primeiro e último poema. É unha chamada á loita de liberación nacional. Cítase a Moncho Reboiras e os mineiros mortos en Lousame. En Triste Stephen cántase a unha revolucionaria alemá, Ulrike Meinhof.

Este outono da vida do poeta ocorre nunha Patria con historia propia (Antolín Faraldo, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Xohán Xesús González...). E é falando desa Patria cando o poeta está esperanzado, aínda que el mesmo se sente vencido, e non perde a esperanza en ningún momento porque a semente está botada. Contrasta, pois, a confianza no destino futuro colectivo co pesimismo persoal.

Vista a obra no seu conxunto e de modo xeral, podemos concluír dicindo que Méndez Ferrín constrúe as súa espirais temáticas “Con pólvora e magnolias” e con estruturas reiterativas (os paralelismos, as anáforas, as xeminacións de término/versos iguais) e sistematicamente estudadas, tanto temática como estilisticamente. Toda a obra no seu conunto é espiral do lagarto e da luz verde dun Stephen manipulador de espazos como cortes de gando moi grandismo[9].

Símbolos

Podemos destacar[10]:

1.- As cores: branco morte ou pureza e beleza femininas. Azul: consciencia, reflexión (tradición: medo)

2.- Flores e o mundo vexetal: (asociado ás cores nos poemas) magnolia, xacinto, camelia.

3.- A morte: cor branca, crisantemos, outono, crepúsculo.

4.- O ourizo (repetido): sufrimento, actitude de illamento defensivo.

5.- A espiral (o mundo celta, as raíces culturais): retorno ás orixes, ao tempo sen límite.

6.- A pedra, a estatua: a tallada, traballada: escravitude; a sen traballar: liberdade. Estatua: escravitude, silencio, pasividade

7.- Paxaros (tradición: as relacións co outro mundo, mensaxeiros dos deuses). Pombo : morte; loia (laverca): protección da terra.

8.- Símbolos ideolóxicos e sociais. Dinamita, pólvora, ferro: a loita revolucionaria. Puño: o marxismo.

9.- Símbolos do paso do tempo: a roda, o río (a vida que pasa e leva en si a morte// Miño: Galicia).

10.- Símbolos eróticos e amorosos.

  • Espada: o sexo asociado ao sufrimento, a ferir, á liberdade.
  • Señor: o mundo medieval, a coita de amor, o amor cortés.
  • Leito vermello: paixón amorosa.
  • Fígado: corazón.

11.- Topónimos.

Recursos estilísticos

1.- Polirritmia e versolibrismo[11].

2.- Recorrencias: fónicas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas.

3.- Rupturas da norma: a agrupación en estrofas, os encabalgamentos moi abundantes (suaves e abruptos), a ausencia de puntación, os xogos con maiúsculas e minúsculas.

-Imaxes vangardistas e as influencias do futurismo italiano (collage), futurismo ruso (forma), surrealismo francés e Manuel Antonio.

-Erotismo. Novidade dentro da poesía galega (Posturas para copular en homenaxe)

4.- Lingua. É unha lingua depurada que se basea nun bo coñecemento do galego falado, ao que se superpoñen numerosos aportes de outras linguas alleas. Méndez Ferrín integra estranxeirismos, cultismos, dialectalismos, arcaísmos, neoloxismos, coloquialismos e léxico especializado, evitando só o castelanismo nunha vontade clara de frear o dominio excesivo da lingua castelá. Todos estes trazos caracterizan a lingua de Ferrín como culta, sobre todo se a comparamos coa pobreza de lingua que se estaba utilizando no socialrealismo.

Poemas

  • En Compostela pode un home...

Nunha Compostela onde fixo patria Xoán Xesús González e sementaron Pondal e Rosalía, cidade que é esperanza duns mozos que se convencen e prepara para un futuro mellor. O poeta, expresando a súa derrota, quere facer unha marcha patriótica. Mostra o pesimismo dunha Compostela centro de Galicia, de pedra, música e vento transmitíndose en espiral (que será o símbolo da UPG). O poema pode lembrar dalgún xeito o Camiño longo de Ramón Cabanillas.

Compostela é berce de nacionalismo e fronte ao pesimismo persoal a política achega un futuro optimista. Destaca no poema o uso de maiúsculas, a anáfora e o paralelismo; tamén o culturalismo.

E remata:

En Compostela estamos
moitos xa pra sempre derrotados[12] .
  • Podería chamar agora...

Neste poema íntimo e pesimista o poeta transmite a súa depresión pola morte do poeta norteamericano da xeración beat Jack Kerouak (1922-1969), unha sensación que o fai sentirse tamén no outono da súa vida. Sepáraos o río da morte e non hai medo pola propia morte, si pola do amigo. Cita tamén ao poeta italiano Pietro Bembo (1470-1547).

Destaca no poema a reduplicatio, a anáfora e o encabalgamento.

Remata:

Porque agora antre os dous escoa o río
da morte[13].
  • Saudemos á morte...

Breve poema como o é o paso desta vida á outra. Busca a paz na morte que é unha esperanza, con ela chega a tranquilidade: paz, liberdade e felicidade. A morte está vista con felicidade.

Fala de ónices, pedras preciosas ás que se lle atribuíron propiedades curativas e son símbolo da escravitude. Cita o compositor alemán Johann Sebastian Bach (1685-1750) e a cantante de blues-rock norteamericana Janis Joplin (1943-1970). Seguen visibles as anáforas e o culturalismo.

Remata cun verso de esteticismo decadente:

Contemplemos
o seu fremoso rostro á nosa beira[14].
  • Esta é a folla...

No poema vemos a tristura asociada á terra, o outono da vida. A cor amarela é a morte que vai chegar e o poeta recíbea con tranquilidade. O outono da Galicia (amarelo) é o outono que el sente. El, que está na terra de Bea, sente fatiga e quere ir para un mundo de ledicia, o país da morte, verde, coroado de loureiros.

Comeza o poema cunha cita do poeta crepuscular italiano Dino Campana (1885-1932) e tamén fala de Dionisos, o deus grego do viño, que simboliza o pracer de vivir.

Esta é a soedade
na que descanso a testa atal un edredón broslado[15].
  • Veleiquí a man alongada na...

Poema do paso do tempo e a morte. Expresa o desacougo por medio dos ollos toldados. A man alongada agárrase a algo de esperanza. Poema breve, como breve é a vida, sen pausas nin puntuación, nun longo polisíndeton, con encabalgamentos abruptos: vida, tempo, desacougo, sen pausas. Predomina o ritmo lento e desacougante.

Na final derrota no mar recrea o motivo poético do río que desemboca no mar como a vida que desemboca na morte (Jorge Manrique).

Mais hai un futuro esperanzado:

ollos, á espera dunha poboación máis fera
e leda e veleiquí o remate do
vivir, tántos e tántos anos retrasado[16].
  • Estás como caída,...

Poema de amor e morte, de amor con mención de morte. É un amor de outono que chega ledamente no verán pero é fuxidío. A morte non é, como nos anteriores, a chegada da tranquilidade e do sosego porque engana, vén disfrazada con tatuaxes de festa.

Estás, oh castiñeiro de vran,
cabexando tropas de saltóns e chuchameles murchos[17].
  • SEÑORAS DO PASADO

O título remita á Ballade des dames du temps jadis (balada das señoras do tempo pasado de François de Villon (s. XV). Comeza cunha cita dun verso da canción Les amours d´antan do cantautor anarquista francés Georges Brassens.

O tema enlaza co poema anterior. A tristuta está asociada ao amor, lémbrase un pasado pouco satisfactorio con amores positivos (poderosas mañás) e negativos (ourizos). Solpor e morte (neste solpor que vence), lembranzas de amores que foron algo negativo (fiquei menos).

Segue o cultiralismo e o tema do río como paso do tempo.

E quíxenvos tristemente a todas
as que forades rápidamente eu (un pouco) [18].
  • MOMENTO ÚLTIMO

Comeza coa cita dun verso de Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro: miña Señor amada. Poema con imaxes vangardistas e cita da magnolia que está no título do libro.

É a despedida amorosa no outono da vida, amor e morte. Pode verse como o final do amor como causante da morte do amante ou a morte como causa do final do amor. Miña Señor amada fronte a Miña Señor odiada, o odi et amo de Catulo: miña señor amada, desexada / miña señor odiada / miña señor perdida /querida / ... de fume, de cinza, de vento...

Remata:

Decátaste, miña señor querida,
que un tempo novo mátanos e que o meu corpo enteiro,
navegará nas turbas augas do teu recordo? [19].
  • Erguede, dixo Safo,...

Safo de Lesbos foi unha poeta grega, a poeta do erotismo, de actitute lésbica. O poema é un collage de citas ou paráfrases de versos de Safo. É un poema amoroso, erótico, sen sentimento algún por parte do poeta que non fala, é Safo quen o fai: dixo Safo.

Máis branca ca o leite, a cor branca é símbolo da morte e tamén da beleza feminina, da pureza truncada pola morte. O vermello leito é a paixón amorosa. Todo leva á imposibilidade da realización do amor, será a morte que o amante lle provoca á amada?, o que impide a relación e mesmo o acto sexual:

camelios derrotados para sempre[20].
  • Quero que os meus amigos de ferro e dinamita,...

Poema relacionado coa poesía social, co prosaísmo. É un poema político, patriótico: a revolución ten que ir do norte ao sur de Galicia, como o pai Miño, a esencia de Galicia: da Fonmiñá hastra a Guardia”, desde o nacemento ata o mar. Lembra os versos de Cabanillas no Himno de Acción Gallega: Irmáns, irmáns gallegos / dende Ortegal ó Miño / a folla do fouciño / fagamos rebrillar! .

Ao poeta gustaríalle que os camaradas reflexionasen e se desen conta de que cómpre ir xuntos para disparar a súa dinamita sobre a vida do país. Cómpre deter o tempo para emprender a revolución, con referencias a Confucio, Heráclito e Mao.

e digan derramando os ollos no Pai Miño:
Asín pasan toda-las cousas... [21].
  • Confucio atravesouse entre os dentes de Mao...

Especie e testamento que lembra o Testamento do bardo de Eduardo Pondal (este cantou con voz harmoniosa / de Breogán a raza xenerosa):

O conxunto dos lúcidos meus mestres
me xulgue, unha vez que os febrentos despoxos
sexan entregues á terra...[22].

Aparece a opinión que ten de si mesmo e o seu medo á morte. Seguen presentes Mao, Confucio, Heráclito. E tamén está Manuel Antonio (paquebotes, luces fuxidías) e Uxío Novoneira (Novo Neira polos Caneiros”). E o contido do libro: tiña horror ao tránsito do tempo”.

  • Sentarame ben chorar nesta noite...

É un poema intimista de soidade e desespero con fondo social-patriótico, de identificación social-persoal (coma o título do libro). Está presente Irlanda (nacionalismo, celtismo), Vilanova dos Infantes (familia, infancia), Ferrol (onde foron asasinados en 1972 os obreiros Amador Rey e Daniel Niebla). E as bandeiras esfarrapadas dos versos de Luís Pimentel, a literatura independentista do irlandés Sean O´Casey, os versos de Álvaro Cunqueiro, o nacionalista irlandés Sean Mac Stiofain (protagonizou unha folga de fame en 1972) e o whit usura de Ezra Pound. O desespero está tamén na ausencia total de maiúsculas e de puntuación.

Remata:

digo que estou a chorar só coma quen canta
e cego o canto contra o gran silencio que estala e trai un tiro no bandullo[23].
  • POSTURAS PRA COPULAR EN HOMENAXE

Empeza:

Ponte lus, carbón e ollos
negros de nenos mortos cravados nas salas do pazo[24].

Poema de amor e morte con título e pausas marcadas, moi estudado e innovador. Está construído sobre unha polipote (variatio): repetición de palabras con alteración da función sintáctica. ponte fría e ponte estatuaria son a frustración do encontro amoroso. O tránsito do amor cara a morte: teñamos amor... pra fitar o bo lume e a morte.

No segundo verso hai unha referencia a Luís Pimentel (do poema a Rosalía), tamén a Manuel Antonio (tan cursi polo xardín) e a Santa Teresa de Jesús (vivo sen vivir en min).

  • Atópome coa testa contra o muro...

Empeza:

Atópome coa testa contra o muro.
Convócome a min mesmo coma quen olla un pozo[25].

O poeta lembra a infancia nos tempos negativos da posguerra. É un poema irado, de angustia total: o río vai cara ao mar, a morte, a vida ten volta atrás; son historias que se repiten, tráxicas. O tempo retorna. acibeche, cactus e pedra alumbre son a inmobilidade.

No segundo verso hai unha referencia á poesía de Fernando Pessoa.

  • DIANTE DE COMPOSTELA DOUTROS DÍAS

Cita inicial:

Lembrádesvos
como, no río, batiamo-los remos
contra a corrente que non deixaba
avanzar
....................... Mao Tse-Tung[26].

Son moitas as referencias culturais. Comeza cos versos finais do poema Chang Sa, segue con Helena (a de Troia?), con María Balteira (soldadeira medieval das cantigas), Berta do grande pé (esposa de Pepino e nai de Carlomagno), o Café Español (tertulias en Compostela), o hotel compostelán onde se tomaban os tés e a praza da Quintana santiaguesa.

Poema de lembranza do pasado que é semente de esperanza, pasado sen pausas e desacougante. O repetido tema do ubi sunt e as señoras do pasado.

  • A MANUEL MARÍA

Poema de amizade a Manuel María (veleiquí o amigo presente), compañeiro de xeración e de angueiras nacionalistas e marxistas. Poema fundamentalmente político coa morte de fondo. Comeza coa desesperación:

Veleiquí o meu
ventre sen lus onde non vive nada[27].

Continúa coa situación individual (mañán de outono), a esperanza no futuro colectivo (os camaradas... gañando o futuro), o nacionalismo (no destino nacional de pedra) e remata coa morte (preludio do sudario)

  • TRISTE STEPHEN

Cita inicial:

Errei todo o discurso dos meus anos
.......................Camoens[28].

O título é un nome xermánico que pode ser o trasunto do autor. É un longo poema ou unha serie de cinco poemas relacionados. Baixo un fondo intimista recolle os catro temas do libro: morte, amor, tempo saudoso e patria.

Canto á forma, destaca a ausencia de puntuación, a polirritmia, o encabalgamento, a aliteración, a anáfora e un léxico con estranxeirismos, arcaísmos, cientifismos e léxico específico da flora.

Na primeira parte (en terceira persoa) trata de nos introducir nun xeito diferente de sentir a realidade, só sensacións, cunha preocupación pola técnica, sen lle importar clarificarnos quen é quen, quen é ela. Trata de nos sensibilizar coa súa violencia: lagarto que foxe alustre. A secuencia ela-largarto-violencia-morte leva á perda da identidade, a morte, fuxida da luz verde.

A segunda é un andar no tempo, nos gloriosos anos 50, na activista alemá Ulrike Meinhof e en Stephen, fronte a un presente do poema con ela presa: exaltación revolucionaria e recreación da mocidade. Son moitas as referencias culturais esa época.

Na terceira o triste Stephen, está con corenta anos, sen esperanza, só, unicamente no futuro aparece o traballo pola propia terra. Remata coa imaxe de Stephen como espello del mesmo, como autobiografía: Stephen / espello / espanto /esquencida e silenciosa estatua / da túa propia face / de noutrora (usando a segunda persoa).

  • RECLAMO A LIBERTADA PRÓ MEU POBO

Dedicatoria:

Na memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia[29].

Pecha o libro un poema político, optimista e prosaico. Un poema de compromiso sociopolítico no que as aves (loia, laverca) simbolizan a liberdade e o crepúsculo a morte e o comezo dun novo período.

Canto á forma, mestura versos de arte menor e de arte maior, simples e compostos. Os encabalgamentos suaves abruptos danlle dinamismo ao poema. Bota man da cantiga de refrán e dos paralelismos anafóricos. Toda as estrofas parecen telo mesmo nivel xerárquico, que só se declaran sintéticos no último momento, cunha serie paralelística baseada na repetición, con mínimas variantes, dun mesmo sintagma: (En+sintagma nominal+refrán)[30].

Notas

  1. Angueira, Anxo (1992). Guías de lectura. Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín. Edicións do Cumio. p. 43. ISBN 84-87126-60-X. 
  2. Méndez Ferrín, X.L. (Edición de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer) (1989). Con pólvora e magnolias. Edicións Xerais. p. 24-25. ISBN 84-7507-369-7. 
  3. Vilavedra, Dolores (Coord.) (2000). Diccionario da Literatura Galega III. Obras. Galaxia. p. 98. ISBN 84-8288-365-8. 
  4. "A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín. Contexto histórico, político e cultural da posguerra". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 20/05/2018. 
  5. Méndez Ferrín 1989, p. 32.
  6. González López, Susana. "Aproximación a los recursos estilísticos de "Con pólvora e magnolias" de X.L. Méndez Ferrín.". Consultado o 19/05/2018. 
  7. Méndez Ferrín 1989, p. 38.
  8. Fernández Costas, Xosé Manuel; Rabunhal, Henrique (1993). X.L. Méndez Ferrín. Con pólvora e magnolias. Curso de Orientación Universitaria. Bahia Edicións. ISBN 84-87674-35-6. 
  9. González López.
  10. Dacosta, Marta (1994). Análise práctica. Con pólvora e magnolias. X. L. Méndez Ferrín. Sotelo Blanco. p. 34-39. ISBN 84-7824-210-4. 
  11. Méndez Ferrín 1989, p. 47.
  12. Méndez Ferrín 1976, p. 5.
  13. Méndez Ferrín 1976, p. 9.
  14. Méndez Ferrín 1976, p. 11.
  15. Méndez Ferrín 1976, p. 13.
  16. Méndez Ferrín 1976, p. 17.
  17. Méndez Ferrín 1976, p. 19.
  18. Méndez Ferrín 1976, p. 21.
  19. Méndez Ferrín 1976, p. 27.
  20. Méndez Ferrín 1976, p. 29.
  21. Méndez Ferrín 1976, p. 31.
  22. Méndez Ferrín 1976, p. 33.
  23. Méndez Ferrín 1976, p. 37.
  24. Méndez Ferrín 1976, p. 39.
  25. Méndez Ferrín 1976, p. 43.
  26. Méndez Ferrín 1976, p. 45.
  27. Méndez Ferrín 1976, p. 49.
  28. Méndez Ferrín 1976, p. 53.
  29. Méndez Ferrín 1976, p. 81.
  30. Cochón, Iris (1997). Unha lectura de Con pólvora e magnolias. Edicións Xerais. p. 48. ISBN 84-8302-127-7. 

Véxase tamén

Ligazóns externas