As Neves: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
minúscula
Paradanta (conversa | contribucións)
Liña 149: Liña 149:


=== Ligazóns externas ===
=== Ligazóns externas ===
* [http://www.asneves.com/index_gal.html Páxina oficial do Concello]
* [http://asneves.gal/ Páxina oficial do Concello]


{{ConcellosCondado}}
{{ConcellosCondado}}

Revisión como estaba o 23 de outubro de 2017 ás 11:24

Coordenadas: 42°5′17″N 8°24′54″O / 42.08806, -8.41500

As Neves
Logo das Neves
Escudo das Neves
Casa do concello.
Situación
Xentilicio[1]nevense ou nevés/a
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Condado
Poboación4.121 hab. (2014)[2][3]
Área65,5 km²[3]
Densidade62,92 hab./km²
Entidades de poboación13 parroquias[4]
Capital do concelloSanta María das Neves
Política (2015)
AlcaldeXosé Manuel Rodríguez Méndez (BNG)
ConcelleirosBNG: 4
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 2
Eleccións municipais nas Neves
Uso do galego[5] (2011)
Galegofalantes65,45%
Na rede
asneves.gal
Facebook: concelloasneves Twitter: asnevesconcello Instagram: concelloasneves Youtube: UCP2-2Ihp6p-3BJzFYw08pRQ Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

As Neves é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Condado. Segundo o IGE, contaba no 2014 con 4.121 habitantes, o que supón unha diminución de habitantes con respecto aos censos anteriores. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é nevense.

Censo total (habitantes) 4.121 (2014)
Menores de 15 anos 465 (11,28 %)
Entre 15 e 64 anos 2.504 (60,76 %)
Maiores de 65 anos 1.152 (27,95 %)
Evolución da poboación de As Neves   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
6.008 6.435 6.852 6.026 4.440 4.121
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía

O concello posúe catro elementos xeográficos que actúan de referentes principais: o val do río Xuliana polo oeste, o do Miño polo sur, o do Termes polo leste e os Montes da Paradanta polo norte, onde se sitúa o monte San Nomedio, de 690 metros de altitude.

Val do Xuliana

O río Xuliana percorre as parroquias de Taboexa, Rubiós, Tortoreos e Liñares, onde desemboca no Miño. O val esténdese desde a aba do monte San Nomedio ata a foz do río en Liñares, a máis chan de todas as parroquias nevenses.

Val do Miño

O río máis longo de Galiza baña ao concello nun treito de 10 quilómetros, servindo de fronteira co veciño Portugal. As súas augas transcorren polas parroquias, en sentido leste-oeste, de Vide, Setados, As Neves, Tortoreos e Liñares. Sendo Vide, Tortoreos e Liñares de escaso relevo, a orografía algo máis montañosa de Setados e As Neves convértenas en interesantes miradoiros nos que enxergar unha boa panorámica de Portugal.

Val do Termes

O curso fluvial do Termes segue as parroquias de Cerdeira, San Xosé de Ribarteme, San Cibrán de Ribarteme e Santiago de Ribarteme, desembocando no Miño a xeito de fronteira entre Vide e Setados. O val abrangue desde a ladeira sur do Monte de Paradanta, onde se asenta Cerdeira, encaixándose logo entre este e o Monte de San Fins cara o nor-nordeste e o monte de San Nomedio en dirección nor-noroeste.

Montes da Paradanta

A zona máis montañosa do concello é a correspondente ás parroquias de Cerdeira, San Pedro de Batalláns e Santa Eulalia de Batalláns, así coma o norte de Taboexa e o norte e leste de San Xosé de Ribarteme. No caso de Cerdeira e Santa Eulalia o seu relevo montañoso débese a estaren situadas nas abas sur e oeste do monte Paradanta, respectivamente, pertencendo o cumio do monte ao concello da Cañiza. Nelas acádanse as maiores alturas do concello, arredor dos 800 metros. As outras tres parroquias están dominadas pola presenza de San Nomedio, con cumio en Taboexa.

Historia

Paleolítico, Neolítico e Calcolítico

O concello xa estaba habitado nestes períodos prehistóricos. Proba disto son as pezas líticas, mámoas e petróglifos achados no Castro de Altamira e na Pedra da Moura, na parroquia de Taboexa, no monte das Carboeiras en Liñares e no Coto do Facho en Santa María das Neves.

De especial relevancia son os sitios paleolíticos achados en Tortoreos, xa que se encadran dentro dunha serie de achados no noso país que permiten establecer a existencia en Galiza dun poboamento antigo que remontaría ao Paleolítico Inferior[6].

Cultura castrexa e Romanización

O Castro de Altamira é o máis representativo do concello. Nel mestúranse os restos castrexos propiamente ditos con outros derivados da posterior romanización do poboado. Entre os restos atopados figuran diversos anacos de estatuas, unha ara dedicada ao deus Mercurio e unha cabeza de can. Pero o que fai singular a este castro son os numerosos vestixios de bronces romanos aparecidos. Todos eles están expostos no Museo de Pontevedra.

Outros poboados castrexos son os de Bocas, na parroquia de San Xosé de Ribarteme e o de Couto do Conde en San Pedro de Batalláns.

Tamén romana é a ponte que cruza o río Termes no lugar da Senra da parroquia de Santiago de Ribarteme.

Idade Media

Dous acontecementos configuran a historia do concello nos séculos medievais. O primeiro destes acontecementos foi a peregrinación da raíña Isabel de Portugal camiño de Santiago de Compostela, que no século XII atravesou o Miño pola parroquia de Vide facendo escala na Franqueira, no veciño concello da Cañiza. Hoxe en día, pódese seguir o camiño seguido pola monarca lusa grazas á creación dunha ruta de sendeirismo bautizado co nome de Sendeiro dos Frades.

Na primavera do 1469, Pedro Madruga atravesa o Miño pola zona do Condado[7], co obxectivo de sufocar a Revolta Irmandiña iniciada no 1466. Os dous exércitos libran un primeiro combate no castro de Framela. Xabier Iglesias, na súa obra O soño do falcón, sitúa a batalla de Framela nas proximidades das Neves, describindo así as hostilidades:[8]

O primeiro encontro coa Irmandade tivo lugar no chamado castro da Framela, preto das Neves, onde cinco mil irmandiños confiaban en coutarlles o paso (...) os feudais cargaron cos arcabuceiros por diante para desconcerto de labregos e viláns que nunca tal viran, acometendo logo os peóns xurdidos no medio do fume e das explosións, para crebar as defensas e esganar a coitelo ós feridos e a todos aqueles que non puideran fuxir.

Desta época data a igrexa parroquial de Santiago de Ribarteme, de estilo románico.

Idade Moderna

Os primeiros datos demográficos do concello, daquela encadrado na provincia de Tui, datan de fins do século XVI, cando posuía unha densidade de poboación próxima aos 50 habitantes por quilómetro cadrado, superando os 125 no censo poboacional do 1752. É posíbel que a introdución do millo na zona estea detrás deste aumento poboacional.[9]

No século XVII foi edificada a igrexa das Neves. Conta a lenda que nun día de intensa nevarada no lugar a Virxe aparecéuselle a un cativo, motivo polo cal foille dedicada a igrexa á Virxe das Neves, medrando arredor dela o pobo. É obra do arquitecto Melchor de Velasco e do canteiro Amaro do Campo. Salienta pola súa torre piramidal escalonada das que só hai cinco exemplos en toda Galiza e posúe un retablo de tres rúas do Barroco galego. Tamén barroca é a igrexa parroquial de Tortoreos.

Idade Contemporánea

A incorporación de novas terra ao cultivo, a definitiva implantación do millo e a pataca e a escasa incidencia da peste, importante nos séculos anteriores, fixo posíbel que Galiza mantivese un crecemento demográfico constante ata mediados do século XIX[10]. Este feito non foi alleo ao concello nevense, onde a introdución do millo era xa total neste século, malia que a da pataca aínda era menor.[11]. A partir desas datas, a emigración fixo que a demografía do concello se resentise.

Trala división territorial de España en 1833 instaurouse o concello de Setados, onde estaba a capital do municipio. En 1904 a casa consistorial mudou á parroquia das Neves, co conseguinte cambio na denominación do concello[12]. Dez anos máis tarde recibiu o título de Muy Leal, mediante Real Decreto outorgado polo monarca Alfonso XIII. Ata 1981 chamouse oficialmente Nieves.

Ata mediados do século XX a poboación do concello mantivo un lento pero constante crecemento (véxase táboa do inicio), que daría lugar a unha drástica caída demográfica posteriormente, como consecuencia do éxodo dos ámbitos rurais interiores aos urbanos costeiros común a todo o país. Porén, no último censo advírtese unha tímida recuperación.

Irmandada

As Neves está irmandada coas seguintes vilas dende a 30 de agosto de 2003[13]:

As Neves na literatura popular

  • Batalláns xa chega/ coa súa santiña,/ e cara a Franqueira/ connosco camiña [14].

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes das Neves.

Parroquias

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias das Neves

Batalláns (Santa Eulalia) | Cerdeira (San Xoán) | Liñares (Santa María) | As Neves (Santa María) | Rubiós (San Xoán) | San Cibrán de Ribarteme (San Cibrán) | San Pedro de Batalláns (San Pedro) | San Xosé de Ribarteme (San Xosé) | Santiago de Ribarteme (Santiago) | Setados (Santa Euxenia) | Taboexa (Santa María) | Tortoreos (Santiago) | Vide (Santa María)

Lugares das Neves

Para unha lista completa de todos os lugares do concello das Neves vexa: Lugares das Neves.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "As Neves".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  6. Alinei, M. e Benozzo, F.: (2006) "Alcuni aspetti della Teoria della Continuità Paleolítica applicata all’area gallega", acta do II Congreso Internacional de Onomásitca Galega (Pontevedra, 19 - 21 de outubro 2006). Tradución de Xiao Roel en A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento crítico, Edicións Sotelo Blanco, nº71
  7. López Carreira, A. (1997) Idade Media. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 196
  8. Iglesias, X. (2003), O soño do falcón, Editorial Toxosoutos, páx. 67
  9. Carballo, F. (1997) Idade Moderna. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páxs. 211-212
  10. Obelleiro, L., (1997), Idade Contemporánea. Século XIX. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 273
  11. Obelleiro, L., (1997), Idade Contemporánea. Século XIX. En Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, páx. 281
  12. Páxina oficial do Concello.
  13. [1]
  14. Santa Eulalia de Batalláns é parroquia das Neves lindeira coa da Franqueira, na Cañiza. Vicente Risco: "Cultura espritual", en Historia de Galiza I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777, px. 393.

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas