Feminismo: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
ArtaiGZ (conversa | contribucións)
m →‎Outros artigos: Arranxos varios
Liña 68: Liña 68:
*[[Misandria]]
*[[Misandria]]
*[[Misoxinia]]
*[[Misoxinia]]
*[[Mansplaining|''Mansplaining'']]
*''[[Mansplaining]]''
*[[Patriarcado]]
*[[Patriarcado]]
*[[Alienación]]
*[[Alienación]]

Revisión como estaba o 10 de setembro de 2017 ás 21:31

Símbolo dos movementos feministas.

O feminismo é un conxunto de teorías sociais, movementos políticos e filosofías morais, principalmente motivadas por ou concernentes ás experiencias das mulleres, especialmente referidas á súa situación social, política e económica. Como movemento social, o feminismo principalmente está enfocado a erradicar a desigualdade de xénero e promover os dereitos das mulleres e os seus intereses na sociedade. Isto tamén concirne ao efecto que producen os roles de xénero nos homes, e o estímulo aos homes para trocar os roles tradicionais masculinos.

O feminismo alterou principalmente as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade occidental, desde a cultura ao dereito. As activistas feministas fixeron campañas polos dereitos legais das mulleres (dereitos de contrato, dereitos de propiedade, dereitos ao voto), polo dereito da muller á súa autonomía e á integridade do seu corpo (dereitos ao aborto e dereitos reprodutivos —incluíndo o acceso á contracepción—), pola protección contra a violencia de xénero e a sexual[1][2][3] ou polo remate da discriminación no traballo en todas as súas formas.[4][5][6]

Debuxo das protestas celebradas cada 8 de marzo, realizado por Stellan Klint

Etimoloxía

Aínda que o tema da igualdade xa se trataba en publicacións do século XVII como De l'Égalité des hommes et des femmes (1622), de Marie Le Jars de Gournay ou De l'Egalité des deux sexes (1673), de François Poullain de la Barre, o neoloxismo francés féminisme formouse a finais do século XIX, a partir da palabra latina "femina" e o sufixo "isme". O primeiro uso do vocábulo, aínda que cun significado diferente, produciuse en 1871 cando o estudante de medicina Ferdinand-Valérie Fanneau de la Cour o empregou na súa tese Du fèminisme et de l'infantilisme chez les tuberculeux (Do feminismo e o infantilismo nos tuberculosos) para referirse á patoloxía que aqueixaba os varóns que sufrían este mal. Segundo a súa tese producíase unha detención do desenvolvemento do corpo, o que derivaba na debilitación do individuo enfermo e finalmente presentábase unha feminización do corpo masculino. Con todo, é pouco probable que se esparexese este termo, tanto polo seu contexto como pola coxuntura en que se produce.[7]

Na década de 1880 a sufraxista francesa Hubertine Auclert retomou o vocábulo cunha connotación dirixida aos movementos que buscaban a xustiza social e política para as mulleres.[8]

Cronoloxía

Protofeminismo, feminismo premoderno, memorial de agravios

Christine de Pizan presenta o seu libro á raíña Isabel de Baviera.

Denomínanse protofeminismo ou feminismo premoderno[9] as protestas expresadas por mulleres como «memorial de agravios»[10] e a defensa das mulleres que se levou a cabo no contexto das polémicas sobre as mulleres durante a época anterior á Ilustración e que chega ata á Idade Media.[9] Este feminismo premoderno non xorde do discurso de exaltación das virtudes femininas que é parte da tradición europea do século XIII coñecida como amor cortés[11] e tampouco é un discurso que reivindique a igualdade entre os sexos, xa que se move no marco dunha sociedade estamental na que rexe o prexuízo de que é por vontade divina que existan diferentes "estados" e diferentes xeitos de servir o amor segundo os sexos.

Segundo Simone de Beauvoir, a primeira muller que empregou a escritura para defender as mulleres foi Christine de Pizan, quen no século XV escribiu entre outras obras Epître au Dieu d'Amour ("Epístola ao deus do amor"), coñecida como "Cidade das damas".[12] Porén, esta defensa non se axusta completamente ao concepto de feminismo nado coa Ilustración, que transcende da simple enumeración de agravios e entra no terreo da vindicación da muller e da crítica racionalista das estruturas sociais.

Feminismo e Ilustración

En El feminismo: senda no transitada de la Ilustración[13] Celia Amorós afirma que:

O feminismo, deste xeito, vén ser unha chave de acceso a unha das veas máis ricas da Ilustración, permítenos tomar o pulso de maneira que poidamos descubrir os seus puntos máis vulnerables así como aqueles en que a dinámica das súas virtualidades liberadoras son máis irreversibles[14]

Os autores liberais como Jean-Jacques Rousseau, con honrosas excepcións, van relegar a un recanto o papel da muller dentro do estado liberal. Como reacción, en 1791 Olympe de Gouges fixo a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadán, como contrapartida aos Dereitos do Home e do Cidadán creados trala Revolución Francesa. Xerouse algunha literatura de carácter liberal a favor da muller: John Stuart Mill ou Nicolas de Condorcet foron exemplos de líderes varóns que defenden os dereitos da muller, mais o baleiro e aparente esquecemento da figura da muller permaneceu ata o século XX e non foi denunciado ata a aparición de autoras como Mary Wollstonecraft autora de Vindicación dos dereitos da muller, que rompeu coa tendencia das obras escritas ata ese momento por mulleres, pasando á vindicación, compoñente esencial do feminismo.[15] Outro precedente foi Josefa Amar y Borbón, que durante a Ilustración participaba na Real Sociedad Aragonesa de los Amigos del País, como socia escribindo numerosas obras, entre elas as dedicadas a valorar a muller na sociedade defendendo a súa igualdade de aptitudes ante o varón, como o Discurso en defensa del talento de las mujeres.[16]

Primeira vaga

Manifestación de sufraxistas en Nova York o 6 de maio de 1912.

A segunda fase ou primeira vaga do feminismo refírese ao movemento feminista que se desenvolveu en Inglaterra, nos Estados Unidos e noutras partes do mundo durante o século XIX e principios do século XX. Orixinariamente concentrouse na obtención da igualdade fronte ao varón en referencia ao dereito de propiedade e igual capacidade de obrar, así como a demanda de igualdade de dereitos dentro do matrimonio. A finais do século XIX, os esforzos concentráronse na obtención de dereitos políticos, en concreto o dereito ao sufraxio.[17]

Un fito do feminismo foi a Convención de Seneca Falls en Nova York do ano 1848, onde 300 activistas e público se reuniron na primeira convención polos dereitos da muller nos Estados Unidos, cunha declaración final asinada por unhas cen mulleres. No Reino Unido apareceron as suffragettes, activistas polos dereitos civís, lideradas por Emmeline Pankhurst así como numerosas autoras e activistas.

Os acontecementos históricos do momento, especialmente a abolición da escravitude, foron moi influentes no devir do movemento feminista, podéndose atopar unha correlación entre a loita pola abolición e a loita polos dereitos da muller: moitas das líderes desta primeira corrente son esposas de líderes abolicionistas. Unha vez acadada a abolición producíronse contactos entre as feministas e as mulleres negras, póndose de relevo as grandes diferenzas na situación das mulleres brancas de clase media-alta, as únicas feministas ata o momento, coas mulleres negras. Este encontro personálizao a figura de Sojourner Truth e o seu discurso "Ain't I a Woman?" (1851). As diferenzas e características específicas dos problemas da muller negra xunto cos das mulleres obreiras (grupo que comeza a aparecer) xeraron friccións e problemas como a incompatibilidade do modelo feminino da muller obreira co das pioneiras do feminismo.

Autoras e activistas importantes da primeira vaga do feminismo son Lucretia Mott, Lucy Stone, Elizabeth Cady Stanton e Susan B. Anthony, moitas delas ligacas ao abolicionismo e influenciadas polo pensamento cuáquero.

Segunda vaga

A segunda vaga feminista, do movemento da muller ou da liberación da muller fai referencia a un período de actividade feminista que comeza a principios da década de 1960 e chega ata a década de 1990. Así como a primeira vaga se enfocaba principalmente na superación dos obstáculos legais (de iure) á igualdade legar (sufraxio feminino, dereitos de propiedade etc.), a segunda vaga tiña unha ampla variedade de temas: a desigualdade non oficial (de facto), a sexualidade, a familia, o lugar de traballo e, quizais de xeito máis controvertido os dereitos reprodutivos.[18]

Simone de Beauvoir, co seu libro O segundo sexo, Betty Friedan con The Feminine Mystique, Kate Millett con Sexual Politics ou Shulamith Firestone con The Dialectic of Sex son algunhas das autoras máis representativas desta corrente de pensamento. Remata coa chegada da terceira vaga, con caracteres postmodernos, que diversifica de forma radical el feminismo, tanto nas súas visións como nas súas propostas.

Terceira vaga

O feminismo de terceira vaga é unha expresión identificada con diversas ramas do feminismo cuxo activismo e investigación comeza en 1990 e se estende ata o século XXI. O movemento xurdiu como resposta aos fallos percibidos no chamado feminismo de segunda vaga: a toma de conciencia de que non existe un único modelo de muller, polo contrario, existen múltiples modelos de muller, determinados por cuestións sociais, étnicas, de nacionalidade, clase social, orientación sexual ou relixión.[19] Esta corrente afástase do esencialismo e as definicións de feminidade, asumidas en ocasións como universais e que sobreestimaban as experiencias da clase media-alta de raza branca norteamericana. As interpretacións dadas ao xénero e ao sexo son esenciais dentro da terceira vaga, caracterizándose polo seu postestruturalismo. A variedade de enfoques, propostas, visións dos problemas desta corrente e a carencia dun obxectivo común claro reflicte o carácter postmoderno da terceira vaga do feminismo que incorpora múltiples correntes do feminismo, tendo compoñentes da teoría queer, do antirracismo, a teoría postcolonial, o ecofeminismo, a transexualidade ou a visión positiva da sexualidade, entre outros.

A reformulación do feminismo de terceira vaga maniféstase por exemplo en que algunhas feministas desta corrente teñen unha percepción positiva da sexualidade feminina e reformularon as posturas ante a prostitución ou a pornografía da segunda vaga do feminismo.[20] O feminismo de terceira vaga céntrase na "micropolítica" e desafía o concepto do que é bo ou malo para a muller.[21][22][23]

Algúns acontecementos marcaron o comezo desta corrente, como o caso de Anita Hill, unha muller que denunciou por acoso sexual a Clarence Thomas, candidato para o Tribunal Supremo Norteamericano. Thomas negou as acusacións e tras longas deliberacións o Senado dos Estados Unidos votou 52 a 48 a favor de Thomas.[22][24] Como resposta a este caso, Rebecca Walker publicou un artigo titulado "Becoming the Third Wave" ("Converterse na terceira vaga") na que declarou:

"I am not a post-feminism feminist. I am the third-wave" (non son unha postfeminista, son a terceira vaga).[24]

Outro fito na historia son os debates chamados "guerras feministas polo sexo", considerados ás veces o inicio desta vaga, que constituíron nunha serie de debates arredor das posturas ante o sexo, a prostitución, o sadomasoquismo e a transexualidade que enfrontaron o movemento feminista coa comunidade feminista lesbiana.[25][26][27][28][29]

Notas

  1. Cornell, Drucilla (1998). At the heart of freedom: feminism, sex, and equality. Princeton, N.J.: Princeton University Press. ISBN 978-0-691-02896-5. 
  2. Echols, Alice (1989). Daring to be bad: radical feminism in America, 1967-1975. Minneapolis: University of Minnesota Press. p. 416. ISBN 0-8166-1787-2. 
  3. Campaign: Stop Violence against Women
  4. Price, Janet; Shildrick, Margrit (1999). Feminist theory and the body: a reader. New York: Routledge. p. 487. ISBN 0-415-92566-5. 
  5. Butler, Judith (1992). "Feminism in Any Other Name". Differences 6 (2-3). p. 30. 
  6. Messer-Davidow, Ellen (2002). Disciplining feminism: from social activism to academic discourse. Durham N.C.: Duke University Press. JSTOR 3648237. 
  7. Offen, Karen M. (en inglés). European Feminisms, 1700-1950: A Political History, pp. XIX, 403. Stanford University Press, 2000 En Google Books. Consultado o 13 de setembro de 2016.
  8. Cott, Nancy F. (en inglés). The Grounding of Modern Feminism, pág. 14. Yale University Press, 1987. En Google Books. Consultado o 13 de setembro de 2016.
  9. 9,0 9,1 de Miguel, Ana. El feminismo a través de la Historia.El feminismo premoderno (en castelán). 
  10. Amorós, Celia. Dimensiones del poder en la teoría feminista (PDF). 
  11. Valcárcel, Amelia. La memoria colectiva y los retos del feminismo (en castelán). 
  12. de Beauvoir, Simone (1989). The Second Sex. Vintage Books. p. 105. ISBN 0-679-72451-6. 
  13. Amorós, Celia. El feminismo:senda no transitada de la Ilustración (en castelán). 
  14. Orixinal en castelán: "El feminismo, de este modo, viene a ser una llave de acceso a una de las vetas más ricas de la Ilustración, nos permite tomarle el pulso de manera que podamos descubrir sus puntos más vulnerables así como aquéllos en que la dinámica de sus virtualidades liberadoras es más irreversibles"
  15. AMOROS, Celia y Ana DE MIGUEL (ed.), Historia de la teoría feminista. De la Ilustración a la globalización, ed. Minerva, Madrid, 2005.
  16. Amar y Borbón, Josefa. Discurso en defensa del talento de las mujeres (en castelán). 
  17. Freedman, Estelle B. (2003). No Turning Back: The History of Feminism and the Future of Women. Ballantine Books. p. 464. ISBN 0-345-45053-1. 
  18. "women's movement (political and social movement) – Britannica Online Encyclopedia". 
  19. Tong, Rosemarie (2009). Feminist Thought: A More Comprehensive Introduction (3 ed.). Westview Press (Perseus Books). pp. 284–285, 289. ISBN 978-0-8133-4375-4. 
  20. Johnson, Merri Lisa, Ed. Jane Sexes It Up: True Confessions of Feminist Desire. New York: Four Walls Eight Windows, 2002.
  21. Henry, Astrid, Not My Mother's Sister: Generational Conflict and Third-Wave Feminism (Indiana University Press, 2003), ISBN 978-0-253-21713-4
  22. 22,0 22,1 Gillis, Stacy, Gillian Howie & Rebecca Munford (eds),Third Wave Feminism: A Critical Exploration (Palgrave Macmillan, 2007), ISBN 978-0-230-52174-2
  23. Faludi, Susan, Backlash: The Undeclared War Against Women (Vintage, 1993), ISBN 978-0-09-922271-2
  24. 24,0 24,1 Walker, Rebecca, To Be Real: Telling the Truth and Changing the Face of Feminism (Anchor, 1995) ISBN 978-0-385-47262-5
  25. Duggan, Lisa; Hunter, Nan D. (1995). Sex wars: sexual dissent and political culture. Nova York: Routledge. ISBN 0-415-91036-6. 
  26. Hansen, Karen Tranberg; =Philipson, Ilene J. (1990). Women, class, and the feminist imagination: a socialist-feminist reader. Philadelphia: Temple University Press. ISBN 0-87722-630-X. 
  27. Gerhard, Jane F. (2001). Desiring revolution: second-wave feminism and the rewriting of American sexual thought, 1920 to 1982. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11204-1. 
  28. Leidholdt, Dorchen; =Raymond, Janice G. (1990). The Sexual liberals and the attack on feminism. Nova York: Pergamon Press. ISBN 0-08-037457-3. 
  29. Vance, Carole S. Pleasure and Danger: Exploring Female Sexuality. Thorsons Publishers. ISBN 0-04-440593-6. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas