Chantada: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Sobreira (conversa | contribucións)
m |42|36|27.16|N|7|46|9.2|W|
m →‎Outros artigos: Arranxos varios
Liña 224: Liña 224:
{{Lugo}}
{{Lugo}}
{{Control de autoridades}}
{{Control de autoridades}}

[[Categoría:Chantada]]
[[Categoría:Chantada]]

Revisión como estaba o 5 de abril de 2017 ás 06:41

Coordenadas: 42°36′27.16″N 7°46′9.2″O / 42.6075444, -7.769222

Chantada
Escudo de Chantada
Casa do concello.
Situación
Xentilicio[1]chantadino/chantadina
chantadés/chantadesa
Xeografía
ProvinciaProvincia de Lugo
ComarcaComarca de Chantada
Poboación8.493 hab. (2015)[2][3]
Área176,7 km²[3]
Densidade48,06 hab./km²
Entidades de poboación36 parroquias[4]
Capital do concelloChantada
Política (2015)
AlcaldeManuel Lorenzo Varela Rodríguez (INTA)
Concelleiros
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 3
Outros: INTA 7, PDDdG 1
Eleccións municipais en Chantada
Uso do galego[5] (2011)
Galegofalantes68,33%
Na rede
http://www.concellodechantada.org
editar datos en Wikidata ]

Chantada (do latín plantatam, en alusión a unha pedra chantada no chan. Hai topónimos parecidos como Chanto ou Chanteiro [6]) é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Chantada e á Ribeira Sacra. Segundo o IGE no ano 2015 tiña 8.493 habitantes (8.897 no 2011,8.951 no 2010,9.249 no 2006, 9.366 no 2005, 9.463 no 2004, 9.650 no 2003). O seu xentilicio é (véxase no Galizionario) «chantadino»[7] ou «chantadés»[8].

Xeografía

O concello de Chantada ten unha superficie de 176,7 km², e está situado no suroeste da provincia de Lugo, sendo a capital do partido xudicial que leva o seu mesmo nome. Linda ao norte con Taboada, ao sur con Carballedo, ao leste co Saviñao e Pantón, e ao oeste co concello de Rodeiro, na provincia de Pontevedra.

O seu cumio máis alto é o monte Faro (1.187 m). Outras altitudes importantes son o monte Sabadón (679 m), San Sebastián (745 m), Santa Rosa (586 m), Penedo de Riba da Zanca (750 m) e Igrexa (575 m).

A zona está atravesada polo río Miño, no que se construíu o encoro de Belesar. Outros cursos importantes son o río Asma e o río Enviande.

Poboación

Censo total 8.493 (2015)
Menores de 15 anos 872 (10.27 %)
Entre 15 e 64 anos 4.989 (58.74 %)
Maiores de 65 anos 2.632 (30.99 %)
Evolución da poboación de Chantada   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
15 003 14 694 14 467 10 358 9 463 8 951 8 897 8 783 8 649 8 553
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

No concello hai restos dos poboados castrexos de Líncora, Centulle, San Sebastián, Nogueira e Castro Candaz. Con todo, queda a disposición defensiva dos mesmos nos lugares nos que posteriormente foron construídos o mosteiro de San Salvador de Asma, a fortaleza de Paderne, a Torre de Arcos, a Torre de Pereira, a Torre de Quinteliña, a Torre de Teixeiro, a Torre de Vilaúxe e a Torre de Merlán.

Patrimonio

No concello hai varios monumentos declarados Ben de Interese Cultural: A igrexa de Santa María de Pesqueiras (RI-51-0001222) foi recoñecida como tal o 6 de outubro de 1950. A Torre de Pacio (RI-51-0008892), a Torre de Arcos (RI-51-0008893), a Torre de Vilar de Eiriz (RI-51-0008894), a Fortaleza de Pereira (RI-51-0008895) e a Torre de Vilaúxe (RI-51-0008896) recibiron esta declaración o 17 de outubro de 1994.

As sepulturas antropomorfas de Fornas están na parroquia de San Cristovo de Fornas, na parte superior dunha gran peneda. Teñen 2 m de longo e entre 1 e 0,6 de ancho. Arredor das sepulturas hai un canto labrado, moi desgastado, para colocar unha tapa. Xa aparecen mencionadas no documento de fundación da capela de Santa Xertrude, de 1607, construída onde está a actual igrexa parroquial de Fornas.

O castro de Centulle está na parroquia de San Xurxo de Asma, e atópase en mal estado de conservación. Nel construíuse o santuario da Nosa Señora de Fátima, e o territorio anexo está destinado a uso agrícola. Pénsase que tiña unha configuración do modelo espiral, con dous corpos posuíndo tramos de tres. No recinto atopáronse restos de vaixela e de muíños de man. Diversas hipóteses defenden que aquí estaba a fortaleza dos Circa, arrasada polos normandos e máis tarde pertencente á casa de Altamira.

O castro San Amaro está na parroquia de San Xián de Mato, e está en mal estado de conservación. Nel foi construída unha capela, que lle deu o nome no pasado (actualmente dedicada a San Lucas).

O castro de Abeleda está na aba da serra do Faro, preto xa do concello de Carballedo, xunto á lugar de Abeleda (A Grade). Nel atopouse un torque de ouro, conservado no Museo de Pontevedra. Nun lugar próximo apareceu un poboado romano, do que apareceron varias paredes e un cofre con moedas romanas.

No castro de San Pedro de Líncora aprécianse restos de dous poboados anexos, pero con diferenzas estruturais. Un estaba pegado á antiga igrexa parroquial, trasladada a comezos do século XIX. O outro era máis pequeno.

Castro Candaz

O Castro Candaz, quedou o descuberto no 2011 por unhas obras no encoro de Belesar.
Artigo principal: Castro Candaz.

O castro Candaz atópase xeralmente anegado polo río Miño trala construción do encoro de Belesar. Non se atopa en bo estado de conservación por este factor e porque os terreos foron ocupados para o cultivo da vide.

Está situado nun lugar estratéxico do paso do río, con pouca visibilidade e lonxe de núcleos de poboación, nun outeiro xunto á desembocadura do río da Lama e do río Enviande. No acceso ao recinto hai tres chairas que fan de defensa natural. O recinto estaba amurallado.

Castro de San Sebastián

Está situado na parroquia de San Salvador de Asma, nun outeiro a 745 m de altitude. Na idade media foi construída no lugar unha ermida (que dá nome ao recinto), da que quedan algúns restos. Na actualidade o lugar está cuberto por vexetación baixa.

Foi estudado por Manuel Formoso Lamas a comezos do século XX, quen defendía a posibilidade de que este castro fose a residencia dos xefes brigancios, acollendo tamén a un gran número de habitantes[9].

O poboado estaba rodeado por unha muralla duns 4 m de grosor, de forma irregular pero similar a unha circunferencia. Na zona sur e oeste había un foxo de 6 m de profundidade e uns 8,5 de ancho, e un contrafoxo de 5 m de lonxitude. Na zona leste había outra muralla de 2,2 m de alto e 3,3 m de ancho. No castro atopáronse dous muíños de man, varios anacos de escoura de ferro e dúas láminas de cobre.

Administración local

Tras as eleccións municipais de 2011 foi nomeado alcalde Manuel Lorenzo Varela Rodríguez candidato de INTA (Independentes Terras do Asma). En 1996 xa acadara a alcaldía como candidato do PPdG manténdose no cargo ata as eleccións de 2007

Festas e celebracións

Fonte no campo da feira.
  • Festas patronais: adicadas á Virxe do Carme, adoitan durar de xoves a martes.
  • Folión dos carros: celébrase o sábado das festas patronais. Consiste na elaboración dun carro antigo para despois presentalo e poñelo en desfile por toda a vila, mostrando como se facían as tarefas antigamente.
  • Festa da empanada: celébrase xeralmente na carballeira do San Lucas o martes, último día das festas patronais, e adóitase comer empanada galega en compaña de amigos e familiares. A ela acode numerosa xente incluso procedente doutros lugares do mundo.
  • Feira do viño: normalmente celébrase a segunda semana de marzo. É a máis popular entre as feiras do Viño da zona Lugo-Sur e xunto coas festas patronais é a festa máis popular. Adoita durar 3 días e nela as distintas adegas da Ribeira Sacra amosan a súa colleita. Produce unha gran publicidade para as adegas e o viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
  • Concurso de Gando Frisón: Prémianse os mellores animais que se presentan. A ela acode gando procedente de moitos lugares, principalmente de Galiza.
  • Subida a Chantada: celébrase a mediados de xuño e é unha das carreiras automobilísticas máis importantes de Galiza. O espazo para celebrala é a Ribeira Sacra.
  • Feiras mensuais, principalmente para produtos do agro e moda: o 5 e o 21 de cada mes a xente vende o seu produto. A feira ocupa case toda a rúa Xoán XXIII ou Rúa Nova, a Praza de Santa Ana e a zona da Alameda.
  • Romaría da Nosa Señora do Faro: celébrase o 15 de agosto e o 8 de setembro. Romaría até á Igrexa do Faro, tradición moi popular.
  • Romaría do San Lucas: celébrase o 18 de novembro, que é festivo local do concello.
  • Castañazo Rock: celébrase normalmente a comezos de novembro e é unha das concentracións máis importantes da música rock galaica, na que grupos galegos e portugueses demostran a calidade do rock da zona. É un concerto multitudinario ao que acoden milleiros de persoas.
  • Entroido Ribeirao: desfile dos peliqueiros, pola aldea de Santiago de Arriba (Camporramiro).
  • Festa da Mocidade: celébrase a principios de verán desde hai poucos anos.
  • Feira das Cabras: a única feira caprina galega e unha das poucas españolas, continúa a súa tradición. Dura un día enteiro e celébrase sobre a 2º semana de setembro na aldea de Merlán, a menos de 1 quilómetro do centro urbano de Chantada. Amósanse e cátanse produtos da cabra. É celebrada xunto coas festas desta aldea, que duran 3 días (esta feira celébrase o último, domingo).
  • Festas parroquiais: Son as festas que ten cada aldea. Normalmente celébranse en verán e son festas campestres.

Chantada na literatura popular

  • Vamos xunto á Virxe/ do monte do Faro/ que nos mande o vento/ pra que chegue o barco [10].

Deporte e outras actividades

  • Escolas deportivas de Chantada (escolasdeportivas.com), coas súas instalacións no Pavillón Municipal de Deportes na praza de Luis García Arias, poñen ao servizo cada vez máis deportes, participando en competicións en case todos eles: fútbol sala, tenis, baloncesto, bailes de salón, fútbol (alevíns e infantiles, empregando as instalacións do campo O Sangoñedo), atletismo, bádminton, patinaxe (de varias clases), kárate, psicomotricidade, ximnasia rítmica, xadrez, hóckey-liña, tenis de mesa, golf (instalacións fóra da vila), mountain-bike, ciclismo, educación física para adultos, tai-chi, ioga, fútbol para veteráns, e tamén varios deportes para discapacitados.
  • Fútbol: SD Chantada, compite co primeiro equipo (Preferente norte galega), co segundo, o Chantada B, (segunda autonómica grupo 8), e cos equipos xuvenil (Liga Galega) e cadete (Primeira autonómica). Compiten no campo do Sangoñedo. Outra agrupación deportiva para o balompé é o Chantada Atlético, un equipo creado hai varios anos que se atopa en primeira autonómica galega. Tamén está composto dunha equipa feminina.
  • Club Baloncesto Chantada: fundado o 20 de febreiro de 1988, dende a tempada 2001/02 xoga na Liga EBA, con equipos galegos, asturiáns e de Castela e León.
  • Club Ciclista Chantadino: creado en xaneiro de 2010, compite tanto en ciclismo de montaña como en ciclismo por estrada (ccchantadino.com)
  • Club de Tenis Chantada: fundado en 1995. Xogan na pista municipal de tenis, composta por tres campos e situada no Parque Eloísa Rivadulla.
  • Círculo chantadino de Xadrez: compite con tódalas idades en varias competicións a niveles autonómicos e nacional.
  • Escudería Chantada: organizadora da proba automobilística Subida a Chantada.
  • Escudería O Convento
  • Club Atletismo Ribeira Sacra de Chantada: nel fórmanse atletas en moitas disciplinas e compiten en distintos niveis. Tamén é para tódalas idades.

Deportistas chantadinos de sona son o baloncestista Fran Vázquez (Unicaja - C.B. Málaga) e o porteiro de fútbol Roberto Fernández Alvarellos (Granada C.F.).

Á parte do deporte, a Casa da Xuventude de Chantada ofrece tamén actividades lúdicas, como son teatro, distintos obradoiros, como o de cestería e outros obradoiros artesáns, pintura ao óleo, batuka, steps, xogos populares...

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Chantada.

Lugares de Chantada

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Chantada véxase Lugares de Chantada.

Parroquias

Galicia | Provincia de Lugo | Parroquias de Chantada

Adá (Santa Baia) | Arcos (Santa María) | Argozón (San Vicente) | Belesar (San Bartolomeu) | Bermún (Santa María) | Brigos (San Salvador) | Camporramiro (Santa María) | Chantada (Santa Mariña) | Esmeriz (Santa Mariña) | Esmoriz (San Xillao) | Fornas (San Cristovo) | A Grade (San Vicente) | A Laxe (San Xoán) | Líncora (San Pedro) | Mariz (San Martiño) | O Mato (San Xillao) | Merlán (San Tomé) | O Monte (San Miguel) | Mouricios (San Cristovo) | Muradelle (San Paio) | Nogueira de Miño (Santa María) | Pedrafita (Santa Baia) | Pereira (San Mamede) | Pesqueiras (Santa María) | Requeixo (Santiago) | Sabadelle (Santa María) | San Fiz de Asma (San Fiz) | San Pedro de Viana (San Pedro) | San Salvador de Asma (San Salvador) | San Xurxo de Asma (San Xurxo) | Santa Cruz de Viana (Santa Cruz) | Santa Uxía de Asma (Santa Uxía) | Santiago de Arriba (Santiago) | A Sariña (San Vicente) | Veiga (San Xoán) | Vilaúxe (San Salvador)

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Chantada".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  6. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1. Páx. 326
  7. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chantadino.
  8. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 46. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  9. Formoso Lamas, M.: Apuntes para la Historia de Chantada (Madrid, 1905).
  10. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. Non parece ter sentido esta referencia ó Monte Faro nunha cantiga mariñeira. Hai outro monte Faro en Domaio, pero alí non hai ningunha Virxe.

Véxase tamén

Outros artigos