Henri de Lubac: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Thijs!bot (conversa | contribucións)
m robot Añadido: es, no, pl, sk, sv
Liña 14: Liña 14:


En 1972, xunto con [[Hans Urs von Balthasar]] e Joseph Ratzinger, sacou á luz a revista ''Communio'', concibida como un foro de intercambio cultural e clarificación teolóxica tras o Concilio.
En 1972, xunto con [[Hans Urs von Balthasar]] e Joseph Ratzinger, sacou á luz a revista ''Communio'', concibida como un foro de intercambio cultural e clarificación teolóxica tras o Concilio.
Finalmente, admirado por [[Xoán Paulo II]], aceptou ser creado cardeal en 1958.
Finalmente, admirado por [[Xoán Paulo II]], aceptou ser creado cardeal en 1983.


==Pensamento==
==Pensamento==

Revisión como estaba o 4 de xuño de 2007 ás 08:26

Cambrai 1896-París, 1991. Profesor da Historia das Relixións e de Teoloxía fundamental no Institutuo teolóxico de Lyon e na Facultade de teoloxía de Lyon-Fourvière. Deu un pulo renovado á teoloxía católica afondando nos Pais da Igrexa. Inicialmente perseguido, salientou, xunto a pensadores daquela considerados progresistas como Yves Congar e Joseph Ratzinger, na redacción dos máis importantes documentos do Concilio Vaticano II, que supuxeron o trunfo das teses aperturistas fronte ás resistencias da curia vaticana. Hoxe é recoñecido como un dos grandes teólogos católicos do século XX. Xoán Paulo II creouno cardeal honrando así a súa traxectoria vital e intelectual.

Traxectoria

Entrou na Compañía de Xesús. Foi ferido na primeira guerra mundial. Durante a Segunda Guerra Mundial, participou activamente na Resistencia Francesa contra a ocupación alemá e o nacionalsocialismo, levando unha vida militante na clandestinidade.

Como profesor, empezou impactando co seu completo e elaborado ensaio Catolicismo, aspectos sociais do dogma, onde condena unha visión individualista da relixiosidade cristiá. Creou con Jean Daniélou as Sources Chrétiennes, colección de textos fundamentais da historia e literatura cristiá. En 1950, inicia os seus estudos verbo dos Pais da Igrexa reivindicando figuras discutidas pero básicas para entender o desenvolvemento do pensamento cristiá como Oríxenes.

A súa énfase na natureza humana e a súa continuidade e plenitude na vida da graza divina, así como a súa visión dinámica e non conservadora da tradición, provocou a súa persecución e a prohibición de escribir e ensinar. Nembargantes, Xoán XXIII contará con el para a realización de traballos clave no Concilio Vaticano II. Dende ese momento convértese nunha figura indiscutida no pensamento católico.

De Lubac non refugou ningún debate, defendeu as ideas avanzadas de Teilhard de Chardin, no seu intento de compatibilizar ciencia e fe, teoloxía e evolucionismo. Abordou tamén o fenómeno do ateísmo, que xulga máis ben un antiteísmo comprensible como rexeitamento a un cristianismo inauténtico, gris, moralista e insolidario.

Pero o seu espírito libre fíxolle non casarse con ninguén. Refugou o nomeamento como cardeal por Paulo VI en contestación aos abusos da curia e a súa esixencia, para él improcedente, de que os cardeais sexan antes ordeados bispos. Debateu con profundidade e altura fronte ao que considerou un desorde postconciliar acrítico e superficial, demasiado proclive a adaptarse a todo o novo e o efímero. Na súa análise do ateísmo contemporáneo, conclúe que un humanismo sen trascendencia é un humanismo inhumano.

En 1972, xunto con Hans Urs von Balthasar e Joseph Ratzinger, sacou á luz a revista Communio, concibida como un foro de intercambio cultural e clarificación teolóxica tras o Concilio. Finalmente, admirado por Xoán Paulo II, aceptou ser creado cardeal en 1983.

Pensamento

O Sobrenatural

En 1946, na súa obra Surnaturel, Ètudes historiques, De Lubac apela ao Tomás de Aquino purificándoo das deformacións da escolástica enfrontada ao protestantismo e o xansenismo. Pretende establecer unha continuidade entre o natural e o sobrenatural. O home foi dotado polo creador dunha inclinación cara a trascendencia infinita, cara a eternidade e a plena felicidade. Só a acción de Deus pode colmar ese degaro. Non cabe unha división tallante entre a orde natural e a orde sobrenatural. A encíclica de Pío XII Humani generis foi o resorte dunha teoloxía cristiana integrista que atacou estas formulacións ata acadar a súa censura e a sanción do que se chamou nouvelle théologie. O autor sufrirá a condena ata a súa rehabilitación e recoñecemento por Xoán XXIII.

Dimensión social e histórica do catolicismo

Para De Lubac o catolicismo é esencialmente social no seu núcleo misterioso, na súa esencia dogmática auténtica e na súa praxe aberta ao mundo, especialmente aos que sofren a inxustiza e aos desfavorecidos. O Evanxeo é literalmente unha noticia alegre que se fundamente na perfecta simbiose entre pluralidade e unidade da comunidade humana.

A dignidade sobrenatural do bautizado, concedida por pura graza, repousa sobre a dignidade natural do home ao tempo que a sobarda infinitamento. Os Pais da Igrexa conciben a creación da humanidade como un todo único. Isto ábre o cristianismo ao xudaísmo do que procede e ao Islam, pois crer nun Deus único é crer nun Pai común, por iso o monoteísmo non debe ser senón fraternidade. A propia Vida Eterna é unha promesa de unidade que non anula senón que da vigor á diversidade.

Fronte a unha espiritualidade de evasión inclinada ao individualismo en Platón, Plotino e en boa medida o hinduísmo e o Budismo, para De Lubac, o cristianismo constitúe un feito único na historia relixiosa da humanidade. O Ser Absoluto encárnase na materia creada, desenvólvese no tempo e abre para o home un destino transcendente e para a humanidade un destino común. A salvación tomará naturalmente a forma dunha historia real. Fronte ao eterno retorno das mitoloxías no cristianismo o círculo infernal estoura, os fenómenos cegos son agora acontecementos cunha dirección e o novo opera incesantemente. A diferenza das relixións mistéricas e gran parte da espiritualidade oriental, a ascensión e purificación individual de esfera en esfera é substituída por unha marcha colectiva de idade en idade. Este proceso histórico, por ser real asume a fraxilidade material e moral da humanidade chamada á redención, da que é expresión, signo e anuncio a comunidade chamada Igrexa.

Dende Israel Deus actúa na historia e se revela pola historia dun pobo ínfimo fronte aos colosais imperios (Exipto, Asiria, Babilonia...). Xa en Xesús de Nazareth introdúcese na historia conferíndolle unha consagración relixiosa que obriga a tomala en serio. Así pois, os acontecementos están cargados de eternidade. Sendo irreversible a duración, nada ocorre máis ca unha soa vez de sorte que todo acto adquire unha dignidade particular e única. Como prolongación da presenza de Cristo, a Igrexa non é un grupo selecto de xustos, un reducto exclusivo de salvación, senón o depósito dunha graza inmerecida ao servizo de toda a humanidade. Na orde espiritual, como afirma Ambrosio de Milán non se posúe máis que o que se da.

Nese servizo a Igrexa ha de responder ás inquedanzas da humanidade en cada tempo histórico. Aínda que sobre alicerces eternos é unha casa en perpetua construcción. A fidelidade a unha tradición non é nunca unha repetición servil. De Lubac alerta contra unha catequese de reacción que provoca estreitez do punto de vista e hipertrofia e desproporción da verdade defendida, que pode ser ocasión de novos erros.

As promesas de progreso material, como ás do marxismo someten aos homes a unha sociedade futura para a que se inmolan sen poder acadala. Fronte e isto, o materialismo do mundo occidental vive asulagado no tempo, na ansiedade dun futuro ignorado. Evadido nas satisfaccións, o home non acerta a concederse a satisfacción esencial que o axude a reencontrarse. Só o home será el mesmo, existirá por si mesmo dende agora se descobre en si, no silencio, algunha zona intacta, algún segundo plano misterioso ao que, sombría ou indiferente, banal ou tráxica, non invada a actualidade. Segundo de Lubac, isto o pode experimentar o crente pois o alén para el, está infinitamente máis preto que o porvir,infinitamente máis cercano que o que nós chamamos presente. É o eterno instalado no corazón de todo o desenvolvemento persoal ao que anima e orienta. É o verdadeiro Presente, sen o cal o mesmo presente é pó inasible. Se os homes de hoxe están tan traxicamente ausentes uns dos outros é ante todo porque están ausentes de si memos, unha vez abandonado o Eterno que é o único que lles arraiga no ser e lles permite comunicar entre si. Para o crente, ningún problema nin preocupación humana lle resulta extraña; todos o atinxen dun xeito tanto máis profunto canto é máis consciente das súas repercusións eternas.

A Igrexa como realidade paradoxal

De Lubac ten reflexionado como poucos sobre as realidades contradictorias da Igrexa. Santidade e pecado, universalidade e fragmentación en grupúsculos pechados, escatoloxía e terrenalidade forman parte dunha oposición de contrarios nos que o autor albisca unha unidade esencial.

Cando de Lubac se refire á Igrexa como realidade humana e divina focaliza a súa reflexión na Igrexa vivente, a que traballa e reza, a que obra e se recolle, a que recorda e busca, a que espera e a que ama; a que, nas mil situacións da existencia, vai tecendo vencellos visibles e invisibles, a Igrexa dos humildes, que integra toda cultura ao tempo que é fogar dos pequenos, da moitedume simple e miserable. É neste pobo de Deus onde actúa o Espírito, renovando a memoria viva de Cristo, sen a cal Xesús se esvaería nas tebras mestas dunha fragmentaria e imprecisa lembranza histórica.

A Igrexa é un medio sublime e necesario, pero ao fin e ao cabo provisional, como todo medio. Non é para si mesma o seu propio fin. Isto esixe dos seus membros, e máis en particular da xerarquía, unha actitude humilde e de servizo, á imaxe da actitude adoptada polo Verbo na súa encarnación que non veu a ser servido, senón a servir. (Paradoxa e Misterio da Igrexa, 1967)

Obras

  • Catolicismo, aspectos sociais do dogma
  • Sobranatural
  • O eterno feminino
  • Meditacións sobre a Igrexa
  • Paradoxa e Misterio da Igrexa
  • Exéxese medieval
  • O drama do humanismo ateo