Chozos do Suído: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
m engado a Categoría:Avión mediante HotCat
Liña 40: Liña 40:
[[Categoría:Arquitectura popular]]
[[Categoría:Arquitectura popular]]
[[Categoría:Arquitectura románica en Galicia]]
[[Categoría:Arquitectura románica en Galicia]]
[[Categoría:Avión]]

Revisión como estaba o 9 de setembro de 2014 ás 10:12

Chozo de Barcia, en Covelo.

Os chozos do Suído[Cómpre referencia] son unhas construcións tradicionais senlleiras que se atopan na Serra do Suído e nas serras achegadas coma a Serra do Faro de Avión e que consisten nunha especie de pequenos e sólidos cabaneis de pedra de gneis que usaban os pastores coma vivenda na alta montaña nos meses de estío dende a Idade Media até o século pasado. Seica teñen a súa orixe no século XII,[Cómpre referencia] e constitúen en conxunto unha unidade de explotación gandeira de montaña.

Arquitectura

Os chozos son pequenos alpendres dunha peza, de planta xeralmente cadrada (uns 20 m²), sen sollado, e con muros e cuberta en fábrica de cachotaría de gneis (semellante ao granito). O espesor dos muros é considerábel (de 0,6 a 0,8 metros) por mor da grande carga que soportan. Malia seren construcións vernáculas erguéronse nos séculos do románico, e teñen unha clara e singular influencia da arquitectura culta reflectida no uso de rústicos arcos de medio punto (poden ser dende un até tres) para soster unha pesada cuberta a dúas augas arranxada con grandes laxes de gneis recuberta dunha camada de terra e brións para asegurar un illamento no habitáculo. O arco soe formarse de sete doelas (únicos elementos algo traballados). O saimel fica integrado na parede e arrinca a uns 60 centímetros do chan. As máis das veces os grosos muros de granito teñen contrafortes exteriores para aturar as fortes cargas que xeran os arcos co peso do teito. A porta de entrada é un pequeno oco no muro pinche, e debido ao pesado da construción os vans adoitan reducirse. Non existe referencia da existencia de portas de madeira ou outro elemento que pechara o chozo, aínda que sería o lóxico para manter a calor no interior e protexerse dos posíbeis ataques de lobos. Tamén existe normalmente nos muros laterais unha pequena bufarda que serve de tiro do fume da lareira e deixa entrar as primeiras raiolas de sol ao abrente. No interior é común atopar unha lareira, un forno e fornelas e lacenas. Atópanse a uns 900 metros sobre o nivel do mar, nos lugares máis abeirados das montañas, aproveitando as abas nas vertentes sur para se gorecer dos ventos fríos e húmidos do norte. Arredor dos chozos existen os cortellos (hoxe medio derruídos), cerrumes feitos con valados de pedra para gardar os becerros de cadansúa familia. Preto dos chozos existía tamén un curro ou sobeira non moi grande, feito de cachotería, lousas e grandes bloques pétreos. Xa que están construídos coa pedra do lugar e cunha cuberta vexetal, están totalmente integrados na paisaxe da serra.

Uso

Os chozos do Suído construíronos e eran usados polos pastores dos concellos de Avión, Beariz, A Lama, Fornelos de Montes, Ribadavia e Covelo de xuño a setembro cando se subía o gado para o aproveitamento dos pasteiros (sesteiros) de alta montaña durante o estío. O pastoreo foi nesta zona unha das técnicas de supervivencia máis empregadas. Segundo a época cumpría procurar bos pastos, mais a escaseza de vías de comunicación e as grandes distancias que os pastores percorrían facían que pasaran longas tempadas lonxe do fogar. Cada aldea tiña a súa coutada para o pasto. Os chozos servían de acubillo para facer noite no monte, abeiraban das neves, as treboadas e a choivas; tiñan ademais todo tipo de instalacións como lavadoiros, fontenlas e lareiras formando un grupo humano de varios moradores cunha grande actividade. Na lareira facíase lume para se quentaren e para facer o xantar, tiñan ademais bancos corridos, lacenas e fornelas onde gardar a roupa. O leito arranxábase no chan feito con xestas, toxos e fentos. A temperatura no interior é fresca e agradábel polo illamento das grosas paredes de cachotes e a cuberta de lousas recuberta de carrizas e mofos. Nas lousas exteriores ou nos bloques do interior adoita haber inscricións cos nomes dos pastores que facían gardas no verán.

Chozos existentes en Avión

  • Chozo de San Xusto, o da Fenteira;
  • Chozo de Cernadas, con paredes mestras divisorias;
  • Chozo de San Vicente, un dos maiores;
  • Chozo de Oroso;
  • Chozo de Abelenda, un dos maiores, con tres arcos;
  • Chozo de Mangüeiro ;
  • Chozo de Amiudal;
  • Chozo de Beresmo;
  • Chozo de Campo Larogo.

Recuperación e turismo

Gran parte dos chozos está hoxe en día abandonados, porén algúns foron restaurados polo concello de Avión. Existen diversas rutas de sendeirismo de diferentes dificultades pola serra do Suído para poder contemplar estas construcións, ademais un camiño liga todos os chozos existentes e varios camiños (algúns de laxes de pedra) que leva ás vilas achegadas, onde salienta o camiño comercial medieval do viño, o Camiño do Arrieiro, ruta que ia de Ribadavia a Santiago de Compostela.

Pódense ver os chozos subindo por unha estrada que se atopa en Neva, ou por outra que hai no lugar de Mangüeiro ou indo do Espiñeiro, na parroquia da Amiudal cara á Hedreira. Existen tamén no lugar foxos de lobo. O nacemento do río Avia está á altura dos chozos de Cernadas e San Xusto. Existe unha área de descanso á altura dos Chozos de Carixa e Rodeiro e unha gran fonte de pedra na Chan do Valdohome.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

Ligazóns externas