Abella: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
+ar, as, cr, da, eml, he, hr, id, nds-nl, qu, ro, ru, sr, tr, zh-min-nan
+bs, tg
Liña 214: Liña 214:
[[as:মৌমাখি]]
[[as:মৌমাখি]]
[[ast:Abeya]]
[[ast:Abeya]]
[[bs:Pčela]]
[[ca:Abella]]
[[ca:Abella]]
[[co:Apa]]
[[co:Apa]]
Liña 226: Liña 227:
[[es:Apoidea]]
[[es:Apoidea]]
[[et:Mesilane]]
[[et:Mesilane]]
[[fr:Abeille]]
[[fr:Abeille à miel]]
[[he:דבוראים]]
[[he:דבוראים]]
[[hr:Pčele]]
[[hr:Pčele]]
Liña 249: Liña 250:
[[sr:Пчела]]
[[sr:Пчела]]
[[sv:Bin]]
[[sv:Bin]]
[[tg:Занбӯр]]
[[tr:Arı (böcek)]]
[[tr:Arı (böcek)]]
[[zh:蜂]]
[[zh:蜂]]

Revisión como estaba o 18 de marzo de 2007 ás 06:56


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.

Abella.
Abella.
Abella.

As abellas son insectos voadores, emparentados coas avespas e as formigas. Están adaptadas para chuchar o néctar, e xogan un papel importante na polinización das plantas con flores. As abellas teñen unha lingua longa que empregan para obter o néctar das flores. As antenas das abellas están formadas por trinta segmentos nos machos e doce nas femias. Teñen dous pares de ás, o último é o máis pequeno dos dous. As súas patas están adaptadas para coller o pole e o apéndice do abdome é un aguillón que usan para se defenderen. Hai arredor de 16.000 especies descritas, pero posiblemente o número total de especies estea en 30 000. O 80% das especies son solitarias e o resto son especies sociais que viven en comunidades: entre as máis avanzadas atópanse as abellas do mel.

O macho da abella denomínase abáboro, abázcaro ou abellón.

A abella na cultura popular

Xunto á información referida á abella propiamente dita, recollemos tamén a que fala do mel e da cera.

Cando sae un enxamio da colmea, sígueno cunha saba dicindo: Pousa, mestra; pousa, mestra.

A abella é símbolo da actividade e do traballo, e ademais crese que as almas dos mortos volven á terra en forma de abellas. Por todo isto non se as pode matar, xa que O que mata unha abella ten cen anos de pena. Pola contra, dise que as meigas convértense en abellóns cando veñen facer dano, e de aí o refrán O que mata un abellón, ten cen anos de perdón.

A inflamación que producen as picaduras das abellas evítase se se aplica no punto da picada inmediatamente unha moeda de cobre.

Para cura-las mazaduras frégase naa zona cunha mestura de auga, mel e barro.

Para cura-lo tirizó empréganse emplastos de mel e lévedo de pan para acelera-la maduración do absceso, ou follas de ameneiro colocando o haz sobre o tirizó.

Para determina-la orixe dun mal de aire (sexa de gata, de galiña, de muller, etc.), en Boiro (A Coruña) poñen a cocer borras de mel en nove litros de auga e durante nove días lavan diariamente ó meniño enfermo nesta auga, desde os pés á cabeza. A auga utilizada vaise recollendo e ó cabo dos nove días bótase nunha encrucillada dun camiño sacramental, e na auga aparecerán os pelos ou plumas do animal causante do mal.

En Cambados, para cura-lo mal do aire, fan pasar ó enfermo debaixo dun enxamio de abellas, ou ben colócano debaixo dunha campá que estea tocando a oración.

Contan que unha vez ía san Pedro con Xesucristo e atoparon un enxamio de abellas. Xesús díxolle que o collera debaixo do brazo e san Pedro así o fixo. Ó pouco picouno unha abella e san Pedro, loxicamente, apretou o brazo e matounas todas. E Xesucristo reprendeulle dicindo que por qué se queixara porque El destruíra unha ciudad por dez habitantes pecadores cando agora por unha abella que o picara a el matou as outras todas. A lección do conto é que hai que previr que nunha colectividade xurda un mal individuo, pois por el poden pagar tódolos demais.

Refraneiro

  • A abella e a ovella en abril deixan a pelexa.
  • A abellariza e o coello, no monte vello.
  • A cera sobexa queima a igrexa. (Sobexo: demasiado, excesivo)
  • A chuvia no mes de agosto non é chuvia, que é mel e mosto.
  • A ovella e a abella no maio deixan a pelexa.
  • A ovella e a abella polo abril deixan a pelexa.
  • A quen Dios quer ben, caille a sopa no mel.
  • A quen se fai de mel, cómeno as moscas.
  • Abella e ovella, e pedra que trebella.
  • Abellas revoltas, tempestades ás voltas.
  • Aceite, no alto; viño, no medio; mel, no baixo.
  • Aceite, o de enriba; viño, o do medio; mel, o do fondo.
  • Ano de abellas, ano de ovellas.
  • Ano de ovellas, ano de abellas.
  • As abellas da Madalena, Dios as trai e Dios as leva. (A Madalena, o 22 de xullo)
  • As moscas no verau comen o mel e comen o gando.
  • Ás solteiras mel, ás casadas fel.
  • Ata despois da vendimia non cáte-la entena.
  • Ata lavar os galleiros non cáte-lo teu abelleiro.
  • Ata pasada a vendimia non digas: “¡Eite a mel miña!”.
  • Auga de agosto, azafrán, mel e mosto.
  • Cando chove en agosto, chove mel e mosto.
  • Cando chove por agosto, chove mel e mosto.
  • Cando é moita a cera na igrexa está o abade de festa.
  • De Dios vén o ben e das abellas o mel.
  • Despois das uvas e mel sabe mal o viño, pero fai ben.
  • En abellas e en ovellas nunca metas o que teñas.
  • En agosto chove mel e mosto.
  • En pombas e en abellas nunca metas o que teñas.
  • En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.
  • Enxamio pobre, se do inverno sae, en maio morre.
  • Máis moscas se pillan con mel ca con fel.
  • Máis moscas xunta entena de mel que ola de vinagre.
  • Marzo marzán, cara de can; a mediodía enzamea a colmea e a noite morre a abella.
  • Marzo, marzán, pola maña cara de can, a medio día zoa a abella e á noite mata a vella.
  • Miguel, Miguel, non tes abellas e mais vendes mel.
  • Moscas comen a mel i o gando.
  • Non está feito o mel prá boca do burro.
  • Non hai máis cera cá que arde.
  • Non se fixo o mel pró fuciño do porco.
  • Non sea tanta a cera que prenda lume.
  • Ó que ha de morrer ás escuras non lle importa ser cereiro.
  • O que mata unha abella, ten cen anos de pena (pero o que mate un abellón ten cen anos de perdón).
  • O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
  • O que rico quer ser, istas cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muiño onde moer.
  • Ó que se fai mel cómeno as moscas.
  • O viño con mel sabe mal e fai ben.
  • Os recíos de agosto son mel e mosto.
  • Ovella e abella, e pedra que trebella, e péndola tras da orella, cobizaba pró seu fillo a vella.
  • Ovella vella, enxamio probe, no maio morre.
  • Ovella, abella, pedra que trebella e péndola tras da orella, cobizaba para o seu fillo a vella.
  • Ovella, abella, pedra que trebella, partes na igrexa e péndola tras da orella, deseaba para o seu fillo a vella.
  • Ovellas e abellas nas túas devesas e non nas alleas.
  • Ovellas, abellas e lentellas, todas son consellas.
  • Polo san Miguel sabe o touciño a mel.
  • Prá boca do burro non se fixo o mel.
  • Quen rico ser queira, estas cousas ha de ter: ovella e abella e a pedra que terbella, egua parideira e muller goberneira.
  • San Pedro por unha abella matounas todas.
  • Sancristán que vende cera e non ten colmea, que o digan as velas da eirexa.
  • Se queres mel, por San Miguel.
  • Se queres ter abellas mira por elas nas Candeas, e se queres ter mel mira polo san Miguel. (As Candeas ou a Candelaria é o 2 de febreiro; e san Miguel, o 29 de setembro)
  • Se queres ter abellas míraas polas Candeas, e se queres ter mel míraas polo san Miguel.
  • Se te morde a donicela, busca viño e busca vela, que mañán che darán terra (a vela fai referencia ós cirios que se poñen rodeando ó cadaleito)
  • Se te roi un alacrán, busca a cera e mais o pan, e se te roi a adelouciña, búscaos aínda máis axiña.
  • Se tivéra-la túa casa a arder, a túa muller a morrer, e no teu cu un abilleiro, ¿a quen acodirías primeiro?
  • Todos ó mel e todos ó fel. (é dicir, hai que andar ás duras e ás maduras)
  • Unha mala abella revolve un cobo.
  • Unha mala abella revolve unha colmea.
  • Unha mestra pra moitas abellas e un pastor pra moitas ovellas.
  • Unto de porco e mel das abellas fervidos en viño e ... ¡fóra catarreira!
  • Vinagre e mel saben mal e fan ben.

Cantigueiro

Amiguiñas de Miguel,/ todas cargadiñas de mel,/ e de mal e de maduro,/ revírase don Grigorio del Curro.

As costureiras de agora / foron feitas ó sisel, / son amiguiñas dos homes / coma as abellas do mel.

As costureiras de agora / foron feitas a sisel, / son amiguiñas dos mozos / como as abellas da mel.

Eu pedinlle o Maio / a un coronel, / non me tuvo qué dar / mais que un pucheiro de mel.

Manoel, Manoeliño,/ Manoel feito de cera:/ quen me dera ser o lume/ que a Manoel derretera.

Manuel, caga mel, / I as abellas c... para el / A gata c... nata / i o Manuel todo lapa.

Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?

Ninguén se fíe dos homes/ nin de todo o seu afán,/ que teñen o mel na boca/ e no peito o solimán.

Non me teñas compasión, / sarna con gusto non pica / nin hai mel sin aguillón.

Señora María/ e señor Manoel,/ castañas asadas/ e viño con mel.

Adiviñas

Agora vou cantar / partindo dos meus amores, / dígame: ¿que é un pastel / tirado de varias flores? (O mel)

Alta como o sino, / verde como os limóns, / doce como o mel / amarga como o fel. (A noz)

Alta como o sino, / verdega como o liño; / é doce como o mel / e amarga como o fel. (A noz)

Alta como pino, / verde como liño, / amarga como fel / e sabe como mel. (A noz)

Alto coturiño / verde como o liño, / sabe como o mel / e amarga como o fel. (A noz)

Branco como papel, / doce como mel / amargo como fel. (O coco)

¿Cal é o animal que voa,/ sen tripas nin corazón,/ que dá lucenza ós mortos/ e ós vivos consolación. (A abella, que produce cera e mel)

Cousiña cousa, / pena por baixo, / pena por riba / e un tesouro / na barriga. (O trobo)

Dígame xa o rapaciño, / que xa estudiou xeografía, / ¿cal é a ave que sen peitos cría, / alimenta os vivos/ e ós mortos alumía? (A abella)

Do tamaño dunha abella, / enche a casa ata a tella. (A luz)

Estudiante que estudás / nos libros de filosofía, / decidme: ¿cal é o insecto / que non ten peitos e cría, / que ós vivos dá alento / e ós mortos alegría? (A abella)

Estudiante que estudiaste/ gramática e teoloxía./ ¿Cal é a ave/ que non ten peitos e cría;/ para os vivos dá sustancia/ e para os mortos alegría? (A abella)

Moitas monxas nun convento, visitan as frores e fan doces dentro. (As abellas)

¿Que cousa é cousa / que bate co tras na lousa? (A abella)

Un convento pechado, / sen toques nin campás / e moitas monxas dentro / facendo pastel de natas. (O trobo)

Locucións

  • Acodir coma as abellas ó mel.
  • Achegarse ós mellores como as abellas ás flores.
  • Caír coma a sopa no mel (oportuno, a tempo).
  • Celme coma o mel.
  • Como feito de cera (dócil, axeitado).
  • Como un cereiro (sucio).
  • Doce coma a fava do mel.
  • En liña de abella: en liña recta (Lobeira)
  • Máis amarelo que a cera (pálido, enfermizo).
  • Máis branco que a cera (ó escoita-la noticia, púxose máis branco que a cera).
  • Máis brando que a cera (fácil de conformar, acomodaticio).
  • Máis doce có cu das abellas.
  • Marelo coma a cera (Amañeceu amarelo coma a cera)
  • Non haber máis cera cá que arde.
  • Non ser mel nin fel.
  • Pálido como a cera. (botando ó tempo unha ollada á pobre Taresa que, pálida, pálida como a cera, estaba escoitando como esbochaba súa nai).
  • Roiba coma o mel. (Tiña … unha cabeleira longa, roiba como a mel, que lle chegaba hasta os pés).
  • Ser coma unha cera.
  • Ser como se a fixesen de cera (dise dunha muller fermosa).
  • Ser unha cera.

Outro léxico relacionado

  • Abella: parte inferior do eixo do muíño, tamén denominada ran.
  • Abelleira ou herba abella: melisa (Melissa officinalis L.), coñecida herba aromática e de uso medicinal.
  • Abelloar: encirrar a alguén, importunalo.
  • Abelloarse: encherse de coas un alimento, apodrecer unha árbore.
  • Abelloso: animal inquedo, espantadizo.
  • Abelludo: vivo, espabilado
  • herba da abella: nome de diversas plantas (Ophrys apifera Hudson e Orchis mascula L.).
  • Lúa de mel: viaxe de noivos despopis de casar ou tempo inmediatamente posterior ó casamento.
  • Orballo de mel: gotas de orballo nas follas dos carballos.
  • Patela de mel: clase de cogomelo.


Véxase tamén

Ligazóns externas