Hórreo galego: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Sen resumo de edición
→‎As agrupacións de hórreos: o hórreo na actualidade
Liña 302: Liña 302:


No lugar de [[Vivenzo, Quins, Melón|Vivenzo]] atópase unha orixinal agrupación de dez hórreos de corres, que antano chegaron a ser quince. Teñen cámara troncocónica invertida sobre unha lousa asentada sobre pés de granito.
No lugar de [[Vivenzo, Quins, Melón|Vivenzo]] atópase unha orixinal agrupación de dez hórreos de corres, que antano chegaron a ser quince. Teñen cámara troncocónica invertida sobre unha lousa asentada sobre pés de granito.

==O hórreo na actualidade==
O hórreo xa perdeu a súa utilidade no agro. O uso do millo para o [[ensilado]], como alimento do gando deixou sen uso as construcións. Xa non se constrúen hórreos no agro pero os existentes non foron destruídos na maioría dos casos. As casas déronlle outro uso a estas edificacións. Agora os hórreos son empregados para gardar os alimentos da casa ou como trasteiros. Estos novos usos non xustifican a construción de máis hórreos pero si fan que o seu uso manteña os existentes. O hórreo tamén ten un valor de status social. As casas con hórreo amosan un elemento distintivo na comunidade. Os hórreos que actualmente se poidan construir teñen un fin máis estético que funcional. Son de medidas moito menores e de materiais con calidades e acabados non vistos noutros tempos. Así hai hórreos de pedra traballada e cuns custes que non xustifican unha construción labrega pero si para unha vistosa construción hornamental.


==Situación legal do hórreo==
==Situación legal do hórreo==

Revisión como estaba o 1 de novembro de 2013 ás 17:28

Este artigo trata sobre o coñecido como "Hórreo galego", para máis información sobre o hórreo en xeral véxase Hórreo.
Piorno de pedra sobre esteos e soleira de cantería en Pontevedra.
Hórreo mixto sobre cepas de cantería en Oroso.
Hórreo de madeira sobre cepas de cantería en Vedra.

O hórreo galego é un edificio de uso agrícola destinado a secar, curar e gardar o millo antes de debullalo e moelo.[1] Consta dunha cámara de almacenaxe oblonga, estreita e permeable ao paso do ar, separada do chan para evitar a entrada de humidade e animais.

En Galicia conviven tres tipoloxías básicas de hórreo: o tipo galego (tamén chamado "galego-portugués"), o tipo asturiano e o hórreo de corres. No nordeste de Galicia e no occidente de Asturias é doado atopar hórreos do tipo galego e do tipo asturiano no mesmo lugar, aínda que con diferente denominación.

Extensión xeográfica

O uso do hórreo galego está estendido pola meirande parte do territorio de Galicia, occidente asturiano ata o Navia, e norte de Portugal, especialmente por aquelas zonas de clima máis oceánico. As zonas montañosas do leste de Ourense e do sueste de Lugo, así como o nordeste de Portugal non teñen hórreos. No seu territorio atopamos diferentes denominacións e variantes tipolóxicas, ás que non é doado definirlles áreas xeográficas propias, pois é corrente ver en uso nun mesmo sitio diferentes subvariantes.

Independentemente dos medios secundarios empregados polo labrego para secar o gran, pode admitirse que os hórreos se estenden por todo o territorio das provincias da Coruña e Pontevedra. Non se empregan hórreos na zona da provincia de Ourense situada ao oriente da rexión da Limia e no cuadrante sueste da de Lugo, xa en zonas climáticas máis favorables ao cultivo de cereais de montaña e menos propicios para o do millo.[2]

Xa fóra de Galicia, en Portugal empréganse espigueiros, que son variantes do mesmo tipo arquitectónico, e que á súa vez presentan algunhas subvariantes locais. Preséntanse na faixa máis inmediata á costa, nunha área que chega ata o río Mondego, deixando unha zona baleira na franxa costeira máis inmediata, ao sur de Porto.

Denominación

O uso do hórreo esténdese por toda Galicia, coa excepción dalgunhas zonas do sueste. A mesma tipoloxía esténdese tamén polo extremo occidental de Asturias, onde é chamado cabazo, e polo norte de Portugal, ata a beira esquerda do Río Douro, onde é chamado espigueiro, canastro ou caniço. En Galicia recibe diferentes nomes segundo a zona: hórreo ou hórrio no centro-norte, cabazo no noroeste da Coruña, cabozo no norte de Lugo, canastro na zona sur, máis raramente canasto, cabaceiro entre o centro e o nordeste de Ourense, igual na mesma dirección en Lugo, pero mesturado con formas máis pechadas (cabeceiro, cabeceira, cabaceira), canizo entre a ría de Vigo e o río Miño, piorno no Salnés, cabana máis no interior, paneira na Península do Morrazo, orno ou órneo no cabo do Morrazo, hórreo ou horro os de tipo asturiano no leste de Lugo; e outros apelativos de extensión menor.[3]

  • Hórreo. A explicación máis aceptada da orixe do termo hórreo e as súas variantes (hórrio, orno e órneo) remite ao latino horreum (do grego ὡρεῖον, σιτοφυλακεῖον, ἀποθήκη, celeiro), que designaba en orixe un edificio no que se gardaban froitos do campo, especialmente o gran.[4] Durante o Imperio a palabra horreum empregábase para calquera lugar destinado a conservar cousas de calquera natureza, sexa viño (horrea vinearia), mercancías e provisións (horreum penarium).[5] Outros autores fan derivar o actual hórreo dun órreo prerromano presente na toponimia e na hidronimia, e que tería xa o significado de silo para o gran.[6]
  • Cabazo. O termo cabazo designa principalmente ao hórreo de corres, pero por similitude funcional emprégase por zonas para nomear ao hórreo galego.

A palabra cabazo e as súas variantes (cabozo, cabaceiro, cabeceiro, cabeceira e cabaceira) provén, segundo Trapero Pardo, do termo cabaza, froito que frecuentemente se deixaba secar nos tornarratos. Segundo Corominas provén dun calapaccia prerromana, que significaba "cuberta a modo de casca", en alusión probable ao tellado vexetal.[7] Outra explicación relaciona a palabra cabazo co tema latino capio, capere, empregado para nomear contedores e trebellos de capacidade. A palabra celeiro ou cileiro provén dun cellarium latino, de cella, silo ou adega baixo terra.[6]

  • Canastro. Do latín canistrum, cesto de vimbios. O nome empregábase en orixe para denominar ao hórreo de corres, pero estendeuse especialmente polo sur da provincia de Ourense. Fai referencia á arte de elaboración das paredes do cabazo.
  • Paneira. A paneira, do latín panarium (derivado de panis, o pan) é a tulla na que se garda o gran. En Asturias chámase panera ao hórreo de máis de catro pegollos, e no hórreo tipo Ribadeo a paneira é o andar intermedio do hórreo de tres niveis. Nesta variante tipolóxica o primeiro andar ou celeiro emprégase para gardar as patacas, o segundo ou paneira para gardar o centeo e o trigo, e o superior ou hórreo para as mazarocas do millo.
  • Piorno. Do latín viburnum, vimbieira. É o nome dunha especie de xesta que se emprega para tecer cestos e cabazos. Chámase así ao hórreo principalmente na provincia de Pontevedra, aínda que tamén se denomina así unha tipoloxía de seu.

Orixe e historia

Introdución

Hórreo de cámara cadrada en Asturias.

A área de expansión do hórreo galego coincide aproximadamente cos límites da Galicia histórica, cunha exacta correspondencia co límite lingüístico polo leste. Así, mentres o hórreo de cámara cadrada ten parentesco con construcións análogas da Europa central e setentrional, propias de poboacións adicadas ao pastoreo, o hórreo de corres, xermolo do actual hórreo galego, garda similitudes con outros da rexión mediterránea propios de pobos recolledores. Atribúese a súa introdución en Galicia a pobos preceltas de procedencia e cultura mediterráneas, os coñecidos polo nome de oestrimnios.

Paralelamente os profesores Dias, Veiga de Oliveira e Galhano propoñen un orixe suevo do hórreo de cámara rectangular, que viría modificar os hórreos de varas preexistentes. Esta tese baséase na coincidencia entre o límite de extensión do hórreo galego e as fronteiras do Reino Suevo de Galicia, no achado en territorio suevo de Alemaña dunha urna funeraria que reproduce un celeiro sobre pés e, por último, na pertenza do hórreo ao complexo agrario instituído polos suevos.[8]

En calquera caso todos os autores coinciden na diversidade de orixes para os hórreos de cámara cadrada (ástur, cántabro, vasco-navarro e leonés) e os de cámara rectangular (galego e portugués).

Antecedentes

Miniatura das Cantigas de Santa María.

O uso dos celeiros aéreos vai xunguido ao cultivo do paínzo, que xa se practicaba na cultura dos castros, como o demostran os achados de sementes torradas en diversas citanias e que se gardan no Museu Leite de Vasconcelos, en Portugal. Algúns autores ven no hórreo unha prolongación da palafita,[9] mentres que para outros é una dependencia doméstica segregada da casa.[2] Sobre a súa orixe contamos coas mencións de autores latinos, que non despexan as dúbidas sobre o aspecto formal dos celeiros aos que fan referencia.

Haberá que agardar á representación miniada de tres hórreos nas Cantigas de Santa María, no século XIII, cun aspecto moi semellante ao que teñen na actualidade. Cada un deles consta dunha cámara estreita e longa sobre catro esteos con tornarratos, unha porta no testeiro en arco de ferradura e cuberta de tella curva a dúas augas, sen beiril, sobrepenas nin cruceiro. Esta similitude formal suxire que en Galicia o seu uso é moi anterior ao comezo do cultivo do millo, probablemente ligado ao cultivo do paínzo ou millo miúdo. Porén, a ausencia de doelas e pontóns nas paredes costais non permite a ventilación do interior da cámara, polo que estamos ante un tipo de hórreo aínda non especializado na conservación do millo.[1]

O documento galego máis antigo no que se atopa unha referencia ao hórreo é unha escritura de 1219 pola que o rei Afonso IX lles cedía o castro de Untia, lugar no que se asenta hoxe a cidade de Betanzos, aos veciños da parroquia de Tiobre, hoxe chamado Betanzos o Vello. No documento lese Inde per viam quae tendit ad orreum vrum. Excepto ipso orreo cum suo currali.[10]

A documentación notarial conservada amosa un cambio entre os séculos XVII e XVIII, cando se pasa de rexistrar escasas alusións a hórreos a atopalos na maioría das casas campesiñas, aínda que dunha feitura moito máis precaria do que estamos afeitos a ver: eran entramados de madeira de salgueiro, móbiles e de uso moi estacional.[11] Non hai que esquecer que, a pesar do avanzado desenvolvemento evolutivo ao que ten chegado o hórreo, este tipo de celeiros lixeiros non foi desprazado e o seu uso segue vixente.

Chegada do millo

Moendo millo en Rianxo.

O uso do paínzo non se interrompeu, como se ve en diversos documentos medievais. O primeiro millo veu a Europa en 1604, traído polo gobernador e capitán xeral da provincia da Florida, o almirante asturiano Gonzalo de Castro. No seu lugar natal de Casariego e no da súa esposa, Magdalena de Luaces, de Mondoñedo, tiveron lugar as primeiras sementeiras. No primeiro terzo do século XVII aparece documentado o seu cultivo nas provincias de Lugo e A Coruña, e máis adiante na de Ourense, de clima menos propicio, ben andado o século. Con anterioridade sábese que o naturalista Hernández o levou de América a Sevilla en 1550, e aínda antes, en 1515, hai referencia a unha plantación de millo preto de Madrid.

O millo nun herbario de 1633.

O nome orixinal do novo gran, maíz, foi substituído polo do cereal ao que viña desprazar, o millo. Esta confusión fixo necesario modificar os nomes, chamando ao vello paínzo, millo miúdo ou millo dos paxaros, e ao novo millón, millote, millo grande, millo gordo, millo graúdo e aínda a forma híbrida maínzo.[1] Esta transposición de nomes deuse tamén na boroa, que está emparentada coas palabras bro céltica e brod xermánica, as dúas co mesmo significado de pan nos seus respectivos idiomas. Antes da chegada do millo, boroa viña significar pan de xeito xenérico, do mesmo xeito que as súas derivadas brodio e proia significaban, a primeira, a sopa feita con pan e, a segunda, a torta de masa. Tras a xeneralización do uso do millo a boroa pasou a ser o pan feito de fariña de millo especificamente.[2]

O pan era o alimento fundamental da poboación, polo que o incremento da produción de cereal panificable mellorou as condicións de vida da xente do campo, que se vía constantemente ameazada polas épocas de escaseza. Asemade a maior produción agrícola aumentou as rendas da terra, principalmente en forma de décimos pagados en diversas especies a señores segrares, moitos deles fidalgos rurais intermediarios de señores eclesiásticos na percepción das rendas. O aumento das rendas percibidas polos principais mosteiros entre os séculos XVI e XVIII é extraordinario, chegando nalgúns casos, como o do de Bonaval, a un 300%, ou o priorato de San Pedro de Lobás, cun 400%.[12] Este incremento na renda faina posible a adopción do millo por parte do campesiñado galego.

A partir do momento de introdución do millo e a da pataca a vida campesiña experimentou cambios enormes. Os novos cultivos posibilitaron o abandono do barbeito entendido ao xeito tradicional, como período de vacancia de cultivos, as superficies cultivadas estendéronse con novas rozas e cavadas, o cultivo do paínzo foi abandonado e o do centeo desprazado, as terras húmidas foron transformadas en milleiras, os prados levados ás abas e os cereais ás searas e, ocasionalmente, ás estivadas.

A partir do primeiro terzo do século XX o equipo dirixido por Cruz Gallástegui na Misión Biolóxica de Galicia desenvolveu variedades híbridas de millo que pretendían aumentar a rendibilidade do seu cultivo e a resistencia da planta á falta de auga. Asemade neses anos o emprego de fertilizantes de orixe químico comezou a ser de uso común. Estes dous factores produciron incrementos notables da produción de millo nalgunhas zonas das provincias da Coruña e Pontevedra.[13]

Cultivo, conservación e emprego

Mazarocas de millo.

Ata a introdución do millo o cultivo cerealeiro organizábase tradicionalmente en ciclos anuais nos que alternaban o cereal de inverno e o de verán. Os invernais adoitaban ser trigo ou ben centeo, o de verán era xeralmente paínzo, cereal de gran miúdo que daba un pan mediocre, polo que se mesturaba con centeo. O sistema agrario tradicional baseábase, especialmente naquelas zonas de predominio das agras, nunha organización comunitaria da rotación do traballo de pastoreo e cultivo sobre cada unha das follas de terra. A aparición do millo como novo cultivo de verán obrigou a alterar este sistema agrario vixente aos prazos vexetativos do novo cultivo, e a desprazar as épocas de pastoreo para facelas coincidir cos novos períodos de barbeito. Isto leva a supoñer que a introdución do millo se fixo en cada lugar ao mesmo tempo e por acordo conxunto dos veciños.[13]

Hórreo en Ames.

O millo é un cereal que ten a súa orixe nas zonas tropicais e subtropicais do continente americano. Require durante tres meses temperaturas non inferiores aos 18ºC durante o día e aos 13ºC durante a noite. Precisa de moita humidade para o seu crecemento, especialmente tras a floración. Grazas á acción dos ventos mareiros a distribución anual das chuvias en Galicia corresponde a un réxime oceánico de chuvias permanentes cun marcado predominio invernal. O cultivo do millo faise posible como cultivo de sequeiro e de regadío. En Galicia adaptáronse ben como cultivo de verán certas variedades de curto período vexetativo que frutifican antes da chegada do outono.

O millo seméntase a fins de abril ou comezos de maio e apáñase en outubro. Como as plantas precisan gardar unha certa distancia, os primeiros gromos entresácanse para alixeirar os eidos. Grazas a esta transparencia é posible sementar na mesma parcela cultivos intercalares tales como fabas ou cabazas, e se se vai dedicar a pasto de inverno pódese sementar a herba antes da colleita do millo. Ademais do gran, as follas e as canas do millo producen un gran volume de forraxe que permite manter ao gando estabulado.[8]

As peculiaridades climáticas de Galicia impiden que o millo complete a súa maduración no campo. As mazarocas apáñanse cun grao de humidade aínda elevado, polo que para conservalo é imprescindible secalo e mantelo a temperatura controlada. Se a temperatura aumenta, no gran húmido prodúcese a hidratación do amidón, que se converte en glicosa. Se a humidade acada o 30% o gran fermenta rapidamente. Para conseguir o arrefriamento e o secado do gran mantense constantemente ventilado. Por ese motivo almacénanse as mazarocas enteiras, sen debullar, para facilitar o paso do ar entre elas.

As mazarocas amoréanse na cámara do hórreo coa axuda de táboas transversais que a dividen en sectores, formando tabiques efémeros e descontinuos que permiten o paso do ar. As táboas van separadas por intervalos nos que as mazarocas van colocadas paralelamente e coa parte máis estreita cara a dentro. Se o hórreo está cheo disponse un tabique similar na porta. Cando o hórreo é moi ancho os tabiques son lonxitudinais e deixan entre eles un espazo central de acceso. En calquera caso estes tabiques provisionais non pasan dos dous terzos da altura interior libre da cámara e deixan sempre aberta a parte superior.[8]

Partes compoñentes

O hórreo do tipo galego-portugués componse, basicamente, dunha base, unha cámara, un medio de acceso e uns elementos ornamentais e simbólicos. A base ten como finalidade afastar a cámara do chan. A cámara, pola súa parte, debe poñer o gran en contacto co ar evitando que se molle. O acceso faise a través dunha escada móbil ou fixa. Os ornamentos representan o poderío da casa e invocan a protección da divindade. Para a súa resolución emprégase múltiples solucións arquitectónicas que varían coas características climatolóxicas e edafolóxicas do lugar, coas necesidades da casa e co peculiar xeito de facer de cada mestre de obras.

Elementos sustentadores

Sistema arquitrabado no hórreo de Carnota.

En xeral existen tres tipos básicos de soportes: os esteos ou columnas, as cepas ou muros transversais, o celeiro ou base pechada, e a cepa maciza. É común atopar solucións que combinen todas ou varias das solucións tipo. En todos eles interpóñense entre os soportes e a cámara unhas pezas de xisto ou granito, planas e de escaso grosor, chamadas tornarratos, capas, capelas, rateiras, toldas, postas ou moas, que teñen como finalidade evitar a entrada de roedores e de humidade á cámara dende o chan. [8] Cando un tornarratos cobre á vez unha parella de esteos, solución abundante en Ourense e Portugal, chámase mesa.

Os esteos son empregados nas zonas nas que o granito é compacto e resistente, e que corresponde con case toda a provincia de Pontevedra, a parte inmediata da de Ourense e o occidente da da Coruña. Os esteos son monolíticos e teñen formas variables tendentes sempre á simplicidade xeométrica.

Hórreos sobre esteos e sobre celeiro en Zas.

O uso de esteos impón unha solución construtiva arquitrabada na que escasea o uso da cachotería na cámara como aparello de peche. E corrente que os esteos teñan un ensanchamento no extremo inferior que lle dá unha forma de bota, e que procura aumentar a superficie de apoio contra o chan. En ocasións os esteos descansan nunha base pétrea, a soleira, que fai as veces de alicerce; nestes casos é corrente o uso de pequenas canles rodeando a base do esteo, chamadas tornaformigas, que ao se encher de auga coa chuvia impiden o paso de insectos. O número de esteos varia coa lonxitude do hórreo, sempre en número par. Se este está dividido en tramos, a cada un correspóndelle unha parella de esteos; a distancia entre eles ven dada pola lonxitude das padieiras lonxitudinais.[8]

Encontro do tornarratos co esteo e a padieira.

As cepas empréganse nas zonas nas que o granito está moi diaclasado. Son case exclusivas no norte e este da provincia da Coruña, e en case toda a de Lugo e na zona veciña da de Ourense. Sobre elas empréganse tamén tornarratos. Na zona de transición entre esteos e cepas atópanse hórreos que empregan as dúas solucións xuntas, con cepas nos penais e esteos no tramo intermedio. A colocación das cepas tamén observa correspondencia cos tramos do hórreo. Adoitan ser muros de cachotería tan longos como ancha é a cámara, pero tamén hainos compostos dunhas poucas pezas de cantería de perfil variable. No occidente asturiano as cepas adoitan ter unha grande altura, pola necesidade de elevar a cámara ata acadar unha ventilación óptima. Nestes casos é corrente que o espazo entre cepas sexa aproveitado para aloxar un celeiro que mantén a súa cuberta afastada do chan do hórreo para non prexudicar á ventilación inferior. En algunhas zonas, especialmente no norte, aprécianse certas pautas na orientación dos hórreos, que tenden a buscar unha mellor ventilación colocándose perpendicularmente á dirección dos ventos predominantes na zona, de xeito que a cara máis longa da cámara reciba a máxima cantidade de ar.[14]

A cepa maciza é un pedestal de cachotería en seco de aproximadamente iguais dimensións que a cámara en planta. Emprégase en zonas escasas e moi localizadas: centro-oeste da provincia de Lugo con cámara de madeira, norte da Coruña con cámara mixta, litoral norte de Portugal. O celeiro inferior ten tamén as mesmas dimensións que a cámara. O seu uso esténdese polo norte da provincia da Coruña, especialmente na comarca de Bergantiños, na zona entre Ferrol e Ortigueira e na comarca de Valga e na zona do Pino, ademais da mariña luguesa.[8]

Os pés dos hórreos ergueitos en terreo comunal teñen o valor legal de seren considerados como sinal de propiedade do anaco de terreo no que este se ergue, ata o punto de que, aínda que desapareza o hórreo, o propietario mantén os seus dereitos sobre o soar mentres os pés sigan nel e se o hórreo é desfeito pérdeos ao levar de aló os pés, aínda que os restantes materiais queden no sitio.[15]

Accesos

Cabozo entre penais en Mondoñedo.

Como norma xeral os elementos que resolven o acceso á cámara do hórreo non deben permitir a entrada de animais. Se algunha escaleira fixa ou pasarela conduce á cámara, detense a unha distancia suficiente para garantir o seu illamento. Normalmente o acceso resólvese simplemente cun elemento móbil, sexa escada de man de poucos chanzos ou tallo de madeira, colocada sobre o patamal de desembarco para salvar a altura entre este e a cámara.

A situación da porta é variable segundo os tipos e bastante constante dentro do mesmo tipo. Adoita ir nun dos penais, con menor frecuencia nun dos costais. Normalmente ten a mesma altura que a propia cámara. A súa apertura é sempre exterior e con frecuencia ten un prominente limiar que axuda a conter o gran dentro da cámara. En casos excepcionais podemos atopar dúas portas, unha nun penal e outra nun costal, ou ben nun penal cada unha. Ás veces diante da porta hai un patamal que facilita o acceso e a carga do hórreo, unhas veces como ampliación dun dos tornarratos, outras como prolongación do chan da cámara.

En raros exemplos atopamos trapelas de descarga que permiten sacar as mazarocas sen necesidade de abrir a porta. Abundan máis en Portugal, ao sur do Douro, ou en hórreos galegos feitos por canteiros portugueses.

Cámara

Cámara dunha hórrea en Boiro.

A cámara é o recinto no que se almacena o gran. Polo xeral ten planta rectangular e altura, anchura e lonxitude variables. Os hórreos mais longos chegan a superar os 35 metros, como o de Lira, o de Araño ou o de Carnota. Está formada por un chan chamado lastra, dúas paredes lonxitudinais chamadas costais e dúas transversais chamadas cabaceiras ou penais. Sopórtase todo sobre un bastidor chamado marco composto de dúas trabes chamadas doelas, mesas ou pontóns nos lados longos e dous traveseiros ou cabezas nos lados curtos. Este esquema construtivo básico ten moitas variantes segundo as zonas, as técnicas e os materiais empregados.

A largura da cámara oscila entre 1,30 e 1,50 metros, co obxecto de que as espigas non estean moi lonxe da parede. A cámara está constituída polas seguintes partes: unhas vigas inferiores chamadas grades ou pontóns, o solo de táboas sobre elas, unhas columnas, as padieiras ou linteis, e os pinches; uns elementos de peche ou paredes laterais, de materiais diversos e con numerosas fendas de ventilación; unhas vigas superiores chamadas soleiras; e uns elementos de cobertura que acostuman ser a dúas augas. As paredes permiten a ventilación por todos os costados e a estrutura protéxese da choiva cun tellado de tella a dúas augas que se adorna nos dous extremos con cruces e outras formas en pedra.[2]

A cámara combina a madeira e a pedra en diferente proporción, coa singular particularidade de que o catálogo de partes que a compoñen se mantén, con independencia do material, aínda que adaptando o seu despece e as súas proporcións. Os paramentos de pedra poden cobrar solucións variadísimas e estar feitos de perpiaño entre forras, de cantería, de cachotería en seco, de postes biselados, de celosía de xisto, de perpiaños alternados e, máis recentemente, de ladrillo cerámico oco ou perforado. Os paramentos de madeira poden estar formados por tramas de madeira con balaústres verticais ou, máis escasamente, horizontais. Cada unha destas solucións pode constituír o paramento enteiro ou estar este formado por tramos descontinuos ou de distinta fábrica.[15]

En Portugal, nos distritos de Aveiro e Porto, as cámaras tenden a ser estreitas e de madeira e nelas predomina o emprego de paredes inclinadas cara a fóra e grandes beirís que eviten a entrada de auga de chuvia.

Elementos ornamentais e simbólicos

Cruz de remate na sobrepena (esquerda) e diversidade de remates na Estrada (dereita).
Remates cónicos en Foz (esquerda) e pináculo (dereita).

Formando parte da composición do hórreo hai toda unha serie de elementos que non teñen utilidade práctica. Adornan o hórreo contribuíndo a aumentar a súa beleza e, asemade, expresan a concepción que ten o paisano da súa relación co cultivo e coa garda do gran, dende unha perspectiva antropolóxica e cultural.

Sobre o tellado é doado atopar un amplo repertorio de elementos terminais cun sentido a medio camiño entre o decorativo e o funcional:[8]

  • Cruces. Son máis frecuentes nos hórreos de feitura máis coidada, de xeito que se pode dicir que polo menos a metade dos hórreos non levan cruz. A presenza de cruz correspóndese case directamente co tipo de hórreo, predominando máis nos tipos pétreos e menos nos de madeira.
  • Capiados. Remates cónicos que bordean a parte baixa do beirado. Exclusivos do litoral lugués.
  • Tornaventos. Suxeitan as tellas aportándolles peso.
  • Remates piramidais. Van sobre os vértices dos pinches, ou ben no que non leva cruz ou ben nos dous. En casos moi ornamentados flanquean por parellas unha cruz sobre cada pinche.
  • Pináculos. Acompañan á cruz no pinche oposto.
  • Nos hórreos de madeira e mixtos os remates pouquean. Porén, cando se atopan teñen formas moi diversas: campanarios, torres, capelas, reloxos de sol, figuras de santos, cálices, custodias, gallardetes, viraventos, formas animais, etc.

Os ornamentos de cuberta gardan unha especie de xerarquía en relación coa súa posición sobre o hórreo. Así, se hai unha cruz sobre o penal no que está a porta déixanse para o outro extremo os elementos puramente ornamentais, como pináculos ou gallardetes. De xeito análogo, cando a porta está no costal do hórreo hai elementos de grado análogo coroando os dous pinches, sexan estes cruces ou pináculos. Cando hai máis dunha porta desaparece todo símbolo preponderante da sobrepena, en cada penal levan sobre cada unha delas o mesmo elemento, ou ben carecen del.[2]

Os hórreos de tipos mixtos levan todas as superficies exteriores de madeira pintadas para favorecer a súa conservación. Prefírense cores escuras en panos planos que frecuentemente están delimitados polos elementos estruturais dos costais, compoñendo cuarteiróns, axadrezados ou campos en losanxe.

Cuberta

Hórreo con tellado de lousa (esquerda) e hórreos con cubertas de tella (dereita).

Na maioría dos casos é a dúas augas, salvo en algunhas zonas do norte, onde pode ter catro, e máis raramente tres. A pendente é variable e depende do material de cubrición. Como norma xeral o tellado resólvese cun desnivel dun terzo do ancho da cámara, o que da unha pendente media dun 33%. Os valores extremos oscilan entre o 40-45% e o 20-25%.[8]

Os faldróns son a meirande parte das veces de tella cerámica, pero emprégase tamén a lousa de xisto, especialmente no norte. A tella, normalmente curva, emprégase nas zonas sur e oeste, mentres que no norte é máis frecuente o xisto, cunha estreita zona de transición intermedia, na que se dan solucións mixtas. As cubertas de casqueiros de madeira empréganse case só en edificios moi pobres, e por mor da caducidade do material están case desaparecidos. A escasa dimensión das cubertas permite usar nelas a lousa de granito, aínda que con pouca frecuencia. As cubertas de colmo resérvanse para os cabazos vexetais lixeiros e para os hórreos de tipoloxía asturiana, nos primeiros como peza unitaria que se pode separar da cámara para enchela de mazarocas.[8]

Hórreo con terceira pimpinela.

A cuberta está soportada polas tesouras, o cume e as ripias, e pode ter uns remates terminais de pedra nos extremos chamados sobrepenas ou tornachoivas ou estar rematado por un beiril. A cumieira central descansa sobre as corvas, que van sobre as columnas das cabeceiras. Sobre as mesmas corvas sostense o tellerol, que e o que soporta as tellas do tellado, e o beiril pola súa cara inferior. Nos tellados a dúas augas os pinchos dianteiro e traseiro péchanse con pimpinelas. Como é habitual na arquitectura popular galega, as cubertas non teñen moita inclinación. Normalmente os tellados sobresaen da cámara o grosor dun escaso capiado, pero hai unha tendencia a acentuar os beirís canto máis ao sur, sobre todo cando se trata de hórreos de madeira, ata chegaren a ter, xa en Portugal, un voo equivalente ao ancho da cámara, especialmente na área entre Aveiro e Porto.[15]

Raramente, e en hórreos con porta lateral, a cuberta forma sobre a lumieira un encarte con forma de bufarda que sobresae sobre o beirado cunha terceira pimpinela.

Características formais e construtivas

O hórreo galego é un edificio de pequeno tamaño, oblongo e de planta rectangular, con cuberta a dúas augas e coxía e altura escasas. As súas dimensións, os seus materiais e o aparello empregado na súa construción son moi variados, aínda que sempre dentro da economía e do repertorio habituais na arquitectura popular: altura libre mínima, volumes moi netos, fábricas e carpinterías de materiais locais. Accédese á cámara a través dunha escaleira exterior que non chega a tocar a porta do hórreo ou, raramente, dunha pasarela.

Evolución das técnicas

A evolución do hórreo ten sido moi lenta, xa que ten o seu comezo na prehistoria. O primeiro tipo empregado suponse que sería moi semellante ao actual hórreo de corres, un celeiro-cesto vexetal e lixeiro transportable. As etapas posteriores desta evolución serían as seguintes:[8]

  • Romanización: construción do hórreo con madeira, coa consecuente adopción da forma rectangular.
  • Difusión do cultivo do millo: aumento da capacidade de almacenaxe por elongación da cámara mantendo a anchura, especialización para o curado do gran nas mazarocas coa permeabilización dos costais da cámara.
  • Petrificación: emprego da pedra para darlle solidez e facelo perdurable.

Neste proceso evolutivo o hórreo conservou sempre as súas características morfoestruturais e a súa función, cunha progresiva especialización orientada ao cultivo do millo. A hipótese evolutiva veríase confirmada pola permanencia de formas propias da arquitectura de madeira no despece da fábrica de pedra, especialmente nos costais e nas súas fendeduras.

O incremento produtivo de mediados do século XX, previo á actual crise agraria, provocou a substitución de numerosos hórreos por equivalentes de maior tamaño construídos con cemento e ladrillo, materiais que nesa época estaban comezando a ocupar o lugar dos tradicionais.

Volumetría

Morfoloxicamente un hórreo ten unha directriz horizontal predominante que resulta da necesidade de ofrecer a máxima superficie de ventilación e a máxima capacidade de almacenamento sen exceder a dimensión transversal óptima. A virtual posibilidade de estender o hórreo seguindo esa directriz horizontal obriga a articular a composición do seu volume en base a unha composición modular. O sistema de sustentación impón á estrutura construtiva do hórreo un ritmo que deriva da capacidade portante das lumieiras de pedra que salvan as distancias entre soportes. Deste xeito a do hórreo é unha xustaposición de módulos definidos polo intervalo entre dúas parellas de esteos ou dúas cepas. Nos hórreos sobre celeiros esta necesidade de modulación desaparece, polo que é posible empregar panos de cachotería en seco, mentres que nos hórreos mixtos son os peóns os que marcan o ritmo e nos de madeira se dilúe a modulación entre as moitas particións dos paramentos.

Os espigueiros portugueses non se afastan significativamente das formas empregadas polo xeral en Galicia, a non ser pola especial abundancia das solucións construtivas en madeira, a meirande parte das veces entre penais de cantería. Os de Lindoso e os da serra de Arga son coñecidos polo que ten de excepcional a súa execución totalmente en pedra. Polo demais o máis estendido é o espigueiro de técnica mixta en pedra e madeira. Como variante característica do espigueiro, detéctanse subtipos nos que están acentuada a dimensión vertical ou ben a transversal. Chama a atención o emprego de paredes inclinadas e sección trapezoidal como solucións características.[16]

Situación

A elevación mellora a ventilación.

A situación do hórreo ten máis relación coa casa e non tanto coa milleira. A necesidade de situalo nas inmediacións da casa obriga a adaptar o hórreo ao tamaño e á forma da eira, o cal da pé a localizacións diversas, máis elaboradas canto máis escasea o espazo: sobre os muros da eira, sobre o portalón de entrada, sobre unha corredoira ou en agrupacións sobre un terreo comunal. Estas posicións elevadas favorecen a interceptación das correntes de aire e a ventilación do gran.

En terreos inclinados o hórreo sitúase polo xeral no sentido da pendente. Neste caso, se o hórreo vai sobre esteos, e dado que estes teñen todos a mesma lonxitude, faise preciso chantalos nun zócolo horizontal que fai de lousa de cimentación. Se vai sobre cepas a compensación da pendente resólvese aumentando a altura das cepas da parte máis baixa.[8]

Fábricas e aparellos

Nunha clasificación segundo o material construtivo empregado, hai basicamente dous tipos de hórreo: o de pedra e o de madeira. As versións mixtas son numerosas e difiren na proporción na que se empregan estes materiais e en que partes. O emprego dun ou doutro material ven determinado pola natureza dos afloramentos rochosos predominantes. A meirande parte da superficie de Galicia corresponde aos tipos mixtos, que ocupan áreas que se superpoñen. Predominan os tipos con menor uso de pedra nas partes norte e oriental da provincia da Coruña e na de Lugo. O uso da pedra aumenta cara ao oeste e ao sur, ata chegar aos tipos con predominio da pedra nas provincias de Ourense e Pontevedra, especialmente nesta última, ata chegar á zona de hórreos exclusivamente de pedra. As áreas de predominio da pedra e da madeira correspóndense coas dúas zonas xeolóxicas da Galicia granítica e da Galicia xistosa.[8]

Hórreo de madeira, Allariz (esquerda) e pedra de cantaría, Carnota (dereita).

O hórreo de cantería predomina na parte occidental das provincias da Coruña e Pontevedra e no norte da de Lugo, pero sen chegar a ser exclusivo. O granito destas zonas está pouco diaclasado, o cal permite empregalo dentro dun esquema construtivo arquitrabado constituído por pezas horizontais de gran luz sostidas por esteos verticais. No norte o granito, moi fendido, non permite a súa submisión a esforzos de flexión. Por este motivo o hórreo está sostido por cepas de cachote e peóns de granito, ou é todo el de madeira sobre cepas de cachotería, xa máis ao norte.

Nos casos nos que cómpra construír soportes de fábrica procúrase minimizar o número de xuntas verticais para reducir ao mínimo a cantidade de humidade que poida ascender dende o chan por capilaridade. Nos hórreos sobre esteos este problema está resolto polo monolitismo do propio esteo. para conseguir o mesmo afecto, nas cepas de cachotería adóptase o uso de tornarratos horizontais, que cortan a comunicación da cámara co chan a través de xuntas verticais de morteiro.

Os materiais de cubrición empregados son tres: a tella cerámica (case sempre curva), a lousa de xisto e a lousa de granito. A tella cerámica é material exclusivo de toda a área occidental e meridional. O xisto atópase na área oriental. A lousa de granito é empregada raramente, máis canto máis ao sur. [8]

As áreas de distribución das cubricións de tella e xisto correspóndense coas dúas zonas fundamentais do mapa xeolóxico: a occidental, de granito e gneis, e a oriental, de xistos paleozoicos. O límite entre unha e outra segue aproximadamente os vales do Sil, o Cabe, o Masma e a ría de Foz.

Clasificación tipolóxica

A gran diversidade xeográfica de Galicia propicia unha enorme variedade formal na súa arquitectura. Desta variedade nacen múltiples tipos arquitectónicos que teñen áreas de distribución con límites imprecisos ou que se interpenetran. Por todo isto as diferentes variedades tipolóxicas do hórreo non teñen unha correspondencia clara coas comarcas. A seguinte clasificación dos tipos de hórreo é a empregada por Ignacio Martínez Rodríguez, único autor que afondou no seu estudo tipolóxico.[8] Está ordenada segundo as localidades nas que se dan as súas características definitorias.

Tipos primitivos

Pequenos celeiros portátiles lixeiros, feitos de materiais vexetais.

Tipos de madeira

Cubículos de tramado lixeiro sobre soporte pétreo, tamaño medio.

Tipos especiais

Variacións volumétricas sobre o tipo base de cámara rectangular.

Tipos mixtos
Tipos de pedra

Este mesmo autor ten identificado tres tipoloxías de hórreos de albanelería, ás que el chamou hórreo tipo Lugo, tipo Cedeira e tipo Carballo, dos que se prescinde aquí por non corresponderen cos modos tradicionais de construír.

Variantes tipolóxicas

A hórrea

Hórrea no mosteiro de Poio.
Hórreo en esquina en Meaño.

Na zona costeira de Galicia, especialmente na máis meridional, preséntase outra variante tipolóxica escasamente difundida e pouco desenvolvida, coñecida como hórrea, e que equivale aproximadamente ao que na área eo-naviega se chama cabazón. Suponse que se trata dunha evolución serodia do hórreo (século XX) desenvolvida para asumir rendas cuantiosas en especie ou ben, máis recentemente, o incremento da produción agrícola resultado da mecanización da agricultura e do emprego de abonos químicos.

A hórrea non se prodiga moito e é escasamente coñecida, se cadra polas súas enormes similitudes formais co hórreo. Difire do hórreo no seu maior tamaño e capacidade, dadas sobre todo polo aumento da coxía. Desta peculiaridade formal da hórrea deriva a necesidade de introducir variantes nos elementos de sustentación, que neste caso son ou ben tríos de pés no canto de parellas, ou ben cepas transversais, ou ben celeiros corridos, solución esta última a máis habitual. No interior, a hórrea ten o espazo partido en varias cámaras, distribuídas ao longo dun corredor central.[17]

Os hórreos en esquina

A característica máis salientable deste subtipo é a súa planta en L. Esta forma atípica adoita responder á estreitura do terreo máis que á conveniencia construtiva. De feito non é a solución idónea para a mellor ventilación das mazarocas. O encontro das dúas cámaras en perpendicular orixina solucións formais moi singulares na intersección das súas cubertas.

Os hórreos en esquina pouquean bastante, e todos os que se conservan son obras unitarias, o cal quere dicir que ningún é o resultado da agregación de dous hórreos de distinta orixe. En total no hai localizados máis de media ducia deles, a meirande parte na provincia de Pontevedra.[17]

Os hórreos combinados

Hórreo e pombal sobre celeiro, en Barreiros.

Xa quedou dito que adoito a cámara do hórreo descansa directamente sobre un celeiro a nivel do chan, conformando unha unidade de almacenamento dividida en estratos máis ou menos separados da terra e máis ou menos próximos ao ar. Esta solución esténdese por toda Galicia, pero é no norte lugués e no occidente asturiano onde atopamos unha variante que ven explorar a eficiencia desta compactación de usos auxiliares.

Así aparecen hórreos de uso combinado que acentúan a dimensión vertical para dar cabida a espazos de almacenaxe ao nivel da terra, de secado nun primeiro andar e de cría de pombas nun segundo andar elevado sobre o primeiro. En Asturias aparecen solucións análogas consistentes na hibridación dun hórreo tipo asturiano con dous tipo galego que se arriman a aquel polas súas caras máis longas, dando orixe a dúas cámaras de secado pechadas aos extremos do corredor.

As agrupacións de hórreos

Agrupación de hórreos na Merca.
Agrupación de hórreos en Carballeda de Avia.

Por mor da necesidade de proverse de millo con certa frecuencia, o hórreo emprázase a carón da eira ou da horta da casa. Pode ir tamén sobre os muros ou sobre o portalón de entrada. Cando nun lugar habitado estes modos de aproximarse á casa non son posibles, aparecen agrupacións nos espazos periféricos do núcleo de poboación. Esta solución aparece por toda a xeografía galega e no noroeste portugués, pero con especial frecuencia na Terra de Montes, na provincia de Ourense e en certas zonas costeiras da Coruña.

Polo xeral as agrupacións invaden terreos comunais que antano tiveron un uso produtivo, logo desprazado, aproximando o espazo de almacenaxe do gran ao da palla e ao lugar no que se malla. Son lugares abertos, ben ventilados e de acceso doado. Nas agrupacións conviven hórreos de diferente tipo e non semella haber unha pauta no referente á orientación nin os materiais.

Entre as máis sobranceiras están as agrupacións de Combarro, de 30 hórreos de madeira, pedra e mixtos; a de Filgueira, con 15 hórreos mixtos recentemente restaurados; dúas no concello de Dodro, unha con 20 hórreos mixtos e outra con 15 de pedra; a de Bornalle, con 22 hórreos de pedra; a da Merca, con 33 hórreos de madeira e dous mixtos, restaurados recentemente. Agrupacións semellantes preséntanse tamén en Portugal.

No lugar de Vivenzo atópase unha orixinal agrupación de dez hórreos de corres, que antano chegaron a ser quince. Teñen cámara troncocónica invertida sobre unha lousa asentada sobre pés de granito.

O hórreo na actualidade

O hórreo xa perdeu a súa utilidade no agro. O uso do millo para o ensilado, como alimento do gando deixou sen uso as construcións. Xa non se constrúen hórreos no agro pero os existentes non foron destruídos na maioría dos casos. As casas déronlle outro uso a estas edificacións. Agora os hórreos son empregados para gardar os alimentos da casa ou como trasteiros. Estos novos usos non xustifican a construción de máis hórreos pero si fan que o seu uso manteña os existentes. O hórreo tamén ten un valor de status social. As casas con hórreo amosan un elemento distintivo na comunidade. Os hórreos que actualmente se poidan construir teñen un fin máis estético que funcional. Son de medidas moito menores e de materiais con calidades e acabados non vistos noutros tempos. Así hai hórreos de pedra traballada e cuns custes que non xustifican unha construción labrega pero si para unha vistosa construción hornamental.

Situación legal do hórreo

Hórreo en ruínas en San Cristovo de Cea.
Moitos hórreos reciben novos usos.
O hórreo como icona pode caer no paródico.

Marco normativo

En 1973 apróbase o Decreto 449/1973, de 22 de febreiro, que colocaba baixo a protección estatal todos os hórreos e cabazos antigos existentes en Galicia e Asturias. Esta breve norma, de tan só cinco artigos, intentaba atallar as consecuencias do abandono do modo de vida rural e a perda de uso dos hórreos encomendando á administración local o seu inventario e coidado e impedindo o seu desmonte e traslado.[18]

En 1985 a Lei 13/85, de 25 de xullo, do Patrimonio Histórico, no seu artigo 47.1 define: "Son bienes inmuebles de carácter etnográfico (...) aquellas edificaciones e instalaciones cuyo modelo constitutivo sea expresión de conocimientos adquiridos, arraigados y transmitidos consuetudinariamente y cuya factura se acomode, en su conjunto o parcialmente, a una clase, tipo o forma arquitectónicos utilizados tradicionalmente por las comunidades o grupos humanos". Edificios tan singulares como os hórreos quedan englobados nesta definición, como queda practicamente todo o edificado ligado á vida campesiña. Esta ambición protectora de dita lei descansa en delegar a obriga da conservación, no artigo 36: "Los bienes integrantes del patrimonio histórico español deberán ser conservados, mantenidos y custodiados por sus propietarios o, en su caso, por los titulares de derechos reales o por los posesores de tales bienes".[19]

Un ano posterior é o Real Decreto 111/86, de 10 de xaneiro, do Patrimonio Histórico Español, que ven desenvolver parcialmente a antedita Lei 13/85. Non introduce maior novidade, sen achegar ferramentas de financiamento nin divulgación efectivas encamiñadas á conservación do patrimonio.[20] O mesmo camiño segue a súa modificación do ano 2002.[21] Os hórreos e cabazos de Asturias e Galicia con máis de cen anos de antigüidade están exentos do pagamento do Imposto sobre Bens Inmobles (artigo 62).

Haberá que agardar un longo tempo tras a aprobación do Estatuto de Autonomía para que a administración galega decida regular a xestión do patrimonio histórico e artístico do país. A Lei 8/1995 do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo segundo concédelle á administración galega "a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de interese de Galicia" e prevé de novo a creación dun Inventario Xeral de elementos de interese arqueolóxico, relixioso, arquitectónico e etnográfico, aínda sen comezar. Asemade define o patrimonio etnográfico como "os lugares e os bens mobles e inmobles así como as actividades e os coñecementos que constitúan formas relevantes ou expresión da cultura e modos de vida tradicionais e propios do pobo galego nos seus aspectos materiais e inmateriais". Esta amplitude definitoria engloba, de novo, a meirande parte do marco físico rural, sen achegar maior protección ao patrimonio cultural.

Inventario

Descoñécese o número de hórreos que hai en Galicia, pero calcúlase que supera longamente a decena de milleiros. En poucas décadas ten pasado de ser un equipamento indispensable en toda casa labrega a caer no desuso. Este cambio forzoso de status produtivo obriga agora a optar entre consideralo un elemento patrimonial ou avogar pola súa desaparición a curto prazo.

A diferencia doutras comunidades autónomas, Galicia non ten emprendido unha campaña de recollida de datos que culmine coa elaboración dun ficheiro que recolla todos os hórreos e a información relevante sobre cada un deles. É xusto dicir que ese tipo de ficheiro non existe sobre ningún elemento patrimonial nin está previsto elaboralo, a pesar de que está ordenado así na lexislación autonómica en materia de protección do patrimonio.

O hórreo na cultura popular galega

Antón Vilar Ponte narraba así o emprego que Castelao fixo do hórreo como símbolo de prosperidade:

O hórreo é o emblema da editorial Nós. Un gravado de perfil en negro que representa un hórreo con dous cativos. Unha rapaza que lé e un neno que, deitado á sombra, escoita. O gravado, deseñado por Castelao, corresponde a un cadro perdido deste, que se atopaba na editorial de Casal. O cadro tiña un pé: "fartura pr'o corpo e fartura pr'o espírito" que simbolizaban, o hórreo repleto (víase por entre as ripas o millo) e os nenos a ler.

E engadía logo: "Cando Castelao llo entregou a Casal comentoulle "fartura de corpo e de espíritu, ese ten que ser o noso país".[22]

Refraneiro

  • Abril chovedoiro enche o cabaceiro.
  • Abril frío e mollado, enche o celeiro e farta o gado.
  • Con millo no piorno e porco no salgadoiro, non hai medo ó inverno aínda que veña chovedoiro.
  • Gomo de marzo non vai ó cabazo.
  • Hórreo no alto e bodega embaixo.
  • Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro.

Cantigueiro

  • Meu sogro ten dous piornos
e miña sogra ten tres,
en ningún deles os ratos
topan un grau que roer.
  • Miña Virxe de Xurés
baixaivos ó areial
que lle leva o millo a seca
ás cabaceiras do val.

Galería de imaxes

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Lorenzo Fernández, X. A terra. Editorial Galaxia, 1982. ISBN 8471544075, 9788471544070.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 López Soler, J. Los hórreos gallegos. Sociedad Española de Antropología, Etnografía y Prehistoria. Actas y Memorias, tomo X, cadernos 1º e 2º. Madrid, 1931. Facsímile reproducido como anexo a Frankowski, E. Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Edición facsímile. Ediciones Istmo. Madrid, 1986. ISBN 8470901680.
  3. Bas López, B. Os nomes galegos dos hórreos e dos seus elementos. Verba, Anuario galego de filoloxía, nº 7, 1980. Universidade de Santiago de Compostela. ISSN 0210377X.
  4. Kaltschmidt, J.H. A school dictionary of the Latin language. William and Robert Chambers, 1850.
  5. Schmitz, L. Horreum. Artigo en Smith, W. A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. John Murray. Londres, 1875.
  6. 6,0 6,1 Rivas Quintas, E. Millo e hórreo. Legumia e cestos. Laiovento. Noia, 1996. ISBN 8487847811.
  7. Meilán, A. Manifestaciones culturales en "As Figueiras" y su contorno. En Estudios y trabayos del Seminariu de Llingua Asturiana, Volume 2. Universidade de Oviedo, 1979. ISBN 8474680247, 9788474680249.
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 8485728009.
  9. Frankowski, E. Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Edición facsímile. Ediciones Istmo. Madrid, 1986. ISBN 8470901680.
  10. Vaamonde Lores, C. Ferrol y Puentedeume. Escrituras referentes a propiedades adquiridas por el monasterio de Sobrado en dichos partidos en los S. XII, XIII y XIV. A Coruña, 1909. Apéndice VII. Citado en Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 8485728009.
  11. Rozados, A. Aproximación al estudio de la vivienda rural en la Galicia de los siglos XVII-XVIII. En Pedralbes: revista d'història moderna, volume 13, parte 2. Universidade de Barcelona, Departamento de Historia Moderna. Edicions Universitat Barcelona, 1993.
  12. Villares, Ramón. Foros, frades e fidalgos. Edicións Xerais de Galicia. Vigo, 1982. ISBN 8475070655
  13. 13,0 13,1 Bouhier, A. Galicia: Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, 2 vols. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia. Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria-Caixanova. 2001, 1.407 páxs. ISBN 8445327690
  14. Leal Bóveda, J. M. Las construcciones del ciclo del pan en la Mariña de Lugo. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  15. 15,0 15,1 15,2 Lorenzo Fernández, X. A casa. Galaxia. Vigo, 1995. ISBN 8471549565.
  16. Dias, J., Veiga de Oliveira, E., Galhano, F. Espigueiros portugueses. Apéndice de Frankowski, E. Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Edición facsímile. Ediciones Istmo. Madrid, 1986. ISBN 8470901680.
  17. 17,0 17,1 Caamaño Suárez, M. Agrupamentos e tipoloxías singulares no mundo dos hórreos galegos. Actas del II Congreso europeo del hórreo en la arquitectura rural. Foro Cultural del Noroeste. San Tirso de Abres, 2004. ISBN 9788488071493.
  18. Decreto 449/1973, do 22 de febreiro, polo que se colocan baixo a protección do Estado os hórreos e cabazos antigos existentes en Asturias e Galicia.
  19. Lei 13/85, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico.
  20. Real Decreto 111/86, do 10 de xaneiro, do Patrimonio Histórico Español.
  21. Real Decreto 162/2002, do 8 de febreiro, polo que se modifica o artigo 68 do Real Decreto 111/86, do 10 de xaneiro, do Patrimonio Histórico Español.
  22. Vazquez Souza, E. A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Ediciós do Castro. Sada, A Coruña, 2003. En Mato, A. (Coord.). Ánxel Casal, un editor para un país. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela, 2007. ISBN 8496530477, 9788496530478.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Melón Ruiz de Gordejuela, Amando (1961). "Tipología del horreo gallego" (Pdf). Estudios geográficos 22 (82): 105–110. ISSN 0014-1496.  Parámetro descoñecido |consultado= ignorado (suxírese |data-acceso=) (Axuda)
  • Balseiro García, Aurelia (2005). "Os cabozos. Convivencia de varias tipoloxías na parroquia de Suegos (O Vicedo-Lugo)" (Pdf). Boletín do Museo Provincial de Lugo (12): 183–201. ISSN 0212-8438.  Parámetro descoñecido |consultado= ignorado (suxírese |data-acceso=) (Axuda)
  • Carlé, W. (1948). "Los hórreos del noroeste de la península Ibérica". Madrid: Estudios Geográficos (31): 257–293.  (en castelán)
  • García Martínez, M. C. (1978). "Os hórreos". Boletín da Comisión de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (8). 
  • Lema Suárez, Xose María (1979). "Os hórreos do extremo occidental de Galicia". Gallaecia (5): 197–289. ISSN 0211-8653. 
  • López-Chaves Meléndez, Juan Manuel (1984). Guía del hórreo gallego. Vigo: Asociación Amigos de los Pazos. ISBN 84-398-2861-6.  (en castelán)
  • Martínez Rodríguez, Ignacio (1979). El hórreo gallego: estudio geográfico. A Coruña:Fundación Pedro Barrie de la Maza. ISBN 84-85728-00-9.  (en castelán)
  • Lema Suárez, Xosé María: (1985). Actas del 1º Congreso Europeo del hórreo. Santiago de Compostela: Ed. Compostela.  (en castelán)
  • López Soler, Juan (1931). Los Hórreos Gallegos. Madrid.  (en castelán)
  • Frankowski, Eugenio (1986). Hórreos y palafitos de la Península Ibérica. Madrid: Edición facsímile. Ediciones Istmo. ISBN 8470901680.  (en castelán)
  • Castro Higelmo, Mª Concepción e Martín Castañedo, Mª Isabel. Presente e Futuro dos Hórreos de Oleiros. Oleiros:Ed. Concello de Oleiros. 

Outros artigos

Ligazóns externas