Ovulación: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Miguelferig (conversa | contribucións)
m r2.7.3) (Bot: Engado: pt:Ovocitação
Liña 130: Liña 130:
[[no:Eggløsning]]
[[no:Eggløsning]]
[[pl:Owulacja]]
[[pl:Owulacja]]
[[pt:Ovocitação]]
[[ru:Овуляция]]
[[ru:Овуляция]]
[[sh:Ovulacija]]
[[sh:Ovulacija]]

Revisión como estaba o 24 de xaneiro de 2013 ás 07:01

Ovario con folículos en sucesivos estados de maduración.

A ovulación é a saída dun óvulo dun folículo ovárico durante o ciclo menstrual dunha muller ou durante o ciclo estral doutras femias de mamíferos. O óvulo pasa do ovario ás trompas de Fallopio, onde poderá ser fecundado. O período de tempo arredor do momento da ovulación chámase fase ovulatoria ou período periovulatorio.

Xeneralidades

O proceso da ovulación está contrrolado polo hipotálamo e pola adenohipófise ou pituitaria anterior por medio da secreción de hormonas, como a hormona luteinizante (LH) e a hormona estimulante dos folículos (FSH). Na fase preovulatoria do ciclo menstrual, o folículo ovárico sofre unha serie de transformacións chamadas expansión do cúmulo, que son estimuladas pola FSH. Despois, fórmase un orificio, chamado estigma no folículo ovárico, e o ovocito abandona o folículo através del, pasando ás trompas de Falopio. A ovulación é desencadeada por un pico na concentración de FSH e LH liberadas pola adenohipófise. Durante a fase lútea (postovulatoria), o ovocito viaxa ao longo das trompas de Falopio cara ao útero. Se é fertilizado polo esperma orixinando un cigoto, este poderá implantarse no útero días despois e orixinar un embrión.

Nos humanos a fase fértil está comprendida nuns poucos días arredor da ovulación. O tempo que vai desde o principio da última menstruación ata a ovulación é como media de 14,6 días [1], pero hai substanciais variacións entre mulleres e entre ciclos nunha mesma muller, cun intervalo de predición estatístico global do 95% entre 8,2 e 20,5 días[1]. A duración do ciclo por si soa non é un bo indicador do día da ovulación.

Fases do proceso ovulatorio

Diagrama que mostra os cambios hormonais que acontecen arredor do tempo da ovulación, e as variabilidades entre mulleres e entre ciclos que se poden presentar.[2]

Definida estritamente, a fase ovulatoria comprende o período de elevación hormonal do ciclo menstrual. O proceso require un máximo de 36 horas para completarse, e é separado arbitrariamente para a súa descrición en tres fases: preovulatoria, ovulatoria, e postovulatoria.

Requisitos previos

Artigo principal: Foliculoxénese.

Nun proceso que dura uns 375 días (13 ciclos menstruais) numerosos folículos primordiais durmentes do ovario crecen e progresivamente se transforman nun folículo preovulatorio. Os folículos preovulatorios tamén se chaman folículos de Graaf ou folículos terciarios maduros e conteñen un ovocito detido na profase da primeira división meiótica rodeado por unhas capas de células da granulosa chamadas coroa radiada. Nestes folículos outra capa de células granulosas murais rodea o folículo e por fóra hai unha lámina basal protectora e unha rede de capilares sanguíneos situados entre as tecas interna e externa, mentres que no interior do folículo hai unha cavidade chea de fluído chamada antro. A zona onde está o ovocito coa coroa radiada chámase cúmulo oóforo e sobresae no antro, quedando conectado coas células murais da granulosa por unha ponte ou istmo de células granulosas.

As células da granulosa están implicadas no envío bidireccional de mensaxes moleculares co ovocito, que facilitan a función folicular.

Pola acción da hormona luteinizante (LH), as células da teca dos folículos preovulatorios secretan androstenediona, que é aromatizada polas células da granulosa a estradiol, un tipo de estróxeno. A diferenza do que ocorre nas outras fases do ciclo menstrual, a liberación de estróxenos na fase folicular tardía ten un efecto estimulatorio sobre a secreción no hipotálamo de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH), que estimula a secreción na hipófise ou pituitaria de LH e FSH.

Este aumento das concentracións de LH e FSH marca o comezo da fase preovulatoria.

Fase preovulatoria

Para que a ovulación teña éxito, o ovocito ten que recibir o apoio das células da granulosa da coroa radiada e do cúmulo oóforo. As células granulosas do cúmulo pasan por un período de proliferación e mucificación chamado expansión do cúmulo. A mucificación é a secreción dun cóctel rico en ácido hialurónico, que dispersa as células que formarán unha matriz pegañenta arredor do ovocito. Esta rede de células permanecerá aí ata a ovulación e é necesaria para a fertilización.

O incremento no número das células do cúmulo vai acompañado dun incremento no volume do fluído antral, que fai que inche o folículo ata ter uns 20 mm de diámetro, polo que o folículo forma unha pronuinciada protuberancia que asoma da superficie do ovario, chamada ampola.

Fase ovulatoria

Por medio dunha cascada de sinais de transdución iniciada pola LH, o folículo secreta encimas proteolíticos que degradan o tecido folicular no lugar da ampola, formando o chamado estigma. O complexo cúmulo-ovocito sae do folículo roto a través do estigma e pasa á cavidade peritoneal, onde é recollido polas fimbrias das trompas de Falopio ou oviducto. Por tanto, o ovocito non sae só, senón acompañado das células da coroa radiada e cúmulo. Despois de entrar nas trompas, o complexo cúmulo-ovocito é pulado polos cilios, empezando a súa viaxe en dirección ao útero.

Neste momento, o ovocito completou a 1ª división meiótica, orixinando dúas células: unha grande ou ovocito secundario, e outra máis pequena, o primeiro corpúsculo polar, que non formará gametos. Inmediatamente comeza a 2ª división meiótica pero esta queda detida na metafase ata que se produza a fecundación (só nese momento se completa a meiose). O fuso acromático da segunda división meiótica apareceu no momento da ovulación. Se non hai fecundación, o ovocito dexenera nunhas 24 horas despois da ovulación.

A mucosa uterina (endometrio) chega ao seu máximo desenvolvemento e ten glándulas secretoras, pero que aínda non segregan.

Fase postovulatoria

O folículo, xa sen o ovocito, sofre un pregamento cara adentro e transfórmase no corpo lúteo, que produce proxesterona e estróxenos, que inducen ás glándulas endometriais a segregar. Cando cese esta produción de hormonas terá lugar a menstruación.

Sinais clínicos da ovulación

O comezo da ovulación pode detectarse por varios signos, xeralmente só apreciables pola propia muller que os experimenta, polo que se di que os humanos temos unha ovulación oculta, a diferenza doutros animais nos que hai signos externos distintivos que indican que unha femia é fértil.

A muller preto da ovulación experimenta cambios no cérvix uterino, no moco cervical, e na súa temperatura basal corporal. Ademais, moitas mulleres tamén teñen signos secundarios da fertilidade como dores abdominais e aumento do olfacto. [3]

Algúns estudos indican que moitas mulleres teñen un maior desexo sexual nos días anteriores á ovulación. [4]

Os síntomas relacionados co comezo da ovulación, o momento preciso da mesma e o comezo e final dos ciclos menstruais varían en intensidade con cada muller pero son do mesmo tipo, e son utilizados nos chamados métodos "naturais" de contracepción e planificación familiar.

O momento da ovulación foi fotografado e gravado.[5][6][7][8]

Ondas de desenvolvemento folicular

As investigacións dirixidas por Baerwald et al. suxiren que o ciclo menstrual podería non regular o crecemento folicular tan estritamente como se pensa. A maioría das mulleres durante un ciclo medio de 28 días experimentan dúas ou tres "ondas" de desenvolvemento folicular, das cales só a última é a ovulatoria. As outras ondas son anovulatorias, e caracterízanse pola atresia (dexeneración) dos folículos preovulatorios (ciclo anovulatorio maior) ou a non formación de folículos preovulatorios (ciclo anovulatorio menor).

O fenómeno é similar ás ondas foliculares que foron observados en vacas e cabalos. Nestes animais, desenvólvese un amplo conxunto de folículos terciarios iniciais durante a fase folicular do ciclo menstrual, o que suxire que o sistema endócrino non regula a foliculoxénese de xeito moi estrito.

O xene Lrh1 parece ser esencial para regular a ovulación. [9]

Indución e supresión da ovulación

Indución da ovulación

A indución da ovulación é unha prometedora técnica aplicada na reprodución asistida en pacientes con síndrome de ovario poliquístico e oligomenorrea. Utilízase tamén na fertilización in vitro para facer madurar os folículos antes da recollida do óvulo. Xeralmente, úsase a estimulación ovárica xunto coa indución da ovulación para estimular a formación de moitos ovocitos. [10] Algunhas fontes [10] inclúen a indución da ovulación na definición de estimulación ovárica.

Pode inxectarse unha pequena dose de gonadotropina coriónica humana (HCG) despois de completada a estimulación ovárica. A ovulación terá lugar entre 24–36 horas despois da inxección de HCG. [10]

Supresión da ovulación

Pode conseguirse a contracepción suprimindo a ovulación.

A maioría dos contraceptivos hormonais e dos impulsores da concepción actúan na fase ovulatoria do ciclo menstrual porque é o determinante máis importante da fertilidade. A terapia hormonal pode interferir positiva ou negativemente coa ovulación.

O estradiol e a proxesterona, administradas de diversas formas, como as pílulas anticonceptivas orais combinadas, simula os niveis hormonais do ciclo menstrual e crea unha retroalimentación negativa para a foliculoxénese e a ovulación.

Animais

Notas

  1. 1,0 1,1 Geirsson, R. T. (1991). "Ultrasound instead of last menstrual period as the basis of gestational age assignment". Ultrasound in Obstetrics and Gynecology 1 (3): 212. doi:10.1046/j.1469-0705.1991.01030212.x. PMID 12797075. [1]
  2. References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:Hormones estradiol, progesterone, LH and FSH during menstrual cycle.svg.
  3. Navarrete-Palacios, E; Hudson R, Reyes-Guerrero G et al. (2003). "Lower olfactory threshold during the ovulatory phase of the menstrual cycle.". Biological Psychology 63 (3): 269–279. PMID 12853171. doi:10.1016/S0301-0511(03)00076-0.  Parámetro descoñecido |month= ignorado (Axuda); A referencia usa o parámetro obsoleto |coauthors= (Axuda)
  4. Susan B. Bullivant, Sarah A. Sellergren, Kathleen Stern; et al. (2004). "Women's sexual experience during the menstrual cycle: identification of the sexual phase by noninvasive measurement of luteinizing hormone". Journal of Sex Research 41 (1): 82–93 (in online article, see pp.14–15, 18–22). PMID 15216427. doi:10.1080/00224490409552216.  Parámetro descoñecido |month= ignorado (Axuda)
  5. "article New Scientist, including photo (click on "Enlarge")". New Scientist. 2008-06-11. 
  6. "article in Dutch-language newspaper Het Nieuwsblad". Het Nieuwsblad. 2008-06-12. 
  7. "article in WebIndia.com". WebIndia.com. 2008-06-12. 
  8. "article in BBC News". BBC. 2008-06-12. 
  9. Ovulation control gene is discovered
  10. 10,0 10,1 10,2 IVF.com > Ovulation Induction Retrieved on Mars 7, 2010

Véxase tamén

Outros artigos

Outras lecturas

Ligazóns externas