Moda: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
→‎Notas: algo máis desde a wiki .ca
SassoBot (conversa | contribucións)
m r2.7.3) (Bot: Engado: mk:Мода
Liña 156: Liña 156:
[[lt:Mada]]
[[lt:Mada]]
[[lv:Mode]]
[[lv:Mode]]
[[mk:Мода]]
[[ml:ഫാഷൻ]]
[[ml:ഫാഷൻ]]
[[mr:फॅशन]]
[[mr:फॅशन]]

Revisión como estaba o 8 de xaneiro de 2013 ás 13:53

A top model Gisele Bündchen.

A moda é un termo aplicado na maioría das veces a unha corrente de expresión predominante, aínda que tamén se usa como modo de expresión que pode, ou non, ser seguido polos demais. Ligado ao termo vai a idea de que a moda cambia máis axiña cá cultura na súa totalidade.

A moda pódese definir como o uso pasaxeiro que regula o xeito de vestirse, de construír, de vivir, etc., segundo o gusto do momento[1] ou como o uso social que condiciona a indumentaria segundo unhas normas preestablecidas que varían de acordo coa época e a civilización.[2] Indica no seu significado máis amplo unha elección ou, máis ben dito, un mecanismo regulador de eleccións, realizadas en función duns criterios de gustos, diferentes en cada cultura.

A moda, ou as modas, e máis concretamente a moda nos vestidos, designa o xeito de vestirse, conforme ao gusto dunha época nunha zona determinada. É un fenómeno que implica ao colectivo a través da sociedade, a visión que ela reenvia, os códigos que impón e o gusto individual. O concepto de moda pasa a necesidade de vestir. O fenómeno da moda foi durante moito tempo un privilexio da aristocracia, da corte, e dos ricos que querían imitar as formas; posteriormente popularizouse e converteuse nun fenómeno de masas.

A moda, polo tanto, no que afecta ao corpo concerne non só á indumentaria senón tamén aos complementos, ao maquillaxe, ao perfume e ata ás modificacións do corpo. A moda está vinculada a varios factores, entre eles a produción en serie, a aparición de poboacións máis numerosas, ás cidades e da capacidade de difusión da prensa. A moda desenvólvese en asociación cun conxunto de fenómenos creativos, mediáticos, industriais e comerciais, polo cal é un elemento dunha certa complexidade característica da nosa sociedade. Pode ser vista como un reflexo social e cultural. De feito, co desenvolvemento das comunicacións e o transporte, case todas as creacións no ámbito de pezas de vestir están dispoñibles pola maioría da xente, sexa cal for o grupo social.

A difusión da moda vai ser lenta ata fins do século XVII, en diante foron as primeiras publicacións periódicas as que lle deron publicidade. Antes, o comercio, as cartas, os matrimonios, as viaxes e ata a espionaxe eran os sistemas principais de difusión da moda. A Ruta da seda tivo un gran papel pero so baixo o segredo da elaboración destes tipos de tecidos . No século XVI empezáronse a popularizar as bonecas de dimensións pequenas ataviadas segundo a moda do momento con todos os seus detalles segundo menciona unha carta do rei Francisco I de Francia dirixida a Isabella d'Este duquesa de Mantua.[3] En 1672 fundouse en Francia o xornal literario e de moda Le Mercure Galant seguido de outras publicacións similares en outros países europeos.

A moda pode ser observada desde un punto de vista estritamente artístico ou artesanal, pero tamén pode ser analizada como un instrumento do desenvolvemento económico.


Etimoloxía

A palabra moda deriva do latín modus, e que significa xeito, norma, regra, tempo, melodía, ritmo.

En francés, mode aparece na escrita apartir de 1482 e refírese aos cambios nos detalles da roupa reservada para a elite. A expresión a "nova moda", "estar á moda" é do 1549.[4]

En italiano , o termo moda aparece co seu significado actual no tratado La carrozza da nolo, ovvero del vestire alla moda, do clérigo Agostino Lampugnani, publicado en 1645.

En canto ao inglés fashion[5] deriva tamén do latín facto, que en francés dará façon. Xa en 1489 aparece por escrito como o xeito de vestir ou de vivir das clases altas. Vogue, style, look e outros son case sinónimos Mode tamén se utiliza en inglés.

Historia

Ata o século XV a historia da moda é a historia da vestimenta, dado que ata aquel momento os cambios na vestimenta eran moi lentos ou practicamente inexistentes, non se pode falar de moda no sentido actual.

As leis dos modais da época romana son un valioso documento para coñecer o xeito de vestir daquel tempo, estas leis limitaban o luxo no xeito de vestirse masculina e feminina.

Xa no 215 a.C. a Lex Oppia buscaba limitar a riqueza dos vestidos das mulleres, Xulio César e outros emperadores interviñeron contra os traxes de homes e mulleres fixando tamén o prezo.

As imposicións no xeito de vestir era xusto o contrario do concepto de moda propiamente devandito, por exemplo en moitos lugares obrigábase os xudeus a portar un distintivo no seus vestidos e en ningún caso había unha liberdade no xeito de vestirse que, en toda Europa occidental, estaba suxeita a numerosas regulamentacións.

Este tipo de leis antisantuarias e de obrigacións no vestido continuaron ata o século XVIII. En 1789, ás portas da Revolución francesa, os burgueses parisienses presentáronse á apertura dos estados xerais con vestido negro e gravata branca, vestido este que se lles impuxo para humillalos ante a aristocracia que estaba moi luxosamente ataviada. Aínda así este contraste no xeito de vestir provocou o efecto contrario posto que a Asemblea Nacional Constituínte aboliu as diferenzas de clase, en Francia, en canto ao vestiario.

A moda no Renacemento

Miguel de Cervantes lucindo unha gorgueira segundo a moda do seu tempo

Co Renacemento se redescubre a humanidade como centro do Universo, por primeira vez estudáronse as proporcións. Ata a primeira metade do século XVI homes e mulleres usaban vestidos que seguian as formas do corpo sen alteralas. Na segunda metade do século XVI iniciouse un proceso de maior rixidez no vestiario debido á influencia da moda de España e da intervención moral da Contrarreforma. Os vestidos volvéronse a pechar e a finais do século púxose de moda a gorgera que era un pescozo de tea amidonado e as saias femininas eran en forma de campá ríxida.

Século XVII

Cara a 1630 a moda masculina toma un aire case militar con jubon e botas altas de coiro, cunha espada á beira e bigote marcial.

O caso do rei Sol, Luís XIV, foi un auténtico paradigma, impuxo unhas modas e unha etiqueta que se copiou en toda Europa. En Versalles había unhas regras precisas de como debía vestir a nobreza. Unha novidade absoluta foi a introdución do habit a française (vestido como os franceses) que constaba de tres pezas: unha chaqueta de coiro, unha longa peza á cintura e uns pantalóns curtos ata o xeonllo. Outra novidade co mesmo éxito foi a perruca masculina con rizos, esta facía máis grande e estilizado a silueta de quen a levaba.

A finais do século XVII inventouse a gravata, nun principio de muselina, ornamentada con círculos, e que rodeaba o pescozo. Tamén os labores de punto pasaron de Venecia o mundo occidental.

Século XVIII

É neste século, cando a moda aparece como unha industria e queda totalmente igualada para toda a civilización occidental. É tamén no século XVIII, como consecuencia do triunfo da burguesía e do individualismo, que aparecen os primeiros nomes de creadores de moda e de estilistas.[2]

No século XVIII sera o triunfo do rococó donde a moda feminina da época caracterízase pola opulencia e a elegancia, con cores vivas, flores bordadas e labores de encaixe. Maliciosamente puxéronse de moda as falsas pecas no escote, na parte descuberta do peito, pero aínda con todo isto a figura da muller estaba ríxidamente enxaulada. As mulleres da clase alta só podían sentar nun diván e éralles difícil pasar pola porta xa que levaban baixo as saias unha armazón chamada cancán. O vestido máis utilizado ata o 1770 chamabase andrienne, tamén chamado roupa á francesa, que levaba un longo manto para o que se necesitaban metros de tea.

Logo de 1770 os vestidos foron máis redondeados e acurtáronse ata ensinar o nocello. Apareceron gabardinas abrochadas por detrás e abertas por diante, chamadas polonaise, e chaquetas curtas e estreitas. Finalmente o gusto neoclásico que se abría camiño achegou a simplicidade e as mulleres vestiron traxes camiseiros, con vestido longo, suave e fino. Para o home continuou o uso do habit a française, pero con cores claras e decoración bordada. Acompañabase tamén cun pequeno pescozo duro. Logo de 1770 comezaron, sobre todo na moda masculina, a insinuarse influencias inglesas que xa emprendera a Revolución industrial e tiña gran riqueza nas súas colonias.

Na Francia revolucionaria unha violenta reacción popular afectou tamén á moda aristocrática: empezaron a desaparecer prezados tecidos, cosméticos e outros. Abandonouse a seda pola muselina de algodón. Tamén para as " xoias" empezouse a usar o ferro. As mulleres levaban unha banda vermella ao redor do pescozo chamada gráficamente a guillotina. Foi tamén popularizado o corte do cabelo à la victime, que recordaba o que se impuña aos condenados á guillotina.

Josefina Bonaparte, esposa de Napoleón, cara o ano 1801.

A perruca usábana os dous sexos. A raíña de Francia María Antonieta facíase facer polo seu perruqueiro, Leonard, peiteados monumentais nas perrucas. Ata a Revolución Fracesa só se vían de brancas. Tamén os cosméticos difundíronse entre homes e mulleres: en xeral a figura masculina vaise ver máis afectada e menos marcial que no século XVII.

Século XIX

No século XIX, o inglés Charles Frederick Worth, durante o Segundo Imperio Francés, crea o modelo actual do modisto creador e, aproveitando os avances da revolución industrial, foi o primeiro que mirou de industrializar as súas creacións e de industrializar todos os complementos do vestir, que ata entón nadamáis que erán feitos en pequenas artesanías.[2]

Sobre todo é o xeito do vestir masculino a que sofre un cambio máis profundo e radical. Para substituír o que se considera a frivolidade do século anterior, imponse un look austero e rigoroso, corte simplificado, tecido de fechadura robusto e decoración reducida ao mínimo. Todo isto abre a influenza inglesa que propón unha elegancia máis práctica e civil, informal e deportiva .. Por iso a sinxeleza do vestido do gentleman (en inglés) (xentilhome) entrou en toda Europa, en particular o frac, e a levita ( frock coat) que permitía cabalgar de forma cómoda.

O dandi Brummel no 1805 segun Richard Dighton.

O dandi máis famoso foi Beau Brummell co seu lema: "Para ser elegante non é necesario facerse notar" que foi lei para os homes que querían seguir a moda. Para Brummell a gravata non debía ser amidonada e tiña que ter o nó adecuado ás diferentes ocasións, o corte de cabelo e as luvas tamén eran moi importantes para el.

Nas mulleres burguesas de principios de século a moda eran os vestidos lixeiros e case transparentes. O inconformismo consecuencia da Revolución francesa durara menos de 20 anos. O papel da muller durante boa parte do século XIX estaba reservado ao espazo privado e ao fogar, evitando mostrar sensualidade na forma de vestir. O vestido pechado á beira do pescozo tiña mangas longas e ombreiros caídos mentres as liñas do corpo insinuaban fraxilidade, dozura e suavidade. O busto era unha coraza de tea ríxida, as saias estaban provistas dunha armadura que ata podían provocar dor.

Este século foi tamén o século da prostitución e as queridas que tamén acabarían influíndo na moda. O novo ideal estético e literario era a de Femme fatale. Se a principios de século o vestido feminino mostraba o nocello pouco despois os vestidos fixéronse máis longos ata cubrilos. Neste século os movementos literarios e sociais sucesivos tiveron moita influencia na moda: o neoclasicismo coa imitación dos trazos estilísticos das estatuas gregas e romanas, o romanticismo con traxes cubertos de pequenos ornamentos, o eclecticismo da década de 1870 e o Modernismo (floral) a finais de século. Logo de 1890 adaptáronse sempre os traxes das mulleres por ciclos, pero, coa intención, aínda, de esconder todo o posible a pel do corpo.

O século XX

O século XX caracterizouse polo descubrimento de fibras artificiais e a difusión do prêt-à-porter (listo para levar), como feito sociolóxico de igualación. Ata ese momento as persoas só puideran comprar as pezas de vestir á medida e por previo encargo, con custos moi elevados. O feito de poder comprar os vestidos, como nas tendas hoxe en día, levou os modistos creadores a lanzar os seus propios complementos: perfumes, bixutería, luvas, medias, etc., para cubrir, deste xeito, eles todo o campo do consumo da moda.[2]

Os sistemas de comunicación tiveron unha gran evolución e con eles aumentou a difusión da moda: o cine (primeiro mudo, despois sonoro e máis tarde en cor), a televisión, as revistas en cor, a maior facilidade de desprazamentos, a publicidade, o incremento do nivel de vida e do comercio, a liberación da muller, todo axudou á difusión das propostas da moda.

A principios de século, na decada de 1920 (Os anos tolos) imponse na moda o estilo flapper (en francès Garçonne), que propon unha muller delgada, case sen peito e co cabelo cortado ao bob cut vestida con cores vivas, con xoias rechamantes e saias moito máis curtas das que se viron ata entón. O Ballets Russes de Sergei Diaghilev, que actuaba en París, tamén impuña a súa estética de influencias orientais. O pret-à-porter (listo para levar) aínda non existía pero entón déronse os primeiros pasos.

En 1914 estalou a Primeira Guerra Mundial. Mentres tanto París quíxose manter no seu papel de árbitro da elegancia e os grandes talleres de costura continuaron a súa actividade, a pesar da falta de materias primas. Quizais pola influencia da escaseza de tecido, as saias acurtáronse ata as pantorrillas mentres se afirmaban as liñas de inspiración militar mitigadas por unha saia de tule.

Inglaterra continuaba no seu papel de modelo da elegancia masculina. O home ainda asi seguía ligado ao estilo tradicional do século XIX: chaqueta, chaleco, pantalóns e camisa. A vestimenta para levar posta no inverno era variada e en ocasións máis cerimoniosa, aínda moi difundidas entón, levaba o "frac", o "tight" e o "smoking". As cores eran escuras, a camisa rigorosamente branca, co pescozo ríxido e almidonado. Para manter a blancura, sempre perfectamente puída, o pescozo e as bonecas estaban separados da propia camisa. Eduardo VII, príncipe de Gales e fillo de raiña Vitoria, foi un modelo de dandy: inventou novas pezas masculinas como os pantalóns co prego e a volta. Parece que o smoking foi idea súa, este obtense simplemente cortando a cola do frac.

Tras a Primeira Guerra Mundial o escenario europeo cambiou moi profundamente, vaise a producir o ascenso dunha nova clase social enriquecida pola guerra que vai ser a nova clientela das firmas da moda.E xurdiu a influencia dos Estados Unidos, o jazz e o charlestón na música e a star system nos espectáculos. Os actores de cine pasaron a ser modelos a imitar. Pero o fenómeno sociolóxico máis importante foi a emancipación das mulleres que se fixeron máis presentes na vida en xeral.

O novo modelo feminino era unha muller delgada, sen curvas nin peito, con cabelo o estilo masculino. As saias eran máis curtas. A finais da década de 1920 afirmouse o estilo bebé con saia nos xeonllos, zapatos con correa e chapeus á Cloche. A moda propuña un novo xeito de entender o vestido: práctico, sinxelo, de custo reducido e elegante. Predecesora desta moda foi Coco Chanel. Foi ela quen lanzou a súa chaqueta curta e recta característica, sen pescozo. Foi a primeira en propor a bixutería feita con vidros coloreados. Non deseñou pantalóns para as mulleres xa que aínda eran tabú no seu tempo.

Ficheiro:JoanCrawfordByYousufKarsh.jpg
A actriz Joan Crawford

Logo de 1930 o ideal feminino copia as estrelas do cine de Hollywood: os beizos de Joan Crawford, o pelo da loura platino Jean Harlow, os pantalóns de Marlene Dietrich. A muller ideal era longilínea e feminina, levaba tacóns altos e tinguíase o pelo. A italiana emigrada a Estados Unidos Elsa Schiaparelli era unha das deseñadoras de referencia inspirada no surrealismo e o cubismo, así como os cadros de Salvador Dalí e de Pablo Picasso.

New Look

Durante a Segunda Guerra Mundial houbo restricións nos abastecementos de todo tipo que afectaron á moda e durante aqueles anos as liñas propostas polos deseñadores pasaron a ser simples e pouco espectaculares. En Estados Unidos estendéronse os pantalóns vaqueiros. Ata algunhas mulleres pintábanse as medias nas pernas xa que faltaba o nilón.

Christian Dior foi o artífice da moda de posguerra lanzando, en 1947, o chamado New look. Dior fora anteriormente anticuario e tiña na cabeza unha muller señorial, refinada e romántica. No vestido propuña a cintura de avispa e as saias longas e anchas. Os traxes de Dior eran falsamente naturais e gustáballe o branco e o negro. O aspecto ultrafemenino da roupa acentuábase cos complementos: eran obrigatorios as luva s, os zapatos con tacón e os gorro s.

Anos cincuenta

Co final da Segunda Guerra Mundial o papel preponderante de Estados Unidos e a Unión Soviética afirmouse. Os estadounidenses influíron en Europa na moda, na fala, no baile, no canto etc. Os mozos europeos adoptaron unha moda máis deportiva e informal: os pantalóns vaqueiros, as camisetas, as chaquetas de pel e a brillantina para o pelo. Por primeira vez os mozos vestíanse de xeito diferente que os seus proxenitores. Os vaqueiros foran inventados no século XIX como indumentaria dos traballadores grazas á robustez do seu tecido, con dobre costura e burletes de metal. Os universitarios americanos adoptárono tras o éxito da película "The wild one (O salvaxe) (1954) co mozo Marlon Brando. Pero os fenómenos Elvis Presley e o rock and roll, vanse a afianzar definitivamente. En Europa tamén o mundo da moda pasou a ser de consumo masivo.

Vestido deseñado por Christian Dior

Ata a súa morte, en 1957, Christian Dior foi presentando as súas coleccións, algunhas das cales inspirábanse nas letras do alfabeto, como a liña H de 1954 , co busto alargado o igual que no retrato de Ana Bolena, muller de Henrique VIII. Sucesivamente presentou a liña E e a liña A. O ano da súa morte, en 1957, revolucionou a moda coa liña saco. Chanel reabriu á súa firma de modas e volveu propor a chaqueta sen pescozo e a faldillla simple e dereita. Chanel detestaba a Dior e consideraba os vestidos do seu competidor incómodos e pouco prácticos para unha vida activa. Lanzou o zapato sen tacón coa punta de cores diversas. Yves Saint Laurent foi o sucesor da firma Dior. Na súa primeira colección propuxo a liña trapecio, era fresca, xuvenil, e substancialmente unha continuación do saco de Dior.

Na moda para o tempo de lecer destaca o bikini. Os pantalóns marchaban cara ao éxito, cun lazo pasando baixo o pé. A malla, desde sempre considerada unha materia pobre e popular, comezou a ser parte das coleccións.

Anos sesenta

Na década de 1960 cambia radicalmente a moral e o estilo de vida no que se estaba aínda radicado. En 1964 estalaba a intervención norteamericana na guerra do Vietnam. Na Universidade de Berkeley estala a primeira manifestación de estudantes, e pouco despois o Maio de 1968 onde se manifestaban tamén contra o mundo elitista que precisamente eran os sustentadores da moda de alta costura. Os manifestantes do maio francés levaban: anoraks, bufandas, vaqueros, xerseis deformados e zapatillas de tenis.

A moda Beatle, arriba ao aeroporto JFKennedy en febreiro de 1964

En California un reducido grupo de intelectuais formaron a beat generation cunha nova filosofía de vida baseada na procura da liberdade pero tamén no consumo de drogas e alucinóxenos. En Inglaterra a música Beat, que representaban os Beatles e os Rolling Stones, coa capacidade de agregar millóns de adolescentes que copiaban a vestimenta dos seus ídolos musicais. Os Beatles levaban pantalóns estreitos e curtos, chaquetas curtas e uniformes do século XIX. Os Stones, máis informales, preferían camisa e pantalóns de satén, colares e brazaletes, e maquillábanse. Nos dous grupos era fundamental o pelo longo que estaban mal vistos nos homes desde facía un século, as cores rechamantes substituían o vestido gris da burguesía. Londres converteuse na meta dos mozos europeos, Barbara Hulanicki, abre na cidade a tenda Biba, que foi a primeira boutique de moda xuvenil. Os vestidos eran mais coloreados e comodos facendo nas mulleres que o novo modelo feminino xa non fosen as actrices do cine senón as modelos: Twiggy, Jean Shrimpton, Veruska. Tamén Brigitte Bardot gustaba polo seu bronceado sensual, a cola de cabalo e os longos cabelos rizados. En Inglaterra Mary Quant lanzou en 1964 a minisaia. Inventaron os pantys de cores. En Francia André Courrèges, foi o único en seguir a moda nova, adoptando as saias curtas, zapatos sen tacón e liñas xeométricas e facendo gran uso dos pantalóns femininos. Audaz e innovador, Courrèges lanzou en 1969 a Moda espacial.

Paco Rabanne lanzou os vestidos metálicos. En 1965 Yves Saint Laurent propuxo a colección Mondrian que se baseava na pintura de Pieter Mondrian; eran os anos do Pop art e do Op art, de Victor Vasarely. Andy Warhol presenta en 1962 un vestido estampado coas súas famosas latas de sopa Campbell.

Finalmente neste periodo xorden os traxes Unisex, coa famosa Sahariana ideada por Saint-Laurent, vestidos transparentes ao estilo Nude look,. En 1967 apareceu a maxisaia polo gran éxito da película Doutor Zivago. Tamén apareceu a solución intermedia a Midisaia.

Notas

  1. Dicionario da Real Academia Galega
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Moda Gran Enciclopedia Catalana
  3. Rosita Levi Pizetsky - Storia del costume in Italia, Istituto editoriale Italiano, 1966
  4. Nathalie Bailleux e Bruno Remaury. Éditions Gallimard, ed. Modes et vêtements. ISBN 2-07-053270-4. 
  5. Segundo o Barnhart dictionary of etymology] de 1988

Véxase tamén

Outros artigos