Reino de Galicia: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Xas (conversa | contribucións)
lig int
Xandrwijk (conversa | contribucións)
Liña 662: Liña 662:
== O Reino de Galiza e a historiografía tradicional==
== O Reino de Galiza e a historiografía tradicional==
{{AP|Reino de Galicia e a historiografía tradicional española}}
{{AP|Reino de Galicia e a historiografía tradicional española}}
[[Ficheiro:Reino de Galicia - kingdom of Galicia - Jalilkiah.jpg|thumb|right|300px|Detalle do mapa elaborado por [[Modesto Lafuente]] para a súa obra ''Historia General de España'', onde este autor traduciu o termo árabe ''Jalikiah'' (referido ao o reino de Galiza) polo nome ''reino de León''. Barcelona, ano 1850.]]
[[Ficheiro:Reccared I Conversión, by Muñoz Degrain, Senate Palace, Madrid.jpg|thumb|right|300px|A visión [[romanticismo|romanticista]] do [[reino visigodo]] foi un dos alicerces do [[nacionalismo español]] de finais do [[século XIX]]. ''Conversión de [[Recaredo]]''. Muñoz Degrain, [[1888]]. ''[[Senado de España|Palacio del Senado]]'', [[Madrid]].]]


Coa creación do Estado Liberal Español a comezos do [[século XIX]], comeza a se forxar na época de [[Isabel II de España|Isabel II]] un proceso político-ideolóxico dirixido a xustificar por medio dunha longuísima secuencia histórica a necesidade divina da creación política do [[España|Estado Español]]<ref name="lopezcarreira2005"></ref> e a establecer un arquetipo historiográfico español de rigorosa aplicación en todos os períodos históricos, pautas políticas desenvolvidas polo [[nacionalismo español]] e estudadas por autores contemporáneos tales como J.S. Pérez, Imman Fox<ref>Fox, 1997.</ref>, T. Elorriaga ou P. Cirujano<ref>Cirujano/Elorriaga/Pérez, 1985.</ref>.
Coa creación do Estado Liberal Español a comezos do [[século XIX]], comeza a se forxar na época de [[Isabel II de España|Isabel II]] un proceso político-ideolóxico dirixido a xustificar por medio dunha longuísima secuencia histórica a necesidade divina da creación política do [[España|Estado Español]]<ref name="lopezcarreira2005"></ref> e a establecer un arquetipo historiográfico español de rigorosa aplicación en todos os períodos históricos, pautas políticas desenvolvidas polo [[nacionalismo español]] e estudadas por autores contemporáneos tales como J.S. Pérez, Imman Fox<ref>Fox, 1997.</ref>, T. Elorriaga ou P. Cirujano<ref>Cirujano/Elorriaga/Pérez, 1985.</ref>.

Revisión como estaba o 9 de febreiro de 2012 ás 22:27

Este artigo trata sobre o territorio histórico coñecido como "Reino de Galiza" (século V - 1833), para máis información sobre o país actual véxase Galiza.

Modelo:País desaparecido

Cronoloxía do Reino de Galiza
409 Os suevos encabezados polo rei Hermerico pactan un foedus con Roma e establécense formalmente na provincia romana da Gallaecia, que pasa a ter rango de reino, con capital en Braga.
438 O rei Requila leva a cabo a expansión sueva pola Lusitania e Bética
448 Morre Requila en Emerita Augusta, o seu fillo Requiario herda o trono.
449 O rei suevo Requiario converte o reino ao catolicismo.
456 Ten lugar a batalla do Órbigo, onde unha coalición de romanos, visigodos e francos derrota aos suevos acabando coa vida do rei Requiario.
457 O herulo Aguiúlfo proclámase rei da Galiza.
457-463 Guerra civil entre os diversos reis suevos que pretenden o trono de Braga.
463 Remismundo logra impoñerse sobre os seus opositores e coróase rei da toda a Galiza.
550 Carriarico, rei de Galiza, converte o reino ao catolicismo.
561 Celébrase o Primeiro Concilio de Braga durante o reinado de Teodomiro
572 Celébrase o Segundo Concilio de Braga, auspiciado polo rei Miro.
583 Fracasa a alianza que o rei Miro mantiña con francos e bizantinos para intervir na guerra civil visigoda.
585 O rei visigodo Leovixildo depón ao rei suevo Andeca, facéndose deste xeito co reino. Os visigodos gobernarán Galiza ata o ano 711.
587 Celebrase o III Concilio de Toledo, ao que asisten bispos de Galiza, España e Septimania.
698-702 O príncipe visigodo Vitiza goberna Galiza con atribución reais, dende a súa corte en Tui.
711 Desembarca en Tarifa un continxente militar musulmán en apoio dos fillos de Vitiza. Derrota e morte do rei visigodo Rodrigo.
714 e 719 España e Septimania son respectivamente tomadas polos exércitos musulmáns. Fin da monarquía visigoda.
711-791 A ausencia da autoridade real, ocasiona que os nobres galaicos comecen a disputarse o control sobre Galiza. Período de conformación dun novo reino cristián na Galiza.
791 Afonso II fixa a capital do reino Galiza na cidade asturiana de Oviedo.
794 Bispos galegos acoden ao sínodo relixioso celebrado en Frankfurt.
818 - 847 Descubrimento dos restos atribuídos ao apóstolo Santiago o Maior.
842 Ramiro I derrota a Nepociano que usurpara o trono de Oviedo.
910 Afonso III é destronado polo seu fillo García que se coroa rei, e instala definitivamente na cidade de León a corte de Galiza.
997 O xeneral musulmán Almanzor saquea a cidade de Compostela.
1027 Morre o rei Afonso V dun frechazo durante o asedio a Viseu.
1037 Morte de Vermudo III de Galiza na batalla de Tamarón, contra casteláns e navarros.
1065 García de Galiza herda o territorio do reino de Galicia (xunto co condado de Portugal e a protección e parias de Badaxoz e Sevilla), volvéndose este independente.
1071 García de Galiza vese obrigado a se exiliar debido á entrada en Galiza do seu irmán Afonso VI, coaligado co outro irmán, Sancho II.
1111 Coroación de Afonso Raimúndez como rei de Galiza na Catedral de Santiago de Compostela.
1128 Afonso Henriques independiza o condado de Portugal do reino de Galiza.
1230 Fernando III de Castela usurpa ás súas irmás os reinos de Galiza e León.
1296-1301 O rei Xoán I restaura a independencia galego-leonesa e titúlase rei de Galiza, León e Sevilla.
1369 A vilas galegas proclaman como o seu rei a Fernando I de Portugal, este logra reinar apenas uns meses ata que Henrique de Trastámara ataca Portugal.
1386-1388 Alianza entre nobres galegos e Inglaterra. John of Gaunt, duque de Lancaster, é coroado rei en Galiza.
1467-1469 Estala o conflito civil da Gran Guerra Irmandiña.
1483 Execución de Pero Pardo de Cela diante da Catedral de Mondoñedo por orde do Gobernador dos Reis Católicos en Galiza.
1486 Os Reis Católicos viaxan ao reino para constatar o sometemento de todos os nobres galegos.
1518 Mobilización das cidades e vilas galegas para recupera-lo seu voto lexítimo en Cortes.
1528 Formase a Xunta do Reino de Galicia.
1623 O reino recupera o voto das cortes reais tras pagar 100 000 ducados.
1808 Formación da Xunta Suprema do Reino de Galiza coa fin de defender o reino ante os exércitos napoleónicos. Recuperación de atribucións de autogoberno extraordinarias.
1833 A rexente María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias asina o decreto da disolución da Xunta do Reino de Galicia.

O Reino de Galicia ou de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou todo o noroeste da Península ibérica, converténdose nun dos territorios máis importantes da Europa occidental. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.

Consolidada Compostela como capital do reino desde o século XI, a separación de Portugal (1128) e a individualización dos reinos de Castela e León tras o ano 1065, delimitaron o seu territorio practicamente ó actual. Mantivo unha soberanía política plena —compartindo rei co reino de León— ata o ano 1230 cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da Coroa de Castela.

Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou John de Gante (1386) permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os Reis Católicos someteron o reino polas armas. Desde entón o reino estivo subxugado á Coroa de Castela (1486-1715) e posteriormente á Coroa de España (1715-1833), adquirindo a súa Xunta Suprema (1808-1812) amplísima liberdade ó ser o único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, pouco antes de ser disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.

Territorio e concepto

No século V a Gallaecia pasou de ser unha provincia romana a albergar un reino en mans dos suevos. O seu territorio foi descrito por destacados autores coetáneos á fin da dominación romana, grazas a eles sábese que as súas proporcións eran moito maiores cás da actual Galiza, cuns límites que permaneceron practicamente intactos ata o século XII, momento no cal Portugal deixou de pertencer a Galiza e as terras de León cobraban personalidade propia, configurándose como reino diferente, aínda que unido a Galiza por unha monarquía compartida por ambas.

Escudo do reino de Galiza ilustrado no L´armorial Le Blancq. Bibliothèque nationale de France. 1560.

O territorio de Galiza nesta época (séculos século IV-V) aparece daquela relatada por numerosos autores da época. Así, o historiador e teólogo galaico-romano Paulo Orosio, a comezos do século V na súa obra Historiarum, explicou que Cantabri et Astures Gallaecie provinciae portio sunt[1], é dicir, cántabros e ástures forman parte da provincia de Galiza, idea que o cronista bracarense Hidacio reflectiu de igual xeito no seu Cronicon a mediados do século V, onde denominaba Campus Gallaeciae (Campos de Galiza) á gran chaira coñecida hoxe como Terra de Campos, na actual Castela e León. Posteriores autores como Santo Isidoro, no século VII continuaron a facer fincapé na extensión de Galiza, xa baixo o dominio visigodo, así na súa obra Etymologiae matizaba que "Asturia e Cantabria, son rexións sitas en Galiza", regiones partes sunt provinciarum (...) sicut in Gallicia; Cantabria, Asturia[2].

Estes autores puxeron de relevo a polisemia do concepto, por unha banda; unha Galiza ampla que incluía o territorio comprendido entre Fisterra ata a actual Rioxa[3], onde se atopaban galaicos, ástures e cántabros entre outros pobos, por outra, a existencia dun territorio que, non sendo nin ástur nin cántabro, era a propia Galiza. Tal concepción interna mantívose séculos despois, sendo apreciable na documentación medieval que lle daría o nome a todo o noroeste peninsular ata o século XII[4].

Coa chegada dos suevos dende Centroeuropa entre os anos 409-411[5][6][7], Galiza deixou de ser unha provincia romana (Gallaecia): no ano 411, un foedus co emperador Honorio asignou ós suevos a provincia da Gallaecia, nas súas rexións máis occidentais[8], porén outros autores[9] negan tal posibilidade[10] Esta cesión deu lugar finalmente á creación dun reino coa corte fixada en Braga, un reino que os suevos tentaron axiña acrecentar polo sur a expensas do Imperio Romano, incorporando ó seu dominio e de xeito permanente boa parte da provincia romana de Lusitania, chegando a facerse temporalmente coa capital, Emerita Augusta (Mérida)[9], no ano 439, e mesmo tomando Hispalis (Sevilla) (441), cidades que finalmente foron abandonadas trala reacción visigoda, culminada coa batalla do río Órbigo.

Trala batalla de Vogladum no ano 507, os visigodos foron expulsados da Galia (agás da Septimania) polos exércitos francos que lideraban o rei Clodoveo I. Despois do século VI, o nome da España (Hispania) deixou de designar unicamente á Península Ibérica, pasando tamén a designar o territorio gobernado polos visigodos. Pola súa banda, Galiza (Gallaecia) —gobernada por un monarquía sueva— asumiu do mesmo xeito esta nova diferenciación política —posteriormente tamén xeográfica— individualizándose da España (Hispania)[4]. A fin das monarquías sueva e visigoda non cambiaron xa esta nova concepción da Península Ibérica, que quedaba repartida así en dúas entidades xeográficas, Hispania e Gallaecia, manténdose do mesmo xeito durante máis de cinco séculos, diferéncianse unha da outra con fórmulas tales como Galletiam et Ispaniam[11], Hispaniae et Galliciae[12], Hispaniis et Gallicis regionibus[13], presentes ó longo de toda a Idade Media[14].

A comezos do século XII, a ampla Galiza comezou a fragmentarse, decisivamente no ano 1128 coa independencia de Portugal, e que acabará por excluír a León (con Asturias e Estremadura) e a Castela da antiga demarcación galega, tornándose en reinos propios nun lento proceso de particularización. A finais do século XII, Galiza, León, Castela e Portugal xa eran reinos diferentes con personalidade propia, aínda que ás veces con monarcas compartidos.

Historia

Antigüidade tardía (séculos V ó VIII)

A monarquía sueva (409-585)

Artigo principal: Reino Suevo.
Teodomiro (ou Ariamiro), rei de Galiza cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixilano.

A orixe do reino atópase no século V d.C., cando os suevos asentan definitivamente na antiga provincia romana chamada Gallaecia. Estes, encabezados polo seu rei Hermerico, fixarían a súa corte na antiga Bracara Augusta, creando así o que se chamaría regnum suevorum, "regnum galliciense" ou Reino Suevo, comezando o seu reinado no 409. No 449 o primeiro rei suevo nado en Galiza, Requiario (fillo de Requila, neto de Hermerico), decide converter o reino en católico, ó igual que a maioría da súa poboación, aínda que do 465 ó 550 se volvería ó arrianismo.

Un século máis tarde as diferenzas entre os nativos galaicos e os suevos comezarían a desaparecer. Este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ó reino nese momento como Galliciense Regnum[15] (Reino Galego), e ós reis indistintamente como Regem Galliciae[16] (reino de Galiza), Rege Suevorum (rei dos suevos) ou Galleciae totius provinciae rex[17] (rei de toda a provincia de Galiza), mesmo os bispos como Martiño de Dumio serán recoñecidos como episcopi Gallaecia[18] (bispos de Galiza). Todo isto propicia que no século VI poidamos xa falar da existencia do Reino de Galiza.

A monarquía visigoda (585-711)

Artigo principal: Galicia na monarquía visigoda.

No ano 585, Leovixildo, rei visigodo de Hispania e Septimania, conseguiu rematar coa independencia política que os reis suevos mantiveran en Galiza dende o ano 409, derrotando ó derradeiro rei suevo, Andeca. Deste xeito, o territorio da chamada entón Gallaecia pasou a formar parte da órbita de poder de Toledo, dende onde os monarcas visigodos exercían o seu poder tras seren expulsados da Galia polos francos.

Mapa político do Suroeste europeo arredor do ano 600 d.C. onde se reflicten tres diferentes territorios baixo goberno visigodo; Hispania, Gallaecia e Septimania.

No reino, a organización territorial herdada de séculos anteriores non mudou, e mesmo as elites culturais, relixiosas así como aristocráticas aceptaron ós novos monarcas, que se ben tiñan a súa corte en Toledo, asumían o control político de tres antigos reinos; Hispania, Septimania e Gallaecia, de xeito que nos concilios relixiosos como o realizado en Toledo no ano 589 estaban presentes episcoporum totius Hispaniae, Galliae et Gallaetiae[19], é dicir, "bispos de toda España, Galia e Galiza". Esta concepción tripartita atópase ó longo do goberno visigodo dende o ano 585, diferenciando mediante diversas fórmulas as tres entidades visigodas nos documentos como fines Spanie, Gallie, Gallecie[20] ou Spaniae et Galliae vel Gallitiae[21] entre outras. Destaca neste contexto a figura de San Froitoso, bispo galaico de ascendencia visigoda[22][23], famoso polas numerosas fundacións levadas a cabo por todo o occidente peninsular, case sempre en lugares agochados nas montañas e mesmo illas, das que sobresaía a súa austeridade[24].

A crise final visigoda remontábase ó reinado de Éxica. Este monarca declarou herdeiro ó seu fillo Witiza e xa en vida asociouno ó trono, no ano 698[25] pese a que a lei visigoda obrigaba á elección dun novo rei e non á transmisión hereditaria[26]. Dita asociación consistiu en entregarlle o goberno da Gallaecia, exercendo como rei con capital en Tui. Witiza vai ser rei da Gallaecia cando menos ata a morte do seu pai, o que supón unha situación novidosa nesta etapa final e conflitiva da monarquía visigoda, evidenciando a actividade política que Galiza conservaba cen anos despois da fin da monarquía sueva. No ano 702, coa morte de Éxica, Witiza asume tamén o goberno de Hispania, trasladándoo a Toledo, onde gobernaría ata o ano 710. Trala súa morte, un sector aristocrático visigodo impediu a subida ó trono do seu fillo Axila, impoñendo pola forza a Rodrigo, o que supuxo un irresoluble conflito civil entre os seus partidarios e os dos fillos de Witiza. Será no ano 711 cando os inimigos de Rodrigo logren que un exército musulmán cruce o estreito de Xibraltar e presente batalla a Rodrigo en Guadalete, onde este é derrotado, fito que marca a fin do goberno visigodo en Hispania, e que terá unha transcendencia histórica total para as dúas restantes entidades políticas: Gallaecia e Septimania.

"Finalmente, cando a ocasión foi propicia, o pai, Leovixildo, asasinou ó seu fillo maior. Logo da morte de Miro, rei de Galiza, o seu fillo Eurico e o seu xenro, chamado Audeca, do reino co que estaba a loitar, Leovixildo subxugou ós suevos e a todos os de Galiza baixo a potestade dos godos".
Fredegario Chronicon, cit., III. p. 116. Ano 658-660.
Triente bracarense de ouro, acuñado na Gallaecia a finais do século VII, durante o goberno do visigodo Witiza.

No ano 715 Abd al-Aziz ibn Musa toma por esposa á viúva de Rodrigo, chamada Exilona titulada reginam Spanie[27], confirmando a continuidade dinástica, transferida así lexitimamente ó gobernador musulmán[28]. Con este feito os gobernantes musulmáns consideráronse politicamente continuadores do anterior estado e asumiron os atributos detidos antes polos reis visigodos de Toledo. Deste xeito, islamizada e gobernada agora Spania dende Córdoba, alén das súas fronteiras, os emires cordobeses serían coñecidos co título de rex Spanie[29]. A partir dese intre comeza unha nova concepción xeográfica, pois Spania ("España") vai ser o nome co que se designe ó territorio islamizado e rexido por señores musulmáns[30], e Gallecia ("Galiza") ó territorio rexido por señores cristiáns[31]. Así o historiador Al-Maqqari deixa claro a extensión do dominio dos señores musulmáns ó referirse a conquista militar de comezos do século VIII:[32]

Non quedou lugar sen dominar en Al-Andalus se exceptuamos o país de Galiza.

Alta Idade Media (séculos VIII ó XI)

A formación da nova monarquía galaica (711-739)

Crónica Albeldense ou Codex Conciliorum Albeldensis seu Vigilanus é un manuscrito medieval, ademais dunha crónica histórica que vai dende época visigoda ata o ano 883.

Trala caída das provincias de Hispania no ano 714, e da Septimania no 719, baixo dominio musulmán, a Gallaecia foi a única entidade xeográfica na Península Ibérica que apenas coñeza a pegada islámica (especialmente no norte), tal e como relataba o humanista alemán Georgius Agricola no ano 1538; Eodem anno Saraceni resarturi perpessa malae, cum ingenti exercitu in Hispaniam irruunt omnem terram excepta Gallicia depopulantes ("Neste ano (720) os Sarracenos resarcíronse dos males sufridos, irrompendo en Hispania cun exército inxente e despoboando todas as terras agás a Gallaecia")[33], mantendo intactas e en plena evolución histórica as súas estruturas socioeconómicas herdadas do pasado galaico-romano e suevo[34]. Así atopámonos cun territorio dende o mar Cantábrico ata o río Douro, que xa non se atopa ligado ó goberno visigodo desde Toledo, nin tampouco ó seu herdeiro político o Emirato Omeia de Córdoba, en última instancia supeditado ó Califato de Damasco. A decadencia e a final desaparición do reino visigodo supuxo un baleiro de poder central, é dicir, a volta á independencia política dos pobos do noroeste respecto a Toledo, propiciando que os nobres locais da Gallaecia; galegos, ástures e vascóns do momento, emerxesen con forza dende os seus pequenos señoríos co obxectivo de acrecentalos, ben pola vía da diplomacia mediante pactos e matrimonios, ben pola vía das armas procurando impoñerse militarmente sobre os demais.

En contraste, e a pesar da aparente convulsión política de comezos do século VIII, a rede eclesiástica galega non sufriu alteracións demasiado profundas, e así, mentres Asturias continuou carecendo de sé episcopal ata finais do século IX, Galiza mantivo unha total continuidade relixiosa dende época galaico-romana cando menos en tres dioceses: Lugo, Britonia-Mondoñedo e Iria, onde os seus bispos residiron ininterrompidamente nas súas respectivas sés, e nominalmente noutras cinco máis: Braga, Ourense, Tui, Lamego e Dumio. De certo, ante a inseguridade político-relixiosa, os bispos destas dioceses residiron noutras sés, de feito en Lugo acolléronse temporalmente ós bispos de Braga e Ourense, na diocese de Iria ós de Tui e Lamego, e en Britonia-Mondoñedo ó de Dumio.

Con todo, o estudo das institucións políticas así como dos seus reis durante este contexto histórico, resulta especialmente complicado debido á carencia dunha documentación propia da época (séculos VIII e IX). A primeira mención a un personaxe que ostentou o cargo de señor/rei despois da derrota visigoda (ano 711), atópase nun documento do ano 812, denominado Testamentum Regis Adefonsi (testamento do rei Afonso) onde se describe a un nobre de nome Paio (Pelagius), que tería loitado na rexión de Asturias nunha revolta contra o poder musulmán en Covadonga posiblemente señor do territorio onde se sitúa Cangas de Onís onde tería vivido arredor do ano 710, sendo o ciclo cronístico de Afonso III o que o describa con maior detalle pese a ser esta crónica redactada máis de 150 anos despois destes supostos feitos.

Igrexa de Santa Comba de Bande, construída a finais do século VII, mantívose cando menos en activo ata comezos do século VIII, e restaurada no ano 872 por Odoario.

Chama a atención que nas crónicas como a bizantina-arábiga ou a Crónica Mozárabe, redactadas nos anos 741 e 754 respectivamente, non se mencione nin a figura de Paio nin a súa revolta en Covadonga[34], o que segundo autores actuais pon en dúbida seriamente a relevancia ou a propia existencia do mesmo Paio e do mito de Covadonga. No veciño Al-Andalus así coma no mundo arábigo atopamos referencias a estes acontecementos, talvez baseado na idea de que Paio fora fillo do duque Fáfila na corte galega de Witiza en Tui, a compilación de textos chamados Ajbar Machmúa relata o seguinte:[35]

Os galegos, aproveitando a contenda civil entre os musulmáns de mediados do século VIII, subleváronse contra o islam e apoderáronse de todo o distrito de Asturias.

Pola súa banda, tamén Al-Maqqari fai mención a isto: Di Isa ben Ahmad Al-Razi que en tempos de Anbasa ben Suhaim Al-Qalbi, ergueuse en terras de Galiza un asno salvaxe chamado Belai[36], se ben é certo que estas, do mesmo xeito que as crónicas cristiás, foron escritas máis de século e medio despois destes supostos acontecementos.

As referencias máis descritivas deste nobre chamado Pelagius chegan a finais do século IX, onde son numerosas as orixes que se lle adxudican dende as tardías crónicas cristiás. Para a Crónica Albeldense, Paio era neto de Rodrigo, derradeiro rei visigodo de Toledo, para a Crónica Rotense foi escollido en concilium polos propios ástures[37] como obrigaba a lei electiva visigoda, e para outras fontes foi descendente dos propios Leovixildo e Recaredo ou mesmo fillo do duque visigodo Fáfila que tería servido ó rei Witiza na súa corte galega, en Tui. En calquera caso o único que se pode afirmar é que a figura de Paio, convertida en mito, posiblemente se baseara nun dos moitos señores cristiáns da Gallaecia nese momento, tendo unha relevante importancia no denominado Regnum Asturorum ou a rexión dos ástures (as terras entre as actuais Asturias e Cantabria) a comezos do século VIII, desde a súa modesta corte en Cangas de Onís, algo que non entra en desacordo co relato do musulmán Al-Maqqari que o describe como: "un infiel chamado Belai, natural de Asturias en Galiza"[38]. Este sería sucedido polo seu fillo chamado Fáfila, pero por curto espazo de tempo.

Orixe e consolidación do reino cristián (739-791)

Mappamundi da obra Etimoloxías, realizado no ano 946, amosa a división política existente na Península Ibérica entre Galiza e España (parte inferior).
Razzias musulmás en territorio galaico
Antes da chegada de Almanzor as incursións de tropas musulmás en territorio galaico foron moi esporádicas. A presenza musulmá foi pouco significativa, feito que queda atestiguado co silencio que garda a Crónica de 754 (relato contemporáneo) respecto a Galiza.
O historiador Al-Maqqari, nunha recompilación do século XVII, nomea Lugo dúas veces: como enclave conquerido por Musa ibn Nusayr (714) e como cidade dende a que ibn Nusayr é reclamado por segunda vez polo califa Al-Walid I, e comeza o seu regreso a Damasco. Este último feito fora recollido na crónica elaborada en Bagdad cara o 1231 por Ibn al-Atir.

Despois do abandono dos bérberes das posicións galaicas (ata onde chegaran, segundo o Ajbar Maymu'a, como consecuencia dunha rebelión en territorio de Al-Ándalus), os musulmáns non visitan Galiza ata o reinado de Froila I. Segundo a Crónica de Afonso III (nas dúas versións), o rei enfrontouse e venceu os musulmáns no lugar de Pontubio.

  • No ano 791 as tropas de Yusuf ben Bujt internáronse en Galiza e, despois de devastar o territorio, saíron camiño de Astorga, no Bierzo atoparon e derrotaron as tropas de Vermudo I.
  • No 795 dous exércitos de Hisam dirixíronse a Asturias e Galiza respectivamente, resultando este último derrotado.
  • No 808 unha nova razzia musulmá, dirixida por Hiam, o fillo do emir, alcanza o territorio galaico.
  • No 825 dous exércitos mandados respectivamente polos irmáns Malik e Al-Abbas foron derrotados en Narón, Portomarín e Anceu, Ponte Caldelas.
  • No 838 Al-Walid ibn Al-Hakam saquea territorio galego.
  • En xuño de 840 o propio emir Abd ar-Rahman II alcanza terras galegas, e no ano seguinte o seu fillo Mutarrif volve a estas terras. É a última vez antes de Almanzor que as tropas de Al-Ándalus fan unha razzia en territorio galaico.[39]

Coa morte de Fáfila, as crónicas do rei Afonso III relatan a entrada dun señor territorial cántabro chamado Afonso, que tería casado coa irmá de Fáfila ampliando con isto os seus dominios. Así o pequeno reino/señorío iniciado por Paio puido ter medrado pola vía matrimonial perdendo a súa condición estritamente ástur, para ser unha entidade onde o carácter cristián, e sobre todo o mesmo marco xeográfico, deberon ser posiblemente os puntos de unión entre estes señores cantabro-ástures que terían acrecentando e unificando con outros territorios o seu propio dominio. Pasamos así dun pequeno reino/señorío no oriente asturiano, a un territorio maior que será co tempo autoproclamado como Regnum Christianorum, ou "reino dos Cristiáns", pois foi o factor relixioso, libre de vasalaxe directa a Córdoba, un importante pretexto para a integración dos distintos pobos de toda a Gallaecia.

As crónicas explican esta expansión territorial por medio de "repoboacións", suxerindo que Afonso I de Asturias repoboou con xentes "Asturias, Primorias, Liébana, Trasmiera, Sopuerta, Carranza, Bardulia e a parte marítima de Galiza". Non obstante, a análise arqueolóxica e documental ten demostrado en datas recentes que todo o norte e noroeste peninsular foi habitado sempre polas mesmas xentes, logo, debemos entender tal afirmación non como un repoboamento de xentes sobre unha terra deshabitada, senón como un ordenamento baixo un poder señorial, é dicir baixo a esfera de influencia de Afonso I sobre uns territorios que vivían á marxe dunha autoridade estatal superior.

No ano 757 Afonso I foi presumiblemente sucedido polo seu fillo Froila, despois de que este asasinara o seu irmán Vimarano nas disputas por herdar o trono paterno[40]. Froila I acrecentou os dominios dos seus antecesores alén do cordal Cantábrico, tendo que facer fronte a numerosas revoltas, pois non todos os nobres de Galiza aceptaron de bo agrado a súa autoridade, como amosa a redacción rotense da Crónica de Afonso III, onde di:[37]

Ós pobos de Galiza, que contra el se rebelaron, venceunos e someteu toda a provincia a forte devastación.

Despois de once anos de goberno, Froila foi asasinado por un sector da nobreza que se lle opoñía. Porén, non foi o seu fillo Afonso, o que máis tarde sería coñecido como Afonso II, quen lle sucedeu, pois un nobre de nome Aurelio accedeu ó trono apoiado por un sector aristocrático afín política ou territorialmente a el, desprazando a Afonso II do goberno[34]. A orixe de Aurelio, quen tería gobernado entre os anos 768 e 774, é incerta como a maioría destes "princeps" ou señores con atribucións reais, un enigma histórico. As dúas redaccións da Crónica de Afonso III veñen coincidir practicamente no mesmo: tivo que facer fronte a unha rebelión campesiña. Concretamente a Crónica Rotense explica: "No seu tempo os homes de condición servil erguéronse en rebelión contra os seus señores, mais, vencidos pola dilixencia do rei, foron reducidos á antiga servidume", poboación campesiña local que foi entrando en dependencia nos dominios agrarios da nobreza e da Igrexa, e oposta polo tanto ó proceso de restauración da autoridade dos monarcas, entendida esta nun sentido político-institucional.

Miniatura medieval de Alcuíno de York, lider intelectual da corte de Carlomagno, participou cos bispos galegos no sínodo de Fráncfort contra o adopcionismo.

Morto Aurelio, un novo nobre de nome Silo (774-783), toma por esposa a Adosinda[37]. O feito de que o lexítimo herdeiro Afonso, continuara a non poder acceder ó trono, fai pensar a numerosos autores que Silo contou coa axuda da mesma facción nobiliaria que apoiou a suba de Aurelio[34]. Del consta que era un "alleo á terra"[34], e polo feito de instalar en Pravia a súa corte, é dicir, levala dende o oriente asturiano ata o occidente, e de posuír terras no oriente galego[41], parece que a súa orixe se situou nas terras occidentais de Asturias e orientais de Galiza. O Diploma do rei Silo, que asegura que o príncipe Silo tiña propiedades nas proximidades da cidade de Lugo, reforza a tese da súa orixe occidental. Se ben é coñecido con manter a paz con Spania[37], tamén este soberano tivo que facer fronte no seu reinado a unha revolta dos pobos galegos, continuación sen dúbida das habidas contra os reis Froila I e Aurelio. Así o cronista Sebastián conta: "Ós pobos de Galiza que se rebelaron contra el, venceunos en combate no Monte Cubeiro e someteunos ó seu imperio"[37]. Con seguridade a natureza desta rebelión sexa a mesma das anteriores; é dicir, a oposición á integración forzosa nunha estrutura estatal superior[34].

Novamente á morte de Silo, accedeu outro señor territorial, Mauregato (783-788), que se rebela contra os oficiais de palacio, apoderándose do reino de Silo e facendo que Afonso II se teña que exiliar en terras da súa nai, a vasca Munia[34]. As crónicas afonsinas omiten ás veces o seu reinado, e a maioría preséntano como tirano e usurpador[34]. Non obstante, o seu reinado foi contemporáneo da fabricación dun himno apostólico a Santiago, e da importante querela adopcionista. Finalmente, subiu ó trono Vermudo I, sobredito o Diácono, entre os anos 788 e 791 tras suceder a Mauregato. Algúns autores apuntan ó territorio galego propiamente dito, como posible berce da súa nai[42], o que lle tería sumado apoios no occidente do reino, e de feito o acceso ó poder sen ningún tipo de dificultade fai supoñer ós investigadores que Vermudo I debeu contar co apoio da mesma nobreza que apoiou o ascenso de Mauregato ó trono[34]. As crónicas de Afonso III explican o seu vencello familiar con Aurelio facéndoo irmán deste, e finalmente remontando a súa orixe ó dux visigodo Pedro. Tampouco faltan documentos medievais que aseguran que Vermudo I casou cunha aristócrata galega de nome Ursinda, neta presumiblemente do conde Sisebuto de Coimbra e filla do rei visigodo Witiza. O certo é que as crónicas de Afonso III necesitaron ideoloxicamente facer entroncar a estes señores territoriais co pasado visigodo, coa fin de presentalos a eles —e consecuentemente ó propio Afonso III— como únicos reis verdadeiramente lexítimos, unha constante neogoticista. O que con certeza si se sabe, é que no ano 791 Vermudo I deixou de gobernar, sendo sucedido por Afonso II, figura histórica que si presenta atributos reais fóra de toda dúbida, e cuxo goberno é de especial importancia para as terras galegas.

Afonso II e tumba apostólica (791-842)

Carlomagno (esquerda) e Pipino o Xiboso. Copia realizada no século X, dun manuscrito orixinal de arredor do ano 830.

Educado no mosteiro de Samos, probablemente baixo a tutela dun destacado nobre da zona —práctica común con moitos dos reis sucesores—, durante o reinado de Afonso II (791-842) comezou a auténtica consolidación da nova monarquía na Galiza alto-medieval. Por unha banda remataba un período de enfrontamentos bélicos internos entre os diferentes princeps territoriais polo trono (Silo, Froila I, Vermudo I etc.), mentres que por outra parte, e a diferencia dos seus predecesores, no reinado de Afonso II pasouse dunha anexión polas armas a unha integración pacífica dos pobos libres desta Galiza alto-medieval (populos Gallecie), ó Christianorum regnum do norte.

A Galicia de Afonso II, máis estable politicamente e proxectada ó resto da Europa cristiá, mantivo contactos diplomáticos coa gran potencia da época, o Imperio franco de Carlomagno, apoiando decisivamente a este emperador contra a chamada "herexía adopcionista", iniciada probablemente na época de Mauregato e que se prolongou nos reinados de Vermudo I e o propio Afonso II. Dous feitos históricos de suma transcendencia para a Galicia da época que relataron os cronistas de Carlomagno e que sen embargo foron silenciados polas posteriores Crónicas de Afonso III (866-910).

Deste xeito, mentres as Crónicas de Afonso III agochan os contactos políticos establecidos entre os monarcas galaicos e a corte de Carlomagno, as fontes francas confirman a asistencia de bispos de Galiza ó sínodo de Ratisbona no ano 782, e tamén ó concilio de Fráncfort, onde asistiron bispos de Italiae, Galliae, Gothiae, Aquitaniae, Galleciae[43] (de Italia, da Galia, de Gotia, da Aquitania, de Galiza) no ano 794 o de maior relevancia de todos os celebrados nos tempos de Carlomagno, pois nel tratouse o tema do Adopcionismo, que afectaba á unidade relixiosa de Occidente. Asemade, os anais francos achegan abondosa información sobre o envío de embaixadas por parte de Afonso II o Casto, que é coñecido tanto nos Annales Regni Francorum como na Vita Karoli Magni como Hadefonsi regis Galleciae et Asturiae[44], é dicir, rei de Galiza e Asturias ou mesmo coma Galletiarum principis[45] (príncipe das Galicias) segundo a Vita Hludovici e rex Gallaeciae[46] segundo o cronicón medieval de Hermann de Reichenau, escrito no século XI. En todo caso, as relacións entre Carlomagno e este monarca deberon ser moi estreitas, pois o cronista Exinardo na Vita Karoli Magni afirma que cando Afonso II enviaba mensaxeiros ou cartas a Carlomagno, quería ser chamado propriu sunn, é dicir, o seu vasalo.

Con todo, o feito máis salientable é que no seu reinado producíuse a descuberta ou "invención" (inventio) da tumba dun dos doce apóstolos de Xesús Cristo, Santiago o Maior. Tal acontecemento sucedeu no lugar chamado Compostela, e da man do bispo Teodomiro da diocese de Iria, con toda a carga político-relixiosa que este feito histórico ten nun momento no que a monarquía estaba a necesitar de símbolos integradores.

Furna de prata onde segundo a tradición católica, repousan os restos de Santiago o Maior. Catedral de Santiago de Compostela.

Na Idade Media "o culto a un santo ben podía axudar a moldear un reino". Consciente diso, Afonso II decidiu construír unha igrexa, que se ben non foi unha obra de grande envergadura, supuxo a primeira pedra do que máis tarde sería a alfaia da arquitectura románica europeo.

A pesar do casual desta decuberta, a maioría dos historiadores contemporáneos ven neste feito unha "invención" con claros fins políticos así como relixiosos, principalmente motivados pola crise relixiosa do Adopcionismo que supoñería a creación dunha igrexa nacional na Gallaecia, independente da mozárabe (que tiña a súa sé en Toledo), da que estaba ligada dende a fin do poder suevo en Braga. Os partidarios desta postura opinan pois, que a invasión musulmá foi o factor de base que explica a descuberta da tumba do apóstolo Santiago en Galiza, e non en Hispania; porque foi a antiga provincia romana de Gallaecia a única que ficou á marxe da marea musulmá que asolagou a Península Ibérica por volta do ano 711. De feito, esta descuberta ou "invención" do sartego tivo lugar no reinado de Afonso II (791-842), pero foi no período inmediatamente predecesor cando se puxeron as bases ideolóxicas do que ía ser, de contado, o achado "casual" do edículo compostelán polo bispo Teodomiro de Iria, entre o 818 e 847. Tanto Mauregato coma Vermudo I foron contemporáneos da querela adopcionista, dos "Comentarios á Apocalipse", atribuídos a Beato de Liébana, e da fabricación do primeiro Himno litúrxico específico en honor de Santiago, que se asocia co rei Mauregato a través dun acróstico.

Así mesmo estableceu en Oviedo a capital do reino, primando na eleción o feito de que o lugar era propiedade persoal do monarca, e fundamentalmente a ausencia previa dunha sé episcopal que recurtara o seu goberno na cidade. Así pois, Afonso II converteuse no primeiro rege oventese[40], dominando toda Galiza dende a cidade de Oviedo. Non obstante, é común a suplantación da súa titulación ovetense pola de rei de Asturias, denominación esta, acuñada na España do século XIX polos primeiros historiadores romanticistas como Modesto Lafuente[47] en pleno período de creación do nacionalismo español contemporáneo[4], mantendo gran vixencia na actualidade.

Período e liñaxe ramirense (842-866)

Actual igrexa de Santa María do Naranco. Antigo pazo real de Ramiro I nos arredores de Oviedo. s. IX d.C.

Tras o longo e estable reinado de Afonso II, o feito de que este monarca morrese sen ter fillos herdeiros, desencadeou un conflito sucesorio entre dous aspirantes ó trono de Galiza; por unha banda, o nobre palatino (comes palatii) Nepociano, e por outra o fillo de Vermudo I, Ramiro. No caso de Nepociano, ademais de contar co apoio dos nobres asturianos e vascos, era segundo as crónicas cognatus regis, é dicir, parente directo de Afonso II, polo que as súas pretensións á coroa podían ter unha sólida base. Pola outra banda, Ramiro contaba co apoio da aristocracia galega e segundo as crónicas de Afonso III (o seu neto), o propio rei defunto (Afonso II) o elixira a el como herdeiro.

O conflito entre ambos estalou ó pouco de morrer Afonso II no ano 842 cando Nepociano foi coroado en Oviedo polos seus seguidores, motivando a ira de Ramiro que nese momento se atopaba na procura de esposa na antiga rexión de Bardulia (actual Álava). Desprazado á cidade amurallada de Lugo, Ramiro reuniuse alí cos nobres galegos partidarios seus que o apoiaban para acceder ó trono e depoñer a Nepociano, polo que unha vez reunido un importante continxente militar galego, dirixiuse dende Lugo ata a rexión de Asturias[37].

Cando o príncipe Ramiro se enterou do que pasaba, refuxiouse nas partes de Galiza e na cidade de Lugo reuniu un exército. Mais, despois dun breve espazo de tempo, partiu contra os ástures.
Frota de naves escandinavas, posiblemente dinamarquesas, representadas nun manuscrito do século XI.

De camiño a Oviedo, produciuse a primeira confrontación entre Ramiro e Nepociano, concretamente no lugar de Curniana na ponte sobre o río Narcea, onde o exército galego derrotou os ástures e vascos, coa conseguinte fuxida de Nepociano do campo de batalla, como nos conta a Crónica Ovetense, Cui Nepotianus occurrit ad pontem fluuii Narcea adgregata manu asturiensium et vasconum. Cara ó ano 843 Ramiro I xa controlaba finalmente Oviedo, impoñendo o seu goberno sobre a rexión de Asturias e finalmente sen outros rivais ó trono do reino de Galiza.

Na actualidade os historiadores tenden, no entanto, a cuestionar a veracidade destes acontecementos narrados polas crónicas afonsinas, xa que estas —redactadas posteriormente ós sucesos, por orde de Afonso III—, estaban dirixidas a presentar a liñaxe de Ramiro (avó de Afonso III) como a verdadeira liña monárquica, e dese xeito facer incuestionable a lexitimadade de Afonso III. As contradicións das crónicas afonsinas, a chamada Nomina Leonesa e unha doazón real feita por Nepociano, inducen na actualidade a consideralo como rei lexítimo durante o ano 843, e a Ramiro como o aspirante que lle logrou usurpar a coroa.

A confrontación entre Ramiro e Nepociano supuxo unha auténtica guerra civil entre os pobos occidentais e orientais do reino da Galiza altomedieval, sustentada nos particularismos étnicos e territoriais dos diferentes bandos. Ramiro I contou co apoio militar de dous importantes condes galegos: Sonna e Escipión, pese a isto non houbo intención ningunha de crear un trono na parte occidental, nas terras galegas propiamente ditas, senón de arrebatar o trono xa asentado en Oviedo. Mostra disto semella ser a erección dun pazo en Naranco, a escasos quilómetros da corte ovetense, que segundo un estudo da Universidade de Oviedo, posiblemente serviu como corte alternativa destinada á recepción e actos xudiciais onde Ramiro e os seus partidarios teríanse asentado antes de acometeren a captura de Nepociano.

O fundador da dinastía dos Ramírez, Ramiro I (843-850), pasou á historia como un monarca enérxico: os cronistas intitulárono Virga Iustitiae ("verga da xustiza"), dado que derrotou con brevidade a aqueles que se lle rebelaron[34]. Porén, paradoxicamente el mesmo accedeu ó trono encabezando unha revolta contra o herdeiro lexítimo, o nobre de palacio chamado Nepociano, cuñado de Afonso II o Casto, que contaba co apoio da nobreza oriental da antiga Gallaecia, tal e como informan a Crónica Albeldense e a Rotense[48].

Ramiro I logrou consolidarse no trono sendo a cabeza indiscutible dunha dinastía que se remonta ós tempos de Vermudo I o Diácono, e que se mantivo por liña masculina ata ben entrado o século XI. A maioría dos historiadores coinciden en sinalar a importancia para as terras galegas de que o candidato da súa aristocracia fose o vencedor, así Ramón Menéndez Pidal opinou que "con Ramiro I foi Galiza quen prevaleceu no seo da monarquía"[49], conclusión parecida á que chegou Vicente Risco cando apunta, na súa Historia de Galicia, que "a partir de Ramiro I se iniciou un predominio de Galiza no seo do reino occidental"[50]. Ademais, con este monarca iniciouse un estirón territorial que parou a finais o século IX coa integración das cidades e terras da bacía do Douro. A partir do reino de Ramiro I recuperouse no reino unha sucesión patrilineal, de pais a fillos.

Consonte isto, foi o seu fillo herdeiro Ordoño I quen accedeu ó trono á morte de Ramiro, no ano 850, mortuus est Ranimirus filius Veremudi rex Gallecie et filius eius Ordonius successit in regno[51] ("morto Ramiro, fillo de Vermudo rei de Galiza, sucedeuno o seu fillo Ordoño no reino"), tal e como conta o castelán Rodrigo Ximénez de Rada no século XII. Pese á brevidade do seu reinado que durou apenas dezaseis anos, foi quen de espallar a súa autoridade rexia ata León, Astorga, Tui e Amaia Patricia, segundo as crónicas de Afonso III[37]. Durante o seu reinado, Galiza viuse atacada por unha vaga de incursións normandas que foron rexeitadas polo conde Pedro[40]. Con Ordoño I iniciouse pois, o gran proceso de expansión terrotorial da segunda metade do século IX, que incorporou gran parte da Galiza meridional no Christianorum Regnum, proxecto de expansión que completou pouco despois o seu fillo Afonso III[34], neto de Ramiro I.

Ficheiro:Afonso III Regi Gallaeciarum.jpg
Miniatura medieval do Libro dos Testamentos (Oviedo) no que se representa ó rei Afonso III coa raíña Ximena e o bispo Gomelo II.

O reinado de Afonso III e o neogoticismo (866-910)

Coa morte de Ordoño I no ano 866 iniciaba o seu reinado Afonso III. Con este monarca acadouse unha sensible afirmación do aparato político que con tantas dificultades se fora mantendo ó longo do século IX. Son dous os acontecementos políticos máis salientables a destacar durante o seu reinado; por unha parte na segunda metade do século IX acadouse a incorporación para os dominios do Regnum Christianorum, dos territorios situados entre Miño e Douro, e pola outra banda a elaboración dos artefactos ideolóxicos necesarios para consolidar a súa lexitimidade política e os alicerces do nacente estado.

Este último punto, vai ser a innovación máis importante que leve a cabo o seu reinado, así os esforzos de Afonso III por impoñer a lexitimidade da súa preminencia política orientáronse a demostrar a existencia dunha liña hereditaria precedente ininterrompida non só ó longo dos séculos VIII e IX, senón inclusive remontando ata o ano 711 para entroncar directamente cos reis anteriores, é dicir, cos visigodos, dos que así lograba ser considerado sucesor natural por herdanza distante. Para tal empresa, foi preciso crear (fose ou non certa) unha secuencia de reis capaz de encher o baleiro histórico do século VIII, e ademais facelos a eles partícipes deste mesmo convencemento dos antecedentes visigodos, ideoloxía que recibe o nome de Neogoticismo.

Afonso III ordenou redactar dúas crónicas: a Albeldense, redactada entre os anos 881 e 883 (da que só se conservan copias realizadas finais do século X) e a coñecida como "Crónica de Afonso III", da que existen dúas versións, a chamada Sebastianense e a Rotense.

Mapa político do Noroeste da Península Ibérica no ano 891, durante o reinado de Afonso III.

Nesta última chégase a poñer en boca de Paio a expresión Spes nostra (...) sit Spanie salus et Gotorum gentis exercitus reparatus[52] ("a nosa esperanza de salvar España e restaurar o exército godo"). Con este ciclo cronístico, Afonso III pretendeu facer fincapé na baza relixiosa e cristiá que compartían o antigo reino visigodo e a nova monarquía nacente na Gallaecia, en contra do poder establecido en Córdoba. Estas crónicas fan entroncar persoalmente a Paio con antigos monarcas visigodos, unha estudada e interesada liña sucesoria que de calquera xeito tería sido aínda de menor lexitimidade cá dos sucesores de Abd al-Aziz ibn Musa —quen casara coa derradeira raíña visigoda, Exilona— e por tanto lexitimos señores de Spania[53].

Os monarcas ovetenses e os seus predecesores, xa que logo, foron considerados intencionadamente polas crónicas afonsinas como restauradores do reino visigodo grazas á rebelión iniciada en Asturias, transmitíndose o legado da monarquía de Toledo a Oviedo coa axuda da "provindencia".

Porén, os indicios históricos (arqueolóxicos e documentais) demostran sobexadamente a falsidade desta manipulación interesada, chegando a rotense a afirmar que ó mesmo tempo foron repoboadas a propia Asturias e zonas marítimas de Galiza, unha irracionalidade que pretendía presentar un territorio despoboado e baleiro, totalmente afastado da realidade, e adxudicando a súa restauración a reis antecesores, que nunca exerceron tal feito. O neogoticismo constituíu o ingrediente máis recoñecido das crónicas da época de Afonso III, introducindo un mito duradeiro no tempo[54], que sería, ben por ignorancia ben por interese, considerado como fonte fidedigna por numerosos autores españois dende o século XIX.

Mappamundi do Beato de Burgo de Osma. Na Península Ibérica apreciase na metade sur o nome "Span" (Hispania), en todo o norte-noroeste o nome "Gallecia" e na súa franxa costeira norte "Asturias". Catedral de Burgo de Osma. Ano 1086.

Traslado da corte á cidade de León (910)

A consolidación da monarquía propiciou que no ano 910 os monarcas de Galiza decidisen definitivamente trasladar a súa corte desde Oviedo ata o antigo campamento romano de Legio (León). Esta decisión estivo motivada por diferentes factores económicos, pois Legio, situada no centro do reino de Galiza, posuía unha estratéxica localización perto de Astorga, onde confluían dúas importantes rutas; por unha banda, a vía que unía a antiga capital sueva, Braga coa cidade francesa de Burdeos, e por outra, a Vía da Prata, que chegaba desde a Spania musulmá pasando polas cidades de Sevilla e Mérida. Con esta nova capital, tratábase de impulsar os itinerarios da circulación humana e comercial que conectaban co reino de Francia e co Emirato de Córdoba, aproximándose economicamente a este último de xeito importante.

Con todo, o motivo máis determinante para que os reis de Galiza optaran por un pequeno enclave como Legio (León) en troques dunha urbe consolidada como Astorga, foi precisamente que esta última se atopaba gobernada desde época sueva por bispos, ó ser Astorga unha das sés episcopais do reino de Galiza. Así, o feito de que León -ó igual que acontecera con Oviedo- carecera de bispos ou señores feudais que recortaran a autoridade dos monarcas, inclinou a balanza a favor deste antigo asentamento militar romano para asentar a nova corte galaica.

"E enviou o Rei Abderahman ó seu Wazir Ahmed ben Sahid cos mandadeiros de Galiza, para saudar no seu nome ó rei Ramiro, e foi o Wazir á Medina Leionis (León) capital de Galiza, e son cristiáns como os de Afranc de seita Melkita; axustáronse treguas por cinco anos, e foron moi ben gardadas."[55]
—(Extracto de Manuscritos e Memorias arábigas, Capítulo LXXXII, José Antonio Conde, 1844.

Como consecuencia do traslado do trono, os reis de toda Galiza deixaron de empregar o título de ovetense para se titularen legionense, é dicir "de Legio", aludindo á cidade de Legio (actual León), na que recaía a nova sede rexia. León, unha cidade estratexicamente útil situada na Galiza altomedieval como destacaban os propios cristiáns in civitate que vocitatur Legio, territorio Gallecie[56] (na cidade que chaman León, territorio de Galiza) ou in Legione de Galletia[57] (en León de Galiza) e musulmáns, convertíase a comezos do século X na nova capital de Galiza.

Contenda civil (910-984)

Miniatura medieval onde se representa ó rei Ramiro II no seu trono. Catedral de Santiago de Compostela.

O derrocamento do goberno de Afonso III polos seus fillos no ano 910, foi o preludio dun longo período de inestabilidade política, na que diferentes faccións da familia real loitaron entre si por obter o goberno da capital, León, e en xeral de toda Galiza, apoiados por diferentes grupos arisctocráticos territoriais que tentaban impoñer o seu peso político na capital e no conxunto do reino. Despois do derrocamento de Afonso III polo seu fillo maior, García I de León, este impúxose en León, como rei de toda Galiza, pola súa banda a aristocracia propiamente galega respaldou a Ordoño, fillo segundo de Afonso III e casado con Elvira, e finalmente o terceiro fillo, Froila pasou a gobernar as terras asturianas, é dicir, as terras entre o cordal cantábrico e a costa.

A relación entre os irmáns foi estritamente feudal, García gobernou toda Galiza dende León, o seu irmán menor Ordoño rendiulle vasalaxe dende a súa xurisdición occidental, e Froila a este último, e consecuentemente a García en última instancia. Moitos autores entenden tal exercicio como a creación dun novo reino, o de León (por ter a capital nesta cidade), mentres outros apóianse na idea dunha suposta creación de tres reinos (Galiza, León e Asturias), con todo o reino nunca deixou de ser o mesmo e baixo a mesma familia real nin perdeu nunca a súa concepción unitaria, como se manifesta ante a morte de García (914) herdando o trono seus irmáns sucesivamente e con total normalidade, práctica semellante á acontecida pola monarquía francesa dos capetos, onde baixo moitos ducados se mantiña a idea de unidade do reino, como pon de relevo a historia contemporánea.

As tensións internas comezaron arredor do ano 924 coa sucesión de Ordoño II, producindo grandes rivalidades entre os fillos deste, e o seu irmán Froila. Foi a liñaxe de Ordoño II a que se logrou impoñer a Afonso Froilaz, fillo de Froila II, con apoio da aristocracia galega propiamente e navarra, repartíndose de novo os poderes entre os fillos de Ordoño II. Será de novo o irmán maior Sancho Ordóñez, coroado rei en León, portanto rei de toda Galiza, os seus irmáns menores, Afonso e Ramiro exercen como señores feudais en diferentes territorios. Existen diversas interpretacións sobre a relación con Afonso IV, quen á morte de Sancho Ordóñez no ano 929 pasou a actuar como rei de Galiza e de León[58]. Afonso IV tomou armas contra o seu irmán menor, Ramiro II -Galleciensis rex Ranimirus-, quen axudado polos nobres galaicos expulsan a Afonso no ano 931, reinstaurando a estabilidade monárquica en toda Galiza ata o ano 951.

Árbitro nesa inestabilidade foi San Rosendo, que mediou entre Ordoño IV e Sancho I (Gallecie princeps)[59], ámbolos dous coroados en Santiago de Compostela. Resultado dunha desas rebelións foi a coroación de Vermudo II (15 de outubro do ano 982), quen acabou por derrotar a Ramiro III, e tomou o trono da cidade de León unificando novamente ás diferentes faccións cara ó ano 985.

Crise monárquica e hostilidades con Al-Andalus (984-1010)

Miniatura medieval das Cantigas de Afonso X o Sabio, nela aprécianse exércitos de relixión musulmá e cristiá.

Vitorioso grazas á axuda dos nobres galegos, León abría as portas a Vermudo II no ano 984, dende onde entón gobernaría toda Galiza, Regnante Veremudo rex in Galezia (reinante o rei Vermudo en Galiza)[60]. O novo rei apresurouse a ser recoñecido como tal por Almanzor, recibindo axuda militar do musulmán[61] para facer fronte ós nobres insurrectos, que coa súa axuda logrou sufocar. Con todo, a extensa estadía das forzas musulmás no sur do reino levou a Vermudo II a expulsalas por consideralas forzas de ocupación, rompendo de facto a alianza con Almanzor. A ruptura desta alianza puxo de manifesto, a incapacidade do rei de afrontar satisfactoriamente a guerra contra o xeneral musulmán, levándoo a perder no ano 987 importantes cidades do sur de Galiza, como Coimbra e Viseu ademais de sufrir o asalto e saqueo doutras ciudades tan influíntes como Astorga, Compostela e a mesma León, véndose forzado Vermudo a aceptar a presenza de gobernantes musulmáns en Toro[62]. As campañas levadas a cabo por Almanzor entre os anos 987 e 996 cesarían cunha alianza rexia que se ratificou a paz pola vía matrimonial. O propio Almanzor casaba cunha filla de Vermudo II ó se asinar a paz no ano 996[63], e o rei Abdalá de Toledo, cunha irmá de Afonso V[64].

O reinado de Vermudo II supuxo un forte achegamento ós intereses galegos, materializándose isto na crianza do único herdeiro, o futuro Afonso V, a súa educación foi depositada no poderoso duque galego, Mendo Gundisalviz[65], o cal significaba depositar o poder en mans deste sector concreto da nobreza, neutralizando así a longa hostilidade padecida polos reis de parte dos condes de Castela, mais en absoluto rematou con ela, e finalmente desembocou de forma fatal no reinado e na persoa do seu fillo, Vermudo III[4]. Co reinado de Afonso V, Rex Gallitianus[66] (rei de Galiza) o reino recuperou a unidade institucional que a monarquía galaica perdera ó longo do século X, cando numerosos príncipes e infantes se proclamaban reis co apoio dos nobres ben en Compostela ben na cidade de León coa fin de chegar a gobernar toda Galiza, dende Fisterra ás terras alavesas. No seu curto reinado, Afonso V foi quen de emprender a restauración de cidades como León e a reconquista das cidades de Coimbra e Viseu, que tempo atrás conquistara Almanzor. Foi precisamente no asedio desta última cidade no ano 1028 onde unha frecha acabou coa vida deste rei, herdando o trono o seu fillo Vermudo III con tan só once anos de idade.

Conflitividade entre os reinos de Galiza e Navarra (1010-1037)

Psalterio de Londres, mapamundi inglés onde se representan as nacións coñecidas, na parte inferior recoñécense as situacións de "Galiza" e "Hispania". Século XII.

O casamento do rei de Navarra, Sancho Garcés III coa condesa castelá, Munia Sánchez no ano 1010 propiciou a apartir desta data, unha importante conflitividade entre o monarca galego Vermudo III e o navarro, pois se ben o condado de Castela e os seus condes servían vasalaxe ós monarcas de Galiza, o matrimonio de Sancho con Munia semellaba lexitimar o navarro para exercer demandas de soberanía sobre Castela, ou cando menos para intervir de facto nese territorio oriental sito entre os ríos Araduey e Pisuerga, xa nos confíns da Galiza do século XI (finibus Galliciensium usque ad fluvium Pisorga)[67].

O feito de que Sancho Garcés estivera tan ligado ó condado de Castela propiciaba que na documentación figure cun dominio rexio sobre Castela, sen por iso cuestionar a superioridade de Vermudo III, aludindo a el como imperator domnus Veremudus in Gallecia"[68], é dicir, "emperador don Vermudo en Galiza". Porén, todo isto supuña unha situación indiscutiblemente ambigua e propensa ó litixio. As complicadas relacións entrámbolos reinos semellaban chegar a unha efémera tregua co casamento da irmá de Vermudo III, Sancha co conde García Sánchez de Castela, cuñado do rei navarro Sancho Garcés III, voda que se ía celebrar no ano 1029. Mais días antes das nupcias o castelán é asasinado na cidade de León pola casa de Vela, opoñentes a calquera enlace que significara o achegamento entre a monarquía galega e os condes casteláns.

Mapa da disputa territorial por Castela entre os monarcas de Galiza (Vermudo III) e Navarra (Sancho Garcés III), a comezos do século XI.

Á morte de García Sánchez, a súa irmá Munia asume o total control do condado de Castela, e propicia que o rei navarro inicie entón a directa intervención en Castela, asumindo a titulación sobre esa zona. Así no ano 1034, en efecto o navarro chega a presentarse na cidade de León como rei, obrigando a Vermudo a retirarse ós territorios da Galiza actual onde contaba con sólidos apoios, mais retorna ó ano seguinte mantendo a dignidade rexia sobre a capital galaica (León).

No ano 1032, Vermudo III, nun derradeiro esforzo diplomático, conseguiu enlazar matrimonialmente á súa irmá Sancha filiam Adefonsi Galliciensis regis[69] ("filla de Afonso, rei de Galiza") con Fernando Sánchez, segundo fillo de Sancho Garcés III, e futuro Fernando I.

A morte de Sancho non supuxo a fin das disputas. O seu fillo maior, García III de Navarra, quen herdou o trono de Pamplona, continuou a empregar a titulación rexia sobre Castela como se este fose un condado navarro. Pola súa parte, o seu irmán menor Fernando, casado con Sancha, herdou o condado de Castela e tamén a formal vasalaxe feudal a León, e ó seu cuñado, Vermudo III. Con todo, a lexitimidade de ámbolos reinos sobre Castela parecía estar aberta tanto a Pamplona como a León, e así no ano 1037 os dous irmáns navarros, García III e Fernando Sánchez, preséntanlle batalla a Vermudo III, onde este último morreu presumiblemente por ter liderado a primeira fileira da carga de cabalería.

Plena Idade Media (séculos XI ó XII)

Fragmentación política do reino (1065)

Afonso VI logrou unificar politicamente de novo os territorios do reino de Galiza no ano 1072. Con todo, o reino eran de facto xa tres territorios diferentes. Miniatura medieval. Catedral de Santiago de Compostela.
Mapa do reino durante o goberno de Sancha e Fernando I antes do ano 1065.
Mapa que amosa a fragmentación do reino despois do ano 1065, dividíndose da seguinte maneira:      Dominios de García II (Galiza).      Dominios de Afonso VI (León).      Dominios de Sancho II (Castela).

Coa morte de Vermudo III, o trono de Galiza recaeu na irmá Sancha que por dereito sucesorio herdaba todo o reino, conseguindo o seu marido navarro, Fernando, ser coroado como rei consorte de Galiza (domus Fernandus princeps super omnem Galletiam)[70], gobernando dende a cidade de León. Ambos conseguiron non só manter o territorio herdado senón tamén amplialo, recuperando algunhas cidades perdidas como a importante Coimbra, que volvía render vasalaxe ós reis galegos, pese a que o seu gobernador fose musulmán.

A morte do rei Fernando I en 1065 supuxo un novo conflito interno, pois no canto de recaer a coroa nun único herdeiro, o goberno foi disputado polos seus tres fillos maiores, que pasaron a gobernar autonomamente os territorios nos que conseguiran establecer relacións familiares. Se ben é verdade que parte da historiografía considera tal feito como un reparto xa predisposto por Fernando I antes da súa morte, a titulación de Sancha como raíña aínda, e a ausencia de calquera documento de reparto feito por Fernando I ou Sancha induce a pensar que non existiu tal reparto. Anos máis tarde, cada un dos tres fillos aparecía gobernando diferentes territorios en calidade de reis, así o maior, Sancho II dominou as terras orientais, o condado de Castela grosso modo, Afonso VI a capital, León, e as súas terras próximas así como Asturias, o terceiro García II herdou as terras galegas entre Coimbra e o Cabo Ortegal. Aínda que esta situación tivo por consecuencia a fragmentación política do reino de Galiza, "Galiza" seguiu sendo o termo que se empregue para denominar o conxunto destas terras.

García II restaurou as sés de Tui e Braga (a antiga metrópole sueva), e venceu varios conatos de anexión, pero finalmente foi derrotado polos exércitos dos seus irmáns Sancho II de Castela e Afonso VI en 1071[71], que o encarceraron no Castelo de Luna (León)[72] sendo prisioneiro ata a súa morte no ano 1090. Os irmáns de García II asinarían xa no ano 1071 co título de reis de Galiza na documentación galega do momento. García morreu no marzal de 1090 na prisión do castelo, e sempre se lle recoñeceu a dignidade real.

Esta nova situación non se acadou sen resistencias, pois García II contaba con nobres leais que se opuxeron á usurpación de Afonso VI, tales como o conde Rodrigo Ovéquiz que encabezou unha rebelión no ano 1080 abertamente respaldada polo bispo de Santiago Diego Páez. Este foi finalmente deposto no Concilio de Husillos (1088), e entre os motivos de tal deposición cítase un presunto intento de concertar un acordo con Guillerme o Conquistador[73].

Trala morte de García II en prisión, en 1096 Afonso VI dividiu o territorio galego en dous condados, un correspondente ás terras galegas e o outro ás portuguesas que doou a Henrique de Borgoña, pai do primeiro rei de Portugal Afonso Henriques.

O nacemento do reino de Portugal (1128-1179)

A partir do ano 1028, Afonso Henriques gobernou independentemente Portugal separado definitivamente do resto do reino de Galiza. Mapa co reino de Portugal cara ó ano 1157:      Dominios de Afonso Henriques.

No ano 1091 a princesa Urraca, filla do rei Afonso VI casou con Raimundo de Borgoña un importante nobre borgoñón, fillo de Guillerme I de Borgoña e que asistira como cruzado para loitar contra os almorábides. As vitorias militares do borgoñón e a altura das súas relacións familiares en Europa propiciaron a conveniencia do enlace matrimonial, ó que Afonso VI outorgou unha importante dote: o goberno das terras galegas, dende o Ortegal ata Coimbra, co título de condes tanto a Raimundo como a Urraca. Dous anos máis tarde, en 1093, outro cruzado francés Henrique de Borgoña, neto do duque Roberto I, tomaba a man da filla menor de Afonso VI, Tareixa de León recibindo o goberno do Condado de Portugal así como o de Coimbra, fundado o de Portucale no ano 868 polo nobre galego Vimara Pérez e que comprendía as terras situadas entre os ríos Miño e Douro. Artellábase deste xeito, unha complexa rede de relacións feudais; por unha parte o rei Afonso VI, que gobernaba toda a Galiza e Toledo, recibía vasalaxe feudal de Raimundo e Urraca que gobernaban as terras galegas dende Ortegal ata Coimbra, estes á súa vez recibíana de Tareixa e Henrique de Borgoña.

A princesa Urraca gobernou Galiza xunto co seu marido Raimundo ata que en 1093 Afonso VI decide separar o condado de Portugal de Galiza e concederllo a Henrique e Tareixa. Miniatura medieval. Catedral de Santiago de Compostela.

As constantes derrotas sufridas ante os almorábides e o crecente descontento do rei coa política administrativa do seu xenro Raimundo, levaron a Afonso VI a retirar os dereitos feudais que este e Urraca tiñan sobre o Condado Portucalense, equiparando o dominio destes ó de Henrique e Tareixa. Así pois, aínda que o Condado Portucalense seguía a formar parte de Galiza, na práctica os seus condes deixaban de servir vasalaxe a Raimundo de Borgoña e Urraca, para prestar vasalaxe directamente ó rei de toda Galiza, Afonso VI, provocando certo descontento entre a nobreza galega ó norte do río Miño.

Á morte de Henrique no ano 1112 sucedeulle a viúva deste, Tareixa, no goberno dos dous condados durante a menoridade do seu fillo Afonso Henriques. Formábanse dúas tendencias, a de achegamento á política común galega, co novo rei, Afonso Raimúndez, ou o mantemento dun forte poder condal con aspiracións á proclamación real do herdeiro condal. O ascenso de Compostela a condición de metropolitana en detrimento da histórica Braga e a tendencia de achegamento de Tareixa á política ó norte do Miño materializado no casamento con Fernando Pérez de Traba precipitaron os acontecementos no condado de Portugal. O arcebispo de Braga —arrebatado das reliquias de San Froitoso polo mesmo Xelmírez en 1102[74]— e os grandes aristócratas portugueses —interesados nun maior poder territorial— foron os principais valedores das pretensión reais de Afonso Henriques. Ante tal situación o rei galego Afonso VII viaxou a Portugal sitiándoo en Guimarães, ata conseguir a súa promesa de fidelidade, que finalmente lle comunicou Egas Muñiz.

Meses máis tarde, en 1128, e ante o incumprimento de Afonso Henriques, o pérfido galego, señor de Coimbra[75] —como lle denomina o cronista Ibn Sahib al-Salah—, as tropas de Tareixa e Fernando Pérez de Traba libran a batalla de San Mamede en 1128, de onde as tropas portucalenses saen vitoriosas. A morte de Tareixa, e a batalla de Ourique contra os musulmáns consolidan finalmente o condado como reino en 1139, tornándose Afonso Henriques no rei Afonso I de Portugal, recoñecido polo seu curmán Afonso VII (pese as tensións pasadas, como a invasión de Tui por Afonso Henriques en 1137, finalizada trala sinatura do Tratado de Tui) e a independencia de Portugal recoñecida por Castela no Tratado de Zamora en 1143. Finalmente, o recoñecemento formal do Reino de Portugal é obtido no ano 1179, coa sanción do papa Alexandre III mediante a bula Manifestis Probatum[76].

Nacía entón un reino que, formando o seu territorio parte da Gallaecia dende o Imperio Romano, e tendo albergado incluso a capital do reino (Braga) durante moito tempo, adquiría a partir de agora a súa propia personalidade precisamente na medida en que se diferenciaba da monarquía galego-leonesa, cuxos líderes radicaban en León e Compostela[4].

A Era Compostelá (1111-1230)

Artigo principal: Era Compostelá.
Afonso VII foi coroado en Compostela como rei de Galiza pola alta nobreza o 17 de setembro de 1111. Miniatura románica da Catedral de Santiago de Compostela.

O 17 de setembro de 1111 a nobreza galega liderada polo Conde de Traba e Diego Xelmírez coroan en Santiago de Compostela ó fillo de Urraca e Raimundo, Afonso Raimúndez, como rei —temorosos de que no novo matrimonio entre Urraca e Afonso de Aragón houbese descendencia: algo que viría coutar os seus proxectos políticos e, así mesmo, os dereitos do futuro "Emperador", como lexítimo sucesor de Afonso VI— sendo o futuro Afonso VII de León e Castela no cómputo español. Sostiña ó novo rei a forza militar do bispo compostelán e a do conde Pedro Froilaz de Traba, que fora o seu protector e titor durante toda a súa infancia. O sentido da coroación foi preservar o dereitos do fillo de don Raimundo de Borgoña sobre o Reino de Galiza, nun momento en que Urraca, xa viúva, entregaba de facto Castela e León ó seu novo home Afonso o Batallador de Navarra e Aragón. O certo é que nun primeiro momento a cerimonia compostelá tivo moito máis de simbólica ca de efectiva, tanto é así que Xelmírez, Pedro Froilaz e outros nobres galegos se dirixiron posteriormente a León para entronizar na sede rexia a Afonso Raimúndez. No camiño, no lugar concreto de Viandangos, preto de Astorga, saíulles ó paso Afonso o Batallador, presentando batalla e frustrando os plans da nobreza galega. Ata a maioría de idade de Afonso VII, e a morte da súa nai, todo o conxunto noroccidental vai vivir unha etapa de convulsión con frecuentes alianzas e contraalianzas entre nai e fillo e aínda entre esta e o seu esposo aragonés, con Diego Xelmírez sempre presente nelas.

"Os aragoneses entregan o castelo á raiña. Ouh!, canta e que excelente gloria militar proporcionou ós galegos aquel día en que o Batallador aragonés se retirou ante eles!. Pero moito máis excelente e máis alegre foi cando a valerosa forza de Galiza protexeu a Castela e ós seus cabaleiros do ataque dos inimigos e obrigou a entregar o castelo do aragonés. Ouh vergoña!, os casteláns precisan forzas alleas e son protexidos pola audacia dos galegos!. Qué será deses covardes cabaleiros cando se marche o exército de Galiza, o seu escudo e protección?."
— (Extracto da Historia Compostellana, Libro I, Capítulo 90).

Neste clima de guerra e aproveitando que Calisto II, tío do rei de Galiza, chega ó papado, Xelmírez conseguiu o arcebispado para Santiago de Compostela (1120). As pretensións do bispo eran que Compostela fose recoñecida como igrexa metropolitana de Galiza, contra os dereitos tradicionais de ostentaba Braga dende os tempos de San Martiño de Dumio. Calisto II non podía aceptar tanto, decidindo finalmente crear unha nova xurisdición que supuña unha anomalía no poderío eclesiástico peninsular e que, ademais, exercía o seu poder non sobre os territorios galegos en que estaba localizada xeograficamente, senón na antiga xurisdición de Mérida (Estremadura actual e terras ó sur do río Douro).

Braga ficaba así rodeada pola xurisdición de Compostela e, perante este perigo, convértese no centro do movemento independentista do Condado de Portugal. En 1128 o líder da nobreza galega Fernando Pérez de Traba e Tareixa de Portugal que despregaban un poder autónomo no espazo galaico-portugués son vencidos polo fillo da última, Afonso Henriques. Este sería o xermolo do futuro reino de Portugal separado xa do resto de Galiza. Á súa morte, Afonso VII dividiu os seus reinos (1156), cedendo Galiza e León a Fernando II, quen viña usando o título de "Rei de Galiza" cando menos dende 1152[77].

Fernando II fai unha política de concesión de cartas-póboas, que xa iniciara o seu pai e funda entre outras, as vilas de Padrón, Ribadavia, Noia e Pontevedra tamén deu un pulo fundamental á catedral de Santiago de Compostela. O seu fillo Afonso VIII mantivo a mesma política fundando ó longo da costa vilas como Betanzos, A Coruña, Baiona, Ferrol e Neda.

A Era Compostelá foi o momento de maior desenvolvemento económico do reino de Galiza, propiciando a construción da catedral de Santiago de Compostela, a maior obra románica do seu momento en Europa.

Estas vilas "de reguengo" (dependentes directamente do rei) supuxeron unha verdadeira revolución na estrutura social da época porque, por unha banda, inauguran a diversificación económica, rachando coa autarquía dos séculos anteriores e facilitando o desenvolvemento das actividades pesqueiras e preindustriais orientadas á elaboración de materias primas, peixe salgado sobre todo, que se comercializa a través dos portos, pola outra banda, serven para consolidar socialmente unha serie de "liñaxes" ou "casas" que teñen na súa orixe ós segundos da grande nobreza e á fidalguía local, que se reparten os cargos municipais e administrativos (alcaldes, rexedores, xuíces, meiriños). Créase así unha protoburguesía no reino que mesmo chega a introducir nos mosteiros rurais os seus membros: priores de nome e fidalgos de vocación, máis preocupados polos intereses das súas casas que polos ideais monásticos. É unha política de fortalecemento do elemento urbano fronte á grande nobreza.

Tamén se produce, ó longo deste século, un rápido crecemento da poboación que, no medio rural, se traduce en máis brazos para traballaren a terra e, como consecuencia, ábrense novos espazos e colonízanse e áranse terras virxes baixo a dirección dos grandes mosteiros. Isto, unido á mellora dos aparellos de labranza e ó perfeccionamento dos sistemas de cultivo, permitiu xerar un aumento da produtividade que vai repercutir no nivel de vida. O reparto desa maior produtividade entre os labregos e os señores realizábase mediante o establecemento dos foros. As transformación económicas e sociais acarretaron cambios profundos na mentalidade, iniciándose nas vilas unha renovación relixiosa de man das ordes mendicantes, sobre todo dos franciscanos, que traían xermolos de reformas sociais.

Con estes monarcas o centro vital dos reinos foi loxicamente, Compostela, capital do reino de Galiza, o seu esplendor ficou perpetuado polo Mestre Mateo no granito da catedral de Santiago de Compostela e, sobre todo, no Pórtico da Gloria e Praterías. Da prosperidade do reino dan fe tamén as innumerables construcións románicas que aínda salfiren Galiza. A outro nivel menos visible, a cultura galega reflíctese na creación literaria, que ficou plasmada por unha banda na redacción da Historia Compostelá e do Códice Calixtino.

A fin da monarquía galego-leonesa (1230)

Fernando II e Afonso VIII foron os derradeiros reis galego-leoneses, que auspiciaron unha época de gran riqueza económica e cultural no reino de Galiza. Miniaturas no tombo de Toxosoutos, s. XIII.

Ata comezos do século XIII, os reinos cristiáns peninsulares anexionábanse mediante o casamento ou a herdanza baixo a persoa dun rei. Finado ou deposto o rei estes partillábanse entre os diferentes herdeiros de xeito que garantiran a súa independencia. No caso dos monarcas galegos o dereito de herdanza era indistinto para homes e para mulleres.

No caso do rei Afonso IX, este casara dúas veces. Do seu primeiro matrimonio coa princesa Tareixa de Portugal tivo un fillo, Fernando, que morreu prematuramente no ano 1214, así como dúas fillas, Sancha e Aldonza. No segundo casamento casou con Berenguela de Castela, coa que tivo catro fillos; Fernando, Afonso, Constanza e Berenguela. Para manter a independencia dos reinos de Galiza e León, Afonso IX no seu testamento aplicou o dereito galego de herdanza, que igualaba na sucesión a homes e mulleres, deixando a Aldonza coma futura raíña de Galiza e a Sancha como futura raíña de León. Porén, Fernando de Castela, primoxénito do seu segundo casamento que xa era rei de Castela pola renuncia ó trono da súa nai, a castelá Berenguela, ambicionaba espallar a súa autoridade rexia non só en Castela, senón tamén en Galiza e León. Logo, Aldonza e Sancha contaron co masivo apoio da nobreza e igrexa galega, agás os bispos de Lugo e Mondoñedo.

Malia todo, o reino de León, máis unido xeograficamente ó reino de Castela, preferiu a unión política con esta. Berenguela, nai de Fernando de Castela, consegue o apoio de Sancho II de Portugal para impedir que Galiza e León se convertan novamente en reinos independentes, e ambos presionan a Tareixa de Portugal, primeira muller de Afonso VIII para forzar a Aldonza e Sancha a renunciar ó seu dereito lexítimo de herdanza. Finalmente, as infantas renuncian ó trono e Fernando III consegue o trono de Galiza e León, que aínda de conservar o seu título real pasan a ser gobernadas dende Castela.

Crise da Baixa Idade Media (séculos XII ó XV)

Miniatura románica do rei Fernando III de Castela, quen usurpou as coroas de Galiza e León ás súas medias irmás. Nos laterais aparecen xa o león púrpura, e en situación predominante (esquerda) o castelo, símbolo de Castela.

Galiza e a Coroa de Castela

A imposición de Fernando III como herdeiro sobre os reinos de Galiza e León, supuxo o comezo dunha etapa de decadencia e unha negativa evolución dos intereses xerais do reino, sendo a nobreza condal galega e os concellos dos burgos galegos os grandes prexudicados. Apartados do alto nivel das decisións dunha Corte radicada en Castela, Galiza pasaba de núcleo a periferia dunha coroa gobernada por casteláns[4].

Con todo, a asociación política da coroa castelá (Castela-Toledo) e a leonesa (Galiza-León) seguía a ser na persoa do rei pois ambas coroas mantiñan as súas peculiaridades institucionais, así en Galiza-León mantívose como código legal o Liber Iudicium —ó contrario que aconteceu na coroa de Castela—, mesmo cando os asuntos eran xulgados pola Corte estes despachábanse de acordo co código vixente en cada coroa[78].

Co reinado de Fernando III (1230-1254) o centro de poder político do reino de Galiza trasládase a Castela, a corte real abandona Compostela e iníciase unha política de tendencia centralizadora. Galiza continúa a ser monolingüe e toda a súa documentación pública está redactada na lingua do reino, o galego, aínda que a partir de agora os documentos que cheguen da Corte virán redactados en castelán. A política centralizadora de Fernando III mantense durante o reinado do seu fillo Afonso X, que introduce por vez primeira un representante xudicial do Reino no goberno de Compostela, e pouco máis tarde entregará a sé compostelá a un arcebispo de Valladolid, comezando un proceso que rematará por trocar os bispos galegos por funcionarios de Castela.

Non obstante, a pesar deste feito, o certo é que ó longo de todo o período medieval, e ata a chegada ó poder dos Reis Católicos, os nobres galegos seguiron a vivir nun estado de práctica semi-independencia con respecto da coroa castelá.

O rei Xoán de Galiza, León e Sevilla

Sartego de Pai Gómez Chariño, principal valedor do rei Xoán polo trono de Galiza. Convento de San Francisco de Pontevedra.

Neto de Fernando III e fillo de Afonso X, o infante Xoán axudado polo rei Dinís de Portugal, aspirou á coroa en canto morreu seu pai en 1284, fronte á usurpación violenta perpetrada polo seu irmán Sancho IV de León[79]. Achegábase o momento dunha maior confluencia política dos reinos de Galiza, León e Portugal.

Xoán erixiuse en cabeza de importantes grupos nobiliarios, con solidez dabondo para ser proclamado no ano 1296 como rei de Galiza e León, tras un acordo de división dos reinos pactado polos grupos nobiliarios; o nomeamento rexio confírmase a continuación en Sahagún, ampliando ademais o reino de Sevilla[80], tradicionalmente vencellado a Galiza dende finais de século XI. Coa súa proclamación espertaba despois de sesenta e seis anos, a primeira das ocasións para que Galiza e León configurasen un espazo político propio e diferenciado de Castela. Unha alternativa que a máis alta nobreza galega apoiará ata finais do século XIV. A implicación da alta nobreza galega no proxecto restaurador da independencia política do reino, patentízase na adscrición ó seu partido da máxima representación política vixente en Galiza, o Adiantado Maior do Reino, posto que ostentaba o poeta-almirante e señor de Rianxo Pai Gómez Chariño, asasinado pouco tempo despois por Rui Pérez Tenorio, unha perda inestimable para a causa de Xoán[81].

Sucedería a Gómez Chariño, Fernando Ruiz de Castro, herdeiro da casa de Traba, que adoptaba idéntica posición á do seu antecesor na restauración dunha independencia respecto a Castela, favorecendo a Xoán e iniciando a activa belixerancia desa familia a favor do achegamento a Portugal durante todas as etapas de conflitividade do século XIV.

Durante cinco anos mantívose a situación fáctica de separación, sempre baixo unha constante inestabilidade política e militar, pois a coroación de Xoán I batía coa oposición de poderosos sectores sociais e coa resistencia decidida do bando de María de Molina, apoiado este pola alta aristocracia castelá que non desexaba perder o control sobre os territorios galegos e leoneses, e co apoio de parte do alto clero galego que prefería un poder monárquico foráneo e distante.

Forzado polas circunstancias adversas, o rei Xoán I renunciaba finalmente no ano 1301 á causa soberanista, confirmándose a reunificación dos reinos de Galiza-León con Castela-Toledo[82].

Batalla de Nájera. Os exércitos galegos loitaron no bando de Pedro I e Eduardo de Woodstock, contra as tropas castelás de Henrique de Trastámara. Manuscrito do século XV.

Galiza e a primeira guerra civil de Castela (1366-1369)

Apenas pasaran 50 anos dos últimos disturbios nobiliarios, cando o reino de Galiza volvía a se atopar no centro dun novo conflito sucesorio de dimensións internacionais, esta vez polo goberno da coroa de Castela, disputada entre o propio rei Pedro I, e o seu medio irmán Henrique, conde de Trastámara, no contexto da Guerra dos Cen Anos. A pesar das disputas de carácter familiar, en verdade o conflito fratricida que durou entre os anos 1366 e 1369, tiña a súa orixe na política de Pedro I que buscaba acrecentar o poder monárquico así como ampliar os dereitos dos gobernos das cidades e dos concellos. Isto tiña por consecuencia o recorte do poder das grandes familias (maiormente castelás) coma os Pimentel, Ponce de León, os Guzmán, os Mendoza, os Fernández de Córdoba e os Álvarez de Toledo entre outras, e que a partir dese momento tentarían destronar a Pedro I.

Henrique, fillo extramatrimonial de Afonso XI de Castela e medio irmán de Pedro I soubo aproveitar este descontento dos grandes grupos nobiliarios para iniciar unha guerra contra Pedro I, apoiado nos inimigos deste, tales como Pedro IV de Aragón (con quen Pedro I estaba en guerra) e as compañías de mercenarios comandadas por Bertrand Du Guesclin. Os concellos e a maior parte dos nobres do reino de Galiza van ser nesta guerra o principal bastión de Pedro I, moi ligado a Galiza a través da familia Castro. As máximas autoridades do reino tales como Fernando Ruiz de Castro, Pertegueiro Maior de Santiago, o Adiantado maior do reino de Galiza, Sueiro Eans de Parada, así como outros aristócratas; Xoán Fernández de Andeiro, Men Rodrígues de Seabra ou Fernán Peres de Deza, van ser os principais defensores do monarca "lexítimo".

Aínda que a vitoria de Pedro en Nájera (1367) prevía a fin da guerra grazas o apoio do príncipe inglés Eduardo de Woodstock, a entrada neste conflito de Carlos V de Francia (inimigo de Inglaterra e polo tanto tamén de Pedro I) desestabilizou os acontecementos. A captura de Pedro I durante a batalla de Montiel e o seu asasinato en 1369 supuñan a fin da guerra en Castela, mais non no reino de Galiza que se mantiña independente do novo rei, Henrique de Trastámara.

Respaldo de Fernando I de Portugal á causa galega

Fernando I, rei de Portugal.

A morte de Pedro I en 1369 supuxo o triunfo da aristocracia castelá máis ambiciosa[4], a mesma que foi recompensada economicamente por Henrique de Trastámara. Non obstante, malia que Henrique pretendía facerse co goberno de toda a coroa de Castela, a maior parte dos nobres galegos non o recoñeceron como tal e co beneplácito dos municipios do reino, recoñeceron como rei a Fernando I de Portugal no ano 1369, asegurándolle os seus partidarios galegos que levamtariam voz por elle (...) e que lhe dariam as villas e o reçeberiam por senhor, fazemdolhe dellas menagem[83]. Prodúcese por un curto espazo de tempo a culminación práctica da repetida tendencia de aproximación entre Galiza e Portugal propugnada por influentes grupos sociais galegos e activa dende había tempo.

Acompañado dende Portugal por importantes partidarios nobres da causa lexitimista, significados representantes da nobreza galega, entre eles Fernando Ruiz de Castro, conde de Trastámara, o cabaleiro e señor de Salvaterra, Alvar Peres de Castro e Nuno Freire de Andrade, mestre da orde portuguesa de Cristo. Á súa entrada no reino de Galiza foi triunfal e aclamado nas cidades: "os da villa o sairom todos a reçeber"[83].

As medidas de goberno de Fernando I de Portugal como rei de Galiza pasaron polas fortificación estratéxicas de prazas como Tui e Baiona entre outras, a liberación do tráfico comercial entre os seus dous reinos (Galiza e Portugal), así coma o abastecemento de alimentos ás poboacións galegas mermadas pola guerra ("Carregar em Lisboa navios e cevada e vinhos, que levassem todo a aquelle logar para seer bastecido")[83]. Asemade, Fernando I realizou disposicións en materia monetaria, para o que mandou fazer moeda de seus sinais d´ouro e prata, asii (...) na Crunha e em Tuy, testemuñando as Cortes de Lisboa do ano 1371 a validez das moedas co seu selo, indistintamente no reino de Galiza coma no de Portugal[84].

Con todo, e pese o éxito inicial, a presenza do monarca portugués no reino foi curta. Henrique de Trastámara, axudado polos mercenarios das Compañías Brancas francesas organizou unha dura contraofensiva en Portugal que obrigou a Fernando I a defender o reino luso, facéndose Henrique deste xeito co goberno de Galiza ata a chegada do exército inglés do Duque de Lancaster pouco tempo despois.

O duque de Lancaster, rei de Galiza

Rendición de Santiago de Compostela a Xoán de Gante. Jean Froissart, Chroniques.

Tan só dous anos despois de que Fernando I de Portugal renunciara ás súas pretensións no reino de Galiza, apenas uns anos despois da ocupación de Tui por Pedro Ruíz Sarmiento y Velasco en nome do futuro rei Henrique de Trastámara e manténdose aínda A Coruña fiel a Portugal, Xoán Fernández de Andeiro culminaba as xestións con Inglaterra. Asinábase o 10 de xullo de 1372 un tratado polo cal Constanza, filla do rei Pedro I de Castela —asasinado este por Henrique de Trastámara—, reclamaba o seu dereito lexítimo como sucesora ante este último[85].

Así foi que o marido de Constanza, John of Gaunt (Xoán de Gante), duque de Lancaster e fillo do rei Eduardo III de Inglaterra adoptou os títulos reais lexítimos da súa muller (rei de Galiza, León, Castela etc.) dispoñéndose a facelos efectivos.

A primeira tentativa frustrouse cando a súa expedición houbo de se desviar, no Poitou, cara a cidade de Thouars, urxida pola Guerra dos Cen Anos en Francia. O 25 de xullo do ano 1386, apoiado pola bula papal de Urbano IV que lle concedía o dereito á coroa de Castela, Xoán de Gante desembarca na Pescaría da Coruña, mais sen afrontar o asalto da cidade amurallada. Establecéronse entón rendicións segundo as cales a cidade da Coruña comprometíase a abrir as portas ó duque de Lancaster se antes este era recibido en Santiago de Compostela. Así sucedeu, e a continuación logrou, sen apenas resistencia militar, dominar o reino de Galiza. Acompañado pola súa muller e fillas, asentou a súa Corte en Compostela. Dirixiu as súas operacións cara a Pontevedra, Vigo, Baiona, Betanzos, Ribadavia, Ourense e Ferrol. En Ourense as súas tropas asaltaron a cidade e fixeron retirar ás tropas trastamaristas, mentres Ferrol é tomado polo rei Xoán I de Portugal, aliado do duque de Lancaster. No caso de Ribadavia, a cidade resistiuse a este, e o propio Thomas Percy dirixiu un asedio de días sobre a vila, que acabou sendo tomada[86].

Tras estas accións militares practicamente toda Galiza ficaba en poder do duque, concretamente despois de que el e o rei portugués se fixeran co dominio de Ferrol, así a crónica escrita por Jean Froissart déixao claro: avoient mis en leur obeissance tout le roiaulme de Gallice[86].

Non obstante, a evolución dos acontecementos militares foi determinada por unha epidemia de peste que decimou as tropas inglesas en chan galego. Isto forzou a Xoán de Gante a negociar unha saída con Henrique de Trastámara. Os termos da paz, asinada en 1388 estipulaban a renuncia ás pretensións rexias do duque de Lancaster e da súa muller Constanza a cambio dunha crecida indemnización e da voda entre o herdeiro castelán, Henrique III, e a filla do duque, Catarina de Lancaster[87].

A retirada final dos ingleses pechaba os intentos desenvolvidos polos concellos e a alta nobreza galega para acadar un reino libre fóra da coroa de Castela, orientando Galiza cara a Portugal e os países atlánticos, con todo non sería a derradeira vez que isto se tentase.

As guerras irmandiñas (1431-1469)

Artigo principal: Irmandiños.
Castelo de Sandiás. Destruído polos irmandiños no 1467.

A crise social e económica que sufriu Europa durante o século XV motivou no reino de Galiza a constante perda de influencia e poder económico das clases altas, tanto aristocráticas como clericais. Ante tal situación, os grandes nobres e bispos co obxecto de manter o seu privilexiado status, comezaron a agravar os seus abusos sobre as clases máis desfavorecidas. A resposta das clases baixas galegas, entre elas a pequena nobreza, o baixo clero e especialmente os campesiños, foi a conformación dunha gran Santa Irmandade que tiña por obxecto impartir xustiza no reino de Galiza. Capaz de agrupar exércitos, axustizar á alta nobreza, e derrubar aqueles castelos que acolleran ós nobres malfeytores, serviu na defensa dos máis desfavorecidos fronte os abusos de gran parte dos señores.

Cada un dos miles de membros desta Santa Irmandade, recibiu o nome de irmandiño en base á idea de igualdade deste grupo, polo que as guerras civís nas que interviñan pasaron a denominarse Guerras Irmandiñas.

A orixe da confrontación foron os constantes atropelos de Nuno Freire de Andrade, o Mao, sobre a vila de Ferrol, cidade de reegengo (cidade baixo dominio directo do rei) na que estoupou a chamada Irmandade Fusquenlla no ano 1431, e que tivo por obxecto o apresamento, así como o derrubamento dos castelos pertencentes á casa de Andrade, encabezados polo fidalgo Roi Xordo. Nesa ocasión a Irmandade foi finalmente derrotada en pouco tempo polas forzas do arcebispo de Compostela, ata onde chegou a revolta.

Restos do sepulcro de Sueiro Gomes de Soutomaior, quen combateu fortemente ós irmandiños por asegurar o seu patrimonio.

Anos máis tarde baixo as presións dos señores comezou unha revolta de dimensións moito maiores, a Gran Guerra Irmandiña, que foi organizada por Afonso de Lanzós e Diego de Lemos, baixo o lema Deus fratesque Galliciae ("Deus e os irmáns de Galiza") e que contaba co apoio das principais vilas do reino así como dos monarcas da Coroa de Castela. Era en si mesma, unha Irmandade Xeral do reino de Galiza, logrando derrubar máis de 130 fortalezas. Controlaron a totalidade de Galiza entre os anos 1466 e 1469, gobernándoa mediante Xuntas, facendo fuxir ós grandes propietarios galegos a Portugal e Castela. Porén, o apoio dos monarcas de Castela, os Reis Católicos, non procuraba acabar cos abusos económicos sobre as clases baixas galegas, senón o esmagamento total da nobreza galega e o control directo do reino de Galiza pola monarquía castelá. Derrubadas moitas das fortalezas e axustizados moitos nobres, os acontecementos obrigaron ós monarcas da coroa de Castela a actuar, virando a súa posición e apoiando incondicionalmente ós nobres galegos así coma ó arcebispo de Compostela. En 1469 o exército do arcebispo e Pedro Madruga, apoiados por tropas reais castelás e portuguesas poñía fin á segunda e derradeira Guerra Irmandiña.

Resistencia dos nobres galegos ós Reis Católicos

O rei Afonso V de Portugal, casado con Xoana, foi un firme apoio para os nobres galegos contrarios ós Reis Católicos chegando a demandar este monarca o goberno do reino de Galiza. Pintura do século XV.

A nova concepción monárquica conducida polos Reis Católicos, o chamado "Estado Moderno", foi auspiciada en Galiza polo episcopado (en primeiro lugar polo arcebispo Afonso Fonseca), así como por algúns nobres foráneos, particularmente os Pimentel, condes de Benavente, directamente ligados á monarquía. Porén esta nova concepción tivo por resultado o choque frontal con senllos condes galegos. Son destacables as rebeldías sostidas, por orde cronolóxica, por Pedro Álvarez, conde de Soutomaior (Pedro Madruga), polo mariscal Pardo de Cela, e polos sucesivos condes de Lemos, Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro.

Todos eles compartían o común denominador da forte oposición militar ó proxecto político dos Reis Católicos, proxecto que repercutía considerablemente a estes nobres e, por ende, ós seus parceiros nobiliarios e eclesiásticos no país. Este factor dotounos de unidade dabondo como para seren considerados entón (tamén dende fóra) unha acción representativa do Reino de Galiza, como entidade autónoma e resistente fronte á absorción que supuña a imposición do autoritarismo monárquico, dada a carencia de protagonismo galego neste proxecto, hexemonizado pola oligarquía aristocrática castelá-andaluza e cunha participación moi restrinxida de elementos galegos do mesmo estamento. A resistencia exercida por estes nobres foi adoptada por moitos como un carácter innato do reino e das súas xentes, así o cronista aragonés Jerónimo Zurita describiu aquela situación do seguinte xeito:

En aquel tiempo se comenzó a domar aquella tierra de Galicia, porque no sólo los señores y caballeros della pero todas las gentes de aquella nación eran unos contra otros muy arriscados y guerreros[88]

A resistencia presentada por Pedro Álvarez de Soutomaior ofrece a maior claridade de motivos políticos e de obxectivos, e foi tamén a de maior envergadura e posibilidades de éxito, por integrarse nun conflito de grandes proporcións. O pertinaz enfrontamento do conde contra o arcebispo de Santiago, Afonso II de Fonseca, xuntouse á oposición frontal contra a monarquía de Isabel a Católica. Na guerra de sucesión que segue á morte de Henrique IV adheriu á causa da súa filla, Xoana (desposada con Afonso V de Portugal) e, por tanto, a opción portuguesa fronte á aragonesa de Isabel. No decurso da guerra sucesoria mantida entre Xoana e Isabel, os contendendes estiveron a piques de acadar un compromiso que incluiría a incorporación do reino de Galiza á coroa portuguesa. A vitoria militar de Isabel e a subseguinte paz de Alcaçobas de Castela con Portugal en 1479, seguidas do exilio do conde de Soutomaior a Portugal (onde foi recompensado co título de Conde de Caminha) e a súa sospeitosa morte pouco despois, significaron o fracaso das inclinacións portuguesistas e atlánticas de Galiza.

De mîn a triste Frouseyra,
que por treyçon foy vendida,
derribada na ribeyra,
ca jamais se veo vencida.
Por treyçon tamben vindido
Jesus nosso redentor,
e por aqueestes tredores,
Pero Pardo meu señor.
Pranto da Frouxeira, século XV-XVI. Anónimo.

Anos despois, e no norte do reino, nun famoso 17 de decembro de 1483 era executado o mariscal Pero Pardo de Cela en Mondoñedo, cumpríndose sentenza polo Gobernador dos Reis Católicos en Galiza, Fernando de Acuña. Semellante final, colofón dunha longa e desproporcionada resistencia no cerco do seu castelo da Frouseira e a caída por traizón, conferíronlle un especial dramatismo ó caso, facéndoo tema idóneo para a literatura. Xa no mesmo momento do tráxico desenlace se compuxo un fermoso "Pranto da Frouseira", mitificación inmediata da súa figura.

Tras arrebatar a coroa á súa sobriña Xoana, Sabela I de Castela perseguiu e desterrou a gran parte da nobreza galega, substituíndoa por nobres chegados de Castela, iniciando así o férreo proceso de castelanización do reino de Galicia.

Dun xeito ou outro, o capítulo de Pardo de Cela inclúese doadamente na secuencia de resistencia contra o Estado Moderno e explica a dureza e exemplaridade do castigo, que sería excesivo para unha simple rebeldía motivada por intereses estritamente particulares e sen maior transcendencia política, e que espertaría temor en toda a nobreza galega. A mediados dos anos sesenta, cando a loita entre o monarca e os señores acadou a máxima tensión, o mariscal atopábase no cargo de alcalde da vila de Viveiro, noameado polo procurador do Concello para exercer como tal polo rei, no que se xuntan segundo viña sendo norma, o lexitimismo monárquico e o movemento emancipador urbano. Pardo de Cela está por tanto situado no mesmo bando de onde xurdiron, axiña, os Irmandiños. En 1465, colaboraba na supresión do señorío de Xoán de Viveiro sobre esa vila como membro do concello e en nome de Henrique IV. Unha vez vencidas as irmandades, o choque de Pardo de Cela con membros relevantes da igrexa mindoniense e, por fin, cos Reis Católicos, era continuación lóxica, xa a nivel particular, daqueles aliñamentos anteriores, pois a crecente hexemonía eclesiástica e o forte intervencionismo monárquico nos concellos, fenómenos ambos propios do Estado moderno, erosionaban as bases da súa posición social e política.

Finalmente entre 1483 e 1485 as respectivas rebelións de Pero Álvarez Osorio e de Rodrigo Henríquez de Castro, sucesivos condes de Lemos chegaban á súa fin. O primeiro finaba de morte natural, deixando pendente a resolución da discrepancia; o segundo foi cercado e derrotado ante o despregue militar persoalmente comandado polos reis de Castela e Aragón. Con esta última rebelión anulábase toda oposición nobiliar fronte á monarquía dos Reis Católicos no reino de Galiza. Ademais a derrota de Rodrigo Henríquez supuxo a remodelación do mapa de Galiza, deixando O Bierzo de formar parte do condado de Lemos e consecuentemente de Galiza.

Pero en lo que el arzobispo hizo mucho servicio al rey fue que contra la voluntad de todo aquel reino, estando todos en resistencia, recibió la hermandad en Santiago; y en un día la hizo recibir y pregonar desde el Miño hasta la mar, que fue hacer al rey y a la reina señores de aquel reino; y recibió sus gobernadores, habiendo pasado por el estado del conde de Lemos y por todos los otros sin haberlos recibido.
—(Extracto dos Annales de Aragón escrito por Jerónimo Zurita, Libro X)[88]

Sufocada xa toda oposición no reino, en 1486 os Reis Católicos visitaban Galiza, sendo o símbolo do remate dunha época, o final da Idade Media en Galiza. A consecución final do pleno dominio rexio en Galiza, o que o cronista Jerónimo Zurita chamaría “domar aquella tierra de Galicia”[88].

O reino entrou noutra fase, marcada pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, convertido nun territorio periférico da monarquía hispánica na súa proxección imperial. Supeditado a institucións alleas, introducíronse organismos novos impostos dende fóra (audiencia, santa irmandade, gobernadores, correxedores, inquisición, congregación monástica de Valladolid etc.), nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros e contando co concurso dos sectores autóctonos intermediarios e subalternos.

A provincia do Bierzo no reino de Galiza

Mapa do reino de Galiza elaborado por Gérard Mercator e Jodocus Hondius, cun detalle do mesmo no que aínda se situaba a Ponferrada como entrada do reino. 1619.

Coa fragmentación do reino de Galiza e a individualización do recente reino de León a comezos do século XII[4] as informacións sobre a adscrición do Bierzo a un ou outro reino son confusas e mesmo contraditorias. Mentres que para uns autores o reino de Galiza remataba na fronteira natural dos montes do Cebreiro, para outros facíao nas aforas da cidade de Ponferrada[89], chegándose incluso a considerar o territorio berciano como unha entidade propia debido á súa condición xeográfica limítrofe. Os séculos posteriores, porén, consolidarían finalmente o occidente do Bierzo na vida política e social galega ata finais do século XV.

O castelo de Ponferrada presenciou a loita entre as tropas de Rodrigo Henríquez de Castro e os exércitos casteláns dos Reis Católicos.

Será precisamente nese século cando o conde de Lemos, Pedro Álvarez Osorio, el mayor señor de aquel reyno de Galicia[90] sufra o acoso total dos irmandiños (incluídos os bercianos), cando máis de 30.000 deles o sitien no Castelo de Ponferrada[91], corazón do Bierzo, a súa confrontación coa Real Audiencia e os Reis Católicos sumiran o condado de Lemos nun período de inestabilidade, que a propia morte do conde no ano 1483 non conseguiría deter, senón máis ben acrecentar pois desataba abertamente unha disputa entre o lexítimo herdeiro, Rodrigo Henríquez de Castro e a súa media irmá, María Bazán, emparentada esta cos Pimentel, condes de Benavente e ferventes partidarios dos Reis Católicos, que tiñan importantes desexos territoriais no Bierzo.

Así no ano 1485, o novo conde de Lemos, Rodrigo Henríquez Osorio, facíase coa fortaleza de Ponferrada e outros lugares do Bierzo, resistindo o estado de Lemos nas súas mans ata o ano 1486, cando despois dun asedio de meses renunciaba ás súas demandas. Como castigo á rebeldía dos seus dous titulares sucesivos (Pedro Álvarez Osorio e Rodrigo Henríquez de Castro) os Reis Católicos dividiron o condado de Lemos no ano 1486, mercando eles mesmos Ponferrada e creando o marquesado de Vilafranca[92] co que serían recompensados os condes de Benavente. Recaía o Bierzo en mans castelán-leonesas, definíndose o límite entre o reino de Galiza e o de León, que pasaba a situarse no Cebreiro[92], servindo unha pedrafita como marco divisorio entrámbalas entidades[93].

Non obstante, e pese á final adscrición do Bierzo ás terras de León, non impediu que o galego continuase a ser falado polos seus habitantes e que territorio berciano continuara a ser tradicionalmente considerado parte integrante de Galiza, así escritores e humanistas como Fernán Pérez de Oliva, Jerónimo Zurita (... por las novedades que sucedían en Galicia por la ocupación de Ponferrada que se tenía por don Rodrigo Osorio conde de Lemos...)[88], Lope de Vega, e viaxeiros como Bartolomé de Villalba y Estraña, Nompar de Caumont II, Claude de Bronseval, Arnold von Harff e outros, continuaron a considerar na súa obra o Bierzo occidental como parte do reino de Galiza, aludindo a diferentes enclaves como galegos, (Ponferrada) llave e principio del reyno de Gallizia[94], (Vilafranca do Bierzo) tiene esta villa buena vega, aunque ya está en Galicia[95], mesmo afirmando firmemente que: Pont Ferrat (Ponferrada), fin d’Espagne, commencement de Galice (Ponferrada, fin de España e comezo de Galiza)[96].

Absolutismo (séculos XV ó XVII)

O reinado de Carlos V. O comezo do Absolutismo.

Durante o reinado de Carlos V (neto do emperador Maximiliano I de Habsburgo e dos Reis Católicos), o reino de Galiza pasou a ser unha peza máis do gran patrimonio europeo dos Habsburgo. Kunsthistorisches Museum.

En setembro do ano 1486 os Monarcas Católicos daban por finalizadas a medidas políticas e militares para "mandar proveer e castigar las cosas del Bierzo e del reyno de Galizia"[97].

Este ano (1486) marcaba no reino a fin do Feudalismo e a implantación do Absolutismo monárquico, marcado en Galiza pola extinción política dos sectores sociais capaces de conducir unha dinámica propia, e baixo un férreo control político-económico por parte da Coroa, que no caso galego foi parello a un proceso de asimilación cultural e relixiosa. Introducíronse no reino de Galiza novos organismos impostos dende fóra entre as que destacou a Real Audiencia de Galicia. Creada en 1480 por expreso mandado dos Reis Católicos, foi concibida como unha filial do Consello de Castela no reino de Galiza co obxectivo de conseguir a pacificación e submisión do reino —"terra de xentes recias e feroces" para o rei Fernando II de Aragón— por vías coercitivas, un instrumento de control político que preludiou ás institucións deseñadas para o goberno de reinos periféricos ou de vicerreinados das Indias. A súa condición foránea quedou patente no escaso número de alcaldes maiores de orixe galega (non máis dun dous por cento entre os séculos XVI e XVII, chegando ó 15% no século XVIII).

Pola súa parte, as Xuntas do reino de Galiza, fundadas pola Santa Irmandade galega, foron reorgarnizadas dende enriba polos gobernadores católicos, Fernando de Acuña e López de Chinchilla, deixando de posuír poder executivo e lexislativo. Deste xeito o reino de Galiza entrou na Idade Moderna sen contar con institucións autónomas que lle puidesen garantir a súa personalidade política secular. A diferenza doutros reinos peninsulares, soportou un proceso de asimilación moi temperán que impediu polo seu carácter a presenza activa de Galiza no proceso de constitución das monarquías absolutistas europeas, condicionando de forma determinante os cambios políticos, económicos e culturais experimentados pola sociedade galega[98].

A política de Filipe II no reino (1556-1598)

O reinado Filipe II de Habsburgo afondou a crise económica, social e cultural do reino de Galiza. Retrato do monarca pintado por Alonso Sánchez Coello. Museo do Prado.

En 1556 Carlos V abdicaba do trono, repartindo os seus dominios entre o seu irmán Fernando I de Habsburgo, e seu fillo Filipe II, supoñendo na práctica, a desaparición do imperio europeo dos Habsburgo, e da perseguida idea dunha monarquía católica universal. Deste xeito Fernando recibía todo o Sacro Imperio Romano Xermánico así como Hungría e Bohemia, mentres Filipe herdou os Países Baixos, Nápoles e Sicilia, a Coroa de Aragón e a de Castela (e con ela, pois, o goberno do reino de Galiza).

Os 42 anos de reinado de Filipe II estiveron marcados dende o primeiro pola guerra (contra os Países Baixos, Francia, Inglaterra, Portugal e o Imperio Otomán), motivada esta pola ambición persoal do monarca que tentou non só evitar a perda do seu patrimonio territorial, senón incluso expandir os seus dominios, creando un campo de batalla por todo o Atlántico e norte de Europa que acarreou nefastas consecuencias non só económicas, senón tamén sociais e humanas para o reino de Galiza.

Coa súa cruzada particular contra os luteranos (a Contrarreforma) a monarquía católica dos Habsburgo frustrou no eido relixioso e cultural a participación do reino de Galiza nos tres procesos revolucionarios máis importantes da época; a Reforma, a apertura ó "Novo Mundo" e a revolución científica, ordenando implantar Filipe II en 1562 o "Santo Oficio" (a Inquisición) no reino de Galiza[99], despois das tentativas que xa Carlos V levara a cabo pero que ante a oposición do clero galego non chegaran a callar.

A Inquisición foi un aparello de represión relixiosa e cultural sen precedentes, que empezou a funcionar en Galiza a partir do ano 1575 da man do inquisidor castelán Francisco Quijano de Mercado, tendo por obxectivo a non "contaminación" do reino de Galiza por parte das ideas reformistas (luteranas) que chegaban da man de comerciantes ingleses, neerlandeses e franceses ós portos galegos. Esta situación tamén tivo graves consecuencias comerciais, pois a Inquisición era a encargada de revisar os buques mercantes, impoñéndolles dereitos de visita e condenando á fogueira a aqueles mariñeiros susceptibles de seren protestantes e incluso propoñendo o peche de todos os portos galegos para evitar a asimilación relixiosa. Tales medidas acabaron por colmar a paciencia dos habitantes de prazas como A Coruña, onde en 1589 se chegou a pedir o cese da actividade inquisitorial no porto ante a gravísima redución do tráfico marítimo na cidade.

Batalla entre as frotas navais de Filipe II de Habsburgo (alcumada a "Armada Invencible") e Isabel I de Inglaterra en 1588, saíndo vitoriosas estas últimas.

Continuación da expulsión dos xudeus (30 de maio de 1492), a persecución lingüística (prohibíndose en 1566 o uso da lingua árabe na Coroa e obrigándose a adopción do castelán) e relixiosa no reinado de Filipe II derivou tamén en limpezas étnicas como a acontecida en 1568 no reino de Granada (liderada polo proclamado rei granadino Muhammad ibn Umayya) concretamente nas Alpujarras, ordenándose a dispersión de 80.000 granadinos musulmáns por toda a Coroa, e introducindo cristiáns no seu lugar. Miles de familias galegas foron enviadas con tal propósito ás Alpujarras entre os anos 1572-1577, fenecendo a maior parte delas polo camiño.

Rodrigo Montero, clérigo, cura y rector del fuerte de S.Felipe (..) declara que (..) las armadas del rey nuestro señor, por muchas veces an estado ansy de ynvierno como de verano en el puerto de la dicha villa de Ferrol (..) an echo muy grandes daños a los vecinos de la dicha villa de Ferrol (..) como les tomaban las casas donde ellos vivían y les echaban fuera de ellas y les azían que fuesen buscar otas casas (..) han decepado y cortado sus viñas rompiendo sus muros (..) asimismo decepado y talado los montes y madera que en ellos avia(..)tomaban por fuerza los barcos a los vecinos de la dicha villa de Ferrol y les azían a sus amos yr con ellos para el servicio de las dichas reales armadas (..) impidiendo con los dichos servicios que no pudiesen ir a pescar y sustentarse a si y a sus mugeres e hijos (..) comiendoles y destruyendoles ansimismo las frutas de sus arboles y los repollos y berzas y nabos y mas lelgumbres de sus guertas (..) sacandoles ansimismo las tablas y madera de sus casas par el reparo y beneficio de los dichos navios (..)[100].
— (Rodrigo Montero, 2 de setembro de 1603.

No eido bélico, a forte militarización motivada pola guerra contra os Países Baixos (estratéxicos e moi rendibles para a coroa), contrastaba coa indefensión que posuía o reino dende que os Reis Católicos ordenaran derrubar as fortalezas para evitar un levantamento do reino. Así, en 1580 a Xunta do Reino de Galiza solicitaba a Filipe II tropas e defensa na costa, meses despois comezábase un forte recrutamento, sen embargo non para a protección do reino, senón para o ataque a Portugal en favor da candidatura de Filipe ó trono portugués. A pesar das demandas, a campaña militar contra Portugal non correu a cargo por militares profesionais acantonados na Coruña, Baiona ou Ferrol pagados pola coroa, senón por levas populares, apenas provistas de armamento e costeados integramente polos propios nobres galegos tales como Pedro Fernández de Castro, ou polo conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga y Azevedo entre outros.

A guerra contra Inglaterra (1585-1604) motivada polo tradicional apoio inglés a Portugal e os Países Baixos, tamén tivo consecuencias desastrosas para o reino de Galiza; por unha parte debido á ruptura das relacións comerciais co norte de Europa —que dende a Idade Media propiciaran enorme riqueza no reino—, mais tamén polo inicio de constantes ataques por parte de Inglaterra co obxectivo de acabar coas expedicións marítimas que Filipe II enviaba, tales como a alcumada "Armada Invencible" (1588). Estas empresas bélicas da coroa supuxeron a completa ruína a vilas galegas como Ferrol, onde a reparación das armadas era sufragada pola poboación civil que arruinada, era expulsada das súas casas polos soldados que incautaban todas as súas colleitas e bens, obrigando ós mariñeiros a traballos forzados. Tamén as cidades como A Coruña acabaron por recibir os ataques de frotas inglesas coma a de Francis Drake (1589)[101], recaendo principalmente a protección en levas populares, e nas que se inseriron xestas heroicas como a de María Pita.

Os derradeiros Habsburgo (1598-1700)

Capa da obra "Descripción de la costa del reyno de Galizia", cartografía da costa do reino, realizada por Pedro de Teixeira Albernas por volta de 1625.

A morte de Filipe II en 1598 non supuxo grandes cambios político-sociais no reino, senón o agravamento da precariedade e da pobreza. Se ben é certo que o reinado de Filipe III de Habsburgo (1598-1621) estivo marcado por unha política exterior moito máis conciliadora e pacífica cá do seu pai, con todo, en xeral o século XVII (reinados de Filipe IV e Carlos II) presenciou as crudelísimas guerras contra os Países Baixos, Inglaterra, Francia e especialmente Portugal, que tiveron un impacto social e económico destacable.

Así, mentes o conflito contra os otomanos tivo a súa maior repercusión no reino co ataque devastador ás rías Baixas en 1617, o impopular conflito contra Portugal (1640-1668) e a guerra emprendida polos monarcas Habsburgo contra os Países Baixos supuxeron durante décadas, unha incesante sangría de campesiños —levas— que eran enviados á fronte. Frei Felipe de la Gándara, cronista oficial do reino de Galiza denunciaba que só en 25 anos (entre os anos 1624 e 1659), "el dicho reino de Galicia ha servido en el tiempo del glorioso reinado de su majestad (Felipe IV) hasta el dicho año de 1659 con más de 68.000 hombres, y con 18.001.000 ducados"[102].

Os efectos da guerra tamén se fixeron notar na economía, o reino continuou a sufrir de xeito importante a parálise comercial con todos os seus tradicionais clientes vía marítima; Inglaterra, Francia, Flandres, mais de xeito especialmente grave co seu principal cliente, Portugal, cuxa fronteira estivo pechada durante máis de tres décadas, debido á guerra coa que os Habsburgo pretendían impedir a independencia do reino luso. As disposicións dos monarcas hispánicos en contra da comercialización da madeira no reino, tamén contribuíron a afondar a crise, de xeito que mediante a imposición da figura do "juez de plantíos y dehesas" a coroa reservábase os dereitos sobre as explotacións forestais galegas para a construción de navíos de guerra mentres que os seus habitantes chegaban a ser arrestados pola simple recollida de leña para quentar os seus fogares tal e como denunciou a Xunta do Reino.

Pedro Fernández de Castro e Andrade, VII Conde de Lemos, figura crucial na defensa dos intereses do reino de Galiza.

Á xa desfavorable política dos monarcas, uníronse tamén os efectos das pestes de 1568 e 1598 —nesta última con máis de 6.000 mortos só en Compostela—, así como as malas colleitas de 1629 e 1648. Nun reino onde ademais a coroa, o clero e os nobres posuían a maioría das terras, a consecuencia máis inmediata desta depresión económica foi a emigración principalmente cara a Castela —especialmente á capital madrileña—, que máis tarde se fixo extensiva a Portugal, Andalucía e América, ben en traballos especializados como canteiros, seitureiros, telleiros, ben en traballos de menor rango como criados ou augadores. A emigración incidiu na imaxe que en Castela se tiña dos galegos, popularizándose numerosos refráns e obras burlescas contra estes: "A gallego pedidor, castellano tenedor"[103], "Venga el gallego a segar, miserable jornalero, que los hombres de Castilla tienen el trabajo a menos"[104], "Una gallega me sirve, y sirve como gallega"[105].

(...)Pálido sol en cielo encapotado,
mozas rollizas de anchos culiseos,
tetas de vacas, piernas de correos,
suelo menos barrido que regado;

campo todo de tojos matizado,
berzas gigantes, nabos filisteos,
gallos del Cairo, búcaros pigmeos,
traje tosco y estilo mal limado;
(...)
asperos collados es lo que llaman reino de Galicia[106]

Luis de Góngora. Sonetos completos

Paralelamente ó descrédito das clases humildes, a aristocracia galega, e ata o reino, foron tamén tamén obxecto de desprezo, pois a incorporación forzosa á corte castelá que os Reis Católicos impuxeran ós nobres galegos, desembocará co tempo na adquisición de importantes responsabilidades e grandes cargos para estes na administración castelá, espertando o receo e indignación polos propios nobres casteláns entre outros. Desde os seus grandes cargos de embaixadores ou vicerreis, para os grandes nobres galegos a privación de dereitos lexítimos para o reino de Galiza, coma o voto en cortes ou o mantemento do voto de Santiago —que chegou a perigar neste século—, supoñía unha auténtica aldraxe non só ó súa propia honra, senón tamén ó reino, que consideraban o máis antigo reino cristián da península en oposición á maioría de reinos peninsulares de ascendencia mourisca e hispano-musulmá.

Para desacreditar as reclamacións galegas, numerosos escritores da literatura castelá do Siglo de Oro (tales como Quevedo, Luis de Góngora ou Lope de Vega) participaron nunha campaña de deslexitimación do reino de Galiza e os seus habitantes o que supuxo un maior factor de confrontación Galiza-corte e que desencadearía o desterro do VII Conde de Lemos e talvez o seu asasinato en Madrid no ano 1634.

A recuperación do voto do Reino de Galiza nas Cortes (1623)

Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, foi un dos principais defensores do voto do reino de Galiza nas cortes. Embaixador humanista e grande amante da lingua e cultura galega, foi un dos homes máis apreciados no reino e respetados do estranxeiro. Retrato, século XVII.

A partir do reinado de Xoán II de Castela o Reino de Galiza deixa de ser chamado ás Cortes e, aproximadamente, dende 1476 Zamora era a cidade encargada de falar por el na asemblea da coroa de Castela[107]. Mais dende 1518 as cidades e vilas galegas comezaron a mobilizarse para recuperaren o seu voto lexítimo nas Cortes, contradicindo os dirixentes galegos a potestade de Zamora de falar no nome do Reino de Galiza.

A recuperación do voto en Cortes foi un obxectivo compartido polas oligarquías urbanas e os magnates galegos. En 1520 o arcebispo de Santiago, Alonso de Fonseca, o conde de Andradre e o de Benavente reclamárono durante a celebración das Cortes de Santiago sen obteren resultado. Con todo, o compromiso das elites galegas propiciou que o 4 de decembro de 1520, nobres e prelados do reino reunidos na Asemblea de Melide, dirixida polo arcebispo de Santiago, Alonso III de Fonseca, insistisen na reclamación ó emperador no tema do voto; porén, Carlos I rexeitou dotar a Galiza de voto nas Cortes unha vez máis[108].

Un ano despois da negativa do emperador, as cidades galegas toman a iniciativa, e no ano 1557 unha Xunta do Reino oferta 20.000 ducados polo que xa de por si era un voto lexítimo nas Cortes. A aspiración seguiu a ser recollida por sucesivas xuntas ata que no 1599 a Audiencia accedeu ó desexo das sete capitais e convocounas para tratar en exclusiva o asunto. Dous comisionados encargáronse de facer en Madrid as xestións pertinentes, mais as súas novas ofertas pecuniarias foron rexeitadas.

De enpregarme en causas de seu serviço con muyta certeça que ninguen con tanta vontade como eu aservirá, que en miña conciança que, quando eu non tibera a obrigaçon que o mundo save pola nobreça que en Vmd ("vosa mercede") coñeço o fijera A esos meus señores seus fillos de Vmd e primos meus ueyjo infinitas ueçes as mans e deus os faga en todo seus fillos de Vmd e de miña senara Dona Costança. A quens garde noso señor como eu seu criado desejo. Çamora, oje, sabado. Seu sobriño de Vmd. Don Juan de Lanços y de Andrade'
— Ano 1598. Carta en galego remitida a Diego Sarmiento de Acuña

Non obstante, dende 1621 apareceron as circunstancias precisas para o éxito da aspiración do reino galego. A Monarquía necesitaba a cooperación política e financeira dos seus reinos para soster o esforzo bélico (fin da Tregua dos Doce Anos)[109]. A oligarquía urbana e a nobreza galega foron quen de aproveitar a ocasión, e a pesar da resistencia de Zamora e o afán exclusivista das demais cidades con voto en Cortes, a Coroa sacrifica "la conveniencia política en aras de la necesidad militar", e no ano 1623 o reino de Galiza recupera o voto, despois —iso si— de pagar 100.000 ducados para construír unha escuadra que defendera as súas propias costas. A influencia de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, foi decisiva para recuperar o voto, e que Filipe IV fixera mercede de tal o 13 de outubro de 1623. A Xunta de 1621, a proposta do marqués de Cerralbo, gobernador do Reino, ofreceu os 100.000 ducados e ó conceder o voto en 1623 os procuradores galegos, conde de Salvaterra e D. Antonio de Castro e Andrade, asistiron ás Cortes convocadas para o 18 de marzo dese ano. Ámbolos dous foron nomeados por Frei Antonio de Soutomaior e o conde de Gondomar, os cales xogaron un relevante papel na obtención do voto. Desta maneira, o reino recuperaba un dereito de seu que durante 150 anos lle fora despoxado.

A instauración dos Borbóns (século XVIII)

A batalla de Rande en Vigo (1702), foi un dos escenarios bélicos mais importantes entre os borbónicos e as armadas inglesa e holandesa. Pintura de Ludolf Backhuysen.

Morto sen herdeiro Carlos II de Habsburgo en 1700, estalou unha guerra entre quen apoiaban o francés Filipe V de Borbón como sucesor (principalmente a coroa de Castela e Francia) e os que apoiaban o arquiduque austríaco Carlos VI de Habsburgo (a Coroa de Aragón, Inglaterra e Holanda entre outros). En realidade a loita entre estes dous pretendentes reais supuña na práctica, a loita entre dúas concepcións políticas: o centralismo absolutista —de corte francés— representado por Filipe V de Borbón e o federalismo monárquico de Carlos VI de Habsburgo. Nesta longa guerra peninsular (1701-1714) entre as coroas de coroa de Castela e Aragón, o reino de Galiza non puido dispor dunha política propia ó estar desde 1486 ferreamente controlado por Castela, polo que as tropas e prazas galegas tiveron que servir ó pretendente apoiado pola coroa castelá, é dicir a Filipe V de Borbón que gañou finalmente 1714.

Portada da Cédula de Comercio a favor da Compañía de Comercio del reyno de Galicia, 1734.

Desde o punto de vista político, o resultado de tal contenda bélica foi a instauración dunha monarquía que asentándose na corte castelá, desenvolveu unha política caracteristicamente uniformadora, e que tivo a súa máxima expresión nos "Decretos de Nueva Planta" (1707-1716) que tiñan por obxecto castigar á Coroa de Aragón, eliminando os seus órganos de autogoberno e impoñendo unha Audiencia —como acontecera 200 anos antes no reino de Galiza—. Suprimíndose as antigas coroas, Castela e Aragón, en 1715, creábase a "Coroa de España" que rexida unicamente por órganos de goberno casteláns, especialmente polo Consello de Castela. Por outra parte os Borbóns instauran o modelo francés de "Intendencias provinciais" sobre os seus territorios, asumindo o reino de Galiza unha Intendencia, e estando baixo o mando dun Capitán Xeneral.

Neste período o reino de Galiza adquiriu un gran valor estratéxico dentro dos ambiciosos plans, políticos, económicos e militares dos Borbóns. Aproveitando o remate da guerra de Flandres e Portugal e o tratado de Utrecht (1712-1714) unhas das primeiras medidas foi a creación dun grandioso arsenal na vila mariñeira de Ferrol en 1749 co que despois dos ataques británicos de 1743 e 1745, pretendíase garantir entre outras cousas o rentabilísimo negocio que para a coroa supuña o comercio coas Américas (Novo México, Rio de la Plata etc.) e que pola situación contribuiu ó crecemento de cidades portuarias como Vigo e A Coruña.

Paralelamente a partir de 1750, comezou a ser Galiza obxectivo de gran número de fomentadores, cataláns maiormente, que introduciron a técnica do salgado e prensado de sardiña, produto que se enviaba a Castela e ó Levante, e que parcialmente supuxo o despegue da industria pesqueira galega, non exenta de gran controversia debido ós abusos que recibían os mariñeiros e que os levaron a importantes disputas cara a 1775. En termos xerais a fisonomía demográfica e urbana do reino mudou excepcionalmente neste século de grandes avances técnicos, o uso xeralizado da pataca tamén tivo grande importancia desde 1785.

No terreo cultural e lingüístico destacaron as uniformadoras políticas centralistas dos Borbóns, que se manifestaron en severas e explícitas leis para acabar coa diversidade lingüística nos reinos que como Galiza tiñan un idioma propio diferente do castelán:

Finalmente mando que la enseñanza de las primeras letras, latinidad y retórica se haga en lengua castellana, cuidando de su cumplimiento las Audiencias y justicias respectivas[110]. 23 de maio de 1768. Carlos III de Borbón.
Para que en todo el reyno se actúe y enseñe la lengua castellana (...) y a este efecto derogo y anulo todas qualesquier resoluciones o estilos que haya en contrario[111]. 23 de maio de 1768. Carlos III de Borbón.
En ningún teatro de España se podrán representar, cantar ni bailar piezas que no sean en idioma castellano[112]. 28 de decembro de 1799. Carlos IV de Borbón.

A Ilustración no reino (1746-1788)

No século XVIII, o reino de Galiza, coma o resto da Europa, veu xurdir un movemento que representou un novo interese polas ideas empíricas na filosofía, na política económica, nas ciencias como a física, a química ou a bioloxía e que se coñece co nome de Ilustración. Neste contexto comezou un proceso de construción e recuperación da conciencia da personalidade histórica, cultural e económica do reino de Galiza da man dos ilustrados galegos, persoeiros de letras que entendían a Galiza como unha sociedade diferenciada e como reino con necesidades específicas.

Retrato de Frei Martín Sarmiento.
No pocas veces he pensado en cual ha sido la causa de que en Galicia se haya introducido el uso o abuso de escribir en castellano, (..) ¿quien lo introdujo? (..) No los gallegos, sino los no-gallegos, que a los principios del siglo XVI inundaron el Reino de Galicia, no para cultivar sus tierras, sino para hacerse carne y sangre de las mejores, y para cargar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles; esos han sido, los que por no saber la lengua gallega, ni por palabra ni por escrito, han introducido la monstruosidad de escribir en castellano, para los que no saben sino el gallego puro
— Ano 1762.Obra de los 660 Pliegos. Martiño Sarmiento

Na gran tarefa de modernizar o reino, de aproveitar os seus recursos humanos e naturais, tiveron un destacado papel as sociedades e academias galegas, tales como Academia de Agricultura del Reino de Galicia (inaugurada o 20 de xaneiro de 1765), a Sociedad Económica de Amigos del país del reino de Galicia (15 de febreiro de 1784) ou as Sociedades de Amigos do país de Santiago (1784) e Lugo (1785), así como ambiciosas prospostas como o Real Montepío de Pescadores del reino de Galicia (1775). Os ilustrados foron os primeiros en denunciar as penurias do reino, a maior parte delas derivadas da negativa política que nel levaron a cabo o Reis Católicos e os Habsburgo, de xeito que se denunciou o estado das vías de comunicación, as importacións innecesarias, a masiva emigración, as políticas de aculturización lingüística e en definitiva a marxinación económica do reino, conseguindo con elas éxitos como a constitución na Coruña do Consulado Marítimo e Terrestre habilitándose a cidade para comerciar coas colonias americanas.

Pola súa enorme contribución á lingua e cultura do reino destacan dous eclesiásticos, Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro e Martín Sarmiento: o primeiro denunciou antes ca ninguén a miseria de sector campesiño galego propoñendo cambios na administración do reino; o segundo, con amplos coñecementos de botánica, medicina natural e arquivística, dedicouse á filoloxía -Catálogo de voces y frases de la lengua gallega (1745-1755)-, sendo un aférrimo defensor do galego (idioma do reino), erguendo a voz contra aqueles que trataban de desprestixialo. No eido económico destacan, entre outros, aristócratas (fidalgos) tales como José Cornide Saavedra, Pedro Antonio Sánchez ou Lucas Labrada, ecleciásticos como Francisco de Castro e comerciantes como Antonio Raimundo Ibáñez, ós que se deben numerosas obras de vital importancia no desenvolvemento económico tales como Memoria sobre la pesca de la sardina en las costas de Galicia (1774) e a Descripción económica del Reino de Galicia (1804).

As Guerras Napoleónicas (1807-1809)

Pintura realizada no século XIX, que ilustra a batalla de Elviña (A Coruña), entre os exércitos británico e francés.

Co obxectivo de impedir que a revolución francesa (1789) e o republicanismo se espallaran por toda a Europa monárquica, as potencias occidentais (Reino Unido, Prusia e Austria entre outras) declararon a guerra a Francia no ano 1792[113] motivando con isto o maior conflito bélico de Europa previo á Primeira Guerra Mundial, denominado como as Guerras Napoleónicas que durou entre os anos 18031815.

A priori esta situación de guerra, non afectou de cheo ó reino de Galiza —polo menos desde un primeiro momento— dada a connivencia e tradicional bo entendemento entre os Borbóns —que rexían a coroa española— e Francia. A estreita relación entre Napoleón Bonaparte e Carlos IV de Borbón chegou a tomar forma en varios tratados secretos coma os de San Ildefonso (1796), Aranjuez (1801) e Fontainebleau (1807). Con esta última alianza, asinada o 27 de outubro de 1807, Francia e a Coroa española acordaban invadir Portugal e repartirse o reino veciño en 3 zonas, para o que as autoridades españolas terían que permitir a entrada de 65.000 soldados franceses que irían a tomar Lisboa.

Selado o pacto, o 9 de febreiro de 1808, comandadas polo xeneral Guillaume Philibert Duhesme os exércitos napoleónicos cruzaron os Pireneos e comezaron a controlar gran número de localidades na península, actos de grande impopularidade que remataron co destronamento de Carlos IV e o seu valido Godoy o 8 de marzo de 1808 por parte do seu fillo Fernando VII e os seus partidarios. Carlos IV púxose baixo a protección de Napoleón, e este á súa vez concertou unha cita con Fernando VII en Bayonne a principios de maio do mesmo ano, co gallo de reconciliar a ambos e atopar unha saída ó conflito. Sen embargo, as esperanzas de Fernando VII de recibir o respaldo de Napoleón fracasan, e o xeneral corso logra avidamente que ambos monarcas —pai e fillo— renuncien ó trono en favor seu a cambio dunha suntuosa fortuna. Inxenuamente cautivo de Napoleón, Fernando VII vese obrigado a ceder o trono, que pasou finalmente ó irmán do emperador, Xosé I Bonaparte, o 4 de xuño de 1808.

Aínda que presentada como unha sucesión legal, as Xuntas do Reino de Galicia negábanse a obedecer os ditames do goberno colaboracionista de Madrid, e preparándose para a guerra contra Napelón, declarábase soberana a comezos de xuño: Ha determinado la Junta, después del más detenido examen, resolver y declararse por Suprema y Gubernativa en el Reino de Galicia (..) lo cual se noticia a las ciudades, advirtiéndolas que no obedezcan las órdenes que se les comuniquen por el gobierno actual de Madrid[114]. Organizada primeiramente na Coruña, o reino de Galiza mediante a súa Xunta Suprema, estableceuse como órgano soberano de goberno, que adquiriu por si mesma absolutas competencias como nunca antes tivera na Idade Moderna; lexislativas, executivas, fiscais, diplomáticas e militares. Isto permitiu ó reino, contar cun exército propio e unha diplomacia internacional que lograba unha alianza militar co Imperio británico en xuño do mesmo ano, do mesmo xeito establecía contactos con Portugal e outros territorios parcialmente baixo dominio francés.

Os acontecementos bélicos permitiron ó reino de Galiza verse libre de ocupación francesa ata que finais do ano 1808, Napoleón cruzaba en persoa os Pireneos ó mando de 200.000 soldados (a chamada Grande Armée) enviando a Galiza unha parte dese exército (53.000 homes) baixo o mando dos xenerais Jean-de-Dieu Soult e Michel Ney que penetraron no reino hostigando ás tropas británicas ó mando do xeneral escocés Sir John Moore —que se retiraban á Coruña—[115]. Axiña e sen apenas derramamento de sangue, capitularon varias cidades galegas: Lugo (9 de xaneiro de 1809), Betanzos (día 11), Compostela (día 17), A Coruña (día 19, tras a batalla de Elviña), Ourense (día 20), Pontevedra e Ferrol (día 26).

Aparentemente conquistada Galiza e coas tropas de Soult de camiño a Portugal, a Xunta Suprema estableceuse en Lobeira comezando a reorganizar o exército galego, creando milicias e rexementos por todo o reino e hostingando ás tropas de Michel Ney. En cuestión de semanas o exército galego apoiado polo marqués de la Romana, ó mando de Cachamuíña, Paulo Morillo e outros altos mandos emprendian unha vitoriosa campaña bélica que os levaría a liberar Vigo o 28 de marzo de 1809 e Tui o 27 de abril. A vitoria dos rexementos galegos sobre as tropas de Michel Ney en Ponte Sampaio o 9 de xuño de 1809, obrigaría finalmente ós franceses a abandonar o reino en xullo do mesmo ano. En apenas seis meses, o reino de Galiza convertíase no primeiro reino de Europa que conseguira expulsar ás forzas de Napoleón, as tropas galegas pasaban a ser símbolo de resistencia e coraxe na guerra, tal como exemplificaron as loubanzas do duque de Wellington:

"Guerreiros do mundo civilizado!, aprendede a selo do Cuarto Exército Español, formado por soldados galegos que teño a honra de mandar; cada soldado del merece con máis xusto motivo ca min o bastón que empuño; o terror, a morte, a arrogancia e a serenidade, de todo dispoñen ó seu antollo!. Españois!, adicádevos todos a imitar ós inimitables galegos!".[116]

A Disolución do reino de Galiza (1833)

Un 30 de novembro de 1833, a raíña María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias desposuía do título de "reino" a Galiza, despois de catorce séculos de existencia. Retrato de María Cristina de Borbón.

Libre de ocupación francesa desde xuño de 1809, o reino de Galiza víase a comezos do século, pouco tempo despois, atacado por outra ameaza ben distinta, o liberalismo español. Aínda que opostos á ocupación napoleónica e o espallamento revolucionario de Francia, paradoxalmente os liberais españois adoptaron para si as liñas mestras do programa xacobino francés[117]: burocracia centralizada, mercado interior, fiscalidade común, creación de departamentos administrativos e homoxeneización xurídica, lingüística e cultural.

Adoptado o esquema xacobino, o liberalismo español propoñía suprimir toda identidade dos reinos históricos como Galiza, que no seu ideario obstaculizaban esta uniformización "moderna" na construción dunha "nación española, única e indivisible" a ambas as beiras do Atlántico. Desta maneira, todo o poder debía ser centralizado en Madrid (Castela), e o idioma e leis castelás substituísen ó resto de leis e idiomas vixentes na coroa.

Coa Constitución de Cádiz, asinada en 1812, os liberais conseguiron impoñer as súas teses centralistas, abríndose un período de disolución de todo particularismo que remataría coa eliminación do reino de Galiza en 1833.

No período previo a 1833, o reino de Galiza perdeu todas atribucións políticas, económicas, militares e diplomáticas, que poucos anos antes lle permitiran repeler os exércitos napoleónicos. Despois de rexeitar todas as peticións da Xunta do Reino de Galiza, por manter unha única xurisdición, a corte de Madrid asinaba despois de varios proxectos a división do reino en catro xurisdicións/provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra de acordo co proxecto de Javier de Burgos[118]. O 30 de novembro de 1833[119], Galiza perdía a súa condición de reino, dividido en meras provincias, pasando a formar parte do acabado de crear "reino de España".

Consecuencias

Non obstante, este férreo proceso centralista creou en Galiza unha forte reacción política e social, foi o chamado “provincialismo[120], que esixía a devolución dunha entidade política para Galiza así como a recuperación dun goberno que acabara co colonialismo de España —segundo os provincialistas—[121].

Neste clima estalou unha sublevación militar en Lugo o 2 de abril de 1846[122] á que se adheriron importantes provincialistas galegos como Antolín Faraldo, que tres anos antes puxera sobre a mesa o debate da independencia de Galiza. Contrarios ó goberno de Ramón Narváez y Campos, os sublevados esixiron, entre outras, a reinstauración do reino de Galiza, rebelándose contra a Corte de Madrid e convocando na mesma capital galega un 15 de abril de 1846, a Xunta Superior do Reino de Galiza.

A Revolución de 1846 estendeuse desde Lugo ata Compostela, Vigo e Pontevedra, sendo coñecida en Madrid co nome de Revolución Gallega. Despois de que os sublevados comandados por Miguel Solís —capitán xeneral de Galiza— derrotaran ás tropas do xeneral Francisco Puig Samper (13 de abril), os acontecementos mudaron, chegando de Madrid as tropas gobernamentais ó mando do xeneral José Gutiérrez de la Concha. Tan só dez días despois, tiña lugar a batalla de Cacheiras (23 de abril) onde os insurrectos galegos foron esmagados polas tropas de La Concha. Fuxidos algúns, os capturados foron fusilados en Carral por temor a unha insurrección popular na Coruña a favor dos revolucionarios. Dese xeito remataba a Revolución galega, mais o provincialismo espallábase por todo o país, e os fusilados foron honrados e recordados como "os Mártires de Carral". As proclamas de Antolín Faraldo, dunha profunda perspectiva histórica, marcaron o comezo das reivindicacións políticas da Galiza contemporánea:

Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va á levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país, se consagrará constantemente á engrandecer el antiguo reino de Galicia (...) Despertando el poderoso sentimiento de provincialismo, y encaminando á un solo fin todos los talentos y todos los esfuerzos, llegará á conquistar Galicia la influencia de que es merecedora, colocándose en el alto lugar al que está llamado el antiguo reino de los suevos.[123]

Símbolos do reino

O león púrpura, emblema dos reis

Miniatura románica de Afonso VIII, rei de Galiza e León. Na parte superior apréciase a súa titulación orixinal, Rex Legionensium et Gallecie e na inferior o león púrpura símbolo da monarquía galaico-leonesa.

O costume de pintar formas heráldicas nos escudos de guerra, forxouse en Europa nos campos de batalla, non antes das décadas centrais do século XII, debido a unha confluencia de circunstancias de natureza moi diversa; unha delas foi a necesidade de diferenciar ó aliado e ó adversario na batalla, pois a difusión do casco con nasal, impedía tal, ocultando parcialmente o rostro dos combatentes, mais tamén debido ó gran valor ornamental dos escudos decorados con cores vivas, nítidas e alternadas, no contexto do que foi a sociedade cabaleiresca.

Os primeiros sinais heráldicos serían empregados polos reis, como un distintivo persoal co que se identificasen, ó pouco tempo comezarían a ser compartidos polos niveis sociais superiores pertencentes á dignidade real, e finalmente terminarían representando tamén ó territorio no que estes exercían a súa xurisdición, o reino.

Un dos primeiros reis europeos en facer uso deste sinal heráldico foi o galego Afonso VII, o Emperador, quen a comezos do século XII comeza timidamente a empregar o león púrpura conforme o seu vello simbolismo, o leo fortis (o forte león que simbolizaba a potencia e primacía do monarca), desenvolvéndose co seu fillo Fernando II e reafirmándose por fin en termos propiamente heráldicos con Afonso IX.

Este novo símbolo que fora adoptado polos seus herdeiros, monarcas de Galiza e León, non pasou así e todo a representar unicamente ó reino de Galiza, senón a ambos reinos, pois era en ambos que os reis exercían o seu goberno, como se dunha unidade se tratase, sendo Compostela a cabeza cultural e relixiosa mentres que a cidade de León era a política e militar. A unión persoal que os reinos de Castela-Toledo e Galiza-León comezaron a manter dende o século XIII non propiciou de ningunha forma que os reinos de Galiza e León deixasen de compartir o símbolo dos seus propios reis, así trala usurpación do castelán Fernando III, o leo fortis púrpura seguirá a ser o emblema que apareza no SEYELLO DA IRMANDADE DOS REINOS DE LEON E GALICIA, e formará dende entón parte do cuartelado que os reis empreguen, xa dende Castela.

O Cáliz, emblema do reino

Escudo do Rei de Galiza segundo o armorial inglés Segar’s Roll, s. XIII. Esta é a primeira representación do escudo, nacido da confusión entre Galice —en lingua anglonormanda o nome do país— e cáliz[124].

Paralelamente ó proceso de desenvolvemento e consolidación dos emblemas reais europeos, nacían a finais do século XIII as primeiras compilacións dos mesmos, os armoriais, onde aparecían unha relación de reinos e das respectivas armas empregadas[124]. No caso de Galiza, a antigüidade e proxección da que durante séculos gozou o reino e os seus reis, levou a que a súa representación heráldica fose ineludible en calquera armorial temperán (non así os máis recentes reinos de Castela e León), non obstante a inexistencia dunhas armas exclusivas de Galiza nese momento orixinou un baleiro que os heraldistas salvaron asignándolle unhas armas parlantes, é dicir a identificación simbólica coa fonética[124].

Foi o armorial inglés coñecido como Segar’s Roll, realizado no ano 1282, o primeiro que asignou ó rei ('roy de Galyce) e reino de Galiza un símbolo, o cáliz, debido á ecuación fonética Galyce (Galiza) e calice (cáliz) que se dá na lingua anglonormanda. A partir de entón os diferentes armoriais europeos comezaron a asignar o cáliz como emblema do reino, ata que a mediados do século XV, este símbolo chegou a territorio galego, onde será axiña aceptado. Conseguintemente o antigo león púrpura perdía o carácter representativo da antiga monarquía galaico-leonesa en favor do seu máis coñecido carácter parlante, sendo adoptado en exclusiva polo reino de León a partir do mesmo século.

Os séculos posteriores definirían esteticamente as armas heráldicas, copón dourado en campo azur nun principio, e ó que paseniñamente se irán sumando cruces, o cáliz ou copón converterase nunha copa eucarística, cambiando a cor de fondo dependendo do contexto de uso e engadindo o restante o lema Hoc, hic, misterium firmiter profitemur[124].

Cómpre salientar que por ignorar ata o máis substancial dos procesos que quedan enunciados, non foron poucos os autores que ó longo do tempo creron erroneamente que o emblema heráldico galego tivera unha orixe remota, indeterminada, ou simplemente que con anterioridade puidera haber outros de carácter semellante e idéntica significación. Algúns historiadores dos séculos XVI e XVII, por exemplo, puxeron en circulación fabulosas invencións[125], como a do tantas veces repetido "dragón verde en campo de dourado", que o cronista portugués Rodrigo Mendes Silva atribuíu ós reis suevos de Galiza[126][127].

Galería de imaxes do escudo do reino de Galiza

Lingua e literatura

As linguas oficiais do reino

Artigo principal: Historia da lingua galega.

Dende o século I d.C. ó XII o latín desempeñou en toda a antiga Gallaecia, e polo tanto tamén no territorio estritamente galego ou occidental o papel máis correspondente ó que hoxe chamaríamos "lingua oficial", pois esta era a lingua utilizada nos textos escritos, tanto de carácter documental como literario.

Non obstante, como aconteceu noutras partes conquistadas tardiamente polo Imperio Romano, na Gallaecia antiga só as elites político-relixiosas que dispoñían dun poder económico abondo puideron permitirse adoptar costumes e lingua romanas, en canto que a maioría da poboación galaica, eminentemente rural e afastada dos centros de poder, continuou a manter os seus costumes, relixión e lingua. Esta situación non debeu de mudar significativamente ata a chegada de diferentes pobos no século V.

Sen datos lingüísticos concretos para o reino establecido na Gallaecia no período comprendido entre o séculos V e VIII, todo fai supor ós autores que coexistiron varias linguas nese momento. Por unha parte, o latín, con carácter oficial que mantería a súa condición de "lingua franca" ata finais da Idade Media, e por outra parte o conxunto de linguas maioritariamente faladas pola poboación que presumiblemente serían: o galaico antigo (lingua prerromana, de posible orixe celta, diferentes dialectos xermánicos por xente de orixe sueva ou visigoda chegados no século V, e en menor proporción a lingua britana, falada unicamente no territorio correspondente á Diocese Britoniense[128].

Porén, será o latín vulgar falado polas elites galaicas romanizadas o que vai a evolucionar nun proto-galego impoñéndose paseniñamente ás demais linguas e afianzando a súa posición de lingua romance ou romanço, seguramente falado polas clases altas do reino galego dende o século X como amosa o historiador castelán Prudencio de Sandoval na súa obra Historia de los cinco reyes redactada no ano 1615, onde lembra o dorido pranto romancesco de Afonso VI pola perda do seu fillo Sancho na batalla de Uclés no ano 1108, asignando ó monarca o uso da lingua galega[129]:

(...)Los que escaparon desta rota fueron

a llevar las tristes nuevas al Rey don Alonso, que estava en Toledo;
fuele dolorosa y amarga, porque no tenia otro hijo, lloróle como un
David a Absalon; y en la lengua que se usaba dixo con dolor, y lagrimas
que quebrava el coraçon:

Ay meu fillo, Ay meu fillo, alegria de mi coraçon, et lume dos meos ollos,
solaz de miña vellez; Ay meu espello, en q me soya ver, et con quen tomava
moy gran prazer. Ay meu herdero mayor; Cavalleros hu me lo lexastes?;
dadme meu fillo Condes!.

Estas palabras dizen que dezia el Rey, y otras tales diria, que la causa del
dolor era grande (...)

Historia de los Reyes de Castilla y de Leon, Prudencio de Sandoval[130].

É pois na primeira metade do XIII cando o latín comeza a ser desprazado na escrita e aparecen os primeiros documentos en lingua galega ou "romanzo galego" de carácter oficial no reino de Galiza. O máis antigo en do que temos novas é o "Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas" dado en Allariz no mes de abril de 1228, durante reinado de Afonso VIII, rei de León e Galiza[131]. Foi na Chancelería real deste mesmo rei, o derradeiro rei privativo de Galiza e León, onde se produciu este privilexio rodado, o que pon de relevo o uso solemne que chegou a acadar a lingua galega, estendéndose o seu uso na segunda metade dese século e xeneralizándose no século XIV.

Así, o galego foi a partir do século XIII a lingua normal e "oficial" entre os habitantes do reino de Galiza. Con todo, á morte de Afonso VIII, os reinos de Galiza e León, son finalmente gobernados polo rei de Castela, Fernando III de Castela, quen xa no ano 1250 se dirixe ós composteláns en castelán. Afonso X, alcumado "o Sabio", poeta prolífico en galego, que reina desde 1252 a 1284, consagra definitivamente o uso do castelán como lingua oficial da súa corte, utilizando en exclusiva esta lingua na súa relación coas cidades e vilas do reino de Galiza.

Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas, privilexio rodado do rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228.

Os reis sucesivos consolidan o castelán como lingua para todos os usos dos seus reinos, inclusive para as relacións coa Igrexa, o que provoca que aínda sendo practicamente unilingües en galego os documentos orixinarios do reino de Galiza, comecen a chegar pouco a pouco documentos en castelán emanados directamente da Chancelaría Real en Castela, aínda que a súa presenza fose mínima con relación ó galego ata séculos despois. Tamén se constata que a Igrexa comeza a facer uso público do galego no reino de Galiza a inicios do XIV, xeneralizándoo durante a segunda metade do mesmo tanto en asuntos internos como na relación con outras institucións ou con particulares; a pesar da forte presenza do latín na vida da Igrexa, rexístrase o uso do galego en numerosas actas dos Sínodos das dioceses de Mondoñedo, Ourense ou Santiago durante os séculos XIV e XV, regulándose tamén en galego as cuestións e actos de culto.

Porén, como consecuencia da derrota de Pedro I de Castela, apoiado pola nobreza galega, fronte ó seu irmán Henrique II de Trastámara, entra no século XIV no reino de Galiza unha aristocracia castelá acompañada da súa correspondente corte, traendo tamén consigo o castelán, que ata entón só se empregara en documentos enviados dende a corte de Castela a partir do reinado de Fernando III.

Este núcleo nobiliario foráneo a Galiza, que se instala co seu séquito no obxectivo de castigar á nobreza galega contraria a Henrique II, substitúe principalmente nos cargos importantes a persoas galegas por outras de fóra. Isto constituíu o primeiro foco diglósico no reino de Galiza, pois os escribas redactaban en lingua galega se eran orixinarios do reino, e en lingua castelá se eran estranxeiros neste[132]. Se ben é certo que estes últimos serían minoría en Galiza ata o século XV, pois ademais da utilización do galego en todo tipo de documentación privada, este tamén foi empregado polos organismos civís libremente conformados polos cidadáns, principalmente concellos e gremios, así como pola Igrexa nas catedrais, conventos, mosteiros etc.

Mapa cartográfico do Reino de Galiza. s. XVI. Feito por Ioannes Baptista Vrints.

Deste xeito o galego funcionou dende o século XIII ata fins do XV como lingua "oficial" entre os propios galegos, independentemente de que existira dende o século XIV unha ínfima minoría de xente estranxeira, aínda que detentadora do poder, que empregase o castelán.

A penetración decisiva do castelán no reino de Galiza verase incrementada coa vitoria, a fins do século XV, de Isabel a Católica na loita polo trono da Coroa de Castela que mantivo con Xoana, esta última apoiada maioritariamente pola nobreza galega que a defendía como lexítima herdeira. Baixo o reinado dos Reis Católicos consúmase a imposición definitiva da escrita en castelán no reino de Galiza e a partir de 1480 os escribáns públicos galegos han de ser examinados polo "Real Consejo" en Toledo, mudando os seus formularios galegos polos casteláns, factor determinante para a desaparición do galego da escrita e que tacitamente vén supor a supresión do carácter oficial de que ata entón na práctica gozaba o galego[133]. É a carencia dunha forte burguesía autóctona e independente o factor determinante que explica o desprestixio e a perda de funcións da lingua galega, en favor do establecemento do castelán como lingua oficial no reino. A este período lingüístico coñéceselle como os Séculos Escuros. O castelán pois, será a lingua que dende o século XVI ata a desaparición formal no reino galego no ano 1833 que se empregue nos documentos e actos con carácter oficial, e o galego a lingua que de facto se empregue polos seus habitantes.

O reino de Galiza na literatura medieval

O reino de Galiza posuíu na Idade Media unha gran proxección cara a Europa, non só no tocante á lingua, a meirande en termos de relevancia da lírica de toda Europa tras o occitano, senón tamén por ser un centro de cristiandade e mais pola súa delongada historia, o que lle outorgou unha posición prioritaria entre todos os reinos peninsulares de maneira singular. Dentro desta proxección cómpre salientar o libro de gravados coñecido como "O Romance de Ponthus e Sidoine", escrito en Francia no século XIV, testemuña de excepción que dá boa conta do interese que espertaba o reino de Galiza, no cal se contan as fazañas do príncipe galego Ponthus.

A historia do príncipe Ponthus comeza coa invasión do rei musulmán Broada, fillo dun poderoso sultán, quen desembarca na Coruña cun exército de 30.000 homes, onde vence ó rei de Galiza, chamado Thibour. Entre tanto, un nobre da corte logra salvar trece cabaleiros, amais do herdeiro maior Ponthus, que se exilian no Reino de Bretaña, onde haberán ficar durante tres anos. Certo día, Ponthus é levado á corte do rei de Bretaña, onde coñece á princesa, e namoran. Ó pouco, os musulmáns atacan os territorios bretóns, mais Ponthus logra unha vitoria definitiva salvando o reino de Bretaña, polo que o rei o nomea condestable; non obstante, é calumniado polo cabaleiro Gannelet, e decide ir vivir á fraga de Brocéliande. Tempo despois, as argalladas de Gannelet fan que Ponthus viaxe ó Reino de Inglaterra, onde consegue non só conciliar a paz entre os reis de Irlanda e Inglaterra, senón que el mesmo salva o reino dun ataque musulmán. Sabedor do amor que Sidoine aínda profesaba por el, marcha desde Londres a Bretaña a desposarse con ela e consegue xuntar unha poderosa flota de bretóns, normandos e franceses, que atacan de forma coordinada o exército musulmán localizado na Coruña, onde caen derrotados xunto co seu rei Broada. Recuperado o trono de Galiza, e libre de ocupación, Ponthus reencóntrase coa súa nai, a raíña galega, e co seu tío o conde de Asturias. Finalmente, Ponthus e Sidoine son coroados reis de Galiza e de Bretaña.

A historia de Ponthus e Sidoine foi amplamente lida pola nobreza europea, nos séculos XV e XVI, non faltando nas importantes bibliotecas de aristócratas bretóns e franceses, como por exemplo na de Carlota de Savoia, esposa do rei Luís XI de Francia.

O Reino de Galiza e a historiografía tradicional

Detalle do mapa elaborado por Modesto Lafuente para a súa obra Historia General de España, onde este autor traduciu o termo árabe Jalikiah (referido ao o reino de Galiza) polo nome reino de León. Barcelona, ano 1850.

Coa creación do Estado Liberal Español a comezos do século XIX, comeza a se forxar na época de Isabel II un proceso político-ideolóxico dirixido a xustificar por medio dunha longuísima secuencia histórica a necesidade divina da creación política do Estado Español[4] e a establecer un arquetipo historiográfico español de rigorosa aplicación en todos os períodos históricos, pautas políticas desenvolvidas polo nacionalismo español e estudadas por autores contemporáneos tales como J.S. Pérez, Imman Fox[134], T. Elorriaga ou P. Cirujano[135].

A ausencia dunha historia que respondera ás esixencias ideolóxico-historiográficas do novo Estado-nación España, foi salvada polo ambicioso proxecto editorial de Modesto Lafuente, Historia General de España, emprendido no ano 1850 e que aspiraba a ser a primeira historia nacional española, establecendo os alicerces nos que posteriormente se asentarían gran parte da historiografía española.

Axiña e coincidindo co inicio das hostilidades bélicas con Marrocos na metade do século XIX, comezouse a colocar as pedras angulares da historiografía tradicional española; os visigodos, a Reconquista e o suposto papel preponderante do reino de Castela. Con isto pretendíase dotar á nación española dunha aura divina, Si alguna porción del globo parece hecha para ser habitada por un pueblo reunido en cuerpo de nación, este país es la España[47], concedendo ós visigodos unha especial atención ¿Serán estos [suevos e outros] los pueblos destinados a heredar esta rica y fértil provincia? No, ni España lo merece, ni Dios lo permite. Unos y otros serán arrojados por un pueblo menos indigno que ellos de ocupar este suelo privilegiado, los visigodos[136].

A xeración do 98 marcada fortemente polo nacionalismo español debido á perda das colonias de ultramar, non só herdaría os novos postulados historicistas, senón que afondaría na súa estela, proxectando o seu castelanismo no terreo historiográfico, por obra de Menéndez Pidal, creador do Centro de Estudios Históricos en 1910[137]. Baixo a súa dirección emprendíase en 1935 a publicación da enciclopedia Historia de España, onde aqueles arquetipos da Reconquista-Repoboación, loita contra o Islam e papel sobranceiro de Castela cobran plena carta de natureza[4], Crisis gravísima de la invasión árabe (...) nación invadida pasajeramente por los sarracenos[138], ensalzando a figura do fidalgo castelán o Cid como héroe de la nación española[138], e excelente cristiano, campeador de la fe y de la independencia nacional[138], aínda cando o Estado-nación español tardaría máis de 700 anos en formarse.

A consolidación desta ideoloxía historicista formada polo nacionalismo español chegaría ó seu maior grao co triunfo da ultradereita no ano 1936, establecéndose de xeito oficial durante a ditadura de Francisco Franco (1939-1975) e revestíndoa ideoloxicamente autores afíns á ditadura como o falanxista Pérez de Urbel[139], José Antonio Maravall e Salvador de Moxó entre outros, sobresaíndo de xeito fundamental a figura de Claudio Sánchez Albornoz[140], consolidador definitivo da historia nacional; He consagrado muchas horas (...) a la historia del último siglo del reino godo y a su triste caida: momento decisivo para el pasado de mi patria[141]. A caída do réxime ditatorial non afectou ás sólidas bases ideolóxicas da chamada historia oficial, servindo esta como base argumentativa tradicional dunha parte importante da historiografía comtemporánea española igualmente nacionalista; aquellos españoles (...) subyugados por la morisma (...), conservaron la religión, el espiritu nacional, lustre para nuestra nación[142].

O Reino de Galiza na cartografía

Notas

  1. OROSIUS (1985). Historiarum. Ed. Torres.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en latín)
  2. ISIDORO. Etimologías, XIV, 5. ed. Oroz, a cargo de Marcos Díaz, 1982. (en castelán)
  3. IBN HAIÁN (1981). Clunia, primer confín de Yilliqiyya. Crónica, Ed. Viguera/Corriente/Lacarra. (en castelán)
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 LÓPEZ CARREIRA, A. (2005). O reino medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A. ISBN 84-96403-54-8. 
  5. O ano 411 é considerado por varios autores como o ano no cal "os suevos converten as súas espadas en arados, e inician a inmediata cuñaxe de moedas".
  6. BERNÁRDEZ VILAR, X. (2003). O comezo da nosa Idade Media. Touxosoutos S.L.,. ISBN 84-95622-80-7. 
  7. LÓPEZ CARREIRA, A. (1996). Historia de Galicia; Idade Media. Edicións A Nosa Terra. ISBN 84-89138-65-6. 
  8. VILLARES, R. (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia S.A. ISBN 84-8288-655-X. 
  9. 9,0 9,1 CAAMAÑO GESTO, J.M. (2007). A Gran Historia de Galicia. A Galicia Romana. Volume 2: Economía, Sociedade, Relixión e Arte; O Mundo Suévico. Arrecife Edicións Galegas. ISBN 978-84-96931-06-0. 
  10. Hoxe en día parece un feito comprobado que os pobos xermánicos que invadiron a Península ibérica o fixeron pola súa conta e non, como se cría, mediante un pacto cos romanos, aínda que este si existiu cos visigodos.
  11. ÁLVAREZ, M.L. (1995). El Reino de León en la Alta Edad Media. Centro de Estudios e Investigación San Isidoro.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  12. BISHKO, C. J. (1984). Spanish and Portuguese monastic history. Variorum Reprints. ISBN 0-86078-136-4.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  13. MANSILLA, D. (1955). La documentación pontificia hasta Inocencio III: 965-1216. Instituto Español de Estudios Eclesiásticos.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  14. López Teixeira, 2005, p. 243.
  15. GREGORIO DE TOURS, Historia Francorum.
  16. SIGEBERTUS GEMBALENSIS, De scriptoribus ecclesiasticis.
  17. RISCO, M. España Sagrada. 
  18. Martini Episcopi Bracarensis Opera Omnia pp. 288-304.
  19. Iohannes Biclarensis, Chronicon 590.1 = vv 330-341. Wikisource.(en latín)
  20. Wamba Lex.
  21. Synodus Toletana tertia.
  22. LLORENS, J; RAFAEL, V. (2007). San Fructuoso de Braga: vida y novena. (en castelán)
  23. Fructuoso de Braga.
  24. Ed.Cardoso, 1996, p. 24.
  25. IBO ALFARO, M. (1895). Compendio de la historia de España. Madrid.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  26. VALVERDE CASTRO, M.R. (2000). Ideología, simbolismo y ejercicio del poder real en la monarquía visigoda: un proceso de cambio. ISBN 978-84-7800-940-4.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  27. Crónica Mozárabe. Ed. López Pereira, 1980: "cum reginam spanie in coniugo copulatam".
  28. O'CALLAGHAN, J.Y. A History of Medieval Spain. Cornell University Press.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  29. Ed. Lafuente Alcántara, 1867, p. 166.
  30. CASTRO, A.; KING, W.F.; MARGARETTEN, S. (1985). The Spaniards: An Introduction to Their History. University of California Press. ISBN 0-520-05469-5.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  31. DUNN, M.; DAVIDSON, L.K. The Pilgrimage to Compostela in the Middle Ages: A Book of Essays. ISBN 0-8153-1638-0.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  32. AL-MAQQARI (2002). Histori. Ed. Gayangos. 
  33. http://www.uni-mannheim.de/mateo/camenahist/agricola1/jpg/s113.html
  34. 34,00 34,01 34,02 34,03 34,04 34,05 34,06 34,07 34,08 34,09 34,10 LÓPEZ TEIXEIRA, X.A. (2003). Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910). Editorial Toxosoutos, S.L. 
  35. Ajbar Machmúa. Ed. Lafuente Alcántara, Madrid. 1867. 
  36. MARTÍNEZ DÍEZ, G. (2005). El condado de Castilla (711-1038): la historia frente a la leyenda. Editorial Marcial Pons. ISBN 84-95379-94-5.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  37. 37,0 37,1 37,2 37,3 37,4 37,5 37,6 MORALEJO, J.L.; RUIZ DE LA PEÑA, J. Crónicas Asturianas, Crónica de Alfonso III, versión "Rotense". Ed. Juan Gil Fernández. 
  38. AL-MAQQARI (1867). '. Ed. Lafuente Alcántara. 
  39. PALLARES MÉNDEZ, M. C.; PORTELA SILVA, E. A Gran Historia de Galicia. Tomo IV: Da Galicia Antiga á Galicia Feudal (séculos VIII - XI). Volume 1: mulleres, homes e paisaxes. Arrecife Edicións Galegas S.L. ISBN 978-84-96931-07-7. 
  40. 40,0 40,1 40,2 MORALEJO, J.L.; RUIZ DE LA PEÑA, J. Crónica Albeldense. Ed. Juan Gil Fernández. 
  41. VALDEAVELLANO, L.C. (1971). El Diploma del Rey Silo. Madrid. (en castelán)
  42. REILLY, B.F. (1996). Las españas medievales. Barcelona. (en castelán)
  43. Wikisource:Alfred Rethel.
  44. www.thelatinlibrary.com (ed.). "Annales Laurissense Maiores" (Html). Consultado o 21/07/2010. (en latín)
  45. TREMP, E. (1995). Die Taten Kaiser Ludwigs. Hannover.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en alemán)
  46. USSERMANN, A. (Século XI). www.flaez.ch, ed. "Hermanni contracti chronicon ex inedito hucusque codice augiensi, una cum ejus vita et continuatione a bBertholdo, ejus discipulo, scripta. Subjicitur chronicon Petershunanum ineditum" (Html). Consultado o 21/07/2010. (en latín)
  47. 47,0 47,1 LAFUENTE, M. (1850). Historia General de España, T. 1. (en castelán)
  48. Barbero, A e Vigil, M.,op. cit., p. 324.
  49. PÉREZ DE URBEL, J. (1965). Historia de España, tomo VI; Menéndez Pidal, ed. Madrid. ISBN. (en castelán)
  50. RISCO, V. (1978). Historia de Galicia. Vigo. ISBN. 
  51. Historiae minores, XXVII, p. 123.
  52. HILLGARTH, J.N. The Visigoths in History and Legend. Studies and Texts, Vol. 166. ISBN 0-88844-166-5.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  53. A History of Medieval Spain. O'Callaghan, Joseph Y. Cornell University Press. p. 94
  54. LADERO QUESADA, Miguel Ángel. (1998). Lecturas sobre la España histórica. Real Academia de la Historia. ISBN 8489512175.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  55. CONDE, J.A. (1844). Historia de la Dominacion de los Arabes en Espana.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  56. ACLe, doc. 6.
  57. ACLe, doc. 192.
  58. PALLARES MÉNDEZ, M.C.; PORTELA SILVA, E. A Gran Historia de Galicia. Tomo IV. Volume 2. Poder e mentalidade. Arrecife Edicións Galegas S.L. ISBN 978-84-96931-08-4. 
  59. Documento 31, p. 98. Tumbo de Celanova, ano 929.
  60. Sahagún, doc. 355.
  61. Ceballos, 2000. p. 168.
  62. 1 de marzo, 998, Sahagún, doc. 356.
  63. Ceballos, 2000, p. 190.
  64. LORENZO, R. (ed.) (1975, 1977). La traducción gallega de la Cronica General y de la Cronica de Castilla. Instituto de Estudios Orensanos "Padre Feijoo", Ourense, 2 vols. ISBN. (en castelán)
  65. Crónica de Pelayo, ed. Martín, 1995, p. 506.
  66. Maravall, 1981, p. 109 (Ademar de Chabannes, Chronica, 194-195).
  67. FLOREZ, E; RISCO, M. España Sagrada. Teatro Geográfico-Histórico de la Iglesia de España.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  68. PÉREZ DE URBEL, Justo (1945). Historia del Condado de Castilla, Volume 2. Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Escuela de Estudios Medievales.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  69. Crónica Silense, ed. Pérez/González, 1959, p. 179.
  70. Documento n. 534 do Tombo de Celanova, ano 1060.
  71. Esta historia chegou a inspirar a Victor Hugo a creación da epopea Le Petit Roi de Galice (traducida como O reiciño de Galicia), incluída na primeira serie da obra La Légende des siècles.
  72. ALONSO-CORTÉS, C.-D. Sota de copas, reina de espadas. ISBN 84-505-3492-5.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  73. RIVERO GONZÁLEZ, I. Compendio de historia medieval española. ISTMO. ISBN 978-84-7090-125-6. (en castelán)
  74. LIEBER GERSON, Paula, STONES, Alison, KROCHALIS, Jeanne (1998). The pilgrim's guide to Santiago de Compostela: the pilgrim's guide : a critical edition. Harvey Miller Publishers,. ISBN 0905203526.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  75. DE ALMEIDA, Fortunato. (1922). História de Portugal, Volume 1. Oxford University.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en portugués)
  76. ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA (1984). Actas I Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza. Ourense.  Ligazón externa en |title= (Axuda) (en portugués)
  77. tenente Gallicie rex Fernandus (códice do mosteiro de Xuvia, 1152); Adefonsus Ymperator, una cum coniuge sua dona Riga dominante regnante in tota Yspania. Sancius rex in Castella. Fredenandus rex in Galicia. (documentodo mosteiro de Vilanova de Oscos, 1153); Imperatoris Adefonsus, regis Fernandi imperat Galletia. (Ibidem, 1155); Adefonsus dei gratia hispaniarum imperator laudat et confirmat. Sanctius filius eius rex Castelle laudat et confirmat. Fernandus filius eius rex Galletie laudat et confirmat. (documento da catedral de Lugo, 1155).
  78. Procter, 1988, p. 128.
  79. EYZAGUIRRE, Jaime (1978). Historia del derecho. Historia del derecho.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  80. DE MARIANA, Juan (1789). Historia general de España. Oficina de Benito Monfort.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  81. LÓPEZ AYDILLO, Eugenio (2008). Los Cancioneros Gallego-portugueses Como Fuentes Historicas. Editorial MAXTOR. ISBN 8497614259.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  82. IBÁÑEZ DE SEGOVIA, Gaspar (1777). Memorias historicas del Rei D. Alonso el Sabio i observaciones a su chronica. Casa de D. Joachin Ibarra.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  83. 83,0 83,1 83,2 LOPES, F. Crónica. (en portugués)
  84. Oliveira/Pizarro, 1990, I, p. 31.
  85. Russell, 1942, p. 361.
  86. 86,0 86,1 FROISSART, J. (2009). Chronicles of England, France, Spain, and the adjoining countries. General Books. ISBN 0-217-81310-0.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  87. ARMISTEAD, S.G.; GERLI, E.M. (2003). Medieval Iberia; an encyclopedia. ISBN 0-415-93918-6.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  88. 88,0 88,1 88,2 88,3 ZURITA, J. Anales de Aragón.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  89. BISHKO, Ch.J. (1965). www.libro.uca.edu, ed. "The cluniac priories of Galicia and Portugal: their acquisition and administration. 1075-ca. 1230" (Html). Consultado o 21/07/2010. (en inglés) Nunha lista de filiais de Cluny, sobre os séculos XI-XII apréciase: Prioratus Beatae Mariae de Cluniaco, de Villafrancha, alias de Valle Carceris, im Galicia, Asturicensis diocesis., incluíndo ás terras do Bierzo en Galiza.
  90. PULGAR, F. (1943). Crónica de los Reyes Católicos, II. Madrid. (en castelán)
  91. A cifra foi indicada polo mesmo Conde a un criado seu, Ares de Rigueira, testemuña dobre no preito Tabera-Fonseca, "Las fortalezas de la Mitra composte­lana", p. 490.
  92. 92,0 92,1 Pardo, 2000, p. 428.
  93. ARREGUI ZAMORANO, P. Monarquía y señoríos en la Castilla moderna: los adelantamientos de Castilla, León y Campos (1474-1643). (en castelán)
  94. Sentenza de 1522, polo privilexio de exención de portaxe de Valencia de don Xoán contra Ponferrada.
  95. VILLALBA Y ESTRAÑA, B. (1577). El peregrino curioso. (en castelán)
  96. Viguera/Corriente/Lacarra, 1981,I, p. 219.
  97. ROSENDE VALDÉS, Andrés A. (1998). Semata Ciencias Socias E Humanidades 10 Cultura, Poder Y Mecenazgo. Univ Santiago de Compostela. ISNN 1137-9669.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  98. Nogueira Román, 2001, 29 pp.
  99. RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús (1998). Supersticiones de Galicia. Editorial MAXTOR. ISBN 8495636778.  Carácter tabulación horizonal en |id= na posición 6 (Axuda); Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  100. Archivo General de Galicia, G.s. 17-L.núm.8 (1904). Almanaque de Ferrol para 1905. "El Correo Gallego". Páxinas= 73-76. (en castelán)
  101. CROMPTON, Samuel Willard (2006). Francis Drake and the oceans of the world. Infobase Publishing. ISBN 0791086151.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  102. GONZÁLEZ LÓPEZ, Emilio (1973). El águila caída: Galicia en los reinados de Felipe IV y Carlos II. Editorial Galaxia. ISBN 847154166.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  103. ÑÚÑEZ, Hernán (1804). Refranes o proverbios en castellano, por el órden alfabético. Imprenta de Mateo Repullés.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  104. REDERO, Manuel (2008). Castilla y León en la historia contemporánea. Universidad de Salamanca. 8478003150.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  105. DEL ALCÁZAR, Baltasar (1857). Poetas liricos de los siglos XVI y XVII. M. Rivadeneyra.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  106. DEL ALCÁZAR, Baltasar (1992). Sonetos completos. Editorial Castalia. 8470390864.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  107. RISCO, Vicente (1971). Historia de Galicia. Editorial Galaxia.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  108. FERNÁNDEZ VEGA (1980). "Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes". Compostellanum XXV (1-4): 21–23. (en castelán)
  109. THOMPSON, I.A.A., Guerra y Decadencia. Gobierno y Adminitración en la España de los Austrias, 1560-1620, Barcelona, 1981, pp.337-38.
  110. Centro de Investigación y Documentación Educativa. Luces y Sombras de la Ilustracion espanola. Ministerio de Educación.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  111. REIXAC, Baldiri. (1983). Instruccions per la ensenyança de minyons. Edicions Universitat Barcelona. 8475280811.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en catalán)
  112. FREIRE, López. (2009). El teatro español entre la ilustración y el romanticismo: Madrid durante la Guerra de la Independencia. Iberoamericana.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  113. PÜTZ, Wilhelm. (1851). Manual of modern geography and history. D. Appleton & company.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  114. ZUBILLAGA BARRERA, Carlos. (1999). Semata Ciencias Socias E Humanidades. Vol 11. Univ Santiago de Compostela. ISSN 1137-9669.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  115. DE JUANA, Jesús & PRADA RODRÍGUEZ, Julio. (2005). Historia contemporánea de Galicia. Editorial Ariel.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  116. CHANDLER, David G. (1994). On the Napoleonic wars: collected essays. Greenhill Books.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en inglés)
  117. MORENO, Luis (1997). La federalización de España: poder político y territorio. Siglo XXI de España Editores. p. 58. ISBN 9788432309465. (en castelán)
  118. DE ARTAZA MONTERO, Manuel María (2009). A Guerra da Independencia e o primeieo liberalismo en España e América. Univ Santiago de Compostela. p. 58. ISBN 8498871220.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  119. CORONAS GONZÁLEZ, Santos M. (2005). Homenaje a la Constitución Española: XXV aniversario. Universidad de Oviedo. ISBN 8483174731.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  120. VILLARES, Ramón (2004). Historia de Galicia. Editorial Galaxia. ISBN 848288655X.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  121. Consello da Cultura Galega (1986). Actas do Congreso Internacional de Estudios Sobre Rosalía de Castro e o Seu Tempo. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 8471914026.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  122. DE JUANA, Jesús, PRADA RODRÍGUEZ, Julio. (2005). Historia contemporánea de Galicia. Editorial Ariel. ISbN 8434467909.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  123. VARELA, José Luis. (1958). Poesía y restauración cultural de Galicia en el siglo XIX. Editorial Gredos.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  124. 124,0 124,1 124,2 124,3 PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, E. O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución. En BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.; VILLARES, R. Os símbolos de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real academia Galega. 2007. ISBN 978-84-96530-46-1.
  125. Eduardo de Guevara y Valdés, 2008, p.37.
  126. Población general de España. Sus trofeos, blasones y conquistas heroicas. Madrid. 1645. (en castelán)
  127. Catálogo Real y Genealógico de España. Madrid. 1656. (en castelán)
  128. YOUNG, S. Britonia: Camiños novos. ISBN 84-95622-58-0. 
  129. RISCO, S. (1973). Presencia da lingua galega. Edicións do Castro, A Coruña. ISBN.  Esta mesma cita xa figura reproducida nos Elementos de gramática gallega, de Marcial Valladares, de 1892, aínda que publicados por Galaxia en 1970; a cita vai precedida destas palabras (p. 21): "como abusivo es galleguizar innecesariamente muchas castellanas, ó adulterar las gallegas, acabará luego con nuestra melíflua habla, habla de nuestros antiguos legisladores y poetas; habla del Rey, que dijo: «Ay meu fillo! [...]"; en nota explica: "D. Alonso (sic), al saber la muerte de su joven hijo el Infante D. Sancho, acaecida en la batalla de Uclés, llamada de los siete condes, que en ella se supone muertos, año 1100, segun Mariana, y el 29 de mayo de 1108, segun Madoz en su Diccionario geográfico, hablando de Uclés".
  130. SANDOVAL, P. Historia de los Reyes de Castilla y de Leon.  Ligazón externa en |title= (Axuda)(en castelán)
  131. Este ademais é o documento máis antigo escrito en galego no actual territorio de Galiza, se ben hai documentos en galego aínda anteriores no tempo. Véxase: O Foro do bo Burgo do Castro Caldelas, dado por Afonso IX en 1228.
  132. MONTEAGUDO ROMERO, H. Aspectos sociolingüísticos do uso escrito do galego, o castelán e o latín na Galiza tardomedieval (ss. XIII-XIV). 
  133. FERRO COUSELO, X. Cómo e por qué os escribanos deixaron de empregar o galego, in VV.AA., Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. Galaxia, Vigo, 1958.
  134. Fox, 1997.
  135. Cirujano/Elorriaga/Pérez, 1985.
  136. Lafuente, 1877, t. I, p. viii.
  137. Vid. Fox, 1997, ps. 97 ss.
  138. 138,0 138,1 138,2 MENÉNDEZ PIDAL, Ramón (1967). La España del Cid. Espasa-Calpe. (en castelán)
  139. Colaborador de Vértice (Revista Nacional de Falange Española Tradicionalista y de las JONS) durante a guerra civil española e inmediata posguerra.
  140. A desaparición do Reino de Galiza na historia española. Anselmo López Carreira, Youtube.
  141. SÁNCHEZ-ALBORNOZ, C. (1962). Pervivencia y crisis de la tradición jurídica romana en la España goda. ISBN. (en castelán)
  142. Simonet, 1983, p.vii.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum, editor Jacques-Paul Migne, Patrologia Latina.
  • Liber Sancti Jacobi "Codex Calixtinus", Santiago de Compostela, Xunta de Galicia , 07/2004.
  • Xosé Antonio López Teixeira, Arredor da conformación do Reino de Galicia (711-910). Editorial Toxosoutos, S.L. 02/2003.
  • Colin Smith, Galicia, todo un reino. Universidade de Santiago de Compostela, 1996.
  • Anselmo López Carreira, Martiño de Dumio: a creación dun reino. Edicions do Cumio, S.A. 08/1996.
  • Anselmo López Carreira, O reino de Galiza. Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas S.A., 1998, ISBN 84-89976-43-0.
  • Anselmo López Carreira, O reino medieval de Galicia. Edicións A Nosa Terra, Promocións Culturais Galegas, S.A., 2005, ISBN 84-96403-54-8.
  • Documentos medievales del reino de Galicia: Fernando II (1155-1188), ISBN 84-453-2818-2.
  • Armando Cotarelo Valledor, Alfonso III El Magno: último rey de Oviedo y primero de Galicia. Tres Cantos, Ediciones Istmo, S.A. 04/1992.
  • Bernard F. Reilly, "The Historia Compostelana: The Genesis and Composition of a Twelfth-Century Spanish Gesta" en Speculum 44 (1969): pp 78-85.
  • Gregory of Tours, History of the Franks, tradución por L. Thorpe (Penguin, 1974).
  • Emma Falque Rey, Historia compostelana. Ediciones Akal, S.A. 11/1994.
  • Amancio Isla Frez, La sociedad gallega en la Alta Edad Media. C.S.I.C, 02/1992, ISBN 10: 84-00-07215-4.
  • Simon Young, Britonia: Camiños novos Editorial Toxosoutos (2001), S.L. 84-95622-58-0.
  • César Candelas Colodrón, O cronicón de Hidacio: Bispo de Chaves. Editorial Toxosoutos S.L., 02/2004.
  • Jacobo Araujo, Bosquejo histórico político y religioso del antiguo reino de Galicia. Seminario de Estudios Terra de Viveiro. ISBN 10: 84-606-2244-4
  • Fernández Vega, Las Juntas del Reino de Galicia y la recuperación del voto en Cortes, Compostellanum, XXV, n. 1-4 (1980).

Outros artigos

Ligazóns externas