Pedro Fernández de Andrade: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Inicio o artigo
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 9 de setembro de 2011 ás 18:27


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.

Pedro ou Pero Fernández de Andrade foi o segundo señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Era fillo de Xoán Freire de Andrade e sucedeu ao seu tío Fernán Pérez de Andrade, O Bo, quen morreu sen descendencia masculina a pesar de ter un fillo que morreu xoven.

A granxa de Reparada

Pouco se sabe deste cabaleiro, cuxo mandato, de curta duración, non é moi importante. Quizais o feito máis salientable sexa a usurpación da granxa de Reparada (posteriormente Covas) que era dominio dos monxes de Sobrado. A granxa fundáranna estes monxes con doazóns feitas polo rei Fernando II por privilexio dado na Coruña o 15 de febreiro de 1158.

A granxa de Reparada incrementou a súa importancia por outro privilexio dado polo rei Sancho el Bravo en Lugo no ano 1286, mediante o cal concedía ao mosterio de Sobrado o dezmo da baleaxe que se matase no porto de Prioiro, pertencente á granxa de Reparada.

Como queira que o couto de Reparada lindaba con Ferrol, que era señorío dos Andrade, estes sempre tentaron de ampliar os seus dominios coas propiedades da granxa. O rei Xoán I viuse obrigado a exhortar a Pedro Fernández de Andrade para que devolvese aos monxes a propiedade da granxa. Porén, os seus descendentes sempre fixeron intentos de apoderarse da granxa ou, cando menos, da parte mellor: o porto e o monte de Prioiro. Cansos os monxes de loitar cos Andrade, acabarían cedendo o referido porto que os seus descendentes posuían aínda a comezos do século XIX ata que foron abolidos os dereitos señoriais.

A caza da balea en Galicia

O porto de Prioiro era un dos que había na idade media para a matanza das baleas que se capturaban nas costas galegas. O seu maior desenvolvemento acadouse nos séculos XIII e XIV e eran, principalmente, pescadores biscaiños os que faenaban.

A coroa tiña os dereitos do dezmo da baleaxe, así podían facer cesións dese dereito como fixo Sancho el Bravo cos monxes de Sobrado. Os pescadores de baleas tentaron moitas veces de liberarse deste imposto sen conseguilo, dando lugar a curiosos preitos.

A caza de baleas foi minguando por varias razóns que levaron á sobrepesca: Aumentou o número de barcos, mesmo viñan barcos franceses; os portos baleeiros aumentaron considerablemente e os barcos aumentaron a súa tonelaxe.

Casamento e sucesión de Pedro Fernández

Casou Pedro Fernández de Andrade con dona Mencía de Meira coa cal tivo dous fillos: Nuno Freire de Andrade O Mao que o sucedería nos señoríos, e Pedro Fernández de Andrade. Morreu no ano 1407. Sábese por un documento do 5 de novembro de 1433 que a súa viúva, Mencía de Meira, aínda vivía nesa data nas súas casas de Betanzos.