Arthur Wellesley, duque de Wellington: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Luckas-bot (conversa | contribucións)
m r2.7.1) (bot Engadido: lt:Arthur Wellesley
Liña 104: Liña 104:
[[la:Arthurus Wellesley]]
[[la:Arthurus Wellesley]]
[[lmo:Arthur Wellesley, duca de Wellington]]
[[lmo:Arthur Wellesley, duca de Wellington]]
[[lt:Arthur Wellesley]]
[[mk:Артур Велсли, Прв Војвода од Велингтон]]
[[mk:Артур Велсли, Прв Војвода од Велингтон]]
[[ml:ആർതർ വെല്ലസ്ലി]]
[[ml:ആർതർ വെല്ലസ്ലി]]

Revisión como estaba o 2 de xullo de 2011 ás 09:45

Arthur Wellesley por Francisco de Goya (1812)

Arthur Wellesley, 1º Duque de Wellington, nado en Irlanda o 1 de maio de 1769 e falecido no castelo de Walmer, en Kent (Inglaterra), o 14 de setembro de 1852) foi un militar do exército británico e máis un estadista. Está considerado unha das figuras militares e políticas máis prominentes da primeira metade do século XIX. Xogou un salientábel papel durante as guerras napoleónicas, chegando a atinxir o grao de mariscal de campo. A súa fama provén en boa medida por ser o home que derrotou a Napoleón en Waterloo en 1815.

Wellington é comparado con frecuencia co duque de Marlborough, con quen comparte numerosos riscos, nomeadamente o paso á política despois dunha exitosa carreira militar. Wellington foi por dúas veces primeiro ministro cos conservadores, e ademais exerceu como figura destacábel na Cámara dos Lores até o seu retiro en 1846.

Orixes

Arthur Wellesley, era o terceiro fillo de Garret Wesley, 1º conde de Mornington. Cóidase que naceu, ben en Dublín, ben nas posesión familiares do condado de Meath, Irlanda, naquela altura posesión británica. A data do seu nacemento non se coñece con certeza; aínda que el celebraba o 1 de maio, corresponde ao rexistro parroquial, e o normal era bautizar varios días despois do natalicio. O seu nome orixinal, Arthur Wesley foi cambiado legalmente en marzo de 1798.

Wellesley estudou en Eton de 1781 a 1785, e máis tarde foi enviado a Bruxelas para completar a súa educación. En 1787, seu pai comproulle un emprego de alférez no rexemento de infantería 73º. Logo dun primeiro período de instrución no Reino Unido, ingresou na escola militar de Angers, en Francia.

De 1787 a 1793, foi axudante de campo de dous sucesivos Lord Lieutenant de Irlanda. En 1788 foi ascendido a tenente. En 1790, foi elixido deputado (independente) de Trim, para a Cámara dos Comúns de Irlanda, posto que conservou até 1797.

Progresou rapidamente no exército —en boa medida mercé ao sistema da época, polo cal os oficiais podían (e con frecuencia debían) comprar o seu grao—, de xeito que en 1793, ascendeu a tenente coronel no 33º rexemento de infantería. Combateu nos Países Baixos entre 1794 e 1795. Pertenceu tamén á masonería.

En 1796, despois de ser promovido a coronel, marcha co seu rexemento para a India. No ano seguinte, seu irmán maior, Richard Wellesley, conde de Mornington, é nomeado gobernador xeral da India. Cando estoura a guerra en 1799 contra o sultán de Mysore, Tipû Sâhib, Arthur Wellesley manda unha división propia. Foi nomeado gobernador de Seringapatam e de Mysore, posto que manterá até 1805. Grazas ás súas vitorias militares, foi designado comandante supremo (político e militar) do Decán, obtendo novas vitorias, nomeadamente contra o xefe bandoleiro Dundiat Wagh e contra os marathas en 1803. En 1804 é ordenado cabaleiro da Orde de Bath. Cando o seu irmán cesa no mandato en 1805, Arthur retorna ao Reino Unido canda el.

En 1806, Wellesley é eleito parlamentario por Rye (Sussex) por seis meses para a Cámara dos Comúns do Reino Unido. No ano seguinte, é elixido por Newport (Illa de Wight), que representará durante dous anos. Durante este período, está afiliado aos tories. En abril de 1807, é designado para o «consello privado do rei», mais a súa carreira política veuse interrompida ao ser destinado ao continente para loitar nas guerras napoleónicas.

Guerra contra Napoleón

Wellesley servíu na desgraciada expedición conxunta anglo-rusa ao Norte de Alemaña en 1805. Despois da batalla de Austerlitz, retornaron sen cumprir os abxectivos. A actuación como comandante suplente nunha expedición a Dinamarca, en 1807, valeulle o ascenso a tenente xeneral.

No ano seguinte, Wellesley estaba a prepararse para comandar unha expedición para Venezuela, cando se iniciou a revolta ibérica contra os franceses, comezando a Guerra Peninsular. Wellesley foi enviado a Portugal, onde derrotou as tropas napoleónicas nas batallas de Roliça e de Vimeiro no mesmo ano. Desafortunadamente, foi relevado do mando pouco despois do último choque, pois o xeneral Dalrymple insistíu en implicalo no controvertido acordo da Convención de Sintra, que estipulara que a armada británica debía transportar as tropas francesas ao seu país, desde o porto de Lisboa, xunto con a súa impedimenta. Wellesley foi chamado a Gran Bretaña para comparecer perante un tribunal de investigación. Ficou aclarado que el asinara un primeiro armisticio, mais que non asinara a Convención.

No entretanto Napoleón en persoa acudira a España con tropas de veteranos co obxectivo de esmagar a rebelión de españois e portugueses. Así mesmo o novo xefe das forzas británicas, sir John Moore, perdeu a vida na batalla de Elviña, nas proximidades da Coruña, no mes de xaneiro de 1809.

Aínda que a guerra non era moi favorábel, era o único sitio onde os británicos e os seus máis antigos aliados, os portugueses, eran capaces de plantarlle cara aos franceses e os seus coligados. Wellesley enviou un memorial a lord Castlereagh acerca da defensa de Portugal, subliñando o valor das súas fronteiras montañosas e defendendo o papel de Lisboa como base principal, xa que a armada británica podería convertela en inexpugnábel. Castlereagh e o seu goberno aprobaron o documento, nomeándoo xefe de tódas as forzas británicas en Portugal, cuxo número acrecentaron de 10.000 a 26.000 homes.

Rapidamente reforzado, Wellesley iniciou a ofensiva en abril de 1809. Primeiro atravesou o Douro cun brillante "golpe de man" (Segunda batalla de Porto), derrotando as tropas francesas acantonadas na cidade, e uníndose ás tropas españolas mandadas polo xeneral De la Cuesta. Ambos buscaron a Marechal Victor, pero o irmán de Napoleón, o rei Xosé, reforzou o exército de Victor, que atacou primeiro, porén as tropas anglo-hispanas venceron na batalla de Talavera. Esta vitoria conlevou o ennobrecemento de Wellesley como "vizconde Wellington de Talavera e de Wellington". Como o Marechal Soult tentase reaccionar, os británicos víronse compelidos a retirarse para Portugal. Privado dos subministros que lle prometeran os españois e non contando cos movementos de Soult, Wellington non puido xa crer nas promesas españolas.

En 1810, un novo grande exército francés so mando do mariscal André Masséna invadiu Portugal. A opinión británica, tanto na illa como no exército, era unanimemente pesimista: deberían evacuar Portugal. Mais Wellington primeiro atrasou os franceses en Buçaco, e logo bloqueounos na península de Lisboa con as súas magníficas defensas térreas, as liñas de Torres Vedras, que foran brillantemente amañadas en segredo total, entanto os flancos estaban resgardados pola armada británica. Unhas trabucadas e famentas tropas invasoras francesas retiráronse logo de seis meses. Wellington perseguiunas e, en varias escaramuzas, botounas de Portugal, salvo unha pequena gornición de Almeida, que foi asediada.

En 1811, Masséna voltou a Portugal para auxiliar Almeida, mais Wellington derrotou os franceses en Fuentes de Oñoro. Mentres, o subordinado de Wellington, o vizconde de Beresford, venceu o exército meridional de Soult na sanguenta batalla de Albuera. No mes de maio, Wellington foi promovido a "xeneral". Almeida caeu, pero os franceses mantiveron as fortalezas xemelgas de Ciudad Rodrigo e Badaxoz, chaves das estradas, que por pasos montañosos, comunicaban o centro de España e Portugal.

En 1812, Wellington finalmente tomou. Marchando velozmente cara o Sur, cercou a fortaleza de Badaxoz durante un mes, para rematar tomándoa nunha noite sanguenta. O asalto de Badaxoz é famoso por ser a única vez en que perdeu a compostura en público, perdendo os estribos e berrando ante a vista dos británicos mortos nas brechas das murallas.

O seu exército resultou a partir de aí reforzado, en todas as divisións, por unidades dun rexurdido exército portugués, que Beresford reconstruíu. Xa en campaña en España, derrotou os franceses na batalla de Arapiles, Salamanca, collendo vantaxe dun erro pequeno de posicionamento dos galos. A vitoria determinou a liberación da capital española, Madrid. Foi recompensado co título de conde (Earl) e logo co de marqués de Wellington, séndolle concedido o mando de todas as tropas aliadas na Península Ibérica.

Tentou entón tomar a vital fortaleza de Burgos, que gardaba o camiño entre Madrid e Francia, mais fracasou debido á falta de equipamento de asedio. Os franceses, mentres, abandonaron Andalucía, procurando a converxencia de varios corpos de exército que puxeran en posición delicada ás forzas aliadas inimigas. Wellignton habilmente retirou o seu exército, para reunirse con corpos menores mandados por Rowland Hill, e retroceder para Portugal. Aínda que Soult naquela altura, no mes de novembro de 1812, posuía vantaxe numérica, dubidou en atacar, temoroso da dirección militar británica. Porén a derrota francesa en Salamanca que obrigara a súa retirada de Andalucía, e a perda temporaria de Madrid, danara de eito irreparábel o prestixio do goberno monicreque pro-francés en España.

No ano 1813, Wellington dirixiu unha nova ofensiva, esta vez contra as liñas de comunicación francesas. Atacou nas alturas ao Norte de Burgos, inesperadamente fixo traer os subministros desde Santander, na costa cantábrica, en vez de Portugal. Persoalmente conduciu unha pequena forza contra o centro do exército francés, mentres o groso das tropas - mandadas por sir Thomas Graham - envolvía a áa destra francesa, o que levou aos franceses a deixar Madrid e Burgos. Continuando o seu envolvemento, Wellington colleunos e esmagounos na batalla de Vitoria, vitoria que lle valeu ser promovido ao rango de mariscal de campo. Maliamente, as tropas británicas racharon a disciplina para saquear as carruaxes francesas abandonadas en vez de perseguir os derrotados inimigos. Wellington, no seu informe posterior á batalla, furioso alcumounas de "feces da terra, só alistados para beberen".

Poucos meses despois, en 1814, logo de tomar as pequenas fortificacións de Pamplona e San Sebastián, Wellington invadiu Francia, e puxo asedio a Toulouse, defendida polos franceses so mando do mariscal Soult. O sitio foi interrompido unha vez que se recibiron novas da rendición do propio Napoleón, que algún tempo despois se exiliou na illa de Elba.

Aclamado como o heroe conquistador, Wellesley foi feito duque de Wellington, título que aínda manteñen os seus descendentes, e polo que é coñecido na historiografía internacionalmente. Todos os títulos que lle foran outorgados recibiunos, acabada a Guerra Peninsular, de vez nunha cerimonia única. Moi logo foi designado embaixador na Francia, e despois substituíu a lord Castlereagh como primeiro plenipotenciario británico perante o Congreso de Viena, no que defendeu con forza que a Francia mantivese o seu lugar na estratexia de balanza de poder en Europa. O 2 de xaneiro de 1815, o seu título de Cabaleiro de Bath foi convertido en Cabaleiro da Gran Cruz (Knight Grand Cross).

O 26 de febreiro de 1815, Napoleón fugouse de Elba e retornou para Francia. Retomado o control sobre o país cara o mes de maio, enfrontouse a unha renovada alianza en contra del. Wellington deixou Viena, para emprender a que sería coñecida como a Campaña de Waterloo. Chegouse até Bélxica para coller o mando do exército anglo-xermano e o seu aliado belga-holandés, todos colocados en paralelo ás forzas prusianas de von Blücher. Os franceses penetraron en Bélxica, derrotando os prusianos na batalla de Ligny, e vencendo tamén na de Quatre Bras, ambas non decisivas, mais que obrigaron ao exército anglo-xermano a retirarse a liñas sobre a estrada de Bruxelas, xusto ao Sur da pequena localidade de Waterloo. Logo dun día enteiro de combate, con as tropas anglo-aliadas resistindo os asaltos franceses, estes ficaron ao final desconcertados pola inesperada chegada do exército prusiano de von Blücher. A Garda imperial napoleónica foi traxicamente desfeita polas descargas de fusilería dos británicos, o que provocou a derrota en desbandada das tropas francesas. O día 22 de xuño de 1815 o Emperador abdicou outra vez, sendo trasladado polos británicos á afastada illa de Santa Helena. A batalla de Waterloo foi entón xa elevada ao rango dunha das quince batallas decisivas da Historia.

Últimos anos

Wellington voltou á política de novo en 1819, cando foi nomeado Master-General of the Ordnance no goberno tory de lord Liverpool. En 1827, foi designado comandante en xefe do exército británico. Xunto con Robert Peel, Wellington converteuse nunha das personalidades ascendentes do partido tory, chegando en 1828 a Primeiro Ministro.

Como Primeiro Ministro, Wellington actuou como o arquetipo de político ultraconservador, porén foi durante o seu mandato cando se aprobou a lei de emancipación dos católicos, que lles garantía practicamente todos os dereitos civís no Reino Unido, de xeito que lord Winchilsea acusou ao duque de ter "traidoramente maquinado para destruír a constitución protestante". Wellington desafiouno entón a duelo, o cal tivo lugar o 21 de marzo de 1829 nos campos de Battersea. No momento de disparar, Wellington deliberadamente tirou para un lado e Winchelsea disparou ao aire.

O gabinete Wellington caeu a fins de 1830, ano no que houbo numerosos motíns no verán e no outono. Os Whigs, que non foran quen de lograr o poder desde a década de 1770, adiviñaron que as reformas políticas podían ser a chave que lles facilitase o retorno ao goberno. Wellington, que seguía a pé da letra o camiño político conservador tory, perdeu unha votación de confianza o 15 de novembro de 1830. Foi substituído no cargo de "premier" por Charles Grey, que comezou unha grande reforma liberal, antes de verse obrigado a pasala á forza pola Cámara dos lores.

Cando os tories tornaron ao poder en 1834, Wellington refugou o posto de Primeiro Ministro, que foi aceitado por Robert Peel, mais como este estaba en Italia, aínda tivo que asegurar a interinidade por tres semanas, entre novembro e decembro de 1834. So o primeiro goberno Peel (1834-1841), Wellington foi Ministro de asuntos exteriores, e no segundo gabinete Peel (1841-46) foi Ministro sen carteira e presidente da Cámara dos Lores.

Wellington retirouse da política en 1846, aínda que seguiu como comandante en xefe das forzas armadas, voltando ao primeiro plano da política en 1848, cando colaborou a organizar unha forza de protección para Londres, nun ano de efervescencia revolucionaria en toda Europa.

Faleceu en Walmer Castle o 14 de setembro de 1852. O seu corpo foi trasladado por ferrocarril a Londres, onde se celebrou un funeral de estado, cerimonia que só se ten rendido a uns poucos británicos (entre eles Nelson e Churchill) e foi inhumado na catedral de San Paulo de Londres.

Recoñecementos

Este artigo é unha versión do correspondente en inglés na Wikipedia.

Ligazóns externas