Paulo Orosio: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
TXiKiBoT (conversa | contribucións)
m r2.4.6) (bot Engadido: sh:Orozije
Luckas-bot (conversa | contribucións)
m r2.7.1) (bot Engadido: hr:Pavao Orozije
Liña 123: Liña 123:
[[fr:Paul Orose]]
[[fr:Paul Orose]]
[[fy:Orosius]]
[[fy:Orosius]]
[[hr:Pavao Orozije]]
[[it:Paolo Orosio]]
[[it:Paolo Orosio]]
[[la:Orosius]]
[[la:Orosius]]

Revisión como estaba o 12 de marzo de 2011 ás 19:48

Paulo Orosio, representado nunha miniatura pertencente ao códice de Saint-Epure.

Paulus Orosius, chamado tamén Paulo Orosio ou simplemente Orosio, nado aproximadamente en 383 e falecido quizais en 420, foi un historiador e teólogo da Gallaecia, posiblemente natural de Bracara Augusta (o que hoxe se coñece como Braga, Portugal). Foi unha figura de gran prestixio cultural, que tivo contacto coas grandes personalidades da súa época, como Agostiño de Hipona ou Xerome de Estridón e autor da Historiae adversus paganos, unha narración histórica desde a creación do mundo ata a súa contemporaneidade.

Interrogantes sobre a súa figura

Nome

Respecto ao apelativo de Paulo Orosio, a dúbida non está en "Orosio" senón no nome anteposto de "Paulo". Non se sabe se se chamou así ou se o "P" de presbítero, que sempre acompañaba o seu nome, co paso do tempo se confundiu con Paulo[1]. Con todo, xa en autores inmediatamente posteriores a Orosio aparece o nome Paulo. De feito, ata o propio Casimiro Torres, un dos principais estudiosos sobre a figura de Orosio, sinala que Paulo puido ser a acepción cristiá e Orosio a indíxena[2].

Lugar de orixe

Panorámica de Braga na actualidade

En canto á súa orixe, existen catro teorías:

  • Nacemento en Bracara Augusta: é a idea máis aceptada por ser a que máis puntos de apoio ten. Se non fose Braga, polo menos habería que pensar nunha zona da contorna da Gallaecia. Para esta afirmación pódese recorrer á propia obra de Orosio, ou a dúas epístolas de Agostiño de Hipona, a 166 e a 169.
  • Nacemento en Tarraco: na súa Historiae Orosio fala de "Tarraconem nostra" (a nosa Tarragona). O autor decimonónico Theodor von Mörner[3]sostivo esta idea, pero hoxe en día non parece factible sostela por un único indicio.Martínez Cavero, Pedro, ?O pensamento??, p. 24.
  • Nacemento en Brigantium (A Coruña): esta teoría baséase unicamente en que Orosio cita dúas veces a localidade no apartado xeográfico das Historiae.
  • Nacemento en Bretaña: é unha teoría similar á anterior, e apóiase tamén no coñecemento máis ou menos profundo desta zona por Orosio[4].

Data de nacemento

A data de nacemento non consta en ningures. Se en 415 hai constancia de que Agostiño de Hipona falaba de Paulo Orosio como "un mozo presbítero", iso significa que nese momento non podía ter máis de 40 anos (mozo), nin menos de 30 (presbítero)[5]. No abano de datas que vai dende 375 e 385, o ano máis probable é 383, dado que iso suporía que cando Orosio chegou onda Agostiño de Hipona tería 32 anos, é dicir, dous desde a súa ordenación como presbítero.

Biografía

Primeiros anos

A pesar da escaseza de fontes, se se dá por bo o abano de dez anos entre 375 e 385 para o nacemento de Orosio, habería que enmarcalo nun momento de pleno desenvolvemento do priscilianismo e de auxe cultural do noroeste ibérico coa aparición de Exeria ou de Hidacio[6].

Paulo Orosio podería pertencer a unha familia ben situada socialmente[7] o que lle permitiría acceder a unha boa formación. A historiografía contemporánea sinala que desde a mocidade Orosio tiña sona de falador e erudito, en base a afirmacións de Agostiño de Hipona e do papa Xelasio I. En calquera caso, todo o referente á mocidade do autor non son máis que hipóteses e conxecturas, pois xunto á súa desaparición é a época peor coñecida da súa biografía.

Viaxe a África

En principio, parece seguro que Paulo Orosio viviu na Gallaecia ata 409, pero entre ese ano e 415, non hai datos completamente fiables. A cronoloxía tradicional é a que se segue nos seguintes parágrafos[8]:

Ao parecer, Orosio tivo que saír de Braga por mor das invasións xermanas. A data en que isto se produciu non está clara, pero o que non se pon en dúbida é que saíu de alí abruptamente. O propio Orosio afirma que foi perseguido ata a mesma praia na que embarcou[9]. De entre todas as datas expostas para a saída de Braga, que van desde 409 ata 414, o máis operativo é quedar coas dúas máis aceptadas:

  • 410: sostida por G. Fainck. Así, Orosio tería unha marxe de 5 anos para colaborar con San Agustín antes da súa viaxe a Palestina.
  • 414: a máis aceptada. A propia obra de Orosio, Commonitorium, que data de 414, fala da súa chegada a Cartago e do seu encontro con Agostiño de Hipona.

O certo é que unha vez Orosio saíu da Península Ibérica tiña claro que o seu destino era Hipona, para atoparse co maior intelectual da época: Agostiño de Hipona. Desde a súa chegada, Orosio pasou a formar parte do equipo que traballaba xunto a Agustín de Hipona, polo que é posible que o autor colaborase na elaboración da Cidade de Deus ou que polo menos coñecese a obra[10]. En 415, Agostiño encargoulle a Orosio unha tarefa que só podía realizar alguén da súa confianza: viaxar a Palestina para atoparse con Xerome de Estridón, un teólogo co que as relacións non eran boas, e que vivía coma monxe en Belén.

Viaxes a Palestina

A viaxe a Palestina respondía a un dobre motivo: o interese de Orosio, que quería tratar con Xerome diferentes temas teolóxicos (en especial o relacionado coa orixe da alma) e o interese de Agostiño, que lle encargara estreitar lazos con el e solicitarlle información sobre a herexía pelaxianista[11].

De feito, en 415, ao que se instalou en Belén xunto a Xerome, Paulo Orosio entrevistouse co propio Pelaxio, e participou no sínodo que se celebrou en xuño do 415 polo apoio do bispo de Xerusalén Xoán II a Pelaxio. Nel, Orosio leu a condena que se realizara no sínodo de Cartago no 411 e leu os escritos de Agostiño contra o pelaxianismo sen conseguir que se condenara a Pelaxio. Por mor deste enfrontamento escribiu o seu Liber Apologeticus[12].. Orosio envioulle cartas e legados ao papa Inocencio I e agardou ao sínodo de Dióspole, que se celebrou a fins de ano e no que Pelaxio saíu absolto.

Últimos anos

O 26 de decembro de 415 acháronse as reliquias de santo Estevo e a Orosio encargáronlle levar unhas poucas a Bracara Augusta[13]. Con todo, antes tiña que pasar por Hipona, pois levaba escritos de Xerome para Agostiño, e tamén hai constancia de que pasou por Xerusalén e por Alexandría, aínda que isto último non se sabe se o fixo á ida, á volta ou en ambas as ocasións[14].

Durante a súa segunda estancia en Hipona, xestouse a grande obra de Paulo Orosio, a Historiae adversus paganos. Con todo, xorden problemas á hora de datar tanto a elaboración como a finalización do libro, para o que hai opinións de diversos tipos:

  • A hipótese tradicional di que o libro se redactou entre 416 e 417[15]. A data apóiase en que no Liber Apologeticus aínda non di nada do seu labor como historiador, e que no prólogo fala do Libro XI da Cidade de Deus de Agostiño de Hipona, que non se publicou ata 416, pero deixa en escuro como foi capaz de escribir os diversos volumes da obra en tan pouco tempo.
  • Unha hipótese máis moderna, sostida por Casimiro Torres, di que Orosio parou por segunda vez en Hipona un tempo moi breve, que intentou volver a Hispania, cousa que non conseguiu, e que escribiu o libro nunha terceira estadía en Hipona, o que explicaría que nas súas Historiae se fale de sucesos ocorridos en Hispania en 417.
  • Unha terceira teoría xa clásica, sostida por T. von Mörner e G. Fainck, fala de que Osorio realizara xa un traballo previo antes de viaxar a Palestina, e que o retomou e rematou ao seu regreso.

Desaparición

Tras a publicación das Historiae, non hai apenas información sobre Paulo Orosio. Sábese que estivo en Menorca, pero descoñécese a data de falecemento. Esta ausencia de referencias a Orosio puido deberse a un distanciamento con Agostiño, quen non fai ningunha referencia clara ás Historiae de Orosio despois de seren publicadas. Xenadio de Marsella di que o autor chegou, polo menos, ata a fin do mandato do emperador Flavio Honorio, que se prolongou ata 423, pero non hai ningunha noticia de Orosio desde 417[16]. Existen máis posibilidades, desde unha posible morte repentina ata unha sorte de lenda que fala de que Orosio finalmente chegou a Hispania, fundou un mosteiro preto do cabo de Palos e terminou alí as súas ideas, algo que neste momento parece pouco probable.

Obra

Commonitorium e Liber Apologeticus

O Commonitorium e as Historiae responderon, polo menos en orixe, á influencia directa que Agostiño de Hipona exerceu sobre Orosio.

Aínda que o escrito máis importante de Paulo Orosio foi a Historiae Adversus Pagáns, tamén hai que ter en conta as outras dúas obras que se conservan do autor, coñecidas xeralmente como Commonitorium e Liber Apologeticus[17].

O nome completo do primeiro libro é Consultatio sive commonitorium ad Augustinum de errore Priscillianistarum et Origenistarum (en galego: Consulta ou advertencias a Agostiño verbo do erro dos Priscilianistas e dos Orixenistas)[18]. En principio é unha obra destinada a Agostiño e xa que logo a súa data de redacción tería como límite a da súa chegada a África, entre 409 e 414[19]. O segundo límite cronolóxico atópase en 415, data aceptada de publicación da obra Liber ad Orosium contra Priscillianistas et Origenistas, onde Agostiño responde ao Commonitorium de Orosio[20].

A obra non só estaba dirixida a Agostiño de Hipona, senón que estivo precedido de conversas co santo. Nel relátase a súa viaxe a África, explícase e critícase tanto o priscilianismo coma o orixenismo e pídeselle consello a Agostiño sobre diversos temas teolóxicos[21].

Respecto ao segundo libro, o seu nome completo é Liber apologeticus contra Pelagium de arbitrii libertate. Esta obra hai que enmarcala na participación de Paulo Orosio no concilio rexional de Xerusalén de 415 onde se produciu un gran debate teolóxico, e onde o bispo Xoán II acusou a Orosio de herexe por soster que o home non podía permanecer libre de pecado nin con auxilio divino. Para defenderse de tales acusacións, Orosio redactou a súa Liber Apologeticus, onde expón os motivos polos que participou no sínodo (fora convidado por Xerome de Estridón) e rexeita a acusación de herexía[22].

Historiae adversus paganos

Lámina dun códice das Historiae de Orosio, que se conserva en Florencia.

A grande obra de Paulo Orosio é Historiae adversus paganos, a única histórica. A data de elaboración do libro presenta problemas, pois non existe unha teoría unanimemente aceptada. De todos os xeitos, a liña máis tradicional sitúa a redacción das Historiae entre 416 e 417.

Unha definición clara e concisa sobre o libro histórico de Orosio é a dunha "obra histórica universalista de carácter apoloxético e providencialista, cuxo fin primordial é comparar un pasado pagán cun presente cristián a través dos seus homes, as súas accións e o seu medio xeográfico e temporal"[23].

A orixe da obra responde a unha petición expresa de Agostiño de Hipona, que lle pide unha obra como complemento á súa De Civita Dei, onde se trace a historia facendo fincapé nos pobos pagáns[24]. Orosio recolleu a petición de Agostiño e trazou a obra co obxectivo de expor que a decadencia de Roma (en 410 producírase o saqueo de Roma por Alarico I) non tiña que ver en absoluto co cristianismo[25].

Na súa concepción da historia, Orosio seguiu a filosofía agostiña. Redactou unha crónica das calamidades, pretendendo probar que as desgrazas que ocorrían no seu tempo non se debían ao cristianismo, como afirmaba Simaco, senón que antes del houbera catástrofes peores, e foi a primeira tentativa de escribir unha historia do mundo guiada por Deus. O libro converteuse nun manual de historia durante a Idade Media, con máis de 240 manuscritos coñecidos e traducións ao saxón e ao árabe. En relación aos suevos a postura de Orosio foi ben diferente da de Hidacio, xa quepara Orosio a chegada dos suevos á Gallaecia fora a época de máis felicidade desde a creación do mundo.

Interpretación

Universalismo e localismo

O carácter universalista da obra de Orosio quizá sexa o matiz máis destacable, e nel coinciden todo tipo de autores, desde clásicos como Menéndez y Pelayo ata o moderno Torres Rodríguez[26]. A súa obra sinálase como a primeira obra de historia universal de índole cristiá (ou a última do universalismo clásico, se se prefire)[27].

Paulo Orosio utiliza a denominada teoría da sucesión dos catro imperios universais[28], tomando a premisa de que a partir das ruínas dunha gran civilización xorde outra. Así, colle catro imperios históricos, Babilonia, a Roma pagá, Macedonia e Cartago, e un quinto, a Roma cristiá, como herdanza de todos eles. De feito, durante a narración os catro imperios teñen un mesmo devir e uns paralelismos moi marcados en oposición á Roma que desexa enxalzar.

Outra característica importante da obra histórica orosiana é o localismo. Torres Rodríguez fala de "patriotismo" no sentido de que Orosio fai especial fincapé nos feitos que ocorren en Hispania. Pon exemplos respecto diso con narracións de acontecementos nas Historiae, como os ocorridos en Bracara ou no feito de que fose o propio Orosio o encargado de trasladar as reliquias de santo Estevo[29]. García Fernández,pola contra, sinala como esaxerada a cualificación de "patriótica" e rexeita practicamente todas as afirmacións que fai Torres Rodríguez. Seguindo esa liña, máis ca hispanismo sinala unha "actitude benévola" fronte ao indíxena hispano[30].

Optimismo ou pesimismo

Un punto de interese máis é o pesimismo co que Orosio trata determinados temas e o esaxerado optimismo co que se refire a outros. En liñas xerais é pesimista respecto de todo o pagán/pasado e optimista respecto de todo o cristián/presente. Esta característica impregna todas as demais, en especial en canto a que ao longo da súa narración fai especial fincapé no sufrimento dos vencidos. Así, o pasado preséntase como unha cadea de infortunios con exemplos concretos, desde o dioivo universal ata os naufraxios de barcos no mar Mediterráneo, e o futuro como algo optimista a pesar da realidade que viviu.

Para levar a narración nunha liña de sufrimento e traxedia fíxase en numerosas ocasións nos derrotados, algo que choca coa historiografía romana, que adoita dar preeminencia aos vitoriosos. No entanto, para tratar de conmover o lector e levalo ao seu rego Orosio ás veces utiliza mitos e lendas coma se fosen feitos histórico[31]. Esta dualidade pesimismo/optimismo leva a Orosio a ofrecer unha narración que en moitos compases carece de sentido crítico.

Narrativa

O autor ten un obxectivo claro: defender os cristiáns das acusacións dos romanos pagáns, que os acusan de que a chegada dos xermanos é un castigo por deixar de lado ao panteón de deuses clásico. Con ese obxectivo, os recursos narrativos que utiliza Orosio van máis aló do pesimismo/optimismo, e canaliza o seu argumento a través da idea fundamental de que o pasado é peor có presente, simplemente por estar afastado da verdadeira relixión.

Este obxectivo lévao a executar cada un dos seus relatos cun fin concreto, e hai sucesos que se narran de xeito especialmente breve e outros que se presentan con todo luxo de detalles. Doutra banda, o feito de que a súa obra teña unha intención moral e apoloxética fai que se centre en sucesos pouco habituais, como as miserias da guerra sobre a poboación[32].

Importancia da xeografía

Paulo Orosio concédelle unha gran importancia á xeografía no seu labor como historiador, en particular no segundo capítulo do primeiro dos sete libros que compoñen as Historiae. A pesar de que a descrición xeográfica conta con algunhas imprecisións, como o emprego excesivo do substantivo «Cáucaso» para referirse a outras cordilleiras á marxe desta, é destacable o feito mesmo de que inclúa un capítulo xeográfico, o que contribuíu á súa valorización na historiografía moderna[33].

Repercusión

Colofón dun incunable da Historiae adversus paganos de Paulo Orosio, un dos libros máis copiados do Medievo.

Tomando por certo o suposto distanciamento entre Paulo Orosio e Agostiño de Hipona nos treitos finais da vida do primeiro, isto non tivo que producirse por mor das Historias, e en calquera caso non afectou a súa distribución e repercusión.[34]. Desde a súa confección, e ata o Renacemento, a obra de Orosio foi tomada como unha das principais obras da historiografía hispana, e o éxito fixo en boa medida que se conservasen os outros dous escritos do autor.

Historiae Adversus Pagáns é unha obra citada por todo tipo de autores, desde Braulio de Zaragoza ata Dante Alighieri. Lope de Vega deulle un papel a Paulo Orosio na súa obra El cardenal de Belén, o que dá boa conta da lonxevidade da fama de Orosio. Tamén Castelao se refire a Paulo Osorio no libro Primeiro do Sempre en Galiza, sinalándoo como unha das pasadas glorias de Galicia.

De feito, a obra non só foi citada por todas as partes, senón que foi un dos principais libros escolásticos para o estudo da Historia Antiga durante toda a Idade Media. Foi amplamente copiada, e consérvanse nada menos que 82 manuscritos e 28 incunables. Despois seguiuse copiando, e ata se conservaron edicións da obra do século XVI en italiano e alemán. Non existe con todo tradución á lingua galega de ningunha das obras de Orosio.

Notas

  1. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 19.
  2. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985
  3. Theodor von Mörner foi un historiador do século XIX que escribiu De Orosii Vita Eiusque Historiarum Libris Septem Adversus Paganos (1844)
  4. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 25.
  5. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p.27
  6. LÓPEZ PEREIRA, J.E. 'Cultura y literatura latinas en el NO peninsular en la latinidad tardía', Minerva. Revista de Filología Clásica, 1:1987 , p. 129-144.
  7. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002.
  8. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 29.
  9. PAULO OROSIO, Historiae adversus paganos, III 20, 6-7.
  10. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 35.
  11. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 39.
  12. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 42.
  13. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 43.
  14. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 45.
  15. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 52-53
  16. MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, El pensamiento histórico y antropológico de Orosio, Murcia:Universidad. 2002, p. 57
  17. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 18.
  18. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 65.
  19. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 66.
  20. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 67.
  21. BELTRÁN CORBALÁN, Domingo, GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Rafael e MARTÍNEZ CAVERO, Pedro, 'El Commonitorium de Orosio: traducción y comentario', in Faventia: Revista de filología clàssica, 21:1999, p. 71.
  22. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985.
  23. RÁBADE NAVARRO, Miguel Ángel, 'Una interpretación de fuentes y métodos en la Historia de Paulo Orosio', in Tabona. Revista de Prehistoria, Arqueología y Filología Clásicas, 32:1985-1987, p. 377.
  24. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994, p. 375.
  25. GARCÍA FERNÁNDEZ, Francisco José. 'La imagen de Hispania y los hispanos a finales de la Antigüedad. Las Historiae Adversum Paganos de Paulo Orosio'. In Conimbriga, 44:2005, p. 297
  26. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.75
  27. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994, p. 373.
  28. RÁBADE NAVARRO, Miguel Ángel, 'Una interpretación de fuentes y métodos en la Historia de Paulo Orosio', in Tabona. Revista de Prehistoria, Arqueología y Filología Clásicas, 32:1985-1987, p. 378.
  29. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.77
  30. GARCÍA FERNÁNDEZ, Francisco José. 'La imagen de Hispania y los hispanos a finales de la Antigüedad. Las Historiae Adversum Paganos de Paulo Orosio'. In Conimbriga, 44:2005.
  31. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985. p.66
  32. ALONSO NÚÑEZ, José Miguel, 'La metodología histórica de Paulo Orosio', in Helmántica, 136-138:1994.
  33. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985
  34. TORRES RODRÍGUEZ, Casimiro. Paulo Orosio. Su vida y sus obras. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1985, p. 80

Modelo:Link FA