Orraca de Galicia, Castela e León: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sen resumo de edición
Xandrwijk (conversa | contribucións)
m moveu "Urraca de León e Castela" a "Urraca de León": Non é común o nome de "Urraca de León e Castela", senón que -aínda que non completamente descriptivo, pois obvia a Galicia- mentres que "Urraca de León" si o é.
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 16 de xaneiro de 2011 ás 22:18

Orraca de Galicia, Castela e León


Na rede
WikiTree: Castilla-25

Dona Urraca, nada contra 1081 e finada o 8 de marzo de 1126, foi unha raíña de Galicia, León, Castela e Toledo desde a morte do pai, o 30 de xuño de 1109, até o 8 de marzo de 1126. Era filla de Afonso VI e da súa terceira dona Constanza de Borgoña.

Biografía

Antes da morte do seu pai, gobernou o Reino de Galicia a modo de tenza feudal, sendo nomeado o seu marido, Raimundo de Borgoña, Conde de Galiza. Foi nai de Afonso Raimúndez, proclamado rei en 1111 -co obxecto de preservar os seus dereitos ao trono e, en todo caso, ao reino galego-, e futuro Afonso VII. O reinado de Dona Urraca constituíu un momento de encrucillada decisivo para o futuro dos reinos cristiáns occidentais.

Despois de enviuvar en 1107, casou en segundas nupcias con Afonso I de Aragón, parente seu afastado, unha vez que ambos eran bisnetos de Sancho III de Navarra. Isto provocou a anulación do matrimonio polo papa Pascual II, mais eles permaneceron xuntos até 1114. Ademais, a propia nobreza de León e Castela opúxose ao matrimonio, xerándose un clima de guerra civil no reino. En fin, tivo tamén que facer fronte ao propio fillo, tornado rei da Galiza, para poder manter o trono. Cando Urraca morreu, foi o seu fillo quen a sucedeu á fronte dos destinos do país.

Goberno de Galicia

En 1093, aos 12 anos, casa con Raimundo de Borgoña membro da familia condal de Borgoña e vén a Galicia para compartir con el o seu goberno. Sempre leais ao monarca leonés, non renunciaron á dignidade do seu cargo. Así, en documentos de 1095 e 1105, referidos á concesión de dereitos aos burgueses composteláns, asina coa expresión Urraca regina.

A súa condición de muller non foi obstáculo para reafirmar a súa autoridade trala morte do seu primeiro home en 1107, momento en que asina como totius Gallecie imperatrix.

Entre outras residencias galegas, parece ser que viviron no casal de Fente (Monterroso), aínda que os labores de goberno obrigárona a pasar tempadas noutras localidades como Santiago de Compostela ou Caldas de Reis.

Ela e o seu home exerceron xustiza, formaron exércitos, concederon privilexios e recadaron tributos con plena autonomía. Isto permitiu pacificar un reino que dende a prisión de García de Galicia fora foco de inestabilidade nobiliar e eclesiástica (rebelión de Rodrigo Ovéquiz e destitución do bispo Diego Páez).

Do bo entendemento coa nobreza eclesiástica é testemuño o bautismo do seu fillo Afonso Raimundez polo bispo Diego Xelmírez; da harmonía coa nobreza autóctona fala a encomenda da educación deste ao poderoso conde Pedro Froilaz de Trava.

Coa morte de Raimundo, Urraca procura que na curia plena reunida en León (1107) se lle aseguren ao seu fillo os seus dereitos sobre o Reino de Galicia, ante as perspectivas do competidor Sancho, fillo e herdeiro do rei Afonso VI. Paradoxalmente, isto volveríase na súa contra máis tarde: a morte do herdeiro de León en Uclés no ano 1108, colócaa a ela como depositaria dos dereitos sucesorios á coroa.

Raíña de León

Trala morte de Afonso VI, Urraca coróase como raíña de León. Resulta ser así a primeira raíña titular da historia de España. Nin Elvira Menéndez, nai de tres reis, nin a súa avoa Sancha, de quen Fernando I o Grande recibe a lexitimidade leonesa, poden ser consideradas como tales.

Urraca busca alianzas para consolidar o seu poder. Casa co monarca navarro-aragonés Afonso o Batallador. Con este matrimonio pretende contar cos exércitos conquistadores do emirato de Zaragoza malia que contase coa oposición do conde de Henrique de Portugal, de Pedro Froilaz de Trava e da Igrexa. A pesar de todo, Afonso o Batallador consegue o dominio máis ou menos voluntario de Castela e León pero, ao non ser a súa autoridade recoñecida polos magnates galegos laicos e eclesiásticos nin polos influíntes monxes de Sahagún, iníciase un período bélico e inestable coa seguinte situación:

  • Castela e León baixo o dominio de Afonso o Batallador.
  • Galicia apiñada ao redor dos dereitos do fillo de Urraca.
  • Portugal consolidando a súa autonomía con Tareixa de Portugal autodenominándose regina dun espazo territorial concreto.

O rei neno

Diego Xelmírez e Pedro Froilaz, non tardan en reaccionar e coroan o fillo de Urraca, Afonso Raimúndez, o 17 de setembro de 1111 en Santiago de Compostela. Pretenden defender os dereitos deste, cando menos sobre o reino de Galicia. Isto desata unha guerra aberta na que o rei navarro-aragonés non consegue o dominio de Galicia pero impide a coroación de Afonso en León. Xa en 1112 o neno reúnese coa súa nai (tras ser feito prisioneiro), quen afianza as súas relacións cos nobres galegos e volta confiar seu fillo a Froilaz de Trava.

As desavinzas entre Urraca e o seu novo home acaban conducindo a aquela a un entendemento con Xelmírez. Precisaba do apoio das tropas galegas para desaloxar a Afonso o Batallador de Castela e León. A partir dese momento, prodúcese unha situación de cogoberno co seu fillo do que son testemuño certas crónicas como a Historia Compostelana e decenas de documentos asinados conxuntamente como reis, especialmente en Galicia. Nalgúns destes confirman ou outorgan dereitos e bens a prol de Xelmírez e de Pedro Froilaz.

Afianzamento do seu reinado

En 1115, roto xa o matrimonio con Afonso o Batallador e expulsado este dos seus reinos, Urraca exerce plenamente as funcións rexias. No que atinxe a Galicia, acada un acordo con bispo de Compostela no que é recoñecida como raíña, sen prexuízo da condición real do seu fillo, a quen se lle asigna o goberno do reino de Toledo. O levantamento dos burgueses de Santiago, que chegan a aldraxar a raíña na praza pública e a poñer en fuga ao arcebispo, propiciaron o entendemento.

Tamén contribuíron ao acordo as arelas de Tareixa de Portugal a unha maior autonomía da coroa de León, así como as súas incursións ao norte do río Miño. Deste xeito, en 1121 un exército galaico-leonés ao mando de Urraca e Xelmírez puxo sitio a Tareixa no castelo de Lanhoso e impuxo a súa autoridade alén do Douro.

Urraca morreu de parto no ano 1126. Afonso Raimundez era, finalmente, coroado en León co nome de Afonso VII.


Orraca de Galicia, Castela e León
Dinastía Ximena
Nacemento: 24 de Xuño 1081 Falecemento: 8 de Marzo 1126


Títulos Reais
Precedido por
Afonso VI


Raíña de Galicia
1109–1111
Sucedido  por
Afonso VII
Raíña de León
1109–1126
Raíña de Castela
1109–1126
Raíña de Toledo
1109–1126
Títulos Honoríficos
Precedido por
Nova titulación


Emperatriz de toda Galicia
1109–1126
Sucedido  por
Descoñecido
Outros títulos Nobiliarios
Precedido por
Berta de Italia


Raíña consorte de Navarra
1109–1114
Sucedido  por
Marguerida de l'Aigle
Raíña consorte de Aragon
1109–1114
Sucedido  por
Agne de Aquitania

Véxase tamén

Bibliografía

  • La Reina Doña Urraca, Cancillería y colección Diplomática Irene Ruíz Albi, Centro de estudios e Investigaciones San Isidoro ISBN 84-87667-62-7
  • La Reina Urraca Mª del Carmen Pallares y Ermelindo Portela
  • Colección Diplomática de la Reina Urraca de Castilla, 1109-1126, Cristina Monterde Albiac, Zaragoza 1996

Ligazóns externas