Wikipedia:Monicreques: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
Sen resumo de edición
Toliño (conversa | contribucións)
nova polítca da Galipedia, aprobada en votación
Liña 1: Liña 1:
{{PolíticasGalipedia}}
{{PropostasPolíticasGalipedia}}
{{EnResumo|A regra xeral é: '''un editor, unha conta'''. Non se poden empregar múltiples contas para enganar ou despistar; para crear a ilusión dun maior apoio en relación a unha posición; para incitar controversias; ou para saltar un bloqueo. Non pida aos seus amigos que creen contas para darlle a razón.}}
{{EnResumo|A regra xeral é: '''un editor, unha conta'''. Non se poden empregar múltiples contas para enganar ou despistar; para crear a ilusión dun maior apoio en relación a unha posición; para incitar controversias; ou para saltar un bloqueo. Non pida aos seus amigos que creen contas para darlle a razón.}}
{{Lista políticas}}
{{Lista políticas}}

Revisión como estaba o 9 de novembro de 2010 ás 15:21

Modelo:EnResumo

A norma na Wikipedia é que os editores que se rexistran só deberían empregar unha única conta. A acción de crear contas alternativas, ou monicreques, pode levar a engano e despistar ao resto de colaboradores.

Aínda que non é frecuente, algúns wikipedistas crean ás veces contas alternativas á súa conta principal, que é a que ten máis antigüidade e maior número de edicións. Porén, son moi poucos os casos en que deberían admitirse estas prácticas. En particular, non se poden usar contas alternativas para evitar o control, para confundir ós demais, para facer edicións prexudiciais, para provocar polémicas ficticias ou para votar máis dunha vez nun mesmo tema. O uso ilexítimo de contas alternativas debería desencadear unha acción de bloqueo.

Usos inapropiados

Os wikipedistas aprecian o uso do consenso para tomar decisións e asumen que a maior parte da xente tenta axudar a Wikipedia. Os monicreques válense desta boa fe para conseguir os seus fins de desequilibrar un debate ou de evitar as sancións. Por este motivo na Wikipedia non se poden empregar monicreques e no suposto de que sexan utilizados tomaranse as medidas que cumpran para protexer a comunidade das súas accións, cun bloqueo da conta principal.

Ao ser usuarios experimentados, aínda que baixo unha máscara, os monicreques adoitan ter unha maior familiaridade coas normas e recursos da Wikipedia e cos seus procedementos de edición. Con cousas que, por exemplo, alguén que acaba de chegar descoñecería. Xa que logo, dende o comezo entrarán en guerras de edición e participarán nos debates e votacións. Tamén é moi posible que centren os seus obxectivos nun só artigo, e que reduzan as súas edicións a el. Non obstante, cómpre ter coidado e non sinalar rapidamente un usuario como monicreque sen apenas probas.

Monicreques electorais

Como a Wikipedia se apoia no principio "unha persoa, un voto", os monicreques poden tentar interferir nas eleccións, nos debates de borrado e en xeral en todas aquelas conversas onde se producen acordos e discordancias, sumando votos extra á opinión da conta principal. Pero tamén interfiren cando realizan opinións redundantes ás xa emitidas, e que dan a impresión dun falso consenso aínda que non se estea votando. Tamén poden usarse maliciosamente para romper un debate, a modo de trol, que é outro xeito de influír na opinión da comunidade.

Canear as normas

As normas e as sancións van dirixidas contra as persoas, non contra as contas de usuario, así que un non pode valerse de monicreques para violar o espírito das normas, en particular sobre bloqueos. Está prohibido o uso de contas alternativas para saltar un bloqueo imposto á orixinal; calquera conta creada con este propósito será bloqueada.

Facundos

Facundo era o nome do boneco co que o Mago Antón fixo os seus primeiros espectáculos como ventrílocuo. No contexto da Wikipedia, un facundo (en inglés, meatpuppet) é un usuario que edita por boca doutro usuario. Aínda que a Wikipedia parte da asunción da boa fe, e particularmente cos novos usuarios, débese desaconsellar e combater o recrutamento de novos colaboradores que veñen á Wikipedia co propósito de influír nun punto de vista, de realizar trocos concretos ou de aparentar un consenso irreal. Un editor novo que ten o mesmo comportamento ca outro nos mesmos contextos e que semella editar na Wikipedia só para reforzar o posicionamento do outro, debe ser sancionado ao igual có usuario que fala por boca del.

Non recrute facundos. Non pida aos seus amigos, parentes ou grupos de xente que están de acordo con vostede que veñan á Wikipedia e apoien o seu posicionamento nos debates. Se cre que non se lle fai caso abondo nunha conversa, o que debe facer é evitar ataques persoais, propor votacións ou usar calquera outro procedemento para resolver conflitos que estea debidamente consolidado e que non consista unicamente en mudar unha actitude tendenciosa pola súa contraria.

A comunidade wikipédica segue algúns modelos de comportamento que reducen o dano causado polos posibles facundos. O consenso nos debates e conversas non se basea unicamente no número de votos, senón nos argumentos que empregan os distintos editores e que se apoian nas normas e políticas da Wikipedia. É estraño que alguén acabado de chegar entenda todo o catálogo de normas e prácticas da Wikipedia ou que coñeza referencias que usuarios máis veteranos aínda non mencionaron.

Homes de palla

Un tipo específico de monicreque é o que se coñece como home de palla. A súa función é inmolarse nunha discusión presentando os peores argumentos posibles para que as posicións opostas defendidas polo seu operador acaben triunfando. As súas achegas adoitan ser pobres e doadamente rebatibles, amosan lagoas de información e a miúdo son agresivos e intolerantes. O seu efecto é confundir o debate e inclinar a balanza para un lado interesado.

Monicreques de administradores

Ningún editor pode posuír máis dunha conta de administrador. Se un administrador deixa de selo, e tempo máis tarde regresa cun novo nome e resulta elixido de novo como administrador, debe abandonar o uso da conta vella.

A Galipedia xa rexeitou os casos en que unha persoa controlaba varios usuarios con categoría de administrador[1].

Usos lexítimos

Malia o exposto anteriormente, existen casos nos que unha conta alternativa, unha segunda conta rexida pola mesma persoa, é válida e o seu uso lexítimo.

Seguridade

Como algúns computadores públicos poden ter troianos ou virus ladróns de contrasinais, pódese empregar ocasionalmente e dende estes computadores unha conta alternativa para que a habitual non se vexa afectada polos ataques, ataques que poden acabar danando o conxunto da Wikipedia. Neste caso, o nome da conta alternativa debe ter un nome de fácil identificación e un aviso aclaratorio que explique este motivo e conteña unha ligazón cara á conta principal.

Anonimato

Un editor de personalidade real coñecida ou recoñecible no seu contorno, pode crear unha conta alternativa para realizar artigos de carácter polémico que lle poidan representar problemas na súa vida diaria ou no seu traballo; por exemplo, se un executivo dunha empresa téxtil realiza artigos sobre explotación laboral infantil. De todos os xeitos, débese ter presente que a Wikipedia debe presentar a información conforme un punto de vista neutral.

Bots

Os editores que operan bots para facer rápidas edicións automáticas ou semiautomáticas deben crear usuarios específicos e someter previamente eses usuarios á aprobación da comunidade en Wikipedia:Bots/Peticións de aprobación.

Contas espellismo

As contas espellismo (chamadas en inglés doppelgänger accounts) son contas rexistradas polos editores para evitar que sexan creadas e vandalizadas por outros usuarios. Por exemplo, se existe un editor chamado Nepomuceno, este pode crear unha nova conta chamada Nepomuzeno para evitar que algún vándalo a cree e a empregue para fins perversos cun ánimo de suplantación da identidade. Estas deberían estar marcadas cun modelo específico ({{Conta espellismo}}) ou redireccionar directamente á conta de usuario habitual.

A conta espellismo non se debe usar nunca para facer ningún tipo de edición.

Lavar o pasado

Se ten vostede un mal historial como editor na Wikipedia, abondoso en vandalismos, disputas ou ataques persoais, e decide mudar a súa forma de proceder, pode deixar de usar a conta antiga e trocala por unha nova para comportarse ben a partir de agora. Con todo, debe ter presente que:

  • Se segue editando os mesmos artigos ou se o seu xeito de redactar e de actuar é tan recoñecible que pode ser identificado rapidamente, é fácil atar os cabos e que reciba un castigo aínda maior. Se de verdade muda a súa forma de actuar, vai ser moi difícil que se poidan atar eses cabos.
  • Se segue usando as dúas contas ao mesmo tempo, é posible que un verificador de usuarios se decate e o recoñeza. O emprego das dúas contas pode resultar nunha acusación de monicreque. O mellor é deixar un aviso de retiro na conta vella e abandonala por completo.

Identificación de contas alternativas

Se alguén usa unha conta alternativa, debe incluír en todo momento ligazóns entre unha e outra que permitan a identificación clara e sen ambigüidades de cada unha. Para facelo, o mellor é utilizar o modelo {{Conta alternativa}} na alternativa e {{Conta mestra}} na principal.

Marcaxe e tratamento de presuntos monicreques

O proceso contra un presunto monicreque debe abrirse a través da páxina Wikipedia:Taboleiro dos administradores/Problemas varios explicando os motivos que se desprenden das dúas edicións. Débense bloquear os monicreques e os seus operadores, e tamén se deben marcar axeitadamente as súas páxinas de usuario e de conversa.

Verificador de usuarios

Na Galipedia aínda non existe ningún verificador de usuarios propio. Pero é posible acudir a verificadores de usuarios globais para desvelar a existencia de monicreques nalgúns casos complexos, posto que este tipo de usuarios rastrexan os servidores e os rexistros das edicións. Os verificadores de usuarios deberían empregarse unicamente en casos contados e ben razoados, polo que as situacións que non sexan extremas ou onde se queira satisfacer a simple curiosidade no marco de debates correntes, seguramente acabarán nunha solicitude rexeitada; a política de protección de datos impide revelar os resultados ao completo, e só se darán en termos xerais. Con todo, é importante sinalar que os verificadores de usuarios identifican a existencia de monicreques, pero non demostran a súa inexistencia.

As solicitudes para a comprobación de monicreques pódense facer en meta:Steward requests/Checkuser.

Acusacións non demostradas

Nalgúns casos seguramente non se poida demostrar a existencia de monicreques, máis ca nada porque este tipo de contas argallan todo tipo de renarterías para camuflárense. Ademais, aínda que se poidan percibir coincidencias en intereses e en estilos de edición, quizais non sexa doado coñecer tan ben as dúas contas como para establecer inequivocamente unha relación de operador-monicreque. Hai que ter en conta que determinadas cuestións polémicas poden ser panais de mel que atraian distintos editores, moitas veces con puntos de vista ideolóxicos, políticos ou relixiosos semellantes.

Cómpre ter tino ao realizar acusacións. Por outra banda, en caso de recibir unha acusación de ser un monicreque e non o é, non o tome como algo persoal; siga facendo as cousas ben e o seu historial de edicións falará por vostede.

Bloqueo

Artigo principal: Wikipedia:Política de bloqueo.

Cando se identifique un monicreque, esta conta debe quedar bloqueada para sempre, agás que sexan contas anónimas presentadas cun enderezo IP, co que deberían terse en conta as restricións de bloqueo que operan sobre este tipo de usuarios. Os operadores deberán tamén ser bloqueados durante o tempo que estime axeitado o administrador.

Etiquetado

A continuación están detallados os pasos a seguir para, unha vez demostrada a existencia dun monicreque, realizar a marcaxe do usuario.

  1. Unha vez constatada a existencia do monicreque, o primeiro é bloquear as contas.
    1. O monicreque debe bloquearse para sempre.
    2. A conta principal debe bloquearse tamén, durante o tempo que o administrador estime oportuno.
  2. A continuación, cómpre marcar a páxina de usuario e de conversa do monicreque con: {{Monicreque}}.

Notas