Herdanza: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
mSen resumo de edición
(Sen diferenzas.)

Revisión como estaba o 12 de setembro de 2009 ás 08:10

En Dereito, denomínase herdanza ao acto xurídico mediante o cal unha persoa que falece traspasa os seus bens, dereitos e obrigacións a outra ou outras persoas, que se denominan herdeiros. Así, enténdese por herdeiro a persoa física ou xurídica que ten dereito a unha parte dos bens dunha herdanza.

O herdeiro pode ser o que como tal figura nun testamento, ou ben, aqueles a quen a lei recoñece tal condición legal, xa sexa por ausencia de testamento, ou por aplicación de normas imperativas como as lexítimas.

Facultades do herdeiro

Ao herdeiro a lei atribúelle diversas facultades, entre elas:

  • Aceptar ou renunciar á herdanza, ou aceptala a beneficio de inventario.
  • Dispor por actos inter vivos ou mortis causa da mesma, aínda antes de entrar na súa posesión.
  • Lexitimidade para impugnar o testamento, oporse ao mesmo e cantas accións xudiciais considere necesarias para defender os seus dereitos.

Outras acepcións

Tamén se denomina herdanza, por extensión, ao conxunto de bens, dereitos e obrigacións que se traspasan. Este conxunto de bens e dereitos en ocasións recibe o nome de caudal hereditario (caudal relictio). O caudal hereditario fórmao o patrimonio do causante no momento da morte, eliminando aqueles bens, dereitos e obrigacións que se extinguen polo feito da morte (dereitos e obrigacións personalísimas, por exemplo). Este caudal relaciónase no inventario de bens co seu correspondente pasivo.

Doutra banda, desde o punto de vista do herdeiro, denomínase herdanza ao conxunto de bens, dereitos e obrigacións que recibe, que pode ser unha porcentaxe menor do total do caudal hereditario.

Neste último caso (desde o punto de vista do herdeiro), enténdese que unha herdanza refírese a unha parte xenérica do patrimonio do testador. Por exemplo, a metade ou o total do caudal hereditario. Cando o testador decide dar uns bens concretos a un herdeiro, isto recibe o nome de legado e o herdeiro sería un legatario. O herdeiro ás veces confúndese coa figura do legatario. Con todo, un legatario, como receptor dun simple legado, non ten os mesmos dereitos de defensa da herdanza que o herdeiro, e non sucede ao causante a título universal.

Características das herdanzas

Sendo a herdanza unha materia profusamente regulada, existen con todo dous tipos de normas aplicables á mesma:

  • Normas dispositivas, que rexen en ausencia de vontade do testador (sucesión intestada).
  • Normas imperativas, que rexen en todo caso, limitando a vontade do testador.

Segundo cada tipo de ordenamento xurídico e ao maior ou menor grao de normas imperativas, darase maior ou menor ámbito de actuación ao testador. Deste xeito, existen ordenamentos xurídicos moi limitativos á vontade do causante, impondo figuras como a lexítima, e outras que permiten a case total disposición por parte do causante dos seus bens.

Efectos fiscais

A herdanza como acto xurídico é tamén un feito impoñible. Ao ser unha fonte de ingresos para o herdeiro, a maioría dos estados grávana en maior ou menor medida mediante impostos.

Véxase tamén

Outros artigos