Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
m →‎Galiza como nación: non é unha tese fundacional, que eu saiba.
SpBot (conversa | contribucións)
Liña 341: Liña 341:
[[br:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[br:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[ca:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[ca:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[de:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[en:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[en:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[es:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]
[[es:Alfonso Daniel Rodríguez Castelao]]

Revisión como estaba o 30 de agosto de 2009 ás 02:32

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao
Datos persoais
Nacemento29 de xaneiro de 1886
 Rianxo
Falecemento7 de xaneiro de 1950
 Bos Aires
OrganizaciónPartido Galeguista
PaiMariano Rodríguez Dios
NaiJoaquina Castelao Genme
CónxuxeVirxinia Pereira Renda
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
ProfesiónPolítico, médico, debuxante e escritor
Na rede
IMDB: nm0144608 Galiciana: 6347 Bitraga: 54 BUSC: castelao-1886-1950 Dialnet: 1382770 Musicbrainz: d1dacd9e-1154-41c6-b707-86330aac7680 Find a Grave: 26567784 Tebeosfera: rodriguez_castelao_alfonso_daniel_manuelEditar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 e finado no exilio, en Bos Aires, o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".

Foi homenaxeado co segundo Día das Letras Galegas, no ano 1964.

Traxectoria

Primeiros anos

Casa de Castelao en Rianxo.

Naceu o 30 de xaneiro de 1886[1] en Rianxo, sendo o primeiro fillo de Mariano Rodríguez Dios, mariñeiro dedicado a facer velas para barcos[2] (m. 12.11.1932, e de Joaquina Castelao Gemme (m. 24.01.1945). O mesmo día do seu nacemento foi bautizado na igrexa de Santa Comba, sendo os seus padriños Pilara e Francisco Castelao, irmáns da nai[2].

Aos tres meses do nacemento de Daniel, o pai emigrou a Arxentina, onde instalou con éxito unha "pulpería"[3][4], e aquel foi criado especialmente polos seus avós maternos Teresa e José Ramón, carpinteiro de profesión e coñecido polo alcume de Pepe de Castelao[2].

Inscrición na casa de Castelao.

Na casa e na escola chamárono sempre Daniel, non Alfonso, como, por iniciativa propia, puxo na partida o crego, por ser nado no mesmo ano en que se agardaba o nacemento do futuro rei, ó que se lle tiña destinado o nome de Alfonso[5]. Posteriormente adoptou o nome de Alfonso R. Castelao ou, sobre todo na sinatura dos seus debuxos, simplemente Castelao.

Sendo cativo foi veciño dos Dieste e moi amigo de Eduardo, irmán do futuro escrito rianxeiro Rafael Dieste[2].

A finais de 1895, Daniel emigrou coa súa nai para ir vivir co pai en Bernasconi, na Pampa. Ambos embarcaron, como tantos emigrantes, no porto de Vilagarcía de Arousa no bote Lloyd Norte, propiedade dunha empresa alemá.

Tiña eu once anos[6] cando meu pai, que estaba na Arxentina, nos chamou cabo de si; e alá fomos embarcados miña nai e mais eu, nun paquete alemán.
Castelao, O segredo.

Durante a estadía da familia na Arxentina nacerían as súas únicas irmás: Josefina (1897-1972) e Teresa (1898-marzo 2000).

Residiu en Arxentina até o 1900 e alí, segundo el mesmo conta, descubriu o valor da caricatura lendo Caras y Caretas, onde Xosé María Cao Luaces publicaba as súas caricaturas.

En 1900 deciden volver para que Castelao estude medicina en Compostela. De volta en Rianxo instálanse na casa número 7 da Rúa de Abaixo. Nesas datas comeza a tomar clases de debuxo de María Dios de Rivademar no Caramiñal[7]. Máis adiante, o pai volveu a Arxentina para regresar definitivamente en 1903 e, cos ingresos que acumulara alá, mellora substancialmente a situación económica da familia polo que puido dedicarse á política (chegou a ser alcalde de Rianxo en 1907 e en 1923) e dar estudos ao fillo.

Estudos e activismo

De 1900 a 1903, Castelao estudou no Instituto Xeral e Técnico o bacharel de Artes e, entre 1903 e 1909, cursou a carreira de Medicina na Facultade da Universidade de Santiago de Compostela.

Durante os seus anos na universidade agroma o seu interese polo debuxo e a pintura, e en especial pola caricatura, ademais de pola música, xa que tocaba na tuna[8]. En 1908 expuxo os seus debuxos en Madrid e comezou a colaborar coa revista viguesa Vida Gallega. Entre 1909 e 1910 fixo un curso de doutorado en Madrid e participou nos II e III Salón Nacional de Humoristas, á vez que colaboraba como ilustrador con El Cuento Semanal. Tamén en 1909 consegue unha medalla de ouro na I Exposición Rexional Galega de Santiago, co tríptico Unha festa na aldea.

É nese momento en que reside en Madrid cando lle confesa ó seu pai que é artista antes que nada e que no he pensado en ser doctor más que por satisfacerle a Vd. Yo soy artista y solo ambiciono vivir del arte, lo contrario sería mi desgracia[9]. O feito é que regresou de Madrid sen lograr o doutorado.

Aínda así continuou na medicina. En xuño de 1910 regresa a Rianxo e instálase na casa dos avós, onde comeza a exercer como médico rural. Nese tempo diagnostícanlle unha tuberculose e vese obrigado a pasar unha tempada de repouso na Toxa, en setembro. Xa en 1911 asiste en Santiago un breve curso do doutor Varela Radío para especializarse en obstetricia, pero en maio reaparece a enfermidade e ten que ser operado en Santiago dunha adenopatía laterocervical.

En Rianxo, axiña comeza a participar na vida política local dentro do Partido Conservador local, liderado polo seu pai, e é neste período cando colabora con Xosé Arcos, Eduardo Dieste e outros na fundación do semanario El Barbero Municipal (19101914), no que publicou as súas primeiras caricaturas e escribiu atacando o réxime caciquil galego, personificado en Manuel Viturro Posse, secretario daquela da Deputación Provincial. Segundo José Antonio Durán asinou algúns comentarios breves cos pseudónimos de Maquis e Asieumedre[10].

Dá a súa primeira conferencia en marzo de 1911, en Vigo, falando sobre a caricatura[11] e ao longo dos anos seguintes realiza exposicións das súas caricaturas en diversas cidades galegas. O 15 de febreiro de 1912, presenta en Ourense a súa primeira exposición individual. Durante esta época colaborou con El Liberal, La Tribuna, El Parlamentario, El Gran Bufón, La Ilustración Gallega y Asturiana, Mi Tierra, Suevia, La Voz de Galicia de Bos Aires, publicacións que axudaron a popularizar as súas caricaturas. Nese mesmo ano adheriuse ao movemento Liga Agraria de Acción Gallega, dirixido por Basilio Álvarez.

Igrexa de San Lourenzo de Ouzande, A Estrada[12].

O 19 de outubro dese ano 1912 casou con Virxinia Pereira Renda (A Estrada, 1884 - Madrid, 1969), na igrexa de San Paio da Estrada, sendo oficiada a cerimonia polo seu amigo o crego Antonio Rey Soto[2].

O 1º de febreiro de 1914 naceu na Estrada o seu único fillo, Alfonso Xesús de Braga[13]. Outro fito transcendente na vida de Castelao acontecido nese ano de 1914 foi un desprendemento de retina que o deixa case cego, pero unha operación devólvelle a vista. Aínda así, esta quedoulle moi reducida durante o resto da súa vida e, segundo el mesmo escribiu, foi un dos motivos polos que decide abandonar definitivamente a medicina e buscar un traballo máis seguro como funcionario. Aínda así, volveu exercer como médico en Rianxo durante a epidemia da gripe de 1918[14][15].

En Retrincos (formado por relatos breves autobiográficos) escribe en 1927 que "por amaina-la concencia guindei co meu tiduo de médico no fondo dunha gaveta e busquei outra maneira de me valer"[16].

Artista e galeguista

Estatua de Castelao en Pontevedra.

Así, en decembro de 1915 vai a Madrid a opositar a funcionario do Instituto Xeográfico Estatístico, á vez que aproveita para participar nunha Exposición de Humoristas e na Exposición de Belas Artes de Madrid, na que obtén grandes eloxios da crítica. Aprobada a devandita oposición, comeza a traballar como auxiliar de Estatística en Pontevedra a principios de 1916, onde residiría xa ata 1936.

Nese mesmo ano de 1916 participa como figurante no filme Miss Ledyia, rodado en Pontevedra por José Gil y Gil. Xa en 1918 volve opositar e mellora a praza de funcionario en Pontevedra, á vez que comeza a traballar como profesor adxunto da cátedra de Debuxo, no instituto de segunda ensinanza de Pontevedra, onde coñece a Antón Losada Diéguez cando este vén como catedrático de Psicoloxía, Lóxica e Ética. Fíxose cargo da cátedra de Debuxo, por baixa do titular, durante quince meses[17].

En Pontevedra comeza a colaborar axiña cos intelectuais da vila e nos círculos culturais que alí existían, como a charla do farmacéutico Perfecto Feijoo, o coro Aires da Terra e na creación da Coral Polifónica (en 1925). O Castelao escenógrafo naceu precisamente para os decorados dunha das representacións desta Coral. Máis adiante, en 1927, participará como membro fundador do Museo de Pontevedra[18].

En 1917 nacen na Coruña as Irmandades da Fala, da man de Antón Vilar Ponte. Castelao ingresa nas Irmandades xa nese primeiro ano e promoveu a constitución dunha delegación local en Pontevedra, actuando tamén como delegado nas Asambleas Nacionalistas que se celebraron posteriormente. Do mesmo xeito, colabora asiduamente en A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. En 1918 comezou a colaborar co xornal madrileño El Sol, ata 1922.

En 1919 nace o Castelao narrador, coa publicación de catro relatos breves na revista A Nosa Terra[19]. Este estilo literario, tan característico da obra de Castelao, comezou a publicarse como contos pero pronto pasou a constituírse nas Cousas, primeiro formadas só por textos e logo por textos ilustrados por el mesmo e que foron publicándose en distintos medios e, anos despois, agrupados baixo formato libro (con modificacións formais, engadidos e supresións) baixo os títulos de Cousas. Primeiro libro (1926), Cousas. Segundo libro (1929) ou Retrincos (1934).

Tamén en 1919 se publica o seu primeiro ensaio en galego, Arte e galeguismo (conferencia pronunciada xa anos antes e en distintos foros, en castelán) e, xa en 1920, Humorismo. Debuxo humorístico. Caricatura.

En 1920, Vicente Risco, Otero Pedrayo e outros fundan a revista Nós, da que Castelao foi Director Artístico a partir de marzo de 1923. Ó redor de Nós xermolou a vida política e cultural de Galiza ata a súa desaparición en 1936. En marzo dese ano 1920 inaugúrase na Coruña a súa exposición Nós, con 49 debuxos e un autorretrato; tamén se presentou en Madrid e en Ourense e, xa en 1921 e seguintes, noutras cidades galegas e mais en Barcelona. Esta exposición foi publicada como álbum en 1931. Á parte do que representou para el mesmo desde o punto de vista artístico e de recoñecemento público, a Exposición Nós deu pé a numerosas conferencias e actos culturais ó seu redor nas cidades onde se presentou. No caso da presentación en Santiago, en 1924, serviu de feito para o recoñecemento oficial do Seminario de Estudos Galegos (fundado o ano anterior), coa presenza do máis selecto da intelectualidade galega e do propio arcebispo de Santiago, Manuel Lago.

O álbum Nós foi moito máis que un evento de arte. Foi o redescobrimento de un pobo, que leva o drama de vivir ás costas. Foi unha campanada, a máis forte e a máis fonda, que se deu na conciencia colectiva. Foi un estremecimento social que viría destinado a soerguer o esprito de Galicia.
Valentín Paz Andrade.

Castelao foi nomeado membro do Seminario na segunda xuntanza celebrada (novembro) e ingresou oficialmente o 4 de maio de 1924, coincidindo coa exposición do álbum Nós en Santiago. Colaborou co Seminario desde o primeiro momento, deseñando o anagrama co graal, a pomba e as estrelas (pode verse en [1]) e dirixindo a sección de Arte e Literatura. O Seminario publicaría o seu estudo sobre As cruces de pedra na Bretaña (1930) e aprobou a publicación d’As cruces de pedra na Galiza na que foi a súa última xuntanza, en 1936, que precedeu á súa disolución.

En 1921, grazas a unha bolsa de viaxe da Junta de Ampliación de Estudios, viaxou a Francia (París), Bélxica (Bruxelas, Gante, Bruxas e Antuerpen) e Alemaña (Berlín e Múnic)[20] para estudar a arte deses países; froito desa viaxe realizada entre xaneiro e outubro foi o diario que escribiu e que publicou parcialmente a revista Nós en 1922-1923 (e, finalmente, como libro, en 1977 co título de Diario 1921).

En 1922 publica a súa obra Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (o seu primeiro relato publicado como libro independente). Publicouna a editorial Céltiga, promovida polas Irmandades da Fala de Ferrol. Neste mesmo ano, no mes de marzo, prodúcese a escisión das Irmandades da Fala na IV Asemblea, realizada en Monforte de Lemos. Castelao xúntase con Vicente Risco e crean a Irmandade Nazonalista Galega (ING), liderada por Risco, e da que Castelao foi delegado en Pontevedra. Co tempo vaise afastando progresivamente desta corrente conservadora e, tralo silenciamento político do nacionalismo galego durante a ditadura de Primo de Rivera, aparecerá aliñado coa tendencia de esquerda.

Entre 1924 e 1925 publica no diario Galicia (fundado en 1922 e dirixido por Paz Andrade) unha viñeta diaria e algúns textos. En 1926 pecha Galicia e publica as súas viñetas en Faro de Vigo e os textos, as cousas, en El Pueblo Gallego. En total, entre 1926 e 1927 publica 36 cousas, que se repiten noutros medios (como na revista Céltiga ou Alma Gallega). Cabe destacar tamén nesta época as portadas e ilustracións que crea para diferentes publicacións, como Oraciós campesiñas, de Eladio Rodríguez; Vento mareiro ou Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas.

En 1925 publícase o seu libro de debuxos Cincoenta homes por dez reás.

A finais de 1927 sufriu unha forte recaída da súa cegueira de hai anos que lle fixo perder a retina do ollo dereito e parte da do esquerdo, polo que ten que someterse a un duro tratamento[21].

O 3 de xaneiro de 1928 morreulle o seu fillo Alfonso Xesús, sen cumprir aínda os 14 anos e despois dunha infancia con continuos problemas de saúde[22], o que lle deixa tan abatido que practicamente deixa de escribir e debuxar durante case dous anos. Cunha nova axuda da Junta de Ampliación de Estudios, marchou na primavera de 1929 a Bretaña coa súa dona, en viaxe de estudos para estudar os cruceiros bretóns, traballo que se materializou no libro As cruces de pedra na Bretaña, editado polo Seminario de Estudos Galegos en maio de 1930. Tamén quedou fondamente afectado pola morte de Antón Losada Diéguez o 15 de outubro de 1929.

Outra publicación desta época de especial transcendencia foi un traballo en colaboración con Fermín Bouza-Brey sobre os Escudos de Rianxo, publicado en Nós. De aí sairá o modelo do futuro escudo de Galiza coa serea, a bandeira e a lenda Denantes mortos que escravos[23].

Na II República

Fundación do Partido Galeguista (7 de decembro de 1931).

Trala caída de Primo de Rivera a principios de 1930 xorden en Galiza os primeiros movementos dirixidos á constitución do galeguismo político ó redor da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e da convocatoria da VI Asemblea Nacionalista, na que Castelao participa en representación do Partido Galeguista de Pontevedra. En setembro dese ano forma parte do grupo que asina o "Compromiso de Barrantes", que apoian galeguistas de tódalas tendencias (nacionalistas, republicanos, agraristas, etc.). No mes de xuño de 1931 preséntase como candidato independente por Pontevedra ás Cortes constituíntes da II República, resultando elixido deputado. A Federación Republicana Gallega (FRG-ORGA) obtivo 15 dos 47 escanos galegos e formou grupo parlamentario propio, Minoría gallega, no que se integraron Castelao e Otero Pedrayo. Co tempo e ó comprobar que a FRG-ORGA non era quen de recoller as demandas dos galeguistas, estes deciden constituír o Partido Galeguista, o que acontece en decembro de 1931. As Irmandades da Fala, ás que pertencía Castelao, disólvense no novo partido. Moi pouco tempo despois (primeiros de 1932), Castelao e Otero Pedrayo deixan de formar parte desa "minoría gallega", dominada pola ORGA.

Unha vez aprobada a Constitución de 1931 que designaba un estado integral, que non era senón unha república unitaria, o galeguismo político, entre cuxos persoeiros destacaba Castelao, pescudou a autonomía de Galiza a través dun estatuto de seu[24]. En abril de 1932 o concello de Santiago convoca unha Asemblea de Concellos Galegos que se celebra nesa cidade en decembro dese ano e aproba o anteproxecto do Estatuto, co voto favorable de 256 concellos que representaban o 80% da poboación galega. O proceso non prosperou porque o goberno central atrasou a aprobación do Estatuto nas Cortes.

En xullo de 1933 foi nomeado académico de número da Real Academia Galega, a proposta de Marcelo Macías García, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, e o acto de ingreso se realizou en 1934. O 25 de xullo deste ano Castelao tomou posesión trala lectura do seu discurso sobre As cruces de pedra na Galiza, texto preparatorio do que sería o libro que se publicaría moito despois, trala súa morte. Respondeu a este discurso Antón Vilar Ponte.

O 25 de xullo de 1933, os galeguistas promoven unha alianza cos nacionalistas vascos e cataláns, o que se coñeceu como pacto Galeusca.

En setembro deste ano disólvense as Cortes e Castelao non consegue saír elixido na nova convocatoria celebrada en novembro: a dereita obtén unha contundente vitoria e os galeguistas unha sonada derrota que os deixa sen representación parlamentaria. Ó non ter que dedicar tanto tempo á actividade política, volve ó seu traballo artístico e literario e publica, no ano 1934, Retrincos e a súa novela Os dous de sempre. Reedítanse tamén as Cousas nun volume conxunto que agrupa o Primeiro e o Segundo libro. Tamén en 1934, como xa se dixo, ingresa oficialmente na Real Academia Galega. En todo caso, Castelao non deixa a actividade política e na III Asemblea do Partido Galeguista (xaneiro de 1934) é nomeado Secretario Político do partido (e Alexandre Bóveda, Secretario de Organización).

A revolución de Asturias e a proclamación da república en Cataluña en outubro de 1934 dá lugar a unha violenta reacción do goberno conservador que reprime duramente calquera actuación da esquerda. É o que se coñece como Bienio negro. Como consecuencia en Galicia, o Partido Galeguista é practicamente descabezado, as súas sedes pechadas e A Nosa Terra suspendida.

Castelao foi desterrado por medio dun traslado administrativo forzoso a Badaxoz a finais de outubro de 1934 (e Bóveda a Cádiz). Durante a súa estadía en Estremadura escribiu para A Nosa Terra unha serie de 14 artigos co título de Verbas de chumbo que posteriormente se integrarían en Sempre en Galiza. Desde o exilio lanza duras críticas a Vicente Risco e outros membros da dereita galeguista. O 6 de setembro de 1935 púxose fin ao desterro tralas xestións do novo ministro da Gobernación, Manuel Portela Valladares (que iniciara xa en abril) e Castelao e Bóveda son repostos nos seus destinos en Pontevedra e reciben a homenaxe en desagravio de numerosos políticos e escritores.

En 1936 constitúese a Fronte Popular, que acolle as reivindicacións autonómicas galegas, e, o 25 de xaneiro, o Partido Galeguista aproba a integración, decisión que produce a escisión de certos membros da dereita, como Risco, que se adhiren na Dereita Galeguista. Nas eleccións celebradas en febreiro, a Fronte Popular consegue un notable éxito (en Galiza, 26 deputados, fronte a 9 do centro e 11 da dereita), e Castelao resulta elixido de novo deputado. Tras estes resultados puideron crearse de novo as condicións necesarias para a reactivación do Estatuto, e en maio convocado o plebiscito para o 28 de xuño.

Castelao e o Partido Galeguista protagonizaron a campaña polo si ao Estatuto de Autonomía de Galiza, xunto a Izquierda Republicana, os centristas de Portela Valladares e a Dereita Galeguista de Risco. Castelao participou con innumerables mitins e a creación de carteis (aspecto este no que tamén participaron Maside, Seoane ou Camilo Díaz). Finalmente, o Estatuto foi aprobado por unha amplísima maioría e unha alta participación (de case o 75%). Castelao marchou a Madrid xa a primeiros de xullo e agardou alí á Comisión que entregaría oficialmente o proxecto ó Goberno. O día 14 de xullo reuníronse co Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, e o 17 con Manuel Azaña, Presidente da República. O día seguinte comeza a Guerra Civil.

Henrique Monteagudo escribe que:

A viaxe de Castelao a Madrid... foi providencial, pois se o estoupido da guerra o tivese sorprendido en Galicia, tería sido con seguranza víctima da represión, o que como mínimo lle tería custado longos anos de prisión, e probablemente acabaría os seus días como tantos outros compañeiros seus: Ánxel Casal, Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Xaime Quintanilla, Johan Carballeira...

Esta mesma circunstancia permitiu tamén a salvación do material que levaba consigo, do que formaban parte os debuxos para As cruces de pedra na Galiza e outros textos. Nunha carta a Otero Pedrayo o 3 de xuño de 1936 expresaba así o medo que sentía polo futuro inmediato: "Esto vai mal. Cada día pior. Non se sabe o que vai pasar. Eu teño medo". Contradicindo o anterior, nunha entrevista concedida en 1938 ao diario Hoy, da Habana, explica a súa intención de regresar a Galiza nos días previos á sublevación: "Yo continuaba en la capital con motivo de ciertas gesiones para la entrega del Estatuto Gallego que yo había entregado al Presidente del Parlamento el día 15 de julio. Tres días antes de estallar el movimiento, sin embargo, quise marcharme a Galicia. Llegué a la estación en el preciso momento en que salía el tren. Vi partir el convoy y me quedé muy triste porque yo sabía que iba a estallar el movimiento en África, y quería estar en mi tierra. Al día siguiente ya no había tren. A eso debo estar vivo, probablemente".

Guerra e exilio

Castelao xa nunca volvería a Galiza. Ante a sublevación do 18 de xullo de 1936, permaneceu en Madrid ata outubro e dedicouse a organizar unhas milicias galegas en colaboración co Partido Comunista de España. A finais deste mes marchou a Barcelona e, en novembro, a Valencia, onde se constitúe o Goberno da República. Neste tempo dedicouse, por un lado, a promover nas Cortes a aprobación do Estatuto e, por outro, a mobilizar os galegos no bando republicano e facer propaganda a favor da República. Con este fin, xa en 1937, colabora con dúas novas publicacións: Nueva Galicia (Madrid, 1937) e Nova Galiza (Barcelona, 1937), nas que participa con debuxos dos seus álbums de guerra e cunha nova serie de Verbas de chumbo. Canto ó Estatuto, consegue que se presente ante as Cortes en febreiro de 1938 pero non logra que se aprobe porque o Partido Socialista negase a nomear os seus representantes, quedando paralizado ata 1945.

É tamén durante estes primeiros anos da guerra cando publica os seus tres álbums da guerra: Galicia mártir (Valencia, febreiro de 1937), Atila en Galicia (Valencia, xullo de 1937) e Milicianos (Nova York, agosto de 1938). Nos álbums maniféstase a carraxe de Castelao contra o fascismo e a exaltación do heroísmo dos loitadores e dos mártires a prol da liberdade. Castelao sentiu fondamente tódolos acontecementos da guerra civil española e maila represión, na que perdeu grandes amizades coma Alexandre Bóveda ademais de dous curmáns, José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, no asalto do bou Eva.

Do 20 de abril ao 20 de maio de 1938 realizou unha viaxe oficial coa súa dona, por encarga do ministro de Estado, Julio Álvarez del Vayo, dentro dunha comisión cultural republicana, á URSS (visitando Leningrado e Moscova, e despois a Ucraína Occidental e Acerbaixán)[25]. Nesta viaxe, Castelao quedou impresionado pola aparente liberdade da que gozaban as nacionalidades e as distintas linguas e culturas.

O 20 de xullo de 1938 embarca de novo, esta vez cara a Nova York, canda a súa dona no paquebote Ille de France, ao encomendarlle o Goberno a realización dunha campaña de axuda á República en América, para o que contou coa colaboración das Sociedades Hispánicas Confederadas, da Fronte Popular Antifascista Galega e da Casa de Galicia-Unidade Galega. Durante a xira polas principais cidades dos Estados Unidos, en compaña de Luís Soto, conseguiu recadar 50.000 dólares. En novembro visita Cuba, co mesmo obxectivo, e alí participou na campaña das eleccións ao Centro Gallego da Habana apoiando á Hermandad Gallega. En febreiro de 1939 regresa ós Estados Unidos, onde se dedicou a recoller fondos para os refuxiados que escapaban de España, ata establecerse (rematada a guerra) en Nova York a finais do verán. En setembro de 1939 é nomeado Xefe do Partido Galeguista.

Residiu case un ano en Nova York, onde non se sentía a gusto (Eu atópome en New York como nunha gaiola de ferro. Non vexo maneira de vivir. Busco e non atopo). Neste período escribiu boa parte do libro II de Sempre en Galiza, que xa inclúe críticas máis explícitas ós dirixentes republicanos españois porque, trala perda da guerra, xa se cancelaron os convenios políticos que me obrigaban a calar. Tamén recupera a redacción da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, que comezara alá en 1931 e que agora reordena e modifica substancialmente, e debuxa a serie dos doce debuxos de negros que xa comezara na súa viaxe a Cuba. Por fin, en abril de 1940 recibe a ansiada "Carta de residencia" en Arxentina que lle ía permitir deixar os Estados Unidos e ir vivir a ese país, instalándose definitivamente en Bos Aires, onde chega en xullo de 1940.

Na Arxentina, Castelao dedicouse, ademais de continuar traballando no seu libro Sempre en Galiza e na edición de As cruces de pedra na Galiza, a organizar e concienciar o amplísimo colectivo galego no ideario galeguista mediante diversos actos, discursos, conferencias e celebracións co gallo do Día de Galicia, o cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda e mailo aniversario do plebiscito do Estatuto. Nun destes discursos, probablemente realizado nalgunha data de importancia en 1941, Castelao reflexionou sobre a súa condición de emigrante galego:

Y ahora voy a haceros mi confesión de emigrado gallego. Me sentí refugiado en EE.UU.; pero aquí soy un emigrante, porque estoy siempre rodeado de gallegos y de este modo me siento en contacto con mi tierra. Y aunque muriese aquí mis huesos irían al camino de esqueletos que une a Galicia con la Argentina. Pero soy feliz porque tengo la esperanza de morir en mi tierra. Yo he de ir allá, cuando sobre mi patria alumbre el sol de la libertad y en los valles de mi país resuene el aturuxo de la victoria. (...).
Castelao[26]

En agosto de 1941 estréase en Bos Aires e en outubro en Montevideo a obra Os vellos non deben de namorarse, para a que Castelao deseñou os decorados, o vestiario, as caretas e tódolos detalles. Tamén se dedica a ilustrar libros e deseñar portadas, para complementar os seus ingresos.

En 1944 publícase o seu libro magno Sempre en Galiza, que se presenta ó público o 2 de xullo. Nese mesmo ano constitúese o Consello de Galiza, que proclama a Castelao como Presidente. Case simultaneamente nace o pacto Galeuzca, no que tamén participa activamente.

En 1946, o Goberno republicano no exilio de José Giral instálase en París e Castelao é nomeado ministro. Os galeguistas do interior (especialmente Ramón Piñeiro), premeron ante Giral para que Castelao fose nomeado ministro porque xa había un vasco (Manuel de Irujo) e un catalán (Nicolau D’Olwer), fronte ao candidato do vasco Aguirre e do propio Giral, Manuel Portela Valladares. Por este motivo trasládase a París e toma posesión en agosto. Por cousa das disensións cos socialistas de Indalecio Prieto, Giral vese obrigado a dimitir e disolve o goberno, co que Castelao, desilusionado, decide regresar a Bos Aires, a onde marcha en xullo de 1947. Da pouca utilidade que lle ve ao goberno Giral é mostra a descrición que fixo Castelao de ser "un barco varado, incapaz de navegar". En resumo, Castelao ostenta o cargo de ministro sen carteira desde abril de 1946 (de facto, desde agosto) ao 26 de xaneiro de 1947, en que se disolve o goberno.

É nesta breve estancia en Francia cando comezan a manifestarse os primeiros síntomas da enfermidade cancerosa que sufría.

Xa na Arxentina, Castelao retomou a actividade política e participou en numerosos actos públicos, como o coñecido discurso Alba de Groria no día da Patria de 1948, pero a comezos de 1949 diagnostícaselle un cancro de pulmón incurable[27] aínda que os médicos só lle din que ten un "proceso infeccioso no pulmón esquerdo" que esixe repouso e tratamento médico. Os médicos decidiron ocultar a gravidade da enfermidade tanto a Castelao como á súa muller, e semella que el non foi consciente da inminencia da morte. En xuño de 1949 escribía escusando a súa presenza nun acto do Centro Pontevedrés de Bos Aires que "estou absolutamente seguro de repoñer a miña saúde e de acompañalos no ano próisimo, por este xa se vé que non é posible"; en decembro escribía ao seu amigo Manuel Roel: "Estou enfermo pero sandarei. Algún día nos veremos na verde Betanzos".

Castelao, recluído no seu domicilio e cada vez con maiores dores –que el describía como que "xa está eiquí o corvo, xa está o corvo peteirando", dedícase a preparar a edición de As cruces de pedra na Galiza pero só consegue ver impresas e asinar as primeiras páxinas. Finalmente, para intentar reducir as dores que sufría, os médicos deciden sometelo a unha lobotomía prefrontal. O día 2 de xaneiro de 1950 ingresárono no Sanatorio do Centro Gallego de Bos Aires, o 4 operárono pero non consegue recuperarse da operación e morre pouco antes da medianoite do 7 de xaneiro, sen chegar a cumprir os 64 anos. Foi embalsamado para cumprir o seu desexo de, algún día, regresar a Galiza e, ademais, o escultor Domingo Maza faille unha mascariña da cara e un baleirado en xeso da súa man dereita. Foi soterrado o día 9 no cemiterio da Chacarita, de Bos Aires[28].

A censura

Non cabe estrañarse da censura que estableceu o goberno de Franco sobre toda a obra de Castelao. Especialmente dolorosa é a nota que a Dirección Xeral de Prensa envía aos xornais para advertirlles do tratamento que debían dar á noticia do pasamento:

Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto políltico. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.[29]

Regreso a Galiza

Tumba de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres.

Os seus restos mortais foron repatriados e levados para o Panteón de Galegos Ilustres, no convento de San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela), o 28 de xuño de 1984, coincidindo co aniversario do plebiscito que aprobou o Estatuto de Galiza[30], en medio de manifestacións nacionalistas que acusaban as autoridades de que "os que o exiliaron agora fanlle honores". Cómpre destacar o desexo de Castelao de que o seu corpo, de morrer no desterro, fora repatriado a Pontevedra[31], xa que se consideraba pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra[32].

O mesmo día en que chegan os restos de Castelao, concédeselle a título póstumo a Medalla de Ouro de Galicia[33] e, en decembro dese mesmo ano a Xunta crea a Medalla Castelao[34].

Pensamento político

Castelao define o seu ideario como un ideario nacionalista galego, federalista, pacifista, progresista e universalista. Acepta o concepto das autonomías na Segunda República como a máxima aspiración posible no momento, pero sen renunciar ao federalismo. Tamén pode ser denominado europeísta xa que afirma que a súa meta é chegar a uns Estados Unidos de Europa. O pensamento político de Castelao atópase, fundamentalmente, no libro Sempre en Galiza.

Idea de Hespaña

Castelao empregou sempre a verba Hespaña con H diante para facela derivar de Hispania.

(...) Hespaña, cuio nome tivemos que humedecer cunha letra de máis para facelo respeitable aos nosos ollos, pois do seu goberno sóio se nos ocurre decir que é máis odioso por hipócrita que por tiránico. Sacámolle á verba España todo canto ten de prosapia castelán (abonda engadirlle unha H para derivala de Hispania) e con ela abranguemos a Península enteira, facéndoa sinónima de Iberia.
Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel. Sempre en Galiza.

Para el, Hespaña non era outra cousa que unha entidade sociolóxica que abranguía toda a Península Ibérica. Por isto mesmo, afirma en varias ocasións que Portugal é Hespaña, e apóiase nas verbas de Camões ou nas de Almeida Garret:

Hespañoes somos, de hespañoes debemos prezarnos tódolos habitantes da península; pero de casteláns, non.
Castelao. Sempre en Galiza.
Cataluña, Euzcadi e Galiza teñen a misión histórica de transformaren a estructura xurídica de Hespaña; pero Galiza ten, ademáis, outra misión trascendente: a de atraguer Portugal á comunidade da gran familia hispánica.
Castelao. Sempre en Galiza.

Porén, malia afirmar en repetidas ocasións a pertenza de Portugal á hispanidade, outras moitas veces esquece mencionalo ó enumerar as nacións de Hespaña. Probablemente refírese entón ó estado español dos anos trinta.

Afirma entón que o estado español debe recoñecer a súa realidade plurinacional. Segundo el, Hespaña era unha unidade formada por catro nacións: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza:

Concebimos a Hespaña como un soio estado, constituído polo libre consentimento de catro pobos: Castela, Cataluña, Euzcadi e Galiza.
Castelao. Sempre en Galiza.
Estatua de Castelao en Ourense.

Galiza como nación

O IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas e a Terceira Internacional definiron Galiza como unha nación, xustamente o mesmo que sostén Castelao. Castelao apela para demostrar que Galiza é unha nación á definición que dá Stalin, non por sentirse ideoloxicamente próximo a el, senón por consideralo como un autor imparcial neste tema:

Nación é unha comunidade estable, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Somentes a eisistencia de tódolos signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación.
Castelao. Sempre en Galiza.

Partindo da base de que Galiza é unha nación, Castelao afirma que como tal ten dereito á autodeterminación.

Unha nación é soberán e ten dereito a organizarse autonomicamente, sen máis límites que os derivados do respeito ao dereito igoal das demais nacionalidades. A nación ten dereito a federarse con outras e a separarse da federación cando lle conviñer. Unha nacionalidade, pois, ten dereito, incluso, a constituírse en Estado independente.
Castelao. Sempre en Galiza.

Castelao rexeita expresamente as reivindicacións nacionais excluíntes baseadas na raza, en certa oposición ás teses de Vicente Risco e outros teóricos:

Para nós, os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivir con tódalas razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado.
Castelao. Sempre en Galiza.
Os ingleses aldraxan aos escoceses; os franceses aos bretóns; os casteláns aos galegos. E todos eses aldraxes non son máis que un recoñecemento tácito do "carácter nacional".
Castelao. Sempre en Galiza.

Separatismo e universalismo

Castelao rexeitaba o separatismo e defendía a federalización de Galiza cos demais pobos Ibéricos como método para conseguir a liberdade de Galiza.

Non somos separatistas da Hespaña verdadeira nin tan siquera da falsa e ficticia, se é que esta nos permite creer na súa transformación; é decir, se nos deixa manifestar os nosos pensamentos en réxime de liberdade. Por eso somos ardidos defensores da República e dunha democracia asentada na liberdade.
Castelao. Sempre en Galiza.

Porén, co tempo, foi aceptando a posibilidade da independencia de Galiza, aínda que esta non fora a súa idea política.

Se eu agora tivera nas mans a posibilidade de independizar a Galiza non dubidaría en aceptar esa posibilidade para salvar a miña Terra do terrorismo falanxista e para decirlles a tódolos hespañoes desterrados: "Vinde a este anaco de terra hispana para vivirdes en liberdade".
Castelao. Sempre en Galiza.
Diremos lealmente que a nosa condición de "separados" está próisima a trocarse en enerxía "separatista", porque nin os demócratas hespañoes queren comprendernos.(...) Despois do devandito sóio nos resta engadir que se os demócratas hespañoes nos considerasen separatistas non teríamos máis remedio que selo realmente; pero no entanto debemos defender a lexitimidade das nosas ideias, amostrándolle aos galegos apoucados a estrela das nosas espranzas.
Castelao. Sempre en Galiza.
Somos "separatistas" cando defendemos os valores sustantivos da nosa nación e somos "unionistas" cando consideramos a necesidade de coordinar os nosos valores relativos cos valores relativos do resto de Hespaña e do mundo.
Castelao. Sempre en Galiza.

Porén, Castelao sempre defendeu que a federalización ou autonomía de Galiza era favorable para integrar a Galiza no mundo, un pensamento moi na liña da Xeración Nós, que expresaban coa frase "Galiza, célula de universalidade". Ademais, a liberdade e autonomía de Galiza favorecería a súa relación co mundo lusófono, así como a unidade de Iberia, grazas á intermediación de Galiza.

Galicia, por su afinidad espiritual con Lusitania, por la comunidad de su idioma con la de esta nación, en cuyo vasto imperio, colonial y pueblos como el Brasil, millones de hombres usan el mismo medio de expresión, puede ser el vínculo entre los dos Estados peninsulares, y por su capacitación para comprender la nueva forma de vida superior, más humana que se gesta en la Sociedad de Naciones, donde, por cierto, es un gallego, Madariaga, uno de los principales proponentes, dar a Iberia la ocasión de asumir el papel de rectora de un vasto imperio del espíritu, conquistado sin más armas que las de la inteligencia y la cultura.

Para esto queremos nuestra autonomía, que no excluye nuestro sentido universalista.

Los que nos tachan de particularistas de tener un concepto aldeano de la política española; los que nos tildan de ilusos y locos, no aciertan a ver con la amplitud que nosotros, los destinos de la humanidad, a cuya perfección debe colaborar un pueblo como el nuestro, tan bien dotado espiritualmente.
Entrevista no xornal La Vanguardia (12/06/1936).[35]

Galeuzca

Busto de Castelao na Coruña.
Artigo principal: Galeuzca.

Castelao foi un forte partidario dos pactos Galeuzca, entre as nacións vasca, catalá e galega. O primeiro pacto asinouse o 11 de setembro de 1923 por representantes de varias asociacións e partidos das tres nacións. No documento reclamábase a plena soberanía política para as tres rexións das que procedían, definidas como nacións e se propuña a creación dun consello conxunto para unir forzas. Porén, durante a ditadura de Primo de Rivera, as diferenzas ideolóxicas entre Estat Català e o PNV e a escasa forza política dos nacionalistas galegos deixaron o proxecto en vía morta. Nacionalistas galegos e cataláns participarían no Pacto de San Sebastián.

Ata 1933 non se volveu propoñer a reactivación do pacto, cando o PNV se aliou con Francesc Cambó, Acció Catalana e Palestra. O 2 de abril de 1933, Castelao viaxou a Gernika para participar nun mitin organizado por ANV, no que tamén participaron membros desta formación e o membro de ERC Riera i Puntí. Alí Castelao asinou un convenio de solidariedade entre as tres nacións, xunto a Riera i Puntí o Sabin Seijo, de ANV. O texto asinado dicía así:

Identificados Vascos, Catalanes y Gallegos, ante el problema de liberación de nuestros respectivos pueblos, sellamos hoy bajo el árbol de Gernika el pacto de mutua solidaridad que ha de traernos la satisfacción de aquel anhelo.

Gernika, 2 de Abril de 1933.
Gora Euskadi Askatuta
Seijo'tar Sabin
Viva Galiza Ceibe
Alfonso R. Castelao
Visca Catalunya Lliure

Dr. J. Riera i Puntí

O interese por un pacto trinacional foi medrando, uníndose o PNV, e entrando en conversas, que frutificarían no Pacto de Compostela ou asinado no local do Seminario de Estudos Galegos o 25 de xullo de 1933[36][37].

As arelas de liberdade coutáronse tralo triunfo das tropas franquistas na guerra civil española en 1939 (en Galiza, as tropas franquistas tomaron o poder ós poucos días do golpe de estado de 1936, e canda si trouxo consigo unha brutal represión). Aínda así, os acordos entre as tres nacións trasladáronse ó exilio, canda Castelao e outros moitos. Así, o 9 de maio de 1941, promoveuse un novo pacto en Bos Aires, baixo o nome de Galeuzca, reclamando a autodeterminación dos tres pobos e o apoio dos Aliados. Entre os asinantes atopábase Castelao.

O pacto foi ratificado en México o 22 de decembro de 1944 e entre outros obxectivos, propúñase combater a ditadura franquista, afirmar a identidade das tres nacións, defender os seus dereitos, traballar polo restablecemento da república e oporse á restauración da monarquía. Aínda así, non chegou a ter ningún resultado práctico, e Castelao turraría para manter aceso o pacto.

En agosto de 1945 saíu do prelo o primeiro número da revista Galeuzca, de carácter mensual, duraría 12 números, deica xullo de 1946. Nela Castelao escribiría en varias ocasións.

Lingua escrita

No aspecto gráfico a lingua que empregou Castelao é semellante á da actual normativa da lingua galega. Utilizou o x, o ñ e o ll, nun rexistro escrito que ó longo do tempo se vai afastando do rexistro falado, así a segunda forma do artigo cada vez ten menos presenza na lingua escrita de Castelao ata desaparecer, agás para reproducir diálogos de personaxes populares, igual acontece coa contracción de a máis o que nun primeiro momento representaba contraído como ô. Seguindo a tradición do galego moderno escrito non representou graficamente o timbre das vogais medias, agás nuns poucos casos na súa primeira época mediante o emprego do acento circunflexo (lêr por exemplo). O uso do apóstrofo está presente de forma abondosa no primeiro Castelao pero gradualmente chegou a eliminalo dos seus escritos. O trazo utilízao en formas como po-lo e todo-los dun xeito constante ó longo da súa obra. Na súa escrita mantéñense características propias do galego de Rianxo, pertencente ó galego occidental como os plurais en -ns, a forma -án para o feminino, terceira persoa do singular do pretérito indicativo en -eu.

Importancia da lingua galega en Castelao

A miúdo Castelao vinculaba o futuro de Galiza ó futuro da lingua galega:

A dominación de Galiza endexamais será efectiva entrementras fale un idioma diferente do castelán.
Castelao. Sempre en Galiza.
Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma.
Castelao. Sempre en Galiza.

Consideraba, ademais, o castelán como unha lingua invasora, rexeitando enerxicamente o bilingüismo:

Un pobo sometido á loita de dous idiomas acaba por non saber espresar o que sinte. Cando a un pobo que canta e fala nunha língoa creada polo seu proprio xenio, se lle impón a obriga de adoptar un idioma estraño á súa personalidade afectiva, prodúcese un esmorecimento do lingoaxe que comeza pola inhibición e remata pola impotencia.
Castelao. Sempre en Galiza.
E xa é hora de decir que Galiza será forte en Hespaña cando se negue a falar en castelán e fale fortemente a súa língoa.
Castelao. Sempre en Galiza.
¿Con que dereito se nos obriga a deprendermos a lingua de Castela e non se obriga aos casteláns a deprenderen a nosa?
Castelao. Sempre en Galiza.

Obra

Polifacético novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte e político, sempre reflectiu na súa obra o seu compromiso co galeguismo e coa solidariedade.

O 31 de xullo de 2008, o Consello da Xunta[38] aprobou un convenio entre a Consellería de Cultura e a Fundación Castelao para a catalogación e dixitalización de tódolos textos, obras, discursos, cartas, fotografías, debuxos e calquera material atribuído a Castelao disperso actualmente en diversos países en hemerotecas, organismos oficiais e coleccións públicas e privadas. O investimento aprobado foi de 300.000 euros e o obxectivo é crear un fondo accesible ó público na futura Cidade da Cultura.

O coordinador do proxecto, Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación, estima un total dunhas 3.000 obras a catalogar, para o que se prevé un traballo de dous anos tanto en Galiza como en Madrid, Estados Unidos, Cuba, México ou Arxentina[39].

Narrativa

Iniciouse na narrativa con relatos curtos publicados na prensa da época a partir de 1919. En Cousas, Retrincos, Un ollo de vidro e Os dous de sempre establece un conxunto único na narrativa galega que culmina coa colección de ensaios Sempre en Galiza, conectando literatura, política e teoría do galeguismo. A súa visión literaria tenta desmitificar os tópicos costumistas cun humorismo sarcástico e, de cando en vez, esperpéntico.

Teatro

Só escribiu unha obra de teatro, titulada Os vellos non deben de namorarse, comedia que conta os amores tardíos de tres vellos con tres mozas novas, e que incorporaba tendencias renovadoras do teatro europeo xunto coa tradición popular galega.

Ensaio

A obra Sempre en Galiza é o ensaio máis importante escrito por Castelao, obra feita desde un punto de vista nacionalista. Por outra banda, As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza tratan sobre a arte popular.

Debuxo

Os seus debuxos, complementados con textos agudos, móstranos a Galiza agraria e o caciquismo. Representados por personaxes populares, labregos e mariñeiros, e pobres xentes do campo, cegos e desamparados, as ilustracións transmiten o sufrimento que estes padecen, todo isto baixo un punto de vista crítico e realista mais cunha fina ollada humorista.

No seu álbum Nós móstranos unha colección de debuxos que datan de 1916 a 1918. Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da Guerra Civil.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Castelao.

Notas

  1. A data do 30 de xaneiro está hoxe admitida por tódolos autores, e así consta na súa partida de bautismo: "En la Iglesia Parroquial da Santa Columba de la Villa de Rianjo, distrito municipal del mismo nombre, provincia de La Coruña, a treinta de enero de mil ochocientos ochenta y seis, yo, el Licenciado José Magariños, Párroco propio de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Oleos y por nombre Alfonso Daniel Manuel a un niño que nació a las diez de la mañana del mismo día en la calle del Cabo de la Villa, número veintinueve, hijo de Mariano Rodríguez, de oficio marinero, y de Joaquina Castelao" (reproducido en La Voz de Galicia, 26.01.1986). Non obstante, a partida de nacemento emitida polo Rexistro Civil de Rianxo fixa a data no día anterior, e escribe que [Manuel Rodríguez Dios] "presentado con objeto de que se inscriba en el Registro Civil un niño, y al efecto como tío del mismo, declaró: que dicho niño nació en la casa de José Ramón Castelao el veinte y nueve de enero pasado a las diez de la mañana; que es hijo legítimo de Mariano Rodríguez Dios, natural de esta villa de Rianjo, provincia de Coruña, de edad de veinte y seis años, de ocupación marinero, y de Joaquina Castelao Gemme, natural de esta de Rianjo, provincia de Coruña, de edad veinte y ocho años, dedicada a las ocupaciones propias de su sexo" (reproducido en El País, 19.07.1984). Debe facerse constar que o Rexistro Civil se instaurou en 1870 e establecía que os meniños só podían ser inscritos transcorridas 24 horas de vida.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Biografía de Castelao en galespa.com.ar.
  3. Definición actual da RAE
  4. Redacción proposta para a 23ª edición do DRAE
  5. J. Núñez Búa. Vida e paixón de Castelao.
  6. Nótese que, realmente, Castelao só tiña daquela 9 anos.
  7. Castelao pintor, páxina 8.
  8. Castelao en Pontevedra. 1911. Primeira escala da turné da tuna compostelana.
  9. Castelao sempre escribiu ao seu pai e ás súas irmás en castelán.
  10. Pseudónimo que fixo famoso Manuel Lugrís Freire.
  11. O texto desta conferencia, logo de sucesivas modificacións, foi publicado en 1916 ou 1917 baixo o título "Algo acerca de la caricatura".
  12. Tea da igrexa de San Paio pintada por Castelao.
  13. Data quitada da cronoloxía de Miguel Anxo Seixas. Outras fontes datan este feito en xaneiro e mesmo en 1913 (por exemplo, Modesto Hermida García: Castelao e Os dous de sempre).
  14. En carta remitida o 18 de febreiro de 1928 ao Presidente do Centro Galego de Bos Aires confésalle que "temiendo quedarme inútil algún día para el trabajo, ingresé por oposición en el Cuerpo Facultativo de Estadística con objeto de asegurar mi jubilación que me pusiera a cubierto de la miseria y de la filantropía". Tamén tivo que pesar nesta decisión o feito de buscar un traballo seguro cun soldo fixo e que lle deixase tempo libre para dedicarse ó debuxo, dúas vantaxes que non reunía o seu traballo como médico rural.
  15. La feria del mundo: crónicas desde Chile (1942-1956), Ramón Suárez Picallo, px. 354. Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-96530-61-4.
  16. No comezo da narración titulada "O retrato".
  17. De auxiliar de estatística a profesor no instituto.
  18. Da intensa relación de Castelao co Museo de Pontevedra é boa mostra o feito de que o beneficiase co legado dos seus fondos no momento da súa morte.
  19. "Peito de lobo", "Lembranzas", "Cousas da vida: O meu casamento é-lle unha historia" e "O aparello dos apóstoles", entre xuño e setembro de 1919.
  20. Galicia, célula de universalidade. Europa e a xeración Nós.
  21. Aínda que recuperou boa parte da vista, o problema da cegueira acompañouno o resto da súa vida. Xa nos seus últimos anos a penas podía escribir e era a muller quen lle tiña que ler a prensa ("Se eu tivese vista non tería medo a nada, pero xa cheguei á imposibilidade de dibuxar e necesito que a miña muller me lea os xornaes de letra miúda", escribía en setembro de 1948). Noutras ocasións describíao así: "vexo como por un buratiño".
  22. As fontes discrepan sobre a causa da morte do fillo. Uns din que morreu dunha "dolencia pulmonar" que outros concretan como tuberculose. A irmá de Castelao, Teresa, declaraba nunha entrevista que "unha peritonitis acabou irremediablemente con el, cando os médicos o curaban dunha doencia bronquial" (La Voz de Galicia, 22.07.1984).
  23. Nós nº 113, de 17 de maio, px. 77-83. Castelao recolle 33 escudos diferentes, dos que dous inclúen a serea da lenda da illa de Sálvora, un en Brión, Leiro e outro en Rianxiño, Rianxo. Castelao escribe respecto ó segundo: "A serea tenante da capela do Patrocinio sostén con exipcia frontalidade armas dos Mariños notabelmente estilizadas no primeiro coartel e tal ves Piñeiros na metade inferior. A capela está datada no ano de 1665".
  24. O sorriso de Daniel (Daniel Castelao: o sorriso da dor política. Justo Beramendi), Consello da Cultura Galega, páx. 56.
  25. Os trinta días de Castelao na URSS, Valentín Paz Andrade, Grial nº 75 (xaneiro, febreiro, marzo de 1982), pp. 35-45.
  26. Discurso sobre a orixe do pobo galego e da emigración.
  27. Castelao foi un fumador empedernido, como se pode comprobar en boa parte das súas autocaricaturas. Cando comezou a manifestarse o cancro, en 1947, deixou practicamente de fumar. Segundo escribe Victoria Armesto "A partir de entonces sólo fumaba algún que otro pitillo ocasional, siempre a espaldas de Virginia" (La Voz de Galicia, 26.06.1984).
  28. Panteón do Centro Galego no Cemiterio da Chacarita (Bos Aires).
  29. A censura española, Museo Castelao.
  30. Vídeo do traslado do corpo de Castelao, onde se ven as cargas policiais.
  31. Artigo de Castelao, titulado "Meu Pontevedra" no que escribe: "Penso que si morrese no desterro, os meus osos non se deixarían consumir até que algún anaquiño d-eles chegase a Pontevedra".
  32. Carta de Castelao ó presidente do Centro Pontevedrés de Bos Aires, datada no 31 de marzo de 1947.
  33. DOG nº 123, de 28.06.1984.
  34. DOG nº 238, de 13.12.1984.
  35. La Vanguardia, venres, 12 de xuño de 1936, px. 20.
  36. Castelao e o País Vasco. Xosé Estévez. Páxina 334. Universidade de Deusto.
  37. O texto asinado pódese ler en Galifontes.
  38. Referencia do Consello da Xunta de Galicia do 31 de xullo de 2008 (ver px. 31-33).
  39. "Las 3.000 piezas de la obra de Castelao serán catalogadas" en La Voz de Galicia, 1.08.2008.
  40. Dispoñible para a súa lectura.

Véxase tamén

Bibliografía

  • RODRÍGUEZ CASTELAO, Alfonso e BOUZA BREY, Fermín: "Escudos de Rianxo", en Nós nº 113, 17 de maio de 1933, 77-83.
  • ARMESTO, Victoria [pseudónimo de María Victoria Fernández España]: "Agonía y muerte de Castelao I", en La Voz de Galicia, 26.06.1984; "Amor a Pontevedra" (II), en La Voz de Galicia, 27.06.1984; "El entierro" (III), en La Voz de Galicia, 28.06.1984; e "La Chacarita" (IV), en La Voz de Galicia, 29.06.1984.
  • FILGUEIRA VALVERDE, Xosé: "Castelao e os estudos galegos", en Faro de Vigo (suplemento cultural Artes e letras), 28.06.1984.
  • VARIOS: 50 anos do pasamento de Castelao. 1950-2000, suplemento especial de La Voz de Galicia, 9.01.2000.
  • Alexandre, Marilar (2000). Castelao segundo Rañolas. Vida e obra de Castelao. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-8288-363-2. 
  • Garrido Couceiro, Xoán Carlos (2000). O Pensamento de Castelao. Vigo, Promocións Culturais Galegas s.a. ISBN 84-95350-68-8. 
  • MONTEAGUDO, Henrique (Coordinador): Obras [Castelao], Galaxia, Vigo 2000.
  • González Fernández, Anxo (2002). Castelao. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-89803-73-2. 

Ligazóns externas


Predecesor:
non existía o cargo
 Presidente do Consello de Galiza 
1944 - 1950
Sucesor:
Antón Alonso Ríos