Anélidos: Diferenzas entre revisións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Contido eliminado Contido engadido
TXiKiBoT (conversa | contribucións)
m bot Engadido: ia:Annelida
Liña 125: Liña 125:
[[it:Annelida]]
[[it:Annelida]]
[[ja:環形動物]]
[[ja:環形動物]]
[[ka:რგოლოვანი ჭიები]]
[[ko:환형동물]]
[[ko:환형동물]]
[[la:Annelida]]
[[la:Annelida]]

Revisión como estaba o 15 de xullo de 2009 ás 02:26

Anélidos

Glycera sp.

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Superfilo: Lophotrochozoa
Filo: Annelida
Clases

Os anélidos (do latín annelus, anel pequeno), comprenden o grupo dos vermes segmentados.

Son animais triblásticos, protóstomos, esquizocelomados, con simetría bilateral, hiponeuros e carentes de apéndices articulados.

Características

O Phylum Annelida está composto por unhas 15.000 especies de vermes segmentados xeralmente de forma cilíndrica e de tamaños que van desde os poucos milímetros ata 3 m. Neste grupo intégranse as miñocas (Oligochaeta ou oligoquetos); as samesugas (Hirudinea ou hirudíneos) e os vermes mariños (Polychaeta ou poliquetos) ademais doutros grupos menos coñecidos como branquiobdélidos, acantobdélidos e aelosomátidos. A meirande parte das especies son de vida libre mais hai especies comensais e mesmo parasitas. Aínda que a maior diversidade de anélidos atópase no mar, son tamén comúns en todos os sistemas de augas continentais, tanto superficiais como soterráns e no medio terrestre en ambientes húmidos.

O corpo dos anélidos comeza, na súa parte anterior nun elemento chamado prostomio ao que segue un número variábel de segmentos (aneis) e remata nun elemento final chamado pixidio no que se abre o ano. Unha das características máis salientábeis do filo é a verdadeira segmentación (metamerismo) do seu corpo (agás prostomio e pixidio). O corpo está formado por unha serie lonxitudinal de unidades repetidas e semellantes chamados segmentos ou metámeros, que conteñen cada un deles importantes estruturas anatómicas e funcionais(como son os ganglios nerviosos, os nefridios, ou compartimentos celómicos).

Outra das características esenciais dos anélidos é a presencia, en xeral, das sedas. As sedas ou quetas son estruturas de quitina dispostas en feixes ou paquetes en cada un dos segmentos e que emerxen, xa directamente da superficie do corpo, xa dunhas expansións da superficie corporal chamadas parápodos e que serven fundamentalmente para o desprazamento do animal. Os anélidos que non posúen sedas están xeralmente provistos dunha ou dúas ventosas que utilizan para a locomoción ou ben para ancorarse nun hospedador.

Anatomía

A parede corporal está formada por unha epiderme cun número variábel de células glandulares e recuberta por unha fina cutícula e dúas ou tres capas musculares.

En numerosos anélidos a respiración é por simple difusión a través da parede do corpo, pero outros moitos existen estruturas especializadas a xeito de branquias.

O sistema nervioso está formado por un par de ganglios cerebroides máis ou menos fusionados que se unen a un ou dous cordóns nerviosos ventrais e tamén ganglionares mediante dous conectivos que rodean á farinxe (circunfarínxeos).

O sistema circulatorio é pechado e o líquido hemático circula por unha rede de vasos e capilares. Destes vasos destaca un grande vaso lonxitudinal dorsal e outro ventral. En moitos hirudíneos (samesugas) non existen verdadeiros vasos sanguíneos: as substancias e os gases transpórtanse polo líquido hemocélico que circula por un sistema celómico.

O aparato dixestivo é completo, recto e simple, aínda que presenta diferentes grados de especialización rexional podendo distinguir (segundo a súa orixe embrionaria) un estomodeo (tramo anterior, de orixe ectodérmica) un mesodeo (tramo medio, de orixe endodérmica) e un proctodeo (tramo posterior, de orixe ectodérmica).

A excreción realízase principalmente mediante nefridios, que son órganos metaméricos pares que comunican as cavidades celómicas co exterior mediante unha serie de poros.

Reprodución

O aparato reprodutor, as estratexias reprodutoras e o desenvolvemento son variábeis entre os diferentes grupos de anélidos.

Nos poliquetos hai individuos machos e femias (dioicos) as gónadas son simples e numerosas e están dispostas ao longo de todo o corpo. A fecundación é externa e o desenvolvemento é indirecto a través dun tipo especial de larva (trocófora).

Os oligoquetos e os hirudíneos son monoicos (hermafroditas). Os aparatos reprodutores son complexos e está limitados a uns poucos segmentos. A fecundación é interna, o desenvolvemento directo e dispoñen dun engrosamento glandular epidérmico característico chamado clitelo que é o responsábel da formación dos casulos. Nestes casulos desenvólvense as postas.

A reprodución asexual é un fenómeno habitual sobre todo nalgunhas familias de oligoquetos.

Filoxenia

O filo Annelida é un grupo cunha posición filoxenética fundamental dentro dos protostomados espirais. Xeralmente localízanse entre os Moluscos e os Artrópodos cos que se relacionan fundamentalmente pola larva trocófora (cos moluscos) e a metamería (artrópodos).

Para explicar a orixe dos anélidos hai que considerar a orixe do celoma e da metamería. Neste senso uns investigadores avogan por un antigo tipo oligoqueto, outros fano por unha forma primitiva tipo poliqueto. Para os autores que consideran o antepasado oligoqueto, o celoma orixinaríase como unha adaptación mecánica a escavación e a segmentación como unha adaptación para perfeccionar esta escavación. Os autores que defenden a outra alternativa (antepasado tipo poliqueto) din que o antecesor puido aparecer na capa superficial dos sedimentos e non precisaría escavar senón desprazarse pola superficie e para iso posuiría parápodos. O celoma non xurdiría como esqueleto hidrostático senón para almacenamento e transporte de substancias polo corpo.

Dado que son animais de corpo brando, o seu rexistro fósil é moi escaso. Estes poucos fósiles pódense adscribir a grupos de poliquetos actuais e situarían a súa orixe no Precámbrico (hai uns 600 millóns de anos) e que a grande radiación dos poliquetos sucedeu a mediados do Cámbrico.

Actualmente considérase que existen dúas grandes liñas evolutivas no filo Annelida: Polychaeta e Clitellata. A clase Clitellata (Clitelados) inclúe os Oligochaeta, Hirudinea, Branchiobdellida e Acanthobdellida. A liña evolutiva dos poliquetos está marcada polo carácter de organismos dioicos, con moitos pares de gónadas simples, fecundación externa e desenvolvemento indirecto, mentres que a liña evolutiva dos clitelados (Clitellata) abranguen anélidos monoicos (hermafroditas), cun número de gónadas restrinxido, con presencia de clitelo e con desenvolvemento directo. Dentro desta liña a condición octogonadal é considerada como primaria: dous pares de testículos e dous pares de ovarios en segmentos (4) consecutivos.

Recentemente Rousset et al. 2007 utilizando técnicas moleculares e xenéticas establecen o grupo dos Clitellata como un clado monofilético irmán dos poliquetos, aínda que o grupo dos Dinophilidae (considerados tradicionalmente como poliquetos) deberían incluírse nese clado.

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Barnes, R.D. 1989. Zoología de los invertebrados. 5º edicón. Interamericana-McGraw Hill, México D.F. ISBN 968-25-1446-0
  • Gardiner, M.S. 1978. Biología de los invertebrados. Omega, Barcelona. ISBN 84-282-0474-8
  • Hickman, C. P.; Roberts, L.S. e A. Larson. 1994. Zoología. Principios integrales. 9º edición. Interamericana-McGraw Hill, Madrid. ISBN 84-486-0072-X
  • Martínez-Ansemil, E. e J. Parapar. 2002. Os Anélidos. In: Proxecto Galicia: Natureza. Vol 38: Zooloxía II. Parte I: Os anélidos e outros Protóstomos. Hércules de Ediciones, A Coruña, 24-37 pp. ISBN 84-89468-93-1
  • Rousset, V.; Pleijel, F.; Rouse, G.W.; Erséus, C. & Siddall, M.E. 2007. A molecular phylogeny of annelids. Cladistics, 23: 41-63.

Ligazóns externas