Ji Kang

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ji Kang
Nome completo嵇康
Nacemento223
 Condado de Suixi, Anhui
Falecemento262
 Luoyang, Henan
Causadecapitación
NacionalidadeChinesa
OcupaciónEscritor, filósofo, músico
FillosJi Shao
IrmánsJi Xi
LinguaChinés
PeríodoPeríodo dos Tres Reinos
MovementoDaoísmo
editar datos en Wikidata ]

Ji Kang (chinés tradicional e simplificado: 嵇康; pinyin: Jī Kāng; Wade-Giles: Chi1 K'ang1), nome de cortesía Shuye (叔夜), nado en Suixi no 223 e finado en Luoyang no 262, foi un escritor, poeta, filósofo daoísta, músico e alquimista chinés do período dos Tres Reinos.[1] Foi un dos famosos Sete Sabios da Fraga de Bambú.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ji Kang naceu no condado de Suixi, na provincia de Anhui.[1] Ademais de literato, foi un célebre compositor e intérprete de guqin.[3] Foi un home fermoso e alto, de preto de 1.88 metros. Ji Kang mantivo unha relación amorosa con outro dos Sete Sabios, Ruan Ji, que foi descrita como "máis forte que o metal e máis fragrante que as orquídeas".[4] Estivo casado coa neta ou bisneta de Cao Cao.

Ji Kang foi funcionario do reino de Cao Wei, pero o traballo oficial aburríuno. Tras chegar ao poder, o rexente Sima Zhao ofreceulle un cargo a Ji Kang, quen rexeitou con insolencia ao emisario Zhong Hui. Cando un dos amigos de Ji Kang foi acusado de falsos cargos, o sabio intercediu na súa defensa, polo que ambos foron encarcerados. Entón, Zhong Hui pediu o axustizamento de Ji Kang, que lle foi concedido a pesar da intercesión de centos de eruditos. A lenda conta que Ji Kang interpretou unha derradeira melodía antes de ser executado, unha canción que se perdeu para a historia.[3]

Obra[editar | editar a fonte]

Como pensador, Ji Kang escribiu sobre a lonxevidade, teoría musical, política e ética. Ji Kang foi moi crítico co confucianismo e puxo en cuestión moitas das convencións sociais do seu tempo, provocando escándalos e sospeitas.[1] Por exemplo, defendía eliminar as diferenzas entre ricos e pobres, e aprendeu traballos manuais como a metalurxía, impropia de alguén da súa posición.[1] Entre as súas obras están o Yangsheng lun 飬生論 ("Ensaio sobre a vida"), o Shengwu aile lun 聲無哀樂論 ("Discurso sobre a ausencia de sentimentos na música"), o Qinfu 琴賦 ("Unha composición sobre o qin"), e o Shisi lun 釋私論 ("Discurso sobre a individualidade").[3]

Como músico, compuxo numerosas pezas para o guqin. Entre as máis aclamadas, está Guangling san, que reconta o asasinato dun dos reis da dinastía Han.[5] Cóntase que foi inspirada por unha aparición espectral. O taoísmo relixioso considera que se converteu nun xian ou inmortal a través do shijie 屍解.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Ji Kang - Daoism, Confucianism, Poetry - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-13. 
  2. "Seven Sages of the Bamboo Grove - Tang Dynasty, Chinese Poetry, Taoism - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-13. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Neo-Daoism > Ji Kang and Ruan Ji (Stanford Encyclopedia of Philosophy/Winter 2017 Edition)". plato.stanford.edu. Consultado o 2023-12-13. 
  4. Hinsh, Bret (1990). Passions of the Cut Sleeve (en inglés). University of California Press. 
  5. Lai, T.C.; Mok, R. (1981). Jade Flute: The Story of Chinese Music (en inglés). Schocken Books. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]