Avicena

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Abu Ali Husain ebn-e Abdollah Ebn-e Sina
Avicena
Ibn Sīnā (ابن سینا)
Pūr Sīnā (پور سینا)
Avicena - Idade Media
Nacementoca. 980
Afshana, Persia
Morte1037
Hamadán, Persia
FilosofíaMusulmá
Intereses principais
  • Medicina
  • Filosofía
  • Teoloxía islámica
  • Física
  • Poesía
  • Ciencia
  • Ideas salientablesPai da moderna medicina e pioneiro na aromaterapia
    InfluenciasCorán
    Mahoma
    Ja'far al-Sadiq
    Hipócrates
    Sushruta
    Charaka
    Aristóteles
    Galeno
    Plotino
    Neoplatonismo
    Matemática India
    Wasil ibn Ata
    al-Kindi
    al-Farabí
    Al-Razí
    Al Biruni
    Xoán Filopono
    Influente enAl Biruni
    Al-Ghazali
    Omar Khayyam
    Fakhruddin al-Razi
    Ibn Tufail
    Averroes
    Shahab al-Din Suhrawardi
    Tusi
    Ibn Nafís
    Escolástica
    Alberte o Magno
    Duns Scoto
    Tomé de Aquino
    Giambattista Benedetti
    John Locke
    William Harvey
    Maimónides
    Abu 'Ubayd al-Juzjani

    Abu-Alí al-Hussain ibn Abd-Al·lah ibn Sina[1] —en turco İbn Sina; en persa ابوعلى سينا (Pur-e Sina fillo de Sina); en árabe أبو علي الحسين بن عبد الله بن سينا, Abū ʿAlī al-Ḥusayn ibn ʿAbd Allāh ibn Sīnā— máis coñecido por Ibn Sina ou sinxelamente como Avicena, nado en Afshana, preto de Bukhara, Gran Khorasán, en 980 e finado en Hamadán en 1037, foi un médico, filósofo, científico polímata persa.[2][3]

    Escribiu cerca de catrocentos cincuenta libros sobre diferentes temas, predominantemente de filosofía e medicina.

    Os seus discípulos chamábano Cheikh el-Raïs, é dicir, 'príncipe dos sabios', ou o máis grande dos médicos, o Mestre por excelencia ou, en fin, o terceiro Mestre (despois de Aristóteles e Al-Farabí).

    En grego foi chamado Abitianós (Ἀβιτζιανός) e en latín Abitianus, traducido por Abiciá e máis frecuentemente por Avicenna ou Avicena.

    Os seus textos máis famosos son O libro da curación e O Canon da Medicina, este último tamén coñecido como O Canon de Avicena.

    Foi un dos principais médicos de todos os tempos. Está considerado como a personalidade máis importante da medicina árabe e o médico máis relevante da Idade Media. A súa enciclopedia médica, coas súas traducións en latín realizadas en Toledo por Xerardo de Cremona,[4] co nome de Canon, foi o texto básico para o ensino da medicina en Europa até o século XVIII.[5]

    Contexto cultural[editar | editar a fonte]

    Selo de Taxiquistán coa imaxe de Avicena (2005).

    Avicenna creou un extenso corpus de literatura durante o período coñecido como a Idade de Ouro do islam, no que as traducións de textos grecorromanos, persas e hindús foron moi estudados. Textos grecolatinos das escolas neoplatónica e aristotélica, da escola Al-Kindí foron comentados, novamente editados e de maneira substancial desenvolvidos polos intelectuais islámicos, que tamén evolucionaron a partir de sistemas matemáticos, astronómicos, alxébricos, trigonométricos e médicos hindús e persas.[6]

    A dinastía samánida na parte oriental de Persia denominada o Gran Khorasán e na Asia central, así como a dinastía búyida na parte occidental de Persia e no Iraq fomentaron un clima propicio para o desenvolvemento cultural e académico. Baixo os samánidas, Bukhara rivalizaba con Bagdad como a capital cultural do mundo islámico.[7]

    O estudo do Corán e o Hadit prosperaron neste ambiente. A filosofía e a teoloxía tamén se desenvolveron principalmente con Avicena e os seus opoñentes. Al-Razí e Al-Farabí proporcionaron a metodoloxía e o coñecemento necesarios sobre a medicina e a filosofía.

    Avicena tivo acceso ás grandes bibliotecas de Balkh, Khwarezmia, Gorgán, Rayy, Isfahán e Hamadán. Diversos textos mostran o debate dos puntos filosóficos dos grandes eruditos do seu tempo. Nizami Aruzi describiu como Avicena, antes de saír de Khwarezm, coñecera a Al-Biruní (un famoso científico e astrónomo), Abu Nasr Iraquí (un famoso matemàtico), Abu Sahl Masihí (un respectado filósofo) e Abu al-Khary Khammar (un importante médico).[8]

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Representación renacentista de Avicena (Gentile da Foligno, Venecia, 1520).

    A única fonte de informacións para a primeira parte da vida de Avicena é a súa autobiografía, escrita polo seu discípulo, Jūzjānī. A falta doutras, é imposíbel ter certeza do que nela é verdadeiro. Xa se ten dito que el usaba a súa autobiografía para avanzar a súa teoría do coñecemento (de que é imposíbel para un individuo adquirir informacións e comprender a ciencia filosófica aristotélica sen ser un mestre) e xa se cuestionou se a cronoloxía dos eventos descrita non está axustada para se conformar de forma máis perfecta ao modelo aristotélico. Noutras palabras, se Avicena se describe a si mesmo estudando na "orde correcta". Porén, dada a ausencia de calquera outra evidencia, o relato debe tomarse coidadosamente.[9]

    Avicena, ou Íbn Sina (como foi chamado en persa), naceu o 7 de agosto de 980 en Afshana, provincia do Gran Khorasán, actualmente en Uzbekistán), cerca de Bukhara. Seus pais eran musulmáns.

    Segundo parece foi precoz no seu interese polas ciencias naturais e a medicina, tanto que aos catorce anos estudiaba só. Seu pai enviouno a estudar cálculo cun mercador, al-Natili. Tiña boa memoria e podía recitar todo o Corán.

    Billete taxico de 20 somoni co retrato de Avicena

    Cando seu pai foi nomeado funcionario, acompañouno a Bukhara, daquela capital dos samanís d alí estudou os saberes da época, tales como física, matemáticas, filosofía, lóxica e o Corán. Foi influído por un tratado de al-Farabí que lle permitiu superar as dificultades que encontrou no estudo da Metafísica de Aristóteles. Esta precocidade nos estudos tamén se reflectiu nunha precocidade na súa carreira, pois aos dezaseis anos xa dirixía a médicos famosos e aos dezasete gozaba de fama como médico por salvar a vida do emir Nuh ibn Mansur.

    Conseguiu permiso para acceder á biblioteca real, onde ampliou os seus coñecementos de matemáticas, música e astronomía. Ao chegar á maioría de idade xa estudara todas as ciencias coñecidas. Converteuse en médico da corte e conselleiro de temas científicos até a caída do reino samaní en 999.

    En Hamadán, o emir búyida Shams ad-Dawla nomeouno ministro. Impúxose entón un programa de traballo esgotador, dedicándose de día á cousa pública, e de noite á ciencia. Traballaba e dirixía a composición do Shifa e a do Canon. Contou coa axuda de dous discípulos que se repartían a relectura dos manuscritos das dúas obras, sendo un deles Al-Juzjaní, o seu secretario e biógrafo.

    Aos vinte anos, e por mediación de Abū Bakr al-Barjuy, escribiu dez volumes chamados O tratado do resultante e o resultado e un estudo dos costumes da época coñecido como A inocencia e o pecado. Con estes libros a súa fama como escritor, filósofo, médico e astrónomo estendeuse por toda Persia, por onde se dedicou a viaxar.

    Mausoleo de Avicena en Hamadán.

    En 1021, a morte do príncipe Shams al-Dawla e o comezo do reinado do seu fillo Sama' ad-Dawla cristalizaron as ambicións e os rancores. Vítima de intrigas políticas, Avicena acabou no cárcere. Disfrazado de derviche conseguiu evadirse e fuxiu a Ispahán, ao lado do emir kakuyida Ala ad-Dawla Muhammed. Aos trinta e dous anos iniciou a súa obra mestra, o celebérrimo Canon da Medicina (traducida ao latín por Xerardo de Cremona), que contén a colección organizada dos coñecementos médicos e farmacéuticos da súa época en cinco volumes.

    Durante unha expedición a Hamadán, no actual Irán, o filósofo sufriu unha crise intestinal grave, que padecía desde había tempo e que contraera, segundo dixeron, por exceso de traballo e de pracer. Intentou curarse só, pero o seu remedio foille fatal. Morreu aos cincuenta e sete anos no mes de agosto de 1037, tras levar unha vida moi atarefada e chea de vicisitudes, esgotado polo exceso de traballo.

    Impacto[editar | editar a fonte]

    Representación de Avicena nunha miniatura árabe.

    A obra de Avicena é de importancia capital, pois supón a presentación do pensamento aristotélico ante os pensadores occidentais da Idade Media. As súas obras traducíronse ao latín no século XII, reforzando a doutrina aristotélica en Occidente, aínda que fortemente influída polo pensamento platónico.

    Avicena declarou que lera en máis de corenta ocasións a Metafísica sen chegar a entendela de vez, porque nela Aristóteles non expón a orixe das cousas como obra dun Creador bondadoso. Mesturou a doutrina aristotélica co pensamento neoplatónico, adaptando á súa vez o resultado ao mundo musulmán. Colocou á Razón (manifestación obxectiva da vontade do propio Deus) por riba de todo ser e explicou que con isto chámasenos a buscar a perfección.

    Tamén distinguiu entre a esencia abstracta e o ente concreto que non exixe existir, pero existe pola esencia. Ademais, o ente está composto por unha parte necesaria (neste caso Alá, que existe sempre) e unha parte "do posíbel" (o resto dos seres do mundo, que só existen por unha causa: a vontade de Deus). Nega tamén a inmortalidade da alma como ente individual.

    Curou dunha grave enfermidade ao emir de Bukhara quen, como recompensa, abriulle as portas da súa gran biblioteca. Ademais de numerosas obras de medicina escribiu tamén sobre filosofía, onde conxugaba a tradición aristotélica con elementos neoplatónicos.

    Tivo unha grande influencia en pensadores posteriores do talle de Tomé de Aquino, Boaventura de Fidanza ou Duns Escoto.

    Tamén presentou un pensamento similar ao de Descartes, pero moito antes que este, no que expoñía que un home suspendido no aire illado, sen ningún contacto con nada, nin sequera o seu propio corpo, sen ver nin oír, afirmaría sen dúbida ningunha que existe e intuirá o seu propio ser.

    En moitos libros de filosofía irmándase o seu pensamento co do cordobés Averroes, pois ambos os dous supoñen o acercamento do islam (e o do Próximo Oriente en xeral) á filosofía grega.

    Na Idade de ouro islámica, a causa do éxito de Avicena en conciliar o neoplatonismo e o aristotelismo xuntamente co Kalam, o "avicenismo" constituíuse como a principal escola de filosofía islámica xa no século XII, con Avicena asumindo o papel de máxima autoridade no asunto.[10]

    O avicenismo tamén tivo influencia na Europa medieval, particularmente as súas doutrinas sobre a alma e a distinción entre existencia-esencia, principalmente a causa dos debates e tentativas de censura que provocaron na Europa escolástica. Esta situación foi particularmente visíbel en París, onde o avicenismo foi proscrito en 1210. Pese a iso, a súa psicoloxía e a súa teoría do coñecemento influíron en William de Auvergne e Alberte o Magno, en tanto que a súa metafísica tivo impacto no pensamento de Tomé de Aquino.[11]

    Obra[editar | editar a fonte]

    Exemplar do Canon da Medicina de 1597.

    Dunha amplitude variábel segundo as fontes (276 títulos para George Anawati, 242 para Yahya Mahdavi), a obra de Avicena é numerosa e variada. Escribiuna principalmente na lingua culta do seu tempo, o árabe clásico, pero tamén usou a súa lingua vernácula, o persa. Do conxunto da súa obra chegáronos 105 volumes, algúns de marcado carácter enciclopédico.

    Foi o autor de monumentos, de obras máis modestas, pero tamén de textos curtos. A súa obra cobre toda a extensión do saber da súa época:

    Un dos seus textos máis famosos é Al Qanun, canon de medicina tamén coñecido como Canon de Avicena, unha enciclopedia médica de 14 volumes escrita arredor do ano 1020. Baséase nunha combinación da súa propia experiencia persoal, de medicina islámica medieval, dos escritos de Galeno, Sushruta e Charaka, así como da antiga medicina persa e árabe. O Canon considérase un dos libros máis famosos da historia da medicina.

    A obra filosófica mestra de Avicena é al-Shifá (A cura), de marcado carácter enciclopédico. O seu compendio é al-Nayat (A salvación). Polo seu tamaño e pola importancia do papel que representou, al-Shifá pode compararse co al-Qanun. Publicada en seis volumes (O Cairo, 1952-1965), é quizais a obra filosófica de maiores dimensións feita por un home só. Empeza pola lóxica e inclúe física e metafísica, botánica e zooloxía, matemáticas e música, e psicoloxía.

    Noutra grande obra, Kitab al-Isharat wa-l-tanbihat (Libro das orientacións e as advertencias), trata temas de filosofía e mística. Dedicou tres capítulos deste libro ao sufismo, que tamén tratou noutros trinta e dous libros sobre o tema. Nesta obra aparece o seu famoso argumento do Home Voante, predecesor do cogito ergo sum cartesiano, no que expoñía que un home suspendido no aire illado, sen ningún contacto con nada, sen ver nin oír, nin sequera o seu propio corpo, afirmará sen ningunha dúbida que existe e intuirá o seu propio ser.[12]

    A finalidade persoal do filósofo encontrou a súa expresión na filosofía oriental (hikmat mashriqiya), unha recompilación de vinte e oito mil temas. Esta obra desapareceu de Ispahán en 1034, e non quedan dela máis que algúns fragmentos.

    Durante varios séculos, e até o XVII, o mencionado Al-Qanûn foi a base da ensinanza da medicina, tanto en Europa, onde destronou a Galeno, como en Asia.

    Débese a Avicena o uso dalgunhas plantas na medicina como o tamarindo, o ruibarbo ou a cassia.

    Publicacións antigas[editar | editar a fonte]

    As obras de Avicena foron publicadas en árabe, en Roma, en 1593.

    Traducido ao latín, publicáronse os seus Cánones ou Preceptos de medicina en Venecia, en 1483, 1564 e 1683, e as súas Obras filosóficas en Venecia, 1495; a súa Metafísica ou Filosofía primeira, en Venecia, 1495.

    Pierre Vattier traduciu todas as súas obras ao francés, pero só se publicou a Lóxica, París, 1658.

    Achegas á medicina[editar | editar a fonte]

    Copia dunha tradución latina do Canon da Medicina, de 1484, actualmente coservada no P. I. Nixon Medical Historical Library do The University of Texas Health Science Center en San Antonio, EE.UU.

    O Canon da Medicina tivo moito éxito, eclipsando os traballos anteriores de Al-Razi, Haly-Abbas, Abulcasis e incluso os posteriores de Ibn-Al-Nafis. As cruzadas dos séculos XII ao XVII trouxeron de novo a Europa o Canon, que influenciou a práctica e o ensino da medicina occidental.

    A obra foi traducida ao latín por Xerardo de Cremona entre 1150 e 1187, e impreso en hebreo en Milán en 1473, en Venecia en 1527 e en Roma en 1593. A súa influencia foi duradeira e só foi posto en dúbida a partir do Renacemento: Leonardo da Vinci rexeitou a anatomía e Paracelso queimouno. Foi o desenvolvemento da ciencia europea o que provocaría a súa obsolescencia, por exemplo, a descrición da circulación do sangue por William Harvey en 1628. Porén, esta obra marcou durante moito tempo o estudo da medicina e incluso en 1909, deuse unha clase sobre a medicina de Avicena en Bruxelas.

    Avicena desmárcase nos ámbitos da oftalmoloxía, da xinecoloxía e obstetricia e da psicoloxía. Detense moito na descrición dos síntomas, describindo todas as enfermidades catalogadas da época, mesmo aquelas que atinguen á psiquiatría.

    Estatua de Avicena en Ancara.

    Algunhas das súas achegas máis importantes son:

    • É o primeiro en distinguir a pleuresía, a mediastinitis e o absceso subfrénico.
    • Describe as dúas formas de parálise facial (central e periférica).
    • Dá a sintomatoloxía do diabético.
    • Sabe facer o diagnóstico diferencial entre a estenose do píloro e a úlcera de estómago.
    • Describe diferentes variantes de ictericias.
    • Dá unha descrición da catarata, da meninxite e outras doenzas.
    • Presinte o papel das ratas na propagación da peste.
    • Indica que certas infeccións se transmiten por vía placentaria.
    • É o primeiro en preconizar tratamentos por lavativas rectais.
    • Descobre que o sangue parte do corazón para ir aos pulmóns e volver, e expón con precisión o sistema de ventrículos e válvulas do corazón.
    • É o primeiro en describir correctamente a anatomía do ollo humano.
    • Emite tamén a hipótese segundo a cal a agua e a atmosfera contenrían minúsculos organismos vectores dalgunhas enfermidades infecciosas.

    Pode ser considerado o inventor da traqueotomía, cuxo manual operatorio sería precisado polo célebre cirurxián árabe Abulcasis de Córdoba. No Renacemento encontrouse información dunha intervención semellante, levada a cabo polo médico italiano Antonio Musa Brassavola.

    Pero ante todo, Avicena interésase polos medios de conservar a saúde. Recomenda a práctica regular de deporte ou a hidroterapia en medicina preventiva e curativa. Insiste na importancia das relacións humanas na conservación dunha boa saúde mental e somática.

    A medicina de Avicena podería resumirse na frase de introdución de Urdjuza Fi-Tib' (Poema de medicina): «A medicina é a arte de conservar a saúde e, eventualmente, de curar a enfermidade ocorrida no corpo».

    Avicena na cultura, a literatura e a xeografía[editar | editar a fonte]

    Cumio Ibn Sina en Taxiquistán.
    O cráter lunar Avicena.

    O premio Avicena é un prestixioso galardón outorgado pola UNESCO ás persoas que se distinguen na ética do quefacer científico.

    No libro The Physician (O médico) de Noah Gordon nárrase a ilusión dun mozo inglés, estudante de medicina, por aprender do gran mestre da súa época.

    Na novela Avicenne ou la route d'Ispahan (Avicena ou a rota de Isfahán) de Gilbert Sinoué, nárrase desde unha perspectiva humana a biografía de Avicena, coas súas paixóns e a súa sabedoría.

    En xullo de 2006, o goberno de Taxiquistán cambiou o nome do cumio Lenin, polo de cumio Abuali ibn Sino (en lingua taxica, Абӯалӣ ибни Сино), na honra do filósofo Avicena.[13].

    Un cráter lunar leva o nome de Avicena.

    A máis importante institución privada de ensino médico superior de Arabia Saudita leva o nome árabe de Avicena: Ibn Sina National College for Medical Studies.

    O Hospital Ibn Sina é un importante centro médico de Bagdad (Iraq).

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. Avicenna, na Enciclopaedya Britannica
    2. Brian Duignan (2010): Medieval Philosophy. The Rosen Publishing Group, p. 89. ISBN 978-1-61530-244-4. Medieval Philosiophy
    3. Michael Kort (2004): Central Asian republics. Infobase Publishing, p. 24. ISBN 978-0-8160-5074-1 Central Asian republics
    4. González, Aurelio e Miaja de la Peña, María Teresa (2006): Introducción a la cultura medieval Vol. III. México: UNAM. ISBN 978-968-36-9788-2, p. 22
    5. Avicenna, na Gran Enciclopèdia Catalana
    6. VV.AA. (2007): "Major periods of Muslim education and learning". Encyclopædia Britannica Online. Consultada o 10 de xuño de 2013. "Major periods of Muslim education and learning".
    7. "Iran - The “Iranian intermezzo” (821–1055)". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2021-02-03. 
    8. Aruzi, Nizami (1921): Revised Translation of the Chahar Maqál (Fourx discourses) of Nizámi-I-Arudí of Samarqand followed by an abridged translation of Mírzá Muhammad's notes to the Persian. Universidade de Toronto. Consultada o 10 de xuño de 2013. p. 85.
    9. Encyclopaedia Iranica, Avicenna biography
    10. Nahyan A. G. Fancy (2006): "Pulmonary Transit and Bodily Resurrection: The Interaction of Medicine, Philosophy and Religion in the Works of Ibn al-Nafīs (d. 1288)", Electronic Theses and Dissertations, University of Notre Dame, pp. 80-81.[1] Arquivado 04 de abril de 2015 en Wayback Machine.
    11. "The Internet Encyclopedia of Philosophy, Avicenna/Ibn Sina (CA. 980-1037)". Iep.utm.edu. 2006-01-06. 
    12. Avicena (1960-1968). Libro das orientacións e das advertencias (4 volumes) II. O Cairo: S. Dunya. pp. 343–346). ... «Se te imaxinas que o teu mesmo ser foi creado desde o comezo cun intelecto e unha disposición sans, e se se supón que, en resumidas contas, forma parte de tal posición e disposición que as súas partes non sexan vistas nin os seus membros se toquen, senón que, pola contra, estean separados e suspendidos durante un certo instante no aire libre, ti encontraríalo non dándote conta de nada agás da certeza do teu ser... 
    13. "Resolución do goberno taxico nº 297 de 4 de xullo de 2006" (en taxico). Dushanbe. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2012. Consultado o 29 de novembro de 2015. 

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    • Dias, José Pedro Sousa (2005): A Farmácia e a História - Uma introdução à história da Farmácia, da Farmacologia e da Terapêutica, Faculdade de Farmácia da Universidade de Lisboa.
    • Gillispie, Charles Carlston et al. (1981): Dictionary of Scientific Biography cSc - VI, American Council of Learned Societies, Nova York.
    • Guerra, Francisco (1982): Historia de la Medicina, Madrid, Ediciones Norma, S. A.
    • Pita, Rui João (200): História da Farmácia, 2ª edição, Minerva, Coimbra.

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]