Lu Ji

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lu Ji (陸機)
Nacemento261
 Suzhou
Falecemento303
Causadecapitación
NacionalidadeChinesa
EtniaHan
OcupaciónMilitar, político, poeta, ensaísta
PaiLu Kang
Fillossen etiquetar e sen etiquetar
IrmánsLu Yan, Lu Jing, Lu Xuan, Lu Yun e Lu Dan
LinguaChinés clásico
PeríodoPeríodo dos Tres Reinos
Dinastía Jin
XénerosPoesía fu
Coñecido/a porWenfu
editar datos en Wikidata ]

Lu Ji (chinés tradicional: 陸機; chinés simplificado: 陆机; pinyin: Lù Jī; Wade-Giles: Lu4 Chi1), nome de cortesía Shiheng 士衡, nado no 261 e finado no 303, foi un xeneral, político, ensaísta e escritor chinés do período dos Tres Reinos e da dinastía Jin. A súa obra máis coñecida é o Wenfu 文赋, unha das grandes poéticas chinesas.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lu Ji estaba emparentado coa familia imperial do reino Wu do oeste. Foi o cuarto fillo do xeneral Lu Kang, neto por vía materna de Sun Ce, o irmán máis vello e predecesor do fundador da dinastía Wu do oeste, Sun Quan.[1] O seu avó paterno, Lu Xun, foi un importante xeneral e estadista do reino. Tras a conquista dos Wu do oeste pola dinastía Jin no 280, dous dos seus irmáns foron asasinados, polo que Lu Ji tivo que fuxir a Hua Ting co seu irmán Lu Yun.[1] No exilio, escribiu un libro sobre a caída dos Wu.[1] No 290, Lu e mais o seu irmán trasladáronse á capital imperial dos Jin, Luoyang.[1] Alí, traballou como escritor para o goberno, e foi nomeado presidente da Academia Imperial.[1] No 296, recibiu tamén un posto militar.[1] As súas tropas foron derrotadas na batalla contra Sima Ai en novembro do 303, como parte da guerra dos oito príncipes.[1] Pouco despois, Lu Ji, os seus fillos e mais dous dos seus irmáns foron acusados de traizón e executados.[1][2]

Obras[editar | editar a fonte]

Pingfu tie 平復帖 (Carta de consolación), de Lu Ji (colección do Museo do Palacio)

Lu Ji escribiu moita poesía lírica, mais é recoñecido sobre todo polos seus fu, un xénero que destaca pola súa mestura de poesía e prosa. En concreto, a súa obra mestra é o Wenfu (Fu sobre a literatura), unha peza de crítica literaria que fala sobre os principios da composición poética. Este libro inspirou outra das grandes poéticas chinesas, o Wenxin diaolong, de Liu Xie.

Lu Ji é tamén autor da caligrafía chinesa máis antiga conservada, unha breve carta dirixida aos seus amigos, titulada pola tradición Pingfu tie 平復帖 (Carta de consolación).[3]

Influencia[editar | editar a fonte]

A obra de Lu Ji influenciou a multitude de poetas modernos, como Ezra Pound, Gary Snyder, Howard Nemirov, Eleanor Wilner ou Carolyn Kizer, entre outros.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "The art of writing : Lu Chi's Wen fu". search.worldcat.org (en inglés). Consultado o 2024-02-19. 
  2. Weinberger, Eliot (2003). The New Directions Anthology of Classical Chinese Poetry (en inglés). New Directions Publishing. ISBN 978-0-8112-1540-4. 
  3. "平復帖". 百度百科. Consultado o 2024-02-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Lu Ji (La literatura china traducida en España)