Liu Ling

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Infotaula de personaLiu Ling

Sete Sabios da Fraga de Bambú
Nome orixinal劉伶
Biografía
Nacemento221
Suzhou, provincia de Anhui
Morte300
Datos persoais
País de nacionalidadeChinesa
Actividade
OcupaciónPoeta, erudito
Período de actividadePeríodo dos Tres Reinos
Xénero artísticoPoesía
MovementoSete Sabios da Fraga de Bambú, daoísmo
LinguaChinés


Liu Ling (chinés tradicional: 劉伶; chinés simplificado: 刘伶; pinyin: Liú Líng; Wade-Giles: Liu2 Ling2), nado no 221 e finado no 300, foi un poeta e erudito chinés do período dos Tres Reinos. Formou parte dos Sete Sabios da Fraga de Bambú.

Nome[editar | editar a fonte]

O nome de Liu Ling é moitas veces escrito de maneira errónea como 劉靈.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Liu Ling naceu no reino de Pei, actual Suzhou (provincia de Anhui), durante a dinastía Jin do Oeste.[1] Hai pouca información biográfica sobre el ou a súa familia, aínda que é descrito como baixo e pouco atractivo. Nos seus primeiros anos participou na corte como conselleiro, defendendo os principios do wuwei e outros valores daoístas, pero foi destituído por incompetente.[1] Posteriormente, abrazou unha vida de retiro, coma outros dos Sete Sabios.

Foi recoñecido como un excéntrico amante do alcohol.[1] As imaxes máis antigas do autor, atopadas en varias tumbas de Nanjing, amósano bebendo viño, e o seu poema máis célebre titúlase "Eloxio do viño".[1] Nesta peza, amosa o seu desprezo polos ritos e a etiqueta social, defendendo os valores de Laozi ou Zhuangzi.[1] Un conto popular afirma que era sempre seguido por un servo, quen levaba unha botella de viño e unha pa, posto que tiña que estar preparado para ofrecerlle bebida ou enterralo se morrese. Segundo outras historias, adoitaba camiñar espido pola súa casa, xa que consideraba que os seus cuartos, a súa casa e o universo enteiro eran a súa roupa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Liu Ling". web.archive.org. 2011-10-05. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2011. Consultado o 2023-12-14.