John Sigismund Tanner

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
John Sigismund Tanner
Nacemento1705
  Ducado de Saxonia-Coburgo.
Falecemento14 de marzo 1775
  Londres.
Inglaterra.
ÁreaDeseño e gravado de moedas e medallas.
Nacionalidade Británica
editar datos en Wikidata ]

John Sigismund Tanner nado en 1705 en Saxonia-Coburgo e finado o 14 de marzo de 1775 en Londres, foi un medallista e gravador de moeda británico que ocupou o posto de gravador xefe da Royal Mint durante os reinados de Xurxo II e Xurxo III.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Chamado orixinariamente Johann Sigismund, Tanner era orixinario do Ducado de Saxonia-Coburgo, onde na súa xuventude practicou a talladura e o gravado de obxectos como caixas de rapé, seguros de armas de fogo etc.[1][2]

Reverso da medalla de prata dedicada a Xurxo II e a súa familia (1732), obra de Tanner

Chegou a Inglaterra en 1728 e alí gravou as súas primeiras medallas, entre as que destacan a dedicada a Xurxo II e a familia real (1732) e a da Lotaría de Jenergan (1736).[1]

Ao pouco tempo da súa chegada a Londres e por mediación do político John Conduit —daquela Master of the Mint—, acadou axiña un emprego como gravador na Casa da Moeda de Londres (Royal Mint), onde se encargou do deseño e o gravado de varias series de moedas, como axudante de John Croker.[3] Logo da morte deste en 1741, foi nomeado o seu sucesor no posto de gravador xefe da Casa da Moeda de Londres, que ocupou o resto da súa vida.[1]

Proba do anverso dunha moeda de dúas guineas a nome de Xurxo III (1773).

Entre as moedas obra de Tanner destacan as cuñaxes de ouro de 1739, as de cobre de 1740 e algunhas das de prata de 1743, a nome de Xurxo II. No entanto, a nome de Xurxo III limitouse a gravar algunhas probas, aínda que os cuños das moedas circulantes foron xa obra do seu axudante, Ricard Yeo, dado que os problemas de visión de Tanner o imposibilitaron para se ocupar persoalmente destes mesteres.[4]

Tanner morreu na súa residencia de David Street, en Londres, o 14 de marzo de 1775.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Predecesor:
John Croker
Gravador xefe da Casa da Moeda de Londres (Royal Mint)
1741 - 1773
Sucesor:
Richard Yeo