Ioseph Bringas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ioseph Bringas
Nacementoséculo IXxuliano
Lugar de nacementoPaflagonia
Falecemento965
NacionalidadeImperio Bizantino
Relixióncristianismo
Ocupaciónfuncionario, militar e Eunuco
editar datos en Wikidata ]
Sólido bizantino do emperador Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) co seu fillo e herdeiro Romano II (r. 959-963).

Ioseph Bringas (en grego, Ὶωσῆφ Βρίγγας), nado en Paflagonia e finado en Nicomedia en 965, foi un importante eunuco e oficial bizantino durante o reinado dos emperadores Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) e Romano II (r. 959-963). Alcanzou altos postos civís e militares mentres rexía Constantino VII. Coa morte deste emperador, converteuse nun ministro principal e rexente de facto durante o reinado de Romano II. Ao morrer subitamente o emperador en 963, Ioseph Bringas fíxose cargo do goberno e dos príncipes Basilio II e Constantino VIII, tendo que enfrontar unha gran resistencia dos seus rivais. Tras terse oposto sen éxito ao ascenso de Nicéforo II Focas ao trono imperial en 963, foi desterrado a un mosteiro próximo a Nicomedia, onde morreu no ano 965[1].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Segundo o historiador León o Diácono, contemporáneo seu, Ioseph Bringas proviría de Paflagonia, antiga rexión do norte de Anatolia[2]. Ascendeu gradualmente dentro do servizo imperial, á dignidade de patricio e ao posto cortesán de Praepositus sacri cubiculi. O emperador Constantino VII Porfiroxéneta (r. 945-959) nomeouno primeiro Sakellarios, e logo drungario (almirante) da armada imperial, cargo que ocupaba no momento da morte do emperador. Cando o fillo de Constantino VII, Romano II (r. 959-963), asumiu o trono bizantino, nomeou a Bringas como o seu parakoimomenos. O novo emperador prefería ocupar o seu tempo cazando, mentres que Bringas resolvía os asuntos de Estado[3][4][5]. Nesa época, Bringas frustrou un complot contra Romano II, liderado por un grupo de nobres da contorna do magister officiorum, Basilio Petino. Os conspiradores foron arrestados, tonsurados e exiliados. Con todo, moitos deles, con excepción de Petino, foron rapidamente voltos chamar[6][7].

Cando o emperador Romano II morreu subitamente, o 15 de marzo de 963, deixando sós aos seus fillos Basilio, con cinco anos de idade, e Constantino, con dous ou tres anos de idade, Bringas exerceu as funcións de xefe de Estado de facto, aínda que por tradición, a emperatriz viúva Teófano Anastaso debeu ser a rexente nominal[8][9]. Teófano desconfiaba do poderoso parakoimomenos, quen así mesmo contaba con outros inimigos: o seu predecesor e rival, Basilio Lecapeno, e o vitorioso xeneral Nicéforo Focas, quen acababa de retornar da súa conquista do Emirato de Creta, ademais de realizar unha exitosa incursión en Cilicia e Siria, durante a cal saqueou Alepo, a capital hamdanida[10][11][12].

Histamenon de Nicéforo II Focas (r. 963-969) con Basilio II Bulgaróctono no reverso.

Nicéforo Focas visitou a capital imperial e celebrou o seu triunfo, para logo acusar a Bringas de conspirar contra el, buscando refuxio en Santa Sofía. Neste lugar, gañou o apoio do patriarca de Constantinopla, Polieucto, con cuxa axuda conseguiu ser volto nomear como doméstico das escolas (comandante en xefe) do Oriente. En consecuencia, Bringas dirixiuse a Mariano Arxiro, o doméstico do Occidente, ofrecéndolle o trono bizantino. Á vez, escribiu ao strategos do thema Anatólico Xoán I Tzimisces, sobriño e xeneral máis importante de Focas, propondo darlle o posto do seu tío se se volvese contra el. Pero en lugar de aceptar, Tzimisces revelou a Focas os plans do seu opositor, instándoo a actuar. As tropas de Focas proclamárono emperador o 2 de xullo de 963, marchando seguidamente a Constantinopla. Mentres tanto na capital, Bringas ordenou o retorno das súas tropas, incautou todos os navíos que puido, co fin de impedir a travesía a través do Bósforo por parte dos rebeldes, chegando mesmo ao momento de tomar como refén ao propio pai de Nicéforo, o ancián Bardas Focas. A poboación da cidade, emporiso, apoiou a rebelión, e ao aproximarse o exército rebelde, levantouse contra as tropas de Bringas, apoiado polo patriarca e por Basilio Lecapeno, quen supostamente armaron a 3000 homes, que enviaron á loita[13][14].

Os enfrontamentos na ra duraron tres días. Finalmente, o exército rebelde de Focas prevaleceu. Bringas foi forzado a fuxir a Santa Sofía en busca de refuxio, mentres que Basilio Lecapeno asumiu o posto de parakoimomenos, e recibiu a Nicéforo Focas na capital, onde foi coroado o 16 de agosto. Bringas foi desterrado, primeiro a Paflagonia, e despois ao mosteiro de Asecretis, en Pythia, localidade próxima a Nicomedia, onde morreu en 965[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Treadgold 1997, p. 499.
  2. Talbot 2005, p. 30.
  3. Kazhdan 1991, p. 325.
  4. Talbot 2005, p. 34.
  5. Garland 1999, pp. 127-128.
  6. Talbot 2005, pp. 34-35.
  7. Kazhdan 1991, pp. 325-326.
  8. Whittow 1996, p. 348.
  9. Treadgold 1997, p. 498.
  10. Garland 1999, p. 128.
  11. Treadgold 1997, pp. 495-498.
  12. Kazhdan 1991, p. 326.
  13. Whittow 1996, pp. 348-349.
  14. Treadgold 1997, pp. 498-499.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]