Teodomiro (rei suevo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Teodomiro
Nacementoséculo V - século VI
Falecemento570
Lugar de falecementoGallaecia
NacionalidadeReino Suevo de Gallaecia
EtniaSuevo
RelixiónCristianismo calcedonio
OcupaciónRei
FillosMiro
editar datos en Wikidata ]

Teodomiro (tamén Theodemir, Theodemar e en latín: Theodemirus) foi rei do reino suevo de Galicia (559-570)[1][2]. Gobernou o reino dotándoo de institucións, administración e cohesión social buscando a lexitimidade do seu poder na igrexa católica. Durante o seu reinado realízase o I Concilio de Braga (561) e o Concilio de Lugo (569), onde o reino suevo volta adoptar a catolicismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu reinado marcou un fito de estabilidade e esplendor do Galliciense regnum, do que nos quedaron testemuños nas fontes históricas galaicas, hispánicas e francas.

Unha política exterior pacífica sen enfrontamentos co reino visigodo veciño, influenciada pola nova orde do Imperio bizantino de Xustiniano, fai que dirixa a súa atención cara a estabilidade interna do reino. Realiza unha serie de reformas administrativas e concilios que xeran un momento de esplendor no Reino Suevo de Galicia, facendo de Lucus (Lugo) unha cidade metropolitana. Tamén consolida a expansión sueva coa incorporación das áreas de influencia de Astorga e Coímbra.

Cara ao 569 o reino de Teodomiro é atacado polos visigodos dirixidos polo rei Leovixildo que consegue apoderarse de Semure (Zamora), Pallantia (Palencia) e Legio (León). Descoñécese se isto tivo relación coa súa morte, xa que as actividades bélicas de Leovixildo cos seus veciños continuaron ata despois de morrer Teodomiro.

Conversión[editar | editar a fonte]

Teodemiro é posicionado como o primeiro rei suevo en convertirse ao cristianismo católico dende a morte de Requiario e o monarca que levou á conversión da súa xente do arianismo ao catolicismo coa axuda do misioneiro: Martiño de Dumio. Esta teoría está maiormente respaldada pola Historia de regibus Suevorum de Isidoro de Sevilla: regni potestatem Theodimirus suscepit: qui confestim Arrianae impietatis errore destructo Suevos catholicae fidei reddidit.[3]

O proceso de conversión lévase a cabo en base aos seguintes puntos:

  • A cristianización das masas de servos aínda ancoradas nun paganismo ancestral aínda con tintura céltica.
  • A busca da cohesión social mediante o combate da herexía ariana que profesaba o reino visigodo de Hispania e o priscilianismo seguido por importantes capas da poboación que non recoñecían a autoridade dos bispos de obediencia romana
  • A lexitimación da monarquía perante as elites de orixe galaico-romana mediante o seu papel de protector da Igrexa desempeñando un rol con ecos propios de Bizancio, con quen probablemente mantivo contactos diplomáticos.
  • A difusión da cultura a través do impulso de escolas dependentes dos mosteiros e focos de formación como o cenobio de Dumio fundado por Martiño.
Ariamiro (ou Teodomiro), rei da Gallaecia cos bispos Lucrecio, André e Martiño. Códice Vixiliano.

Nome[editar | editar a fonte]

Malia que Teodemiro foi posicionado como o primeiro monarca suevo católico despois de Requiario por Isidoro, Xoán Biclarense relata que Recaredo I dos visigodos foi o responsable da conversión de ámbolos pobos, Gregorio de Tours que a influecia de Martiño de Tours sobre Carriarico[4], coa curación do seu fillo, foi a clave da conversión e os escritos do I Concilio de Braga que Ariamiro foi o primeiro en levantar a prohibición sobre os sínodos católicos.

Varios historiadores intentan xuntar estas historias. Hai quen asegura que Teodomiro tivo que ser un sucesor de Ariamiro nese caso o I Concilio de Braga sería convocado por Ariamiro e o Concilio de Lugo por Teodomiro. Reinhart suxire que Cariarico foi convertido primeiro polas reliquias de Martiño e que logo Teodomiro foi convertido pola actividade misioneira directa de Martiño de Dumio. Felix Dahn igualou a Carriarico con Teodemiro, incluso dicindo que foi outro nome que adoptou despois do bautismo.Tamén se suxire que Teodomiro e Ariamiro poidan ser a mesma persoa, o fillo de Carriarico, cambiando de nome de Ariamiro a Teodomiro despois do bautismo católico. Ferreiro cre que a coversion dos Suevos foi progresiva e a paseniño e que Teodomiro foi responsable do inicio da persecución de arianos no reino.

I Concilio de Braga[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Primeiro Concilio de Braga.

Teodomiro convoca o 1 de maio de 561 o I Concilio de Braga. Presideo Lucrecio, bispo titular de Braga. Acudiron bispos da Gallaecia e do norte da Lusitania. Tivo o apoio do Papa Xoán III, e declarou anatema todos aqueles que acreditasen en doutrinas de tipo maniqueísta, coma os priscilianistas. O concilio remarcou a doutrina da Santa Trindade, segundo a cal hai un só Deus que existe en tres persoas: Pai, Fillo e Espírito Santo, contrariamente á afirmación priscilianista de que só existía un personificación de Deus. Así mesmo lembrou a crenza católica da existencia de Deus Fillo antes de nacer da Virxe María. San Martiño de Dumio foi consagrado como bispo neste concilio.

O Concilio de Lugo na edición de Loaísa (1593)

Concilio de Lugo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Concilio de Lugo.

O 1 de xaneiro de 569 Teodomiro convoca o Concilio de Lugo. Un concilio eclesiástico celebrado en Lugo, no cal reorganízase a Igrexa Sueva de Gallaecia, quedando o reino dividido en trece sedes episcopais, foron creadas algunhas como Viseo, Lamego e Idanha, estas sedes tamén se reorganizaron en dúas grandes provincias eclesiásticas: unha meridional con centro en Braga e outra setentrional en torno a Lugo, convertida en nova sede metropolitana.

Na Divisio Theodemiri ou Parochiale suevorum veñen recollidos varios destes cambios administrativos.

Parroquial Suevo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Parochiale suevorum.

Teodomiro realiza unha organización territorial a través da estruturación da dependencia de entidades de poboación en parroquias aos diferentes bispados, concretado na Divisio Theodemiri (división de Teodomiro) ou Parochiale suevorum (parroquial suevo), este proceso implicou unha asociación definitiva entre a estrutura eclesiástica e a ordeación administrativa do reino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tejada y Ramiro, Juan, ed. (1855). Actas concilio de Lugo (Colección de cánones y de todos los concilios de la Iglesia de Espana ed.). p. 654. ego Theodomirus rex cognomento et Mirus, Galleciae totius provinciae rex 
  2. de Gembloux, Sigeberto. "XIX". De scriptoribus ecclesiasticis. Theudomirum [al. Mironem] regem Galliciae 
  3. "Isidorus Hispalensis: Historia de regibus Gothorum, Vandalorum et Suevorum". Forum Romanum. 
  4. de Tours, Gregorio. Libri de virtutibus sancti Martini episcopi I. Chararici cuiusdam regis Galliciae filius graviter aegrotabat 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Os reis e as raíñas da Galiza.
Da escuridade ao esplendor. A nova monarquía sueva entre 469 e 570.
(Nós Diario, 07.09.2022)

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Teodomiro (rei suevo)
Descoñecida
Nacemento:  ? Falecemento: 570


Títulos Reais
Precedido por
Carriarico


Rei de Galicia
559–570
Sucedido  por
Miro