Brais de Sebaste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Brais de Sebaste
Biografía
NacementoSéculo III en Sebaste, Armenia
Pasamento316 en Sebaste, Armenia
Proceso de canonización
Veneración
Festividade3 de febreiro
Atributosbispo con mitra e báculo, ás veces coa man na gorxa
Patrón/a degorxa, furacáns e tempestades

Brais de Sebaste, venerado coma san Brais, foi un médico e bispo (bispo de Sebaste) de Sebaste (Sebastensis armenorum) na Armenia (actual Sivas, Turquía), e mártir cristián. Fixo vida eremítica nunha cova no bosque do Monte Erciyes, que converteu na súa sé episcopal. Foi torturado e executado, finando o ano 316, na mesma vila de Sebaste (Imperio Romano), na época do emperador romano Licinio, durante as persecucións aos cristiáns a comezos do século IV.

O seu culto espallouse por todo Oriente, e máis tarde por Occidente. Na Idade Media, chegáronse a contabilizar soamente en Roma 35 igrexas baixo a súa advocación. Venérase na Igrexa Católica o día 3 de febreiro; e nas Igrexas católicas orientais, Igrexas ortodoxas orientais (incluíndo a Igrexa apostólica armenia) o día 11 de febreiro.

Simbolízase cunhas candeas cruzadas (recordo do rito instituído por Brais); tamén cun cardador de ferro na man (símbolo do instrumento de tortura)[1]

Considérase padroeiro dos doentes da gorxa (farinxe), e dos otorrinolaringólogos.[2][3] É padrón da República de Paraguai, de dúas parroquias de Galicia, e da cidade de Dubrovnik (Croacia). Nesta cidade, a festa é emblemática e case milenaria (remóntase como mínimo ao ano 1190) e incorporouse en 2009 na listaxe do patrimonio cultural inmaterial da Humanidade pola UNESCO.[4]

O nome Brais é común en Galiza, e historicamente a variante Bras era tamén de amplo uso.

Haxiografía[editar | editar a fonte]

Candelabro con dúas candeas cruzadas, utilizado na celebración da bendición das gorxas na festa de San Brais.

Segundo a tradición, Brais de Sebaste era coñecido polo seu don para sandar de xeito milagreiro, que aplicaba tanto en persoas coma en animais. Disque salvou a vida dun rapaz que estaba a abafar ao quedarlle a gorxa atoada por unha espiña de peixe. Esta había ser a orixe do costume de beicer as gorxas o día da súa festa o 3 de febreiro.

Achegábanselle tamén os animais doentes para os sandar; porén, non o amolaban mentres estaba a pregar.

Cando chegou a Sebaste a persecución de Agrícola, o gobernador de Capadocia, contra os cristiáns (a derradeira persecución romana), os seus cazadores foron na procura de animais para os xogos na area nas fragas de Argeus e atoparon moitos deles a agardar fóra da cova de Brais. Alí atoparon a Brais a pregar e detivérono. Agrícola tratou sen éxito facerlle rexeitar a súa fe. Xa na cadea, Brais sandou algúns prisioneiros. Entón o gobernador mandouno matar e botárono nun lago. Porén Brais, de pé sobre a tona da auga (coma o milagre atribuído tamén a Xesús Cristo), invitou aos seus perseguidores a camiñar sobre as augas e así demostrar o poder dos seus deuses. Mais todos afogaron.

Cando volveu á terra (por orde dun anxo), foi torturado (pendurado dun poste e lacerado con angazos para cardar lá) e finalmente decapitado. Segundo o Dicionario dos Santos, as Actas deste mártir carecen de consistencia histórica, mais foron moi populares a partir do alto medievo, tanto en Oriente coma en Occidente, onde chegaron a través de diversas traducións latinas dun texto grego.

O seu culto axiña se espallou por toda a Igrexa. É costume popular invocalo particularmente para arranxar afeccións da gorxa.

Iconografía[editar | editar a fonte]

Represéntase con:

San Brais entre María Magdalena e Xoán Nepomuceno.
  • Un porco
  • Candeas entrecruzados (a súa festa é xusto o día a seguir da Candeloria).
  • Corno
  • Mitra
  • Angazo de cardar.

Celebracións[editar | editar a fonte]

O San Brais é unha romaría e data sinalada na cultura popular galega que ten lugar cada ano o 3 de febreiro.

En Bembrive (Vigo) o día da súa festividade simboliza a primeira romaría do ano e por isto a aldea se converte nunha das romarías máis importantes do sur da provincia. Durante os días previos, multitude de furanchos abren para degustación de petiscos amenizadas con viños típicos. Multitude de bandas tradicionais de música galega danse cita na parroquia e nos mesmos furanchos. É costume se xuntar en grupos numerosos nas propias casas da zona para a degustación do cocido galego.

En Briallos (Portas) cada 3 de febreiro celébrase a festa en honra ao San Brais. Na igrexa parroquial fanse misas ao longo de toda a mañá e parte da tarde, ás que acoden devotos dos arredores. A última misa da tarde, solemne, atrae a multitude de devotos que participan na procesión de candeas acompañada por un grupo de gaitas e realizada preto da igrexa. É tradición bendicir o pan na primeira misa para pólo a disposición da veciñanza durante toda a xornada. Ao final de cada acto litúrxico os devotos untan a gorxa con aceite bieito. Hai postos de produtos típicos como polbo á feira, carne ao caldeiro ou rosquillas. Ao final das misas mércanse os tradicionais fanchucos bieitos de San Brais.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • En chegando ao San Bras pon pan e viño na alforxa, que día non faltará.
  • San Bras da Barca que afoga e non mata.
  • Polo San Brais, teñen os días dúas horas máis[5].
  • Polo San Brais hora e media máis e se ben contaras dúas encontraras.
  • Vamos mozas a San Brais, que festas non quedan máis[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Chiesa, P. (2000). "Blas". En Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G. Diccionario de los Santos (en castelá) 1. España: San Pablo. pp. 377–380. ISBN 84-285-2258-8. 
  2. Skrobonja, Ante; Muzur, Amir; Jurdana, Stanko (2005). "Cult of St. Blasius, patron saint of throat sufferers and of otolaryngologists, in Croatia". International Journal of Pediatric Otorhinolaryngology 69 (3): 301–304. Consultado o 27 de xaneiro de 2012. 
  3. Til-Pérez, Guillem; Tomás-Barberán, Manuel; Magri-Ruiz, Carlos (2001). "Saint Blase, patron saint of otorhinolaryngology". The Journal of Laryngology & Otology 115 (4): 267–269. Consultado o 27 de xaneiro de 2012. 
  4. UNESCO (Sector de Cultura). "La fiesta de San Blas, patrono de Dubrovnik". UNESCO 1995-2012 (en castelá). Consultado o 27 de xaneiro de 2012. 
  5. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  6. Eligio Rivas Quintas (1988): Frampas, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pérez González, Francisco. (2001): Blas, obispo y mártir, pp. 155–158. En: Dos mil años de santos, Tomo I. Madrid: Ediciones Palabra. ISBN 84-8239-598-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]