Amalia Fraguela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amalia Fraguela
Nacemento1884
Lugar de nacementoSanto Estevo de Sedes, Narón (A Coruña)
Falecemento1958
Lugar de falecementoFerrol (A Coruña)
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónsindicalista anarquista
editar datos en Wikidata ]

Amalia Fraguela, nada en Santo Estevo de Sedes en 1884 e finada en Ferrol en 1958 foi unha sindicalista anarquista galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Amalia Fraguela naceu na parroquia rural de Santo Estevo de Sedes, pertencente ao concello de Narón. As primeiras noticias que se teñen dela datan de 1912, grazas a unha publicación na prensa local. A noticia anunciaba a inscrición da súa filla no Rexistro Civil de Ferrol, á que Amalia Fraguela e o seu compañeiro Vicente Couce lle deron o nome de Luz Armonía. Ambos eran militantes libertarios e o seu foi un acto de protesta contra o conservadorismo e o poder da igrexa na sociedade. Era un costume habitual para o anarquismo da época que ante calquera celebración de actos civís como matrimonios, inscrición de nacementos e enterros, se publicasen na prensa obreira e republicana para darlles maior relevancia e difusión.[1]

Activismo[editar | editar a fonte]

No verán de 1912, Amalia Fraguela xunto con Rosario Sardiña e Emilia Cora, formaron en Ferrol un dos primeiros grupos de mulleres anarquistas ao que denominaron La Linterna.[2] Iniciaron a súa actividade elaborando un manifesto titulado "A las mujeres". O seu obxectivo era cooperar coa propaganda emancipatoria das mulleres e outros grupos afíns.[3] Con todo, as actividades de La Linterna non duraron moito tempo, porque Amalia Fraguela marchou de Ferrol con destino ao País Vasco.

Aínda así, a pegada de Amalia Fraguela seguiuse notando na prensa anarquista ferrolá Cultura Libertaria na que se publicaron varios artigos das libertarias máis famosas do momento como Isabel Barea e Teresa Claramunt.[1]

Desde a súa chegada a Baracaldo foi unha sindicalista moi activa, deixando constancia das súas accións en múltiples facetas. Participou en varias campañas solidarias para recadar diñeiro, como na axuda de persoas presas por cuestións sociais e noutra de axuda aos libertarios mexicanos no ano 1912.[1]

Enseguida tomou parte en mitins, destacando o celebrado en Baracaldo en novembro de 1912, no local da Sociedade de Cargadores do Peirao, onde pechou o acto xunto a outros compañeiros, resaltando a importancia da educación para acadar a liberdade e o progreso.[4]

Amalia Fraguela seguía coa súa idea de organizar as mulleres e facer propaganda dos ideais anarquistas entre elas. Froito deste empeño tivo lugar a fundación do grupo anarquista feminino Luz y Armonía, en marzo de 1913.[5] Así, manifestaron o seu obxectivo de propagar os ideais anarquistas a través de folletos e da prensa tratando de educar e educarse.[6][7]

"Romped, amigas mías, esa terrible cadena que os oprime; avanzad animosas y desechad esas rancias ideas que cada día aumentan más vuestra situación de esclavas y hacen más dificultoso vuestro camino".[8]
Amalia Fraguela

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Regresou a Ferrol durante a II República pero estivo apartada da militancia.

O seu fillo, Vicente Couce Fraguela, militante das Mocidades Libertarias, estaba a facer o servizo militar no Cuartel de Dores de Ferrol cando estalou o Golpe de estado en 1936. Vicente Couce tentou participar na liberación de varios presos condenados á morte, pero a acción foi descuberta e os implicados axustizados sumariamente. Tiña 17 anos.[9]

Non hai moita información sobre a súa vida nos anos seguintes. Sábese que a partir de 1942 traballou no servizo de limpezas do Concello de Ferrol. Pouco tempo despois da súa xubilación morreu no anonimato no ano 1958.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Fernández Fernández, Eliseo (2005). "O protagonismo feminino". Obreirismo ferrolán. A Nosa Terra. p. 191. 
  2. "Avisos a periódicos y revistas" (PDF). Tierra y libertad. 21 de agosto de 1912. p. 3. Consultado o 23 de marzo. 
  3. "Liña do tempo" (PDF). p. 21. 
  4. Marco López, Aurora (2015). Elas. Xanela. 
  5. "Barakaldo siglo XX: la sociabilidad femenina – Ezagutu Barakaldo". www.ezagutubarakaldo.net. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2016. Consultado o 27 de marzo de 2017. 
  6. "Maremagnum" (PDF). 19 de marzo de 1913. p. 3. Consultado o 27 de marzo de 2017. 
  7. Zambrana, Joan. "El anarquismo organizado en los orígenes de la CNT. Tierra y libertad 1910-1919" (PDF). pp. 976 y 1.021. Consultado o 20 de marzo de 2017. 
  8. Amalia Fraguela (9 de xullo de 1913). "A las mujeres" (PDF). Tierra y Libertad. Consultado o 23 de marzo de 2017. 
  9. "Proxecto de investigación Nomes e voces". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2014. Consultado o 21 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]