Ida Freund

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ida Freund
Nacemento1863
Lugar de nacementoViena
Falecemento15 de maio de 1914
Lugar de falecementoCambridge
NacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, Imperio Austríaco e Reino Unido
Alma máterGirton College
Ocupaciónquímica e escritora
editar datos en Wikidata ]

Ida Freund, nada en Viena, Austria, o 15 de abril de 1863 e finada en Cambridge o 15 de maio de 1914, foi a primeira muller en converterse en profesora de química nunha universidade británica. Feminista activa, sempre apoiando o sufraxio feminino, xunto con Ida Smedley e Martha Whiteley, xogou un papel importante na loita pola admisión das mulleres na Sociedade Química. Non viviu para ver este éxito, que se confirmaría en 1920, cando as mulleres foron admitidas nesa sociedade.[1] Ademais, era coñecida pola súa influencia na docencia científica como profesora, pola publicación de dous libros moi importantes sobre química na época e pola invención do tubo medidor de gas que levaba o seu nome.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Cando era só unha nena faleceu a súa nai e quedou orfa, a súa avoa materna coidouna en Viena. Estudou no colexio estatal e despois preparouse para o Diploma de Estado austríaco para profesores. En 1881, os seus avós morreron en pouco tempo, a pesar do cariño co que Ida os coidaba durante este tempo (estes avós eran coma os seus pais). Ela foi enviada a Inglaterra para vivir co seu tío, o violinista Ludwig Strauss, que foi o titor de Ida.[2][3]

Estudos[editar | editar a fonte]

O seu tío Ludwig matriculouna no Girton College, Cambridge, para completar os seus estudos, decisión da que Ida non estaba convencida e á que se opoñería tristemente. Co paso do tempo, adaptouse a este centro, a súa oposición inicial a esta elección do seu tío foise debilitando ata o punto de sentirse cómod nesta escola, tanto que continuou os seus estudos na Universidade de Cambridge. En 1886, na devandita universidade, obtivo un diploma de honra nos Tripos de Ciencias Naturais. Os Tripos eran probas que se realizaban por materia ou categoría, moi duras e esixentes, e cuxo resultado marcou o futuro profesional practicamente de por vida. Pero, nese ano, as mulleres aínda non podían recibir o título universitario, podían acceder aos seus exames pero non recibir o título (a partir de 1948 as mulleres comezan a recibir este título). A cambio, proporcionáronlles un certificado de competencia.[4]

Carreira[editar | editar a fonte]

Despois de graduarse, converteuse en profesora no Cambridge Teaching College en 1886. Neste momento, as mulleres non estaban admitidas no Laboratorio de Química da Universidade ata superar a primeira parte do Tripos, polo que Ida Freund foi a encargada da docencia inicial de laboratorio de case todas as súas alumnas, a maioría das cales acudiron ao seu centro con pouco ou ningún coñecemento de Química.[4]

En 1890, Ida sufriu un contratempo que lle provocou a amputación dunha das súas pernas. As causas nunca foron claras, aínda que, finalmente, parece confirmarse a teoría dun accidente de bicicleta, coa posterior amputación e implantación dunha perna artificial.[2][5]

Ese mesmo ano, foi ascendida a profesora de Química en Newnham College, cargo que ocupou ata que se xubilou en 1913 por problemas de saúde. Nunca tivo moito tempo para o seu traballo de investigación, as súas ocupacións como profesora absorbían case todo o seu tempo e enerxía, tiña que facer moito traballo, porque ao traballo docente habitual dun profesor había que engadirlle o tempo adicado a aquelas rapazas que, por mor da inxusta situación da época, chegaban ao seu centro sen coñecementos químicos. Non puido estudar ningún mestrado nin doutoramento, pero si conseguiu publicar un artigo e dous libros de certa importancia no seu tempo. [4]

Era unha activa feminista, loitou polo sufraxio feminino, e xunto con Ida Smedley e Martha Annie Whiteley foi un referente para todas aquelas mulleres que logo loitaron pola admisión da muller na Sociedade Química durante as primeiras décadas do século XX. Non viviu para ver o éxito das súas accións e reivindicacións, xa que esta admisión foi confirmada en 1920.[1] En homenaxe a esta gran muller creouse a Fundación Memorial Ida Freund, co obxectivo de promover unha maior participación das profesoras nas ramas científicas, fundación que aínda existe.[4]

Docencia[editar | editar a fonte]

Unha das súas tarefas máis importantes como profesora foi asumir a responsabilidade de axudar aos estudantes a superar a primeira parte do Tripos de Ciencias Naturais de Química, estudantes que, na súa maioría, non tiñan coñecementos previos de química. Ida foi unha das primeiras educadoras científicas.

En 1897, organizou un curso de vacacións para profesores de física no Newnham College, algúns dos seus estudantes que xa traballaban como profesores queixábanse da escaseza e inferioridade do aparello que tiñan dispoñibles para ensinar. Ida ensinoulles a construír tipos sinxelos de instrumentos que puidesen utilizar para as súas tarefas docentes. Non eran os únicos cursos que organizaba para profesores, era algo habitual na súa carreira.[2]

Os testemuños recollidos dalgunhas das súas alumnas que despois se dedicaron á docencia, destacan que o seu traballo influíu moito na promoción do ascenso da muller nos sectores académico e investigador. Tiña un carácter forte, e esforzouse por motivar aos seus alumnos. Antes das probas de Tripos, pediu aos seus alumnos que realizasen algún estudo especial, algo que consideraba importante de cara a estas probas.

A táboa periódica de madalenas[editar | editar a fonte]

Freund foi a primeira persoa en enfornar un grupo de madalenas en forma de táboa periódica.[2][6] Adoitaba usalas como material didáctico de apoio nas súas aulas. Creou tamén caixas de bombóns con imaxes de científicos e unha gran táboa periódica en que cada elemento era representado por unha madalena decorada co seu nome e o número atómico correspondente no glaseado.[7][1]

Esta táboa periódica estaba formada por unha táboa, cuxas divisións horizontais e verticais foron feitas con rocha de Edimburgo. Os números estaban feitos de chocolate e os elementos eran bolos cunha crema feita de azucre, cada un mostrando o nome e o número atómico dentro dela. Os átomos sen valencia eran redondeados, os que tiñan unha valencia tiñan unha esquina sobresaínte, os de dúas valencias tiñan dúas saíntes, os de tres tiñan tres etc. O alumnado participou nesta construción.[1]Baseadas na súa idea orixinal, as táboas periódicas de madalenas converteronse nunha maneira divertida e popular de celebrar a Química nas vendas de biscoitos nas escolas e en eventos para promocionar o compromiso público coa ciencia. A Royal Society of Chemistry celebrou o lanzamento da Visual Elements Periodic Table cun grupo de madalenas en forma de táboa periódica, ao igual que fixo o alumnado da Universidade de Nottingham no aniversario de Martyn Poliakoff.[8]

Existen múltiples sitios web onde se poden consultar receitas de modernas versións da táboa periódica de madalenas de Freund.[9][10]

Invencións[editar | editar a fonte]

Ademais das innovacións nos métodos de ensino, tamén inventou unha peza de laboratorio que recibiría o seu nome no futuro. Era unha variación do tubo de medición de gas Ostwald.[2]Destas habilidades en canto á fabricación de aparellos de laboratorio tamén gozaron os profesores que asistían aos seus cursos para poder fabricar os seus propios recursos de laboratorio debido á precariedade destes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Ida Freund 175 Faces of Chemistry" (en inglés). Consultado o 23 de febrero de 2018. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Palmer, Bill (07/2007). "Ida Freund: Teacher, Educator, Feminist, and Chemistry Textbook Writer" (PDF). Transactions on Internet Research 3 (2). ISSN 1820-4503. Consultado o 23 de febrero de 2018. 
  3. Rayner-Canham, Marelene F.; Rayner-Canham, Geoffrey (2001). Women in chemistry: their changing roles from alchemical times to the mid-twentieth century. History of modern chemical sciences. Philadelphia: Chemical Heritage Foundation. p. 59. ISBN 978-0-941901-27-7. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hill, Margaret; Dronsfield, Alan (xaneiro 2011). "Ida Freund, the first woman chemistry lecturer" (PDF). RSC Historical Group Newsletter: 14–20. Consultado o 23 de febrero de 2018. 
  5. Creese, Mary R. S. (1991). "British Women of the Nineteenth and Early Twentieth Centuries Who Contributed to Research in the Chemical Sciences". The British Journal for the History of Science 24 (3): 275–305. ISSN 0007-0874. 
  6. Rayner-Canham, M (2008). Chemistry Was Their Life: Pioneering British Women Chemists, 1880–1949. London: Imperial College Press. p. 227. ISBN 978-1-86094-986-9. doi:10.1142/p538. 
  7. "Freund, Ida (1863–1914), chemist". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). doi:10.1093/ref:odnb/48490. Consultado o 3 de outubro de 2023. (require subscrición (?)). 
  8. "Periodic Table of Cupcakes – Periodic Table of Videos". Periodic Videos. 
  9. "Periodic Table of Cupcakes". WomansDay.com. 23 de setembro de 2021. 
  10. "A Periodic Table of Cupcakes". Chembark. Consultado o 7 de xaneiro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]