Ibn Arabi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ibn Arabi
AlcumeIbn 'Arabi, Sheikh Akbar
Nacemento28 de xullo de 1165 e 1165
Lugar de nacementoMurcia
Falecemento16 de novembro de 1240 e 1240
Lugar de falecementoDamasco
NacionalidadeAl-Andalus e Imperio almohade
RelixiónIslam, Sunnismo e Sufismo
Ocupaciónfilósofo, poeta e escritor
Coñecido porThe Ringstones of Wisdom, The Meccan Revelations e The Interpreter of Desires
Na rede
Musicbrainz: b5f23b14-2509-416d-bdc8-614db4b7918f Discogs: 1515776 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Abū ʿAbd Allāh Muḥammad ibn ʿAlī ibn Muḥammad ibnʿArabī al-Ḥātimī aṭ-Ṭāʾī (en árabe: أبو عبد الله محمد بن علي بن محمد بن عربي الحاتمي الطائي‎‎), nado en Murcia o 28 de xullo de 1165 e finado en Damasco o 16 de novembro de 1240,[1] máis coñecido como Ibn Arabi, Abenarabi e Ben Arabi, foi un místico sufí, filósofo, poeta, viaxeiro e sabio andalusí. As súas importantes achegas en moitos dos campos das diferentes ciencias relixiosas islámicas valéronlle o sobrenombre de vivificador da relixión (en árabe: محيي الدين, Muhyi al-Din) e o máis grande dos mestres (en árabe: الشيخ الأكبر, as-Sheij al-Akbar).[2]

Das máis de oitocentas obras que se lle atribuíron, consérvanse cen manuscritos orixinais. As súas ensinanzas cosmolóxicas convertéronse na visión dominante en moitas partes do mundo islámico.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Por parte do seu pai, Ibn Arabi era de ascendencia pobo árabe de Tayy,[4] e por parte da súa nai era de orixe bérber norteafricana.[5] Al-Arabi escribiu dun tío materno falecido, Yahya ibn Yughan al-Sanhaji, príncipe de Tlemcen, que abandonou as súas riquezas por unha vida ascética tras coñecer un místico sufí.[6] O seu pai, ‘Ali ibn Muḥammad, formou parte do exército de Muhammad ibn Sa'id ibn Mardanish, gobernante de Murcia.[7] Cando Ibn Mardanīš faleceu en 1172, o seu pai cambiou a súa lealdade ao sultán almohade Abū Ya’qūb Yūsuf I, e volveu servir no goberno. A familia entón trasladouse a Sevilla.[8] Ibn Arabi creceu na corte e recibiu adestramento militar.[7]

Os estudos literarios xuvenís de Ibn Arabi transcorreron entre Lora del Río e Carmona. Tivo dúas grandes mestras, dúas místicas sufís, Fátima de Córdoba e Shams de Marchena, polas que mostrou un gran recoñecemento.[9] De mozo converteuse en secretario do gobernador de Sevilla. Casou con Maryam pertencente a unha influente famlia.[7]

A ansia de saber conduciu a Ibn Arabi a unha vida viaxeira, percorrendo primeiro o seu Al-Andalus natal e logo o Magreb, visitando os diferentes grupos sufís. Máis tarde visitou O Cairo e Xerusalén. Despois de pasar dous anos de emocións espirituais na Meca, decidiu continuar a súa viaxe por Bagdad, Mosul, Konya (antiga capital do sultanato de Rum) e Damasco, onde finalmente se estableceu durante dezasete anos ata a súa morte.[8] A súa tumba, en que despois foron soterrados dous dos seus fillos é un lugar de peregrinación para o islam. Sobre a súa tumba, o Imperio Otomán edificou unha madrasa en que se garda o seu sepulcro.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Tumba de Ibn 'Arabi en Damasco.

Aínda que os estudos orientalistas españois o relacionaron coa escola de Ibn al-Arif e o consideraron inicialmente máis un filósofo que un sufí, os mestres sufís de moitas ordes dende hai séculos considerárono como un gran mestre coñecedor por "experiencia (espiritual) directa", ao que mesmo se lle deu o cualificativo de Sheij al Akbar, "o máis grande dos mestres". Na literatura académica occidental contemporánea, nesa liña, os estudos da súa obra realizados como Michel Chodkiewicz, William Chittick, Denis Gril e Pablo Beneito, mostran claramente que o seu contacto coas escolas aristotélicas de Alfarabi e Averroes ou a filosofía neoplatónica da escola de Ibn Hazm foi moi superficial.

A súa obra é, ante todo, de carácter gnóstico-relixiosa; as súas críticas ao entendemento simplemente externo e árido da relixión e mesmo á propia filosofía son abondosas na súa obra. Porén, é evidente que non é un simple místico: o contido metafísico da súa obra abrangue dende a interpretación gnóstico-sapiencial da sharia (lei islámica) (sempre cunha certa visión zahirí como a de Ibn Hazm, mais á que supera amplamente) ata unha cosmoloxía baseada na revelación divina e da súa unicidade, que foi bautizada polos seus sucesores como a "Unicidade da Existencia" ou Wahdat al-wuyud.

A doutrina de Ibn Arabi abunda no carácter absoluto de Alá como unidade suprema. Esta nega calquera tipo de analoxía entre Deus e o creado (polo tanto escapando do panteísmo que se lle adscribiu), mais tamén desenvolvendo unha relación complexo do creado co creador, do que é unha expresión dos seus diferentes Nomes e Atributos (Allahu al-asma al-husna), que iniciou Sahl al-Tustari. Esta radical separación de Alá e a súa creación impide o seu coñecemento racional como Esencia, mais non impide o seu coñecemento a través do develamento, é dicir, da certificación ou Realización da Realidade (Haqq) das cousas, que non é outro que Alá. Con Ibn Arabi o sufismo logra o desenvolvemento máis refinado da expresión da súa elaboración teórica.

Ao igual que os neoplatónicos, Ibn Arabi aplica unha escala xerárquica de xéneros e especies entre a non existencia ao ser creador, que se relaciona á súa vez coa súa idea do amor tamén composto dunha serie de graos que van dende a simpatía ou inclinación ata o puro amor.

Obra[editar | editar a fonte]

Listaxe medieval das obras de Ibn Arabi.

As súas obras cóntanse en máis de duascentas. Osman Yahya catalogounas, editou algunhas delas e desmentiu algunhas atribucións de obras como a epístola da Unidade ou o Núcleo do núcleo.

A súa obra máis importante é al-Futuhat al-Makkiyya, traducido como As Iluminacións da Meca ou As Revelacións da Meca, que é unha recompilación de metafísica islámica, aínda que abrangue a maioría das ciencias tradicionais islámicas nas súas máis de 3000 páxinas.

Outra obra de importancia é o Fusus al-Hikam (Os Encaixes da Sabiduría), síntese do seu pensamento metafísico, da unidade das crenzas e de profetoloxía no islam.

Outras obras destacadas:

  • Libro do Tesouro dos amantes, Kitāb Dajā'ir al-a'lāq.
  • Libro da Política Divina, Kitāb al-tadbīrāl al-Ilāhiyya.
  • Libro do descenso dos astros, Kitāb mawāqi' al-nuyūm.
  • Libro da Viaxe mística, Kitāb tuhfat al-safara.
  • Epístola do precepto obrigatorio, Risālat al-Amr al-muhkam.
  • Epístola das luces, Risālat al-anwār.
  • O gran Diwan Al-Diwan al-akbar.
  • O intérprete dos desexos, Taryuman al-ashwaq.
  • A contemplación dos Misterios.
  • A árbore do Universo (atribución discutida).
  • A marabillosa vida de Du-l-Nun o Exipcio.
  • O segredo dos nomes de Deus.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ibn al-`Arabi al-Ta`i", Biblioteca de al-Andalus, vol. 2, páx. 158, Fundación Ibn Tufayl de Estudios Árabes, Almería, 2009, ISBN 978-84-934026-6-2
  2. Galovic, Jelena (2002). Los grupos místico-espirituales de la actualidad (en castelán). Plaza y Valdés. p. 134. ISBN 970-722-104-6. 
  3. Ibrahim Kalin, Salim Ayduz The Oxford Encyclopedia of Philosophy, Science, and Technology in Islam, Band 1 Oxford University Press 2014 ISBN 9780199812578 páx. 162
  4. "Ibn al-ʿArabī | Muslim mystic". Encyclopedia Britannica (en inglés). 
  5. Hirtenstein, Stephen (1999). The Unlimited Mercifier: The Spiritual Life and Thought of Ibn 'Arabi. Oxford: Anqa Publishing. p. 32. ISBN 978-1883991296. Like many Andalusians, he came of mixed parentage: his father's name indicates an Arab family, which had probably emigrated to Andalusia in the early years of the Arab conquest, while his mother seems to have come from a Berber family... 
  6. Hirtenstein, Stephen C. (September 1999). The Unlimited Mercifier: The Spiritual Life and Thought of Ibn 'Arabi. p. 252. ISBN 978-1905937387. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Chittick 2007, páx. 4.
  8. 8,0 8,1 "Las revelaciones de la Meca". World Digital Library. 1900-1999. Consultado o 14 de xullo de 2013. 
  9. "Ibn Arabí: Los Sufies de Al-Andalus - Webislam". www.webislam.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2018. Consultado o 31 de xaneiro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]