Ibn Zaydun

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ibn Zaydun
Nacementoc. 1003
Lugar de nacementoCórdoba
Falecemento1071
Lugar de falecementoSevilla
NacionalidadeAl-Andalus
Ocupaciónescritor, poeta e político
Na rede
Musicbrainz: 35b57726-6a92-462e-84be-77f2005d9db8 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Aḥmad ibn ˁAbd Allāh ibn Aḥmad ibn Gālib ibn Zaydūn (en árabe, أحمد بن عبد الله بن زيدون), máis coñecido como Ibn Zaydún ou Abenzaidún (segundo as fontes cristiás), nado en Córdoba en 1003 e finado en Sevilla en 1071[1], foi un poeta árabe andalusí considerado como o maior poeta neoclásico de Al-Ándalus.[2][3] Renovou a lírica amorosa en árabe ao infundirlle un ton de experiencia máis propio e sensual.

Este feito supúxolle ser considerado o mellor dos poetas amorosos da Hispania musulmá e modelo para a poesía árabe occidental posterior. Chegou a ser considerado «o mellor poeta neoclásico de Al-Ándalus» e recibiu o título de «o Tibulo árabe». Os seus intensos amores coa princesa e poeta Wallada inspiraron a numerosos escritores e dramaturgos do mundo musulmán.

Traxectoria e obra[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo foi o predilecto do emir de Córdoba, Abulhazam ben Chauar. Mantivo apaixonados e tormentosos amores coa princesa e poeta Wallada. Acusado dun delito común, foi encarcerado, mais logrou evadir a prisión. Desde o desterro pregou o perdón de Chauar e de Wallada por medio de encantadoras epístolas e poemas. Tras obtelo, viviu en varias cidades de Al-Ándalus, principalmente en Ishbiliya (Sevilla), onde foi ministro de Al-Mutádid e Al-Mutámid, monarcas cultos e excelentes poetas.

Apenas se coñecen datos da súa vida até coñecer a princesa e poeta Wallada. Dese encontro transcendental arrinca a revitalización da poesía amorosa árabe, que adquire un ton persoal inusitado. Até entón o tratamento do amor na poesía árabe viña determinado pola reelaboración de tópicos baseados na reflexión sobre o aspecto espiritual da relación amorosa e evitar tratar o amor carnal, coñecido como «amor udrí». Tras a súa obra, reuníronse de xeito natural os conceptos do amor neoplatónico coa descrición de experiencias físicas.

Outra das súas innovacións é a do amor concibido como relixión. Trátase dunha nova profesión de fe que presenta os seguintes trazos:

  • Submisión do amante á vontade da amada
  • Perenne fidelidade e constancia
  • Paciencia para esperar a consumación dos amores
  • Concepto de amor como prisión
  • Mantemento do segredo da identidade desta
  • Idealización da persoa amada
  • Comparación da natureza coas emocións do poeta

Estes e outros trazos gardan similitude coa idea de amor cortés da poesía que nesa época se estaba a xestar en Occitania e na lírica galaico-portuguesa.

Os amores con Wallada tiveron un final tempestuoso, despois de que Abulhazam ben Chauar se fixese co poder en Córdoba. Tras a ruptura, a correspondencia entre os amantes convértese nunha sucesión de sátiras feroces. Nelas aparece o novo amante de Wallada, Abu Amir ibn Abdus, tamén destinatario das duras imprecacións de Ibn Zaydun. As consecuencias das duras palabras dirixidas a ibn Abdus (postas en boca da princesa para realzar a ridiculización), levárono ao cárcere. Dende alí escribiu belas epístolas aos seus amigos para intercederen por el ante Ben Chauar. As súas súplicas tiveron efecto e acabou por ser liberado. Porén, foi afastado da corte con misións de embaixador ante outros reis de taifas.

Percorreu as cortes de Sevilla, Badaxoz e Valencia, entre outras. En 1049 instalouse na corte de Al-Mutádid como secretario, cargo que exerceu até a súa morte en 1071, xa con Al-Mu'támid como rei. Neste período escribiu poesía áulica ao servizo dos abaditas sevillanos. Renovou o panexírico, sobre todo nas composicións destinadas ao novo príncipe e poeta, Al-Mu'tamid, por quen sentía gran afecto, amais de respectar a súa calidade lírica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sánchez-Ratia, Jaime (1959). "Ibn Zaydun, Abu l-Walid". En Lirola Delgado, Jorge (dir.). Biblioteca de al-Andalus (en castelán). VI: De Ibn al-Ŷabbāb a Nubḏat al-ʽaṣr. Almería: Fundación Ibn Tufayl de Estudios Árabes. p. 287. ISBN 9788493402600. 
  2. Reina 2007, p. 217.
  3. Mahmud Sobh, op. cit., 2005, p. 9.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Garulo, Teresa (1998). La literatura árabe de Al-Andalus durante el siglo XI (en castelán). Madrid: Hiperión. ISBN 9788475175010. 
  • González Palencia, Ángel (1928). Historia de la literatura arábigo-española (en castelán). Barcelona: Labor. 
  • Reina, Francisco (2007). Poesía andalusí (en castelán). Madrid: EDAF. p. 217. ISBN 9788441418325. 
  • Zaydun, Ibn (2005). "Introducción". En Sobh, Mahmud. Ibn Zaydun, Casidas selectas (edición bilingüe). Letras Universales, 377 (en castelán). Madrid: Cátedra. pp. 7–95. ISBN 9788437622378.