Gotardo de Hildesheim

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Gotardo de Hildesheim
Biografía
Nacemento960 en Reichersdorf, Baixa Baviera
Pasamento5 de maio de 1038 en Hildesheim, Baixa Saxonia
Proceso de canonización
Canonización1131, en Reims, Francia, por Inocencio II
Veneración
Venerado/a enIgrexa Católica
Festividade4 de maio

San Gotardo ou san Gotardo de Hildesheim, nado en Reichersdorf, Baixa Baviera, no ano 960, e finado Hildesheim, Baixa Saxonia, o 5 de maio de 1038,(Xul.) foi bispo de Hildesheim, e é un dos santos máis representativos da Idade Media.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de Ratmund, vasalo dos monxes da abadía de Niederaltaich. Gotardo educouse neste lugar, e estudou humanidades e teoloxía baixo a guía do mestre Uodalgisus. Despois foi servente na corte do arcebispo de Salzburgo (Austria), onde traballou como administrador. Despois de viaxar por varios países (incluída Italia) como monxe vagamundo Gotardo completou os seus estudos como servente de Liutfrid, na escola da catedral de Passau.[1]

Cando o emperador do Sacro Imperio Henrique II de Baviera decidiu transformar a casa capitular de Niederaltaich nun mosteiro beneditino, Gotardo permaneceu alí como novizo, e en 990 converteuse en monxe, baixo o abade Ercanbert. En 993 foi ordenado sacerdote, e chegou a ser prior e reitor da escola de novizos. En 996 foi elixido abade, e introduciu no seu mosteiro as reformas de Cluny.[1]

Axudó a revivir a regra de san Bieito, que logo, cos abades das abadías de Tegernsee, Hersfeld e Kremsmünster restaurou a observancia beneditina, baixo o padroado do emperador Henrique II.

O 22 de decembro de 1022, Aribo (arcebispo de Maguncia) nomeouno bispo de Hildesheim. Conseguiu fondos para construír unhas trinta capelas na zona. Despois dunha breve enfermidade, morreu na súa sede bispal o 5 de maio de 1038 (Calendario xuliano, 4 de maio, Calendario gregoriano).[1]

Veneración[editar | editar a fonte]

Os sucesores de Gotardo no bispado de Hildesheim, Bertoldo (bispo entre 1119 e 1130) e Bernardo II (bispo entre 1130 e 1153), impulsaron a súa rápida canonización. Esta logrouse en 1131, durante o primeiro ano do bispado de Bernardo II, e tivo lugar nun sínodo de bispos en Reims. Alí, o papa Inocencio II, en presenza de Bernardo II e de Norberto de Xanten, oficialmente nomeouno santo.[1]

O [[4 de maio[[ de 1132, o bispo Bernardo II trasladou o cadáver de Gotardo (que os seus devotos consideraban reliquias) desde a igrexa abacial até a catedral de Hildesheim. O 5 de maio realizouse a primeira festividade litúrxica en honor de Gotardo. Os seus atributos foron o dragón (representación do demo) e a maqueta dunha capela.[2]

Inmediatamente empezáronse a atribuírlle toda clase de milagres ao seu cadáver. A súa veneración difundiuse por Escandinavia, Suíza e a Europa Oriental.

Considerouse o patrón dos comerciantes ambulantes e se invocaba para curar a febre, a hidropisia, a gota, para curar nenos con toda clase de enfermidades infantís e para aliviar as dores do parto. Tamén se invocaba contra o graínzo,[1] e os perigos na mar,[3] e, polo tanto, dedicáronselle moitas igrexas e capelas nos Alpes. O seu hospicio para viaxeiros preto de Hildesheim (o "Mauritius Stift"), fíxose famoso.[1]

Segundo unha antiga tradición ticinesa, a pequena igrexa do paso de San Gotardo nos Alpes suízos foi fundada por Galdino, arcebispo de Milán (1166-1176). Porén, Goffredo da Bussero atribúe a fundación da igrexa a Enrico di Settala, bispo de Milán de 1213 a 1230. O hospicio foi confiado ao coidado da Orde dos Capuchinos en 1685 por Federico II Visconti, e pasou despois ao control dunha confraría de Ticino.[1]

Gotardo de Hildesheim
Nacemento: 960 Falecemento: 5 de maio de 1038


Dignidades da Igrexa católica
Títulos Reais
Precedido por
Bernardo


Bispo de Hildesheim
1022–1038
Sucedido  por
Thiethmar

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Friedrich Wilhelm Bautz (1990): "Godehard von Hildesheim". En: Biographisch-Bibliographisches Kirchenlexikon (BBKL). Vol 2. Nordhausen: Verlag Traugott Bautz. ISBN 3-8830-9032-8, pp. 259–259.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]